sábado, 20 de agosto de 2022

MACARRA

 
Son unha macarra conducindo. Teño que recoñecelo. Non de xeito automático. Cando subo ao coche, para ir, para vir, o fago como cando acendo o ordenador. Voume poñer ao mando dunha ferramenta que me axuda a facer algo que quero. Os ordenadores matan? Casos haberá. Os coches matan. Si. Aos de dentro e aos de fóra. Vale, si. Non os coches. As cousas que facemos con eles, matan. Ás veces. Presumen moito os dos avións que só cae un de cada 127.897 vos. Pero anda que non hai coches circulando polo mundo todos os días. Motos. Furgonetas. Camións. E agora tamén patíns eléctricos e outros trebellos similares. Silenciosos. Que non avisan.

Non automaticamente. Pero en canto me poño en situación.... este que pasa de poñer o intermitente, aquela que acelera cando a vou adiantar, despois de ir 20 por debaixo do que podería nos últimos 5 quilómetros, o que se queda no bordo da beirarrúa diante dun paso de peóns sen decidirse a montar a tenda de campaña ou cruzar.... e xa me transformo. Insulto sen que ninguén poida escoitarme, o son non viaxa á velocidade da luz da carraxe, acelero e adianto por onde me cadra, fago carreiras, dou as luces, toco o bucina, bérrolle a alguén.

De onde me ven? Seguro que as ciencias da humanidade poden dar resposta detallada a esta cuestión. Eu coido que é algo semellante ao que pasa con internet.

O anonimato entre aspas. A do aleatorio de que non te vas volver a cruzar na túa p. vida con esa ou ese ao que lle fixeches unha circulando. Caghona! Pero tamén a sensación de poder. O teño visto tamén nalgúns motoristas e motoristos, que levan os cabalos practicamente entre as pernas. Máis preto do cerebro real. Poder.

Manexas un conxunto de mecanismos e estruturas que che permiten unha mobilidade contra natura. 120 quilómetros á hora. Que corpo humano resistiría algo así por si mesmo. Pero vas acollida. Nunha casca que che da certa sensación de seguridade tamén. Certa cada vez máis, todo hai que dicilo. 1.200 quilos ou máis.

Ao teu mando. Que obedecen as túas instrucións dentro dos parámetros da física newtoniana. Poder. Podería pasarlle por enriba a esa vella. Mandar a tomar polo aire ao p. ciclista. Enfrontarme nun do con lanzas a ese que ven cara a min polo outro carril. Mirándome mal. Seino.

Poder. Que ás veces transforma á xente. Eu xa sei que nunca debería telo. Para nada. Comeríame viva. Non renuncio a aprender a manexalo. A ser consciente do que significa e ofrecer unha resposta de comportamento distinta. Pero eludo ter que asumir calquera circunstancia na que me poida sentir empuxada a manifestar a miña natureza despótica natural. A que ten todo o mundo? Todas e cada unha das persoas? Non o creo. Sería aterrador pensar que sempre que poñamos alguén ao mando de algo, acabe sendo quen mande, sen contar con ninguén, máis que consigo mesma. Non sei se me explico ben. Ou quizais non. Non sexa aterrador. Sexa funcional. Non teño tempo, interese nin gañas en ter que participar na toma de decisións. Delego en alguén para que o faga. Xa me queixarei despois. E non hai ditadora que non acabe deixando de selo. Antes ou despois. Sería aterrador. Penso máis ben que esa ciencia, Esa Ciencia! podería axudarnos facendo algún tipo de proba que puidera diferenciar a quen ten ese xen de aquí mando eu de quen ten o de imos decidir xuntas. E aos primeiros limitarlles o acceso a determinadas cousas, carné de ghiar incluído, a non ser que superasen un curso previo de educación emocional de 500 horas, cunha parte práctica en ambientes controlados. E o mesmo podería ser para quen se presentara en calquera eido a un cargo de representación. 

Habería que modificar leis, por exemplo a da propiedade vertical ou a electoral. E de paso, iniciar campañas masivas de vacinación contra do mal de altura do poder. Esa Ciencia! Que ten que vir acompañada de certo sentimento. Non sei se fe, en si mesma e no conxunto da súa práctica, tamén na humanidade á que sirve e da que emana. As plantas non se estudan a si mesmas, de xeito sistemático, por poñer un exemplo. E que é a que nos pode dicir como é mellor facer algo ou como non é recomendable facelo. Co que sabe en cada momento. A ciencia política e as súas derivacións tamén. O da lei e iso... Os lexisladores definen unhas condicións para desenvolverse no roce social. Estudadas, que si. Aínda que pode parecer as veces que o fan ao chou. Por iso a miña compañeira, que non é nada macarra nunca conducindo, agradece saber por que lado ten que ir, con que cor ten que parar ou con cal avanzar nun semáforo, para que son as raias esas cruzadas amarelas que hai pintadas nalgúns sitios, e cousas así. Agradece moito o da sinal octogonal. Inconfundible. Así non ten que estar decidindo que facer cada vez que se move motorizada.

A miña compañeira, aproveitase da clara definición desas normas, con múltiples indicacións visuais por todas partes, para non ter que apelar ao sentido común para conducir. Sería raro, verdade, que alguén dixera algo así: é de sentido común parar nun cruce onde non tes visibilidade apenas para ver con calma se ven alguén dun lado ou doutro antes de incorporarte a esa vía. Penso que para iso están os conxuntos de normas establecidas para un entorno físico ou temporal definido.

Claro, para algunhas cousas é relativamente doado facelo, para outras moi complicado. En algúns eidos poden ser adaptables, contando con quen sexan as persoas afectadas e coa esixencia de cumprir os principios básicos cos que foron creadas. En eidos moi pequenos...

O que non é aceptable e deixalo todo a como vaia saíndo da ocorrencia de cada quen. E se cadra tampouco debera selo que sexa da ocorrencia de moitos, maiorías ou minorías. Porque na masa o síndrome de Estocolmo do poder secuestra os pareceres individuais polo efecto ese de eu non digo nada por non molestar e xa o dirá outro, non é por quedar ben, nin mal. Non o é, efectivamente, son procesos psico-sociolóxicos. Entón, quizais habería que darlle potestade sempre a un comité de escoitadoras e escoitadores. Independente. Independente de verdade. Con persoas liberadas ou que liberemos de poder ser manipuladas por calquera poder mortal ou inmortal. En cada eido. Xente que por práctica vital ou por condición persoal teñan por costume non deixar de escoitar nada e tentar entender todas as alternativas que se poidan formular en relación a un asunto concreto. E que despois conten pública e notoriamente a que conclusións chegaron.

E non, non digo eu de volver a antigos sistemas de decisión. Non digo tampouco o de pasar de partidos, organizacións sindicais e outras da sociedade civil. Todas imprescindibles. Para un modelo de participación fundamentais. Digo de avanzar en procesos de decisión que impliquen máis a todo o mundo en cada un dos seus campos de interese e coñecemento. Case diría que obriguen a empolicarse. Para que o persoal non deixe todo en mans de quen non sabemos se vai acabar sendo un dos afectados polo ofuscación do poder ou non. Até que empecemos a sabelo claro.

No meu caso, descártome voluntariamente até que non pase a formación. Collerei o bus e non me presentarei a máis eleccións. Decidido.

sábado, 18 de xuño de 2022

CERIMONIAS

Paréceme lembrar o primeiro día que un dos meus últimos fillos entrou pola porta da gardería. E asistín hai uns días á pataqueirada da cerimonia da gradación do que quedaba por rematar, o bacharelato. Pasou ben o tempo. Nese eido educativo, con cousas positivas e algunha negativa, como adoita pasar na vida.

Digo que foi unha pataqueirada por non dicir americanada. Reproducindo formas alleas de celebración, alleas, doutras culturas, para un ritual de transición colectiva, como o que se pode facer nunha tribo no Amazonas a outras idades e por outras causas. Pero preferimos imitar a parvada dos ianquis, que adoita ser ademais dunha celebración de aparencias e status, aquí tamén empeza a ser así, unha escusa para repetir comportamentos de violencia, abuso, consumo de substancias e eliminación dos límites impostos por unha sociedade rancia e des-estruturada.

Ese mimetismo parvo, que se está a reproducir xa dende moi cedo, transmite á rapazada, non só no ámbito educativo, patróns de comportamento, definición de valores e regras morais, que despois acaban traducíndose en comportamentos sociais de irresponsabilidade, falta de solidariedade e individualismo.

E escollemos, colectivamente, afastármonos da nosa propia cultura, que ten marabillosos exemplos de celebración para este tipo de rituais de transición. A ausencia da lingua galega na cerimonia foi evidente. Por parte da rapazada, que probablemente a coñece, pero non a manexa, aínda que non a teña na consideración negativa que a poboación adulta a tivo en tempos e que hoxe manifesta co seu uso restrinxido ao ámbito coloquial, folclórico e gastronómico. Aceptamos pasivamente que se lle retirará o status de lingua vehicular no ensino para materias troncais cuxo uso traduciríase socialmente nunha posta en valor substancial. Pola parte institucional xa é de pecado mortal.

Somos as novas paifocas fatas, e os novos paifocos fatos, que decidimos voluntariamente distanciarnos da cultura que nos podería axudar a construír a identidade que supón un valor engadido persoal e unha forza social contra das invasións doutras culturas. Tamén diante doutro tipo de invasións.

A cuestión do uso da lingua non é un problema menor. Non menor que a subida de prezos da enerxía. Nin que o control dunha pandemia. Nun sistema de comunicación diglósico como o que vivimos na Galiza, onde hai unha lingua claramente valorada, promovida e utilizada por enriba da outra, o compromiso coa lingua propia, e polo tanto coa cultura propia, só se manifesta con claridade coa intervención política e a acción colectiva, persoal en primeiro lugar, grupal en consecuencia, para discriminar positivamente a lingua minorada. Pero é evidente que se non hai esa intervención e acción ten que ser porque non nos importa.

Estamos na paradoxo de que hai unha efervescencia xeral da cultura en eidos diversos, pero restrinxida a colectivos moi específicos, mentres o número de falantes cotiáns e normalizados do galego diminúe a pasos axigantados, especialmente canto menor é a idade do colectivo. Alguén dirá que algo estaremos facendo mal, pero coido que a realidade é que hai quen o está facendo moi ben para que iso aconteza así. Non existen as casualidades e o modelo liberal busca a uniformidade en todos os eidos, que abarata custos, á par que a preponderancia dos dereitos individuais por enriba dos intereses colectivos.

Pero isto de imitar non é algo que se mire só para estes eventos. A invasión acontecen en todos os eidos, e ataca a personalidades e sociedades sen cohesión identitaria. Teño que repetir que me gusta mirar deportes. Colectivos principalmente, pero tamén individuais. O tenis non. O ciclismo profesional tampouco. Se a meirande parte dos deportes profesionais son canteira de abusos de poder, estraperlos económicos, fraudes colectivos e consumo de substancias, eses dous coido que son o culmen. A presión do mercado pode sobre a conciencia individual e os lindes morais desaparecen. Agora hai un feixe de xente que manifesta a súa admiración por personaxes deses deportes profesionais. Son iconas do bo e do éxito. Persoalmente parécenme repunantes. E mo parecerían incluso sen ter coñecemento deses estraperlos que desenvolven para conseguir os seus obxectivos empresariais.

Pois nos niveis non profesionais, a presión do mercado cámbiase pola dos pais e nais, energúmenas e energúmenos con aspiracións de desquite contra a vida que non lles deu o que consideraban merecían e que manifestan a súa ira vital a través dos seus descendentes, celebrando con violencia comunicativa os seus éxitos nos terreos de xogo e practicando a violencia verbal e física, o abuso e o enfrontamento visceral cando as cousas non veñen ben dadas. Non sinto ningunha vergoña allea por esa xente, pero si me magoa moito ver nenas e nenos de 8, 10, 12 anos repetindo xestos e expresión de violencia e agresividade contra dos contrarios, as árbitras e os árbitros, mesmo o público, e imitando outros como bicar un escudo, sinalar un número, pedir silencio.... como os seus repunantes ídolos de ouro.

A historia cultural e a lexislación do noso País e o Estado no que se integra non permite o uso de armas de fogo como pasa por exemplo na sociedade norteamericana. Andan agora debatendo intensamente seica, sobre como atallar ese uso xeneralizado cuxas consecuencias se manifestan puntualmente en centros de ensino con asasinatos masivos. Unha cousa que non imitamos porque non hai medios dispoñibles. O escenario da cerimonia citada podería ser un pavillón de deportes dunha escola de grao nos USA e acabar dun xeito similar. Dis que non? Hai pouco un rapaz matou aos membros presentes da súa familia cunha escopeta de caza que estaba ao seu alcance porque lle retiraron o acceso á wifi polos malos resultados académicos. Non foi en Missouri. Nas noticias atopamos violacións de rapazas, mesmo diría nenas, por grupos de rapaces, consumidores precoces de pornografía, a gran educadora sexual. A socioloxía e os colectivos de educadores avisan de que o acoso na aulas, en todos os niveis, medra. Nas universidades, nas empresas, nas administracións públicas hai tamén explotación laboral, vinculada ou non ao xénero. Os bancos e as empresas de subministros básicos seguen a facer o que lles da a gana co único obxectivo de conseguir dividendos para os seus accionistas. 

Diremos entón que o sistema non está proporcionando educación en valores, educación sexual, educación laboral, educación para o consumo, educación política. A min paréceme evidente que é así. O que estamos transmitindo e no que estamos educando é no de conseguir máis para unha mesma, conseguir o que se desexe xa, sen importar os medios nin por enriba de que ou quen pasar, conseguir o control sobre as demais, que todo funcione para satisfacer as miñas necesidades, reais ou impostas, e os meus intereses persoais. Os demais non importan, salvo un pequeno círculo que pode ser reducido se é preciso para a consecución dos meus fins particulares.

Pero non digo que sexa exclusiva responsabilidade da educación formal. Das nais e pais en exclusiva tampouco. Claro que temos parte dela. Os profesionais e os afeccionados. Nos seus respectivos eidos de influenza e na coordinación de accións. Que uns argumenten que a rapazada ten que vir educada da casa e que outros sinalen o mal que están facendo no seu desenvolvemento profesional, e que uns e outros, sobre todo estes outros... o fagamos non só en ámbitos de comunicación restrinxidos senón aos catro ventos en canta rede social exista e estea dispoñible para enmerdar, debera ser un síntoma recoñecible de onde está o problema e que solucións estruturais habería que adoptar para tentar pórlle remedio.

As voces máis recoñecidas na historia da Educación, da Ciencia da Educación, recoñecen que esta actividade humana podería ser revolucionaria en distintos eidos, se lle deramos a suficiente importancia e recoñeceramos o seu papel fundamental, de base, imprescindible, inescusable, para a sociedade. Se a liberaramos de concepcións baratas e simplistas da realidade. Se tivera a potencia protexida necesaria para ir máis aló do que os mercados queren. Se non a deixaramos avasalar por concepcións do mundo que só queren deixar todo como está e non está disposta a entender que a humanidade só pode avanzar na confrontación creativa, non na violenta.

E hoxe en día, partindo da premisa seguinte: Todas somos educadoras. Todo educa. Educamos en todo momento.

O que antes estaba circunscrito á familia xa hai tempo que foi desbordado. O coñecemento non está pechado en libros nin en edificios dende hai xa bastante tempo. Agora é público, e cada vez o será máis. O obxectivo da educación como acción permanente social, que ten unha intensidade especial nas fases de crecemento e desenvolvemento dos individuos, pero que se mantén durante toda a vida, pola capacidade de aprender que caracteriza á condición humana en toda a súa duración, ten que basearse nun acordo colectivo para ese traballo permanente que só pode ser dirixido, apoiado ou aconsellado polo coñecemento científico.  A responsabilidade sobre as consecuencias do que facemos neste eido xa non son dunha parte illada, senón de toda a sociedade no seu conxunto.

Por poñer un exemplo. Se hai rapaces que seguen crendo que non existe a violencia machista, e hai estudos concretos que así o indican, e que polo tanto poden reproducir ese tipo de comportamentos cos seus iguais, non será porque non se insista nas escolas no recoñecemento desa violencia específica, con amplas campañas. Pero se despois observan en profesionais da educación que practican ou aceptan comportamentos de discriminación por xénero, en maior ou menor medida, cos seus iguais ou con quen teñen baixo o seu control, as campañas deixan de ter valor. Tampouco porque o vexan nos comportamentos que observan nas súas casas, por regra xeral, mesmo se identifican grazas a esas campañas actitudes e comportamentos de discriminación por xénero, na ausencia de corresponsabilidade doméstica, que empuxan a reproducir esas practicas ou ir a máis, os valores comunicados, na casa e na escola, dilúense. Se nas redes sociais, os medios de comunicación xerais, as películas e os videoxogos, continuamente se reproducen comportamentos de discriminación de xénero, violencia de xénero, dominación, control, abuso... banalízanse e mesmo se fan brincadeiras con eles, os valores sociais proclamados acaban sendo completamente rexeitados. E xa non hai razóns para non reproducir eses comportamentos.

Todo o mundo debería de saber xa do papel que xogan os que miran nos casos de abuso. Fundamental para que se reproduzan. Pero o problema non é que haxa medios para compartir esas cousas e que todo o mundo teña acceso a velas. Como á pornografía. Sabemos, cientificamente, do efecto de grupo para a non intervención. Hai múltiples experimentos que o demostran e algúns moi doados de reproducir e sen ningún risco vital. Non fas nada, cando estás en grupo, sexa ou non un grupo formal, cando ves algo que está mal o eu incorrecto, sen lugar a dúbidas, porque ninguén máis o fai. Pero se alguén toma a iniciativa, ademais de remediar, de xeito total as veces, esa maldade, hai unha boa parte dos demais que tamén deciden intervir. Este tipo de respostas sociolóxicas, nos son descoñecidas? Que teñen o seu orixe tamén na propia individualidade, a nivel psicolóxico. Ou nos da igual? Se a resposta á pregunta e esta última, ¿perdemos a nosa condición básica de humanidade?

Si que da para pensar unha cerimonia. Da que por outra banda, sinalaría que é un orgullo ver ás rapazas e ós rapaces avanzar na vida. Houbo quen quedou no camiño ou tivo que escoller outros. Mea culpa sempre para o sistema, nós, nunca para eles e elas. Para quen chegou ao final desta etapa de formación, co título de bachiller na man, camiño de universidades ou centros especializados para seguir aprendendo, parabéns! Ben, era o que tiñades que facer, amoldándovos ao que se vos impoñía e aceptando as condicións establecidas para validar esa titulación. O voso traballo, en certo sentido. Pero sabemos, deberíamos de saber, todas, canta renuncia supuxo e o esforzo antinatural que tivestes que desenvolver durante estes anos para conseguilo. Moitas e moitos saíches ben modeladas e modelados para responder ao que as esixencias do mercado vos vai formular de agora en diante. Ese é o fin definido do proxecto educativo xeral no que estivestes inmersas. Manifestado con claridade polos responsables políticos e asumido, mesmo aplaudido coas orellas polo colectivo de nais e pais que os votaron masivamente. Me consta que algunhas de vós tamén aproveitaches, por medios secundarios, para aprender como é a vida e empezar a formarvos como persoas, máis que para buscar a felicidade, esa entelequia disnei que xa descubririades que non existe. Todas o descubriredes en algún momento das vosas vidas. Se cadra cando menos o agardedes ou cando peor vos veña. Non o digo por mal. A vida ten posibilidades inmensas de aproveitala ben se somos quen de entendela, atopar a noso camiño nela e rodeármonos de xente boa e xenerosa. E outras moitas cousas que nos fan dubidar de onde nos meteron...

Empezando pola ridiculez da ABAU. Antes selectividade. Era ben máis evidente. Selección. Unha criba que pode deixar fóra do acceso aos estudos universitarios a quen se lle crucen mal as cousas neses días. Despois de levar anos preparándose para chegar. Pero que ademais está baseada en criterios memorísticos e de especialización en determinadas materias, cunha baremación vinculada ás notas de corte para o acceso a distintos estudos, máis ou menos valorados socialmente e sobre todo, con máis ou menos proxección laboral. De novo a mesma merda. Non valoran nada relativo á motivación que leva a unha rapaza ou a un rapaz a escoller determinadas formacións. Cando a motivación persoal, de rasgos vocacionais, debera ser o criterio fundamental tanto para escoller como para facilitar o acceso a eses estudos. Cambiar a idea de que o esforzo é un valor fundamental polo de que temos que facer na vida aquilo co que gocemos persoalmente. O cal non se traduce en renunciar ao traballo para conseguir algo como medio, pero nunca como fin en si mesmo, inspirador de toda a metodoloxía de aprendizaxe.

Seguirán faltando médicos de familia probablemente. Pero non faltarán médicos que exerzan especialidades nas súas clínicas privadas. Mesmo se fan a mesma prestación na sanidade pública. Co risco que iso implica. Haberá enxeñeiros informáticos a miles, especialista en novas tecnoloxías, robótica, deseño industrial... e menos filólogas, que poidan explicarnos como se di algo e porque, e axudarnos a defender o uso da nosa lingua, dígocho eu!. E menos filósofas que nos axuden a entender o sentido da vida. Menos artistas plásticas que nos transmitan a través dos nosos sentidos como é que se explica a existencia. Menos astrofísicas que investiguen e nos expliquen porque xurde a vida no universo, que difícil é que xurda e cantas cousas poden acabar con ela.

Moito de algo e pouco de todo, non é un bo equilibrio. Cousa está que, aprenderedes, é fundamental para poder vivir con certa sensación de estar facendo o que nos corresponde. 

En calquera caso, pasádeo ben e aprendede moito.

luns, 28 de marzo de 2022

FOLGAS

Cando escoito ao persoal comentando dos problemas que lles produce esta ou outra folga ou manifa, sinto bastante tristura pola penosidade de xente que fomos xuntando polos barrios do País mundial. No sentido da perda de conciencia de clase, claridade a respecto de cal é a dialéctica actual do poder económico e falta de sensibilidade social, na liña daquilo que moitas din que dixo Bretch e non fora así, parece ser. O de viñeron a polos meus viciños e non dixen nada.

Sobre todo porque sei, polos apuntes que fan, que o problema é como afecta ás súas rutinas persoais, máis que por provocarlles unha perda económica irremediable, perder o amor de alguén fundamental na súa vida ou alterar o equilibrio ecolóxico natural do ecosistema.

Eu fai moito tempo que non fago folga. Nin vou a manifestacións. Deixei de apoiar causas tamén nos changes.org varios do universo dixital. Si que estiven metido nalgunha reivindicación colectiva anos atrás, nas que participei de forma activa por distintos medios. Pero non estaban pensadas para provocar ese tipo de dificultades sobre as rutinas, senón máis ben a xeito de piquetes informativos, de verdade. Informativos quere dicir iso, non o outro. Pensando, como fundamento de acción, que para conseguir boas cousas hai que usar bos medios. A idea esa do fin e como se chega a el, sobre a que seica teorizou tamén algún sabio vital recoñecido. E que practicou, máis sabio xa que logo.

Pero entendo o de queimar neumáticos máis que o de mandar máis policía ás manifas. Que si, que igual hai que regular o dereito á folga e deixala nun vale se non molesta a ninguén, nin para ir pasear ao can. Veña, deixémonos de parvadas. Non pode haber folga sen repercusión. Ten que notarse, dun xeito ou doutro, para que teña algún efecto. A alguén lle ten que afectar, ademais de a quen a desenvolve como dereito social e contra quen vai dirixida, sinaladamente ao capital que é reclamado para modificar as condicións de traballo avesas polas que os traballadores se botan á rúa. Xa sei que estes términos están demode. Pero non deixan de ser reais. Mesmo cando nin o conxunto da sociedade nin os propios proletarios (recuperando terminoloxía...) son conscientes de tal cousa.

Claro, os tempos mudaron moito. E as variables de funcionamento das estruturas de relación entre a forza de traballo e o capital tamén. Pero os conflitos laborais se poden definir con certa claridade, non si? Poñamos por caso un colectivo de traballadores aos que unha empresa, ou varias, lles encarga realizar a función de repartir mercadorías de todo tipo a diversidade de outras empresas. Pero, os traballadores non usan os medios técnicos da empresa, senón os seus propios, e agora son, teoricamente, donos dos medios de produción, seguindo coa recuperación terminolóxica. Pouco listo é o capital... Teoricamente converte aos traballadores en empresarios, e estes o asumen así. Pero non teñen liberdade para establecer as súas propias condicións nun marco de relación laboral des-regulado. Ou regulado pola lei da oferta máis baixa e a demanda máis ampla posible. E como teñen que aceptar as condicións que o capital impón para facer o seu traballo, cando os custos que teñen que asumir por ser empresarios medran, non teñen capacidade para facerllo repercutir a quen os contrata. Isto describe algunha situación coñecida?

Teño para min que esa relación laboral é dependente, mesmo cando foi elixida, por suposta vontade propia, ou forzada pola imposición dos aglutinadores de oferta. O que se correspondería cunha relación de traballo por conta allea.

Penso que sería xenial que en vez de ter que chegar a situacións límite que provocan e producen a unión de intereses diante dunha reclamación laboral, se houbera podido colectivizar a oferta de traballo equilibrando a potencia conxunta fronte ao do capital da distribución con amplos grupos de traballo asociado. Pero como a mentalidade é a de medrar individualmente, máis que a de sentirse fortes conxuntamente, identificados como clase traballadora cuns fins e intereses comúns, devén necesaria unha situación extrema para presentarse como unha soa voz.

E se isto fora só o caso do sector do transporte... 

Como comentei antes, paréceme que hai tantos colectivos que agora son considerados empresarios, sexa coa fórmula de autónomos ou como micropemes, e que en realidade seguen a ser traballadores por conta allea. En moitos casos obrigados pola táctica do capital de desfacerse da relación directa coa forza de traballo, reducir ao máximo os custos de produción e non asumir ningunha responsabilidade social, salvo a de crear riqueza... a gran mentira. E todas e todos xogamos a ese xogo. Por ir tirando, principalmente.

Se foramos quen de recoñecérmonos como o que somos, clase traballadora. As que o somos, dun xeito ou doutro. Deixar algo de lado o mirar polo meu e ver se iso axuda a que a¿s demais teñan algún beneficio, de casualidade. E volver a idea de que o beneficio colectivo dos que son coma min, exercen unha función laboral como a miña, están desenvolvendo unha actividade profesional cos mesmos obxectivos produtivos que os meus, será bo tamén para min en particular. Na práctica. Máis aló de sindicarse e apoiar as actividades de representación dos traballadores fronte ao poder. Participando en alternativas de cohesión da forza de traballo. Que superen a solución de que sexa o capital quen impoña as condicións para facer as cousas ou non se farían.

¿Porque teñen problemas os gandeiros para conseguir o prezo que o litro de leite ou o quilo de carne merecen? Merecen o que os gandeiros digan, non o que se lle cante ao que envasa e ao distribuidor. ¿Os mediadores teñen que existir, nun sistema complexo de distribución? Pero ¿poden ser os que decidan sobre esa cuestión? ¿Porque teñen problemas para conseguir prezo e mesmo subministro do que necesitan para as súas instalacións de produción? Pensos, enerxía, equipamentos, produtos fitosanitarios... Cada un intentando negociar o seu con uns e outros.

50.000 gandeiros chamando de un a un na porta de 5 empresas de recollida e outras tantas de suministros. Se cadra xuntarse 10.000 cun só golpe nunha desas portas soaría un pouco máis forte. Máis claro seguro. Para quen non ten o costume de escoitar sobre todo. Quizais sexa moito pedir. Moito suxerir tamén. Que seguro haberá quen pense que é mellor seguir cada un pola súa banda e que sexa a lei da selva do mercado a que ditamine sentenza. Seguro que por min non van vir.

O que dou por ben entendido a común polo conxunto da sociedade é que hai moito xeito diverso de levar cousas dun lado a outro, mesmo hai alternativas de consumo máis aliñadas ao local e a compra directa aos produtores do barrio. Pero estes, sendo que puideran mellorar a súa posición política, económica e social sen deixar de facer o que fan, son imprescindibles. Se non hai quen queira sachar e botarlle de comer ao gando, pouca fame imos pasar. E poida que xa non só teñamos que comprar petróleo fóra, senón tamén patacas da China, leite de Nova Zelanda, grelos de invernadoiro canadiano e chourizos de proteína secuenciada de Houston, temos un problema.

Temos?

sábado, 19 de marzo de 2022

PIB

Sempre estamos nas mesmas. Este non é o momento para falar diso. O escoitou con certa frecuencia. Non sei ti.

A subida brutal do prezo da electricidade, e a non menos brutal dos combustibles, provocou a toma de conciencia de moita xente a respecto da necesidade de aforrar o consumo de enerxía. Xente do común digo. Os que non o son xa o levan facendo tempo radicalmente por pura contabilidade. Pero para quen recibe o servizo de subministro eléctrico ou gas, para quen lle bota gasóleo ao coche, como unha necesidade para o seu que facer cotián, a medida do que gasta é o que paga, evidentemente. ¿Pódese concluír entón que estamos aínda na fase de evolución social na que educar responde a aquilo de a letra con sangue entra? Pero este non é o momento para falar diso.

Os analistas levan meses, por non dicir anos falando do que pensaba facer Rusia a respecto de Ucraína. Cousas como o de que é o país con máis territorio que controlar de todo o mundo, non vai querer engadir un territorio tan grande. Que as dúas veces que Rusia foi invadida militarmente foi atravesando as chairas de Ucraína. Que se deixou de ser unha potencia fundamental no mundo e agora ten un papel secundario. Os que máis e os que menos din agora que estaba visto que se ía producir a invasión. Tamén a guerra. Non confundir. Pódese invadir de moitos xeitos, e non todos son militares. Mira como o vai facendo a ex-China comunista, perdón, a China ex-comunista. Ou como leva máis dun cuarto de século botando as súas gadoupas o entramado político, económico e militar dos USA por todo o mundo adiante. Tamén no eido cultural por certo hai invasións. Pero este non é momento para falar diso.

Inicialmente Europa axustou o seu esforzo contra da pandemia do Covid19, cando caeron da burra digo, en protexer á poboación como primeira premisa, salvagardando os sistemas sanitarios, ou intentándoo, do colapso. Noutros eidos democráticos, mesmo por propia iniciativa da poboación, se buscou máis que nada que non sufrira a economía e o mercado. Parecera que a uns lles importaba moito que todos os días morrera xente coa enfermidade e a outros non. Máis valor á vida menos á pasta. Pero segundo se foi extendendo a última variante, menos mortal, a cousa se igualou. Xa non importa tanto que siga palmando xente porque o sistema o pode aguantar. E hai que reactivar os PIBs. Non dede ser tampouco o momento de falar disto.

O máis salientable é que non hai que forzar xa nada esa afirmación. O outro día escoitei (ou lin, xa non lembro moi ben) que a post-modernidade caracterízase, entre outras cousas, por aceptar a derrota. Aceptar sen discusión que non hai alternativa. Que a dialéctica histórica só ten un camiño. Que non hai posibilidades de mudar nada no substancial no eido social. Asi que chegado un momento, en calquera circunstancia na que se produza unha situación para a que sería necesaria, imprescindible, unha profunda reflexión colectiva sobre as causas de algo que sucede, como intervir nelas para desmontar o suceso e que medidas tomar para evitar que se reproduza, optamos por asumir que ten que pasar así, e atender á reparación de danos. No eido social, si. Pero tamén no persoal. Porque a dinámica estableceuse no hipotálamo. Converteuse nunha afección da conduta.

Poida que o primeiro síntoma desa afección é non ser quen de distinguir a información e o coñecemento, a verdade sobre as cousas, da demagoxia, as falacias e as trampas intencionadas para os sentidos. Porque non somos quen de dotarnos das ferramentas de análise precisas para entender e asimilar conceptos e datos complexo nin para deconstruír as falsas realidades con relatos estruturados. A perda da capacidade comprensiva, pola falta de lectura consistente, voluntaria, non obrigada, ou só circunscrita a eidos moi especializados relacionados co ocio ou o negocio, e sinaladamente, a restricción das expresións culturais diversas a ámbitos cada vez máis reducidos, mesmo en ocasión elitistas, sen ningún sentido pexorativo, encollen o pensamento. O resecan e o fan sólido, moi pouco hábil para asimilar novas formas de coñecemento e ríxido demais para poder aceptar cambios sen fracturarse.

Entón, alguén fala de armas defensivas e ofensivas, e aceptamos a diferencia. Ou de guerras ilegais, ilícitas, inxustas. Aceptando que as hai legais, lícitas ou xustas. Que enviar unhas poucas armas para que uns se defendan da agresión de outros é o camiño perfecto para que cada vez haxa que mandar máis armas ou armas máis grandes. Pero quedarse mirando como alguén abusa será mellor, como lles ensinamos ás rapazas e rapaces a facer nos patios. Subir os salarios provoca que suba a inflación. O que temos que pagar polas cousas e os servizos non sube porque quen as vende quere seguir gañando o mesmo ou gañar máis. Ou aproveitar a coxuntura para tirar proveito da necesidade colectiva. Discursos de unidade que marcan como negativas a controversia e as ideoloxías, asimilándoas ao enfrontamento, á violencia, a intransixencia, cando a realidade precisa de xeito ineludible para o seu análise o debate e a confrontación de pareceres, para a creación dun acordo de acción, e os principios que se afirma defender son o fundamento das ideoloxías que á súa vez definen os valores necesarios para desenvolver a análise da realidade. 

Se prolongo isto moito máis, non vou dar rematado nunca. Cada vez que escoito a radio, miro a televisión ou leo segundo que xornais, aparece algo máis do mesmo. Manipulación manifesta, cando non adoctrinamento mediático. Sei que adoitamos ler, mirar, escoitar, o que vai en liña co que xa pensamos, que non nos vai producir alteracións substanciais, máis aló de emocionarnos, entre medias, para conseguir a necesaria resposta vinculada ao resto da desinformación.
Pero cada vez hai menos espazos alleos ao mangoneo do pensamento colectivo.

Pero nunca é o momento de falar diso. Tampouco agora.

Addenda. De verdade que non quería. Pero escoitar unha vez e outra, porque o repiten, os seus medios, como se fora algo moi ben dito, a un paisano que ten responsabilidades políticas importantes, que leva anos querendo ser o mandamás do seu partido, ás agachadas claro, e con pretensión de chegar a ser o líder estatal por antonomasia, tipo presidente do goberno, dicir iso de que cos impostos da electricidade, o ghas e os combustibles o goberno estase forrando dame gañas de trousar. E ter moita vergoña allea, sendo que mesmo teño falado positivamente del como posible mandatario futuro, por menos malo, pero si.

Neno, que ti es goberno. Ben que te acordas cando falas doutras cousas. Non será o Estado?, entendido como ente da administración pública común, que recada, dende iso que chaman Facenda Pública, para logo repartir, con acerto moito ou pouco, entre todos os cidadáns a través das distintas administracións públicas, en sanidade, educación, prestacións, estradas, axudas, etc. Fálame con propiedade meu, privada se queres, como bó neoliberal xestor que ves sendo, aínda que a mona se vista de centro. Estámonos auto-forrando. Por un lado. E auto-afogando, polo outro. E iso si, co sistema de impostos directos, que afectan ao consumo, non á renda, sempre acabaremos auto-afogando máis os que menos temos e dependemos máis de ingresos fixos, que non se regularizan de xeito automático como o fan os prezos. Ou que sempre van por diante en subir, subir, subir, mentres que os salarios sempre suben tarde, tarde, tarde e devagar, devagar, devagar.

domingo, 27 de febreiro de 2022

LÍCITO

O outro día cando pasaba no coche por diante da Petro, entroume polo ollo o enorme cartel publicitario dun colexio privado cuxo radio de acción chega evidentemente a este caladoiro de clientes. Lóxico botar aquí as redes. Pero a min se me viu á cabeza aquela noticia dun proxecto para un novo centro privado localizado en Arteixo. Era cando andaba mesturada cunha xente de ben, persoas boas e xenerosas, nas organizacións de representación do colectivo de nais e pais do alumnado de centros de ensino público. Organizacións e sector do que levo tempo afastada.

Eran os tempos da reclamación política da necesidade de prover doutros centros públicos de ensino primario e secundario ao concello arteixán, dadas as circunstancias numéricas de masificación, o desbordamento dos centros existentes e o modelo de aglomeración mantido durante moitos anos polas diversas institucións implicadas.

Mentres os que defendían que non se podía mesturar política e educación, como se unha cousa e a outra non estiveran intimamente relacionadas, na teoría e na práctica, aplaudían coas orellas as promesas de atender ás reclamacións do colectivo que representabamos, sen contar con ningunha concreción nin compromiso, só coa fe que da ser servidores clientelares do poder, e por descontado, por compartir o modelo dese poder para unha educación non integradora, elitista, ideoloxizada, discriminatoria, uniformadora, contraria á igualdade de oportunidades e dirixida a propiciar un único modelo de sociedade aliñada coas teorías neo-liberais, algunhas sinalábamos xa daquela que as debilidades da estrutura da oferta pública no ensino estaban levando xa á emigración a centros públicos de outras poboacións limítrofes, pero sobre todo á matriculación efectiva en centros privados de todo tipo. O perfecto caldo de cultivo necesario para que novas iniciativas privadas ocuparan os nichos de mercado creados pola ausencia de oferta pública.

Habería que poñerlle datas a isto, non si? Era o curso 18/19? Reclamando BAC en Pastoriza, un novo CEIP e un novo IES para o 19/20?. Imos camiño de rematar o 21/22 e empezar o 22/23 e non hai nada de nada. Quitando os comunicados mediáticos do acordo para facer obras de ampliación arriba e poñer terreos a disposición abaixo. E non para máis oferta de secundaria. Isto é comprensible, todo sexa dito. A aposta agora mesmo e pola FP e máis concretamente pola Dual. E non digo eu que non sexa sen boas razóns. Cando menos é coherente coa política de educación Pepera e se aliña cos bos resultados constatados para producir traballadores especializados para a empresa privada, especialmente en aqueles eidos onde estas últimas teñen dificultades para atopar persoal cualificado.

Con toda a lóxica empresarial tamén, habería que darlle os parabéns a quen tomara a decisión de poñer en marcha un novo centro educativo privado en Arteixo.

Sexa por percibilo como un negocio, no que gañar cartos, como un proxecto persoal colectivo, co que desenvolverse somo ser humano individual e social, dende un punto de vista persoal ou profesional, ou ambos, sexa como unha actividade con marcado carácter ideolóxico, definido por e para formar suxeitos cun determinado xeito de entender a vida e o mundo. Ou por calquera das combinacións de cada unha destas facetas e as que se poidan entender tamén como posibles.

Non estou dando a entender nin por activa nin por pasiva, que ese novo centro tería esa compoñente ideolóxica. Non o sei. Non me importa. Nunha economía de mercado onde a iniciativa privada non só é benvida senón protexida e incentivada no eido da educación, calquera opción é admitida, mentres resista economicamente. Sería preferible que en xusta competencia o fixeran sen axudas dos cartos de todas, para axustarse realmente aos mecanismos do mercado, sendo consecuentes, pero non é así actualmente. Tampouco que exista algún tipo de conexión entre os desexos políticos de uns e as iniciativas privadas de outros. O descoñezo. E non me importa tampouco. Seguro que haberá quen trate esas cuestións con datos contrastados entre a profesión xornalística, se o consideran de interese.

Pero entendo que é evidente que encaixa nun modelo de xestión do sistema educativo, no que tanto o actual partido maioritario no Concello como na Xunta, polo tanto na Consellaría de Educación, se poderían ver representados. Así que non creo quen ninguén se poñería a convocar unha manifestación ou aproveitaría para facer campaña partidista a respecto desta cuestión. Repito, se se dera o caso, que non sei se vai ser así, ou non, e tampouco me importa moito.

E se non che importa, que kona andas a falar?

Pois e que me sigue proendo o tema do ensino, especificamente do ensino público. Pero sobre todo porque apetéceme moito dicir que é perfectamente lícito que as iniciativas privadas desenvolvan actividades empresariais no eido educativo. Responden ao modelo que nos demos. Non mires para outro lado. É o que escollemos que sucedera, no eido local e no autonómico en concreto, individual e colectivamente, por asentimento tácito ou por renuncia a fornecer alternativas diferentes co compromiso público expresado en votos ou en participación nos colectivos correspondentes en apoio ás súas iniciativas.

E quixera engadir o que si me gustaría que se tivera en conta, institucionalmente, mesmo no eido do Estado, a partir de agora. Quizais que se convertera nunha reclamación social colectiva. Traspoñer unha directiva comunitaria. Que coido non existe no eido educativo. Partindo de que vivimos nun estado aconfesional e aceptando como premisa que a educación é unha competencia fundamental pública, que pertence con preferencia na definición xeral e no seu desenvolvemento á sociedade no seu conxunto, como ferramenta para desenvolver persoas con sentido da autocrítica, capacidades e ferramentas instrumentais que lles permitan desenvolverse e ter criterio propio para abordar a comprensión do seu entorno e das circunstancias sociais e históricas nas que viven, máis que para producir traballadoras por un lado e emprendedoras polo outro co único obxectivo vital de sobrevivir e o único soño de ter máis que a maioría, máis do que sexa.

Con esas premisas, ¿que tal aplicar o de que non se pode aceptar un proxecto para construír unha autoestrada de pago onde non haxa unha vía de alta capacidade libre de peaxe que cubra o mesmo traxecto?

En consecuencia, para poder abrir un centro de ensino privado nunha area xeográfica determinada, debera existir como mínimo unha oferta de prazas públicas dispoñibles baseadas nun cálculo de rateos mínimas, non as que temos agora por exemplo neste barrio da area metropolitana, senón moi por baixo. E en aplicación desta normativa, revisar progresivamente as concesións para os centros privados xa habilitados e de non cumprirse, ofrecer a posibilidade de retornar os investimentos públicos realizados a ditas entidades, co paso de todas as instalacións, mobiliario, instrumentación e equipamentos a dominio e xestión públicas. Unha vez re-equilabradas as cifras con estas incorporacións, sempre quedaría aberta a porta a novas empresas para iniciar a súa actividade na mesma zona, respectando licitamente a liberdade de mercado. Que raro me soa esta última combinación de palabras, teño que dicilo. Non creo que haxa nada máis lonxe da liberdade que iso, pero son usos...

Como é máis probable que eu pase antes por unha funeraria que por unha escola, digo en corpo presente, case preferiría que houbera máis iniciativa privada nas primeiras. Para que se entenda o da manía con retirar cartos públicos da educación privada e iniciativa privada da educación en xeral. Mesmo na universidade, que conste. E menos darlla a unha Banca, que manda carallo.

Menos mal que ninguén me fai caso. Onde iríamos a parar!

venres, 25 de febreiro de 2022

LOITO

Os xestos son importantes.

Unha declaración para tres días de loito oficial polo acontecido no naufraxio do Villa de Pitanxo, non só é un xesto de calidade humana, social, tamén dalgún xeito é un recoñecemento á xente do mar e ao seu traballo de risco.

Por unha razón ben triste, vimos tamén un parlamento español, sen discusións nin debates, lembrando respetuosamente aos mortos na traxedia de Terranova. Puidera ser que aprenderan algo disto, pero o dubido, para o seu traballo diario.

Quen máis quen menos, na costa ou no interior, a nosa xente entende ben como é esa dor que sucede a desgracias coma esta.

E todos os noticieiros levan ao primeiro plano a actualidade do acontecido.

Pero non teño nada claro que socializar esa perda, máis aló dese recoñecemento, fóra do que puidera ser o entorno social da xente próxima ás víctimas, sexa algo positivo. Se cadra, unha vez poidan ter na casa aos sobrevivintes e os corpos dos falecidos que atopen, todo o aparato mediático profesional e todas as redes de información colectivas, deberan deixar que o dó se puidera desenvolver coa intimidade precisa, decidida por cada unha das familias afectadas.

Tamén sei que non vai ser así. Máis aló dos costumes culturais que tamén nos definen a respecto de como nos enfrontamos á perda dos seres queridos, que con toda probabilidade sufriron unha revisión profunda tras dous anos de mortes epidémicas repetidas, non vexo en que podería axudar a alguén nese transito, seguir escoitando, lendo ou mirando, en pantallas, radios ou medios impresos, máis pésames e máis análisis, máis reiteración no mal padecido, máis oportunidades de manter a ferida aberta máis tempo.

Eu non fun nunca moi de velorios, funerais e enterros. Menos de manifestar explicitamente o que puidera sentir nunha circunstancia de dó persoal. Non entendo a morte como algo inxusto, inmoral, innecesario. Ten un sentido na rexeneración da especie. Pero isto non se pode aplicar ao que se sinte, cando deixas de contar na vida cunha persoa a que queres, sendo por unha causa accidental, non agardada, imprevisible, aínda máis. Non podo negar que me sinto impactada por un suceso así, e non teño ningunha vinculación persoal. Pero son quen de poñerme no seu lugar dalgún xeito. Empatizar na distancia compartindo un sentimento. E estou segura de que no meu caso, preferiría que me deixaran en paz, por un tempo. Como estou segura de que o resto das persoas vivas que aprecio e me aprecian, agardarían a calquera indicio de necesitar apoio ou reforzo para seguir adiante, gardando silencio, bastante máis dun minuto, e respondendo en segundos a un sinal de aviso.

En calquera caso, súmome ao loito, neste momento. E sen dúbida, a continuar, sexa como sexa, a busca e recuperación de corpos para poder dicir que se fixo absolutamente todo o que foi posible para conseguilo. Do mesmo xeito que a averiguar até o máis mínimo detalle cales foron as causas do acontecido. Non só porque ese coñecemento pode axudar a quen perdeu a alguén, senon tamén para traballar en futuras medidas de prevención e seguridade.

domingo, 20 de febreiro de 2022

TOLEMIA

A realidade é baleiro. O percibimos como algo sólido porque o necesitamos. O contrario sería unha loucura permanente. O cerebro interpreta o que percibimos para darlle consistencia. Falando do mundo físico. Pero o mesmo cerebro está feito de células especializadas, que á súa vez son combinacións orgánicas que a química establece en moléculas que se constitúen en base a estruturas atómicas nas que mentres non se demostre o contrario case que todo é baleiro. Igual que no universo no seu conxunto.

Cando miramos ao espazo exterior ou cando vemos como se miran as cousas desde el, parece que nos decatamos desa inmensidade de nada por todas partes. E só a impresión de solidez en algúns puntos. 
Se non percibiramos en tres dimensións, probablemente poderíamos ter outra concepción da realidade. Pero nesta, non parece haber moita alternativa. Adoita suceder que desa ollada ao baleiro do universo producimos reflexións con pretensión de transcendencia. Que poden afectar ao plano individual e ao colectivo.

Debería acontecer o mesmo se fóramos quen de mirar ese baleiro dentro. De nós mesmas. Recoñecelo como substancial e definitorio do que somos e con probabilidade de como nos comportamos. Pero hai moitas ocasións nas que esa introspección persoal devén en tolemia. Cando non somos quen de asumir unha existencia definida por esa percepción manipulada. Voluntariamente manipulada. A confrontación necesitaría un punto de equilibrio ou de referencia, para non perderse nese lugar onde non existen aquí e alí. Buscamos esas áncoras de diversas maneiras, construíndo imaxinacións de orde dirixido por intelixencias superiores, teorías científicas, creacións estéticas, sensacións intensas.

Pero non hai solución a esa ecuación diferencial. Pode haber respostas parciais. Respostas que nos axuden a manter o auto control para seguir vivindo. E o contacto con outros conxuntos de células complexos. Ese que temos cando compartimos fisicamente unha parte desa sensación de baleiro, intentando enchelo un pouco. Non estou falando de practicar actividades sexuais, que tamén. Estou aludindo ás conexións que facemos con persoas, animais, plantas, obxectos, territorios, expresións da arte e da cultura, co coñecemento científico, coa filosofía, a literatura e a poesía especificamente. Todas elas abren fiestras a unha visión compartida e diversa, na que os diferentes puntos de vista compartidos crean a interdimensionalidade que nos permite ter percepcións complexas alternativas da realidade para axudarmonos a manter a cordura e seguir adiante na vida.

Hai moitos anos descubrín que significado tiña ter unha enfermidade mental. Cal era a condición que se lle outorgaba a quen era posuidora desa desviación da liña de pensamento considerada correcta. Non vou facer ningunha incursión nas consecuencias perversas que os comportamentos derivados desas alteracións poden ter para quen a padece ou para outras persoas. A patoloxía do crime e a perversión non me interesan neste momento. E sei que existen causas xenéticas e desaxustes químicos, sen provocación de consumos de substancias ou con elas, que poden explicar afeccións da psique. Pero hai unha gran parte delas, ao meu entender, que se producen por que non podemos enfrontarnos a ese baleiro sen compartir a experiencia dalgún xeito.

Para que isto poida acontecer, é preciso que exista a disposición para facelo, por parte das persoas que abordan o compromiso da introspección compartida. Quen decide entrar nese proceso, voluntariamente, ten que ter un coñecemento mínimo de onde se mete e con quen, e estar en absoluta disposición de aceptar que poida que nel, descubra tamén a súa propia tolemia, de novo. As ferramentas de comunicación tecnolóxicas das que nos dotamos nos últimos tempos, poden axudar á manter a aparencia de que nos comunicamos e suplir puntualmente o contacto que é preciso para desenvolver un proceso así, pero non substituílo. Afirmo que xunto con algunha outra causa estrutural, dos modelos de relación económica, social e política, este fenómeno é unha das causas polas que cada vez aparecen máis episodios vitais vinculados a desestruturacións mentais.

Cando nos tocou vivir a circunstancia dunha pandemia que obrigou á perdida do contacto de relación presencial e se intentou manter por medios dixitais, descubrimos incrementos palpables de desequilibrios mentais, depresións, apatía permanente. E se puxo o acento na necesidade de atender esas afeccións como non se fixera até agora nunca. Pero non hai atallos para isto. Por suposto que hai que poñer medios económicos colectivos para poder darlle atención a todas as casuísticas diversas deste eido da saúde. Será un principio. Pero a situación empeorará, aínda así, se non somos quen de facer o que dicía Roger Gentis hai un lote de anos. Curar a vida. Non digo que haxa que volver atrás no tempo e renunciar a avances na tecnoloxía ou en calquera outro eido para curarnos. Tampouco que a solución máxica para todos os problemas sexa modificar o complexo sistema social no que desenvolvemos as nosas vidas. Pero si é preciso revisar todos e cada un dos aspectos que dificultan ou complican o análise e asimilación de cal é a verdadeira realidade na que existimos, para ser quen de entender como e porque necesitamos dunha percepción estable sen renunciar a recoñecer que é a nosa propia creación persoal e colectiva. E estar sempre en disposición de aceptar a variabilidade absoluta de todo o que sucede, ser quen de incorporar esas alteracións ao noso modelo de percepción e que isto non se traduza en derrubar e destruír todo, cada vez, para iniciar outro constructo.

Como adoitamos facer neste sistema social actual, cando detectamos un problema, buscamos solucionalo, pero as máis das veces, sen analizar, debullar e entender as causas que o provocaron.
Cando nos doe a cabeza imos directos a polo paracetamol. En ocasións pensamos brevemente que esa dor é un síntoma, que debera ter unha orixe en algún sitio. Quedamos para outro día coa nosa memoria para decidir como buscar esa causa. E se damos o paso, optamos pola cirurxía, máis medicación, acupuntura ou oracións diversas para atallar o mal estar. Se non queda outra, finalmente, en algúns casos aceptamos mudar o que sexa preciso para incidir no que causa a doenza. As veces isto tamén pode supoñer cortar, medicar ou meditar, pero xa non é para poder seguir igual senón para aceptar que non podemos seguir igual.

Se soubera como abordar a solución dun problema vital como o da renuncia a saír diso que se deu en chamar zona de confort para aceptar estar sempre na de confrontar, nun impasse permanente de liquidez, non sei se o contaría. Porque o que adoito facer é escribir sobre as preguntas para as que non teño resposta, como un medio para esa auto-confrontación que tamén deixo a un lado na vida cotián. E con probabilidade porque non teño que enfrontarme, agora mesmo, a unha situación vital extrema. Neste punto, sempre intento poñerme na situación das mulleres e dos homes que viven ou viviron situacións así. Esquecendo, que lista é a maldita memoria, as miñas propias etapas extremas. Hai moito máis misterio do que cremos en como funciona a mente na súa relación co resto do organismo, coa percepción e consecuentemente co entorno natural e social no que se desenvolve. Será con probabilidade a Ciencia, non só a bioloxía, a xenética, a psico-socioloxía, tamén a matemática e a física, a que nos irá acercando a coñecer esas zonas aínda escuras. Pero non o poderá facer sen a filosofía, a música, o teatro, a poesía... as artes plásticas no seu conxunto. Todas elas ferramentas do coñecemento que por separado teñen respostas parciais a algunhas das preguntas sobre o sentir humano e a súa transcendencia, pero que só ofrecen, poden chegar a ofrecer, unha resposta conxunta cunha visión de equilibrio da complexidade da vida no universo.

Pola miña parte, declárome neste preciso instante, absolutamente ignorante nunha cantidade case infinda nos seus decimales do 99,99 % de todo. Pero seguirei intentando afastarme do 100 por 100.

mércores, 19 de xaneiro de 2022

NATUREZA MORTA


Eufemismos. Como o de Natureza Morta. Non me gustan nada. Sei que algún que outro artista ten feito verdadeiras obras mestras con esa formulación. Pero fóra dese eido, cando escoitei o outro día a alguén citar esa expresión para falar dunha situación real de contaminación dun espazo natural protexido, pois se me revolveu un pouco o estómago.

Pero imos por partes. Somos unha peste como especie. O afirmo, non o formulo como unha teoría. Individualmente hai casos. Casos de ser menos peste ou moi peste. Pero non libramos. No extremo baixo están os hiperecoloxistas veganos recicladores, para esaxerar etiquetando, que xa sabedes que me gusta moito. Xente que fai todo o posible por atopar un equilibrio co medio que non supoña unha agresión en ningún sentido. Pacifistas ecolóxicos. Que non, non estou sendo sarcástica nin pexorativa. Gústanme ambas cousas e desexaría ser unha delas. No outro extremo estamos a práctica maioría do resto dos seres humanos bípedes. Ou das seres humanas bípedes. Chúpamela Real Academia Española. Ou chúpemelo Real Academio Españolo.

Aparto o papel, aparto o vidro, as latas e os envases de plástico, non uso toalliñas hixiénicas e se as uso non as tiro polo retrete. Non merco verduras, nin carnes nin peixes envasadas en plásticos. Nada de deixar correr a auga mentres lavo os dentes. Non che digo nada de mentres fregho os cacharros. Recollo a auga da ducha nun cubo para outros usos mentres non da saído quente. Tapo as potas cando poño a quentar algo.

Aproveito a calor do forno para requentar. Non como carne industrial, de calquera tipo de animal. Ventilo as estancias todos os días e aproveito a luz do sol para quentar a casa en inverno. Teño toda a iluminación de baixo consumo. Apago a luz cando saio dunha estancia. Penso no que coller e volver ao frigorífico antes de abrirlle a porta. Auga do tempo para lavar a roupa. Deterxentes e resto de produtos químicos de orixe natural.
 

Reparo o calzado, amaño a roupa. Reutilizo os papeis de agasallo. E os folios cunha soa cara impresa. Se tivera cochos, tiña solución para os restos orgánicos. Pero controlo as cantidades de comida que elaboro para desbotar o menos posible. Mellor quedar con algo de fame que tamén axuda a manter o tipo. Sigo?

Acción individual para a protección do medio ambiente. Para que quede algo para as próximas xeracións. Tamén aforro enerxético, de materias primas, de auga (tan importante, tan escasa, aínda que nos pareza que non).

E aínda que non sempre te lembres de todo. Ou haxa cousas que nunca fixeches, fas ou farás. Acción individual. Que ben nos venderon a moto!  Non, non digo que estea mal. Non digo que non axude. Nada pode funcionar nunha sociedade complexa sen o compromiso de cada unha das persoas que a compoñen cara un obxectivo definido e cunhas premisas concretas. Pero estamos vendo, dunha banda, que hai unha boa parte desas persoas que non van sumarse nunca ao esforzo colectivo. Nunhas partes do mundo máis que noutras. Poida que en algún momento alguén faga un estudo de correlacións.

Pero para conseguir o obxectivo de salvar este planeta, hai outros mundos, pero están neste, e non temos nin p. idea de se imos atopar algún outro tan ben posto para nós no resto do universo e se daremos chegado aló, en termos de distancia e de tempo, do tempo que nos queda por foder este, ademais do de ir e volver, digo, para conseguir o obxectivo, falta a acción política, das institucións e dos gobernos, dos mandatarios. E sobre todo das empresas e do mercado.

A iso vou agora.

Non son economista. Padezo a economía de mercado nas carnes pretas. O que sei sobre como funciona, o aprendín por experiencias propias e alleas transmitidas. E algunha lectura. Non sei nada de Adams, nin de Keynes, ou como sexa que se chamen. Algo de Marx si. Por un libro que me agasallou unha persoa á que aprecio mesmo ao punto de poder dicirlle que non me gustan algunhas cousas que fai directamente. Non sei se lle importará moito, pero á relación poida que si. Groucho Marx digo. Un empresario americano xenial. Do inspirador da teoría económica socialista tamén, si, teño lido algo. Volvendo. Padezo a economía. Como a maior parte de nós.

A parte última do ano 21, era o ano do século, por certo, viu marcada neste sentido pola subida abrupta dos prezos das cousas que mercamos as paganas (de pagar). As comúns das paganas. Disque vai ir o IPC a 6 puntos. Eu fun comparando nos últimos meses algunhas das que merco comunmente e me saen outras porcentaxes. Como gardo todos os recibos das compras, pois podo afirmalo con certa claridade. Bastante máis.

E unha se pregunta se todo isto de que suba o aceite, o café, a luz e as patacas, ten a ver con que aos que coidan os oliveirais, cultivan os cafeais allende los mares, ou ao sol, a auga, o átomo, os combustibles fósiles e os gases respectados, lles van pagar máis en nómina por facer o seu. Deixo as patacas, como podería deixar o leite, porque xa todas saberemos que non é así. E que mesmo hai que lexislar para que un labrego ou un gandeiro non teña que vender a perdas. Manda carallo! Ter que vender por debaixo do prezo de custo para que o leite non acabe correndo coma un rio polas leiras nin as patacas apodrecendo nos almacéns.

Pois vou tentar de facer teoría económica. Non é a lei do mercado, esa de oferta e demanda. Iso é unha mentira falaz. Que convén manter para que a xente non se formule moitas preguntas. É especulación. E avaricia. E miseria, no sentido de que segue habendo moito miserable que non lle importa a miseria de outra xente mentres haxa beneficio, plusvalía ou ganancia, como lle queira vostede chamar a roubar do que é de todas para acumular en poucas mans. Quen se sube ao tren dese mercado especulativo, automaticamente empezará a dicir o de que sempre pode vostede mercar accións da compañía, que volve a ser mentira, patética pero efectiva, para repartir unhas poucas migallas, conseguindo fondo financeiro que permita aumentar as operacións especulativas.

E a política non está exenta de entrar neste xogo, por desgraza. A cagada da medida estrela da UE para incentivar a transformación enerxética a verde, presión alemá probablemente, dos seus verdes digo, e deixar de ser dependentes dos fósiles (políticos non, combustibles). Pero iso si, paz coa Rusia imperial para seguir colocándose no inverno co ghas natural (natural?). Imos poñer os dereitos de contaminar en bolsa, veña!
 

E que os especuladores empecen a xogar co valor para facer negocio. Intanxibles. Para que ás empresas e aos gobernos que os necesitan para ir adaptando e mantendo a infraestrutura de produción enerxética lles custen cada vez máis. A onde vai ir a repercutir ese sobre custo? Pois sempre, sempre, sempre ao consumidor final. Porque uns non van deixar de recadar impostos, lembrade, son porcentuais e os outros non van deixar que a súa conta de resultados baixe, que logo protestan os accionistas e os directivos teñen que cobrar os seus tropecentos millóns pactados.

Pero ao sachador de leiras, ao mariñeiro, ao gandeiro leiteiro non se lle pode pagar o que lle corresponde. Xa non falemos de que conten cun beneficio maior que incentive ás novas xeracións a ir vivir ao campo, un sitio tranquilo, con bo aire respirable, onde podes ir pasear cando queiras incluso en pandemias, con todos os servizos dispoñibles, dende garderías até internet de alta velocidade ou para embarcarse en buques con espazos recreativos, conexión por satélite, aloxamentos individuais, un plan de xubilación anticipada con beneficios triplos e toda a seguridade para traballar a para quen queda en terra se non hai volta do mar. Lume, había que poñerlle aos montes de liberalpensadores que discorren as medidas enxeñosas. E un aeroxenerador dos de tres paletas que hai que levar en transporte especial, no medio do seu xardín, a carón dos bambáns e a piscina.

Estou tan cansa de repetilo. Non cambia nada. Hai pequenas conquistas. Hai máis liberdade individual para poder facer algunha cousa máis. Poder ir aos bares. Escoller entre máis canles. Facilidades para ter apps nas que ocupar os minutos mortos. Non é un complot oculto. E moi evidente, pero é pracenteiro. Produce suficiente satisfacción no sistema nervioso como para aplacar as diverxencias substanciais. Con variantes locais, que adoitan empregar métodos disuasorios con violencia, pero que son tan caros de manter. O sistema de control é moito máis barato, porque é basicamente autofinanciado con consentimento pleno, tácito ou expreso. Supoño que por iso me doe cada vez máis a cabeza, cando intento pensar. Así que vou tomar outra cervexa... Os modelos de control social que se comezaron a practicar no primeiro terzo do século pasado foron perfeccionándose cada vez máis e o seguirán facendo. Cientificamente, que a nosa querida ciencia tamén pode ter usos perversos.

Xa que logo, que ninguén conten con revolucións. Nin pacíficas. Todas as iniciativas lideradas ou non, con teóricos sistemas de decisión compartidas, acaban morrendo no mesmo, a negativa dos seres humanos comúns a ir máis aló de pequenas alteracións da conduta sen abordar unha revisión individual e colectiva do auto-coñecemento e a historia que supoña ter que mudar aquelas teorías que construímos sobres nós mesmas e o mundo que nos ofrecen un marco de seguridade emocional balanceado. A resposta automática cando rozas un pouco a pel de alguén nese sentido é sempre a mesma, aprendida, incrustada nos miolos, non me analices. Non me analices ti porque eu renuncie a facelo voluntariamente, non me consideraba dabondo forte para responder aos dilemas psicolóxicos e morais aos que me podería ter que enfrontar. E se tratas de falar da socio-historia, salta o de que as cousas son así, sempre foron así e probablemente o do sentido común.

Se para salvar o mundo e como corolario a nós mesmas fora preciso un cambio evolutivo, non se vai a producir voluntariamente. E forzalo, non sería máis que outra parvada mesiánica e megalómana tan típica desta especie da que unha servidora tamén forma parte. Outra máis. Pero estou por darme de baixa... cada vez con máis forza. Aínda así sigo tendo esperanza nos raios cósmicos, a contaminación, os virus de deseño e outras alternativas mutáxenas. Incluso na literatura en xeral e na poesía en particular. Pero iso é outra historia...