venres, 25 de febreiro de 2022

LOITO

Os xestos son importantes.

Unha declaración para tres días de loito oficial polo acontecido no naufraxio do Villa de Pitanxo, non só é un xesto de calidade humana, social, tamén dalgún xeito é un recoñecemento á xente do mar e ao seu traballo de risco.

Por unha razón ben triste, vimos tamén un parlamento español, sen discusións nin debates, lembrando respetuosamente aos mortos na traxedia de Terranova. Puidera ser que aprenderan algo disto, pero o dubido, para o seu traballo diario.

Quen máis quen menos, na costa ou no interior, a nosa xente entende ben como é esa dor que sucede a desgracias coma esta.

E todos os noticieiros levan ao primeiro plano a actualidade do acontecido.

Pero non teño nada claro que socializar esa perda, máis aló dese recoñecemento, fóra do que puidera ser o entorno social da xente próxima ás víctimas, sexa algo positivo. Se cadra, unha vez poidan ter na casa aos sobrevivintes e os corpos dos falecidos que atopen, todo o aparato mediático profesional e todas as redes de información colectivas, deberan deixar que o dó se puidera desenvolver coa intimidade precisa, decidida por cada unha das familias afectadas.

Tamén sei que non vai ser así. Máis aló dos costumes culturais que tamén nos definen a respecto de como nos enfrontamos á perda dos seres queridos, que con toda probabilidade sufriron unha revisión profunda tras dous anos de mortes epidémicas repetidas, non vexo en que podería axudar a alguén nese transito, seguir escoitando, lendo ou mirando, en pantallas, radios ou medios impresos, máis pésames e máis análisis, máis reiteración no mal padecido, máis oportunidades de manter a ferida aberta máis tempo.

Eu non fun nunca moi de velorios, funerais e enterros. Menos de manifestar explicitamente o que puidera sentir nunha circunstancia de dó persoal. Non entendo a morte como algo inxusto, inmoral, innecesario. Ten un sentido na rexeneración da especie. Pero isto non se pode aplicar ao que se sinte, cando deixas de contar na vida cunha persoa a que queres, sendo por unha causa accidental, non agardada, imprevisible, aínda máis. Non podo negar que me sinto impactada por un suceso así, e non teño ningunha vinculación persoal. Pero son quen de poñerme no seu lugar dalgún xeito. Empatizar na distancia compartindo un sentimento. E estou segura de que no meu caso, preferiría que me deixaran en paz, por un tempo. Como estou segura de que o resto das persoas vivas que aprecio e me aprecian, agardarían a calquera indicio de necesitar apoio ou reforzo para seguir adiante, gardando silencio, bastante máis dun minuto, e respondendo en segundos a un sinal de aviso.

En calquera caso, súmome ao loito, neste momento. E sen dúbida, a continuar, sexa como sexa, a busca e recuperación de corpos para poder dicir que se fixo absolutamente todo o que foi posible para conseguilo. Do mesmo xeito que a averiguar até o máis mínimo detalle cales foron as causas do acontecido. Non só porque ese coñecemento pode axudar a quen perdeu a alguén, senon tamén para traballar en futuras medidas de prevención e seguridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario