domingo, 20 de febreiro de 2022

TOLEMIA

A realidade é baleiro. O percibimos como algo sólido porque o necesitamos. O contrario sería unha loucura permanente. O cerebro interpreta o que percibimos para darlle consistencia. Falando do mundo físico. Pero o mesmo cerebro está feito de células especializadas, que á súa vez son combinacións orgánicas que a química establece en moléculas que se constitúen en base a estruturas atómicas nas que mentres non se demostre o contrario case que todo é baleiro. Igual que no universo no seu conxunto.

Cando miramos ao espazo exterior ou cando vemos como se miran as cousas desde el, parece que nos decatamos desa inmensidade de nada por todas partes. E só a impresión de solidez en algúns puntos. 
Se non percibiramos en tres dimensións, probablemente poderíamos ter outra concepción da realidade. Pero nesta, non parece haber moita alternativa. Adoita suceder que desa ollada ao baleiro do universo producimos reflexións con pretensión de transcendencia. Que poden afectar ao plano individual e ao colectivo.

Debería acontecer o mesmo se fóramos quen de mirar ese baleiro dentro. De nós mesmas. Recoñecelo como substancial e definitorio do que somos e con probabilidade de como nos comportamos. Pero hai moitas ocasións nas que esa introspección persoal devén en tolemia. Cando non somos quen de asumir unha existencia definida por esa percepción manipulada. Voluntariamente manipulada. A confrontación necesitaría un punto de equilibrio ou de referencia, para non perderse nese lugar onde non existen aquí e alí. Buscamos esas áncoras de diversas maneiras, construíndo imaxinacións de orde dirixido por intelixencias superiores, teorías científicas, creacións estéticas, sensacións intensas.

Pero non hai solución a esa ecuación diferencial. Pode haber respostas parciais. Respostas que nos axuden a manter o auto control para seguir vivindo. E o contacto con outros conxuntos de células complexos. Ese que temos cando compartimos fisicamente unha parte desa sensación de baleiro, intentando enchelo un pouco. Non estou falando de practicar actividades sexuais, que tamén. Estou aludindo ás conexións que facemos con persoas, animais, plantas, obxectos, territorios, expresións da arte e da cultura, co coñecemento científico, coa filosofía, a literatura e a poesía especificamente. Todas elas abren fiestras a unha visión compartida e diversa, na que os diferentes puntos de vista compartidos crean a interdimensionalidade que nos permite ter percepcións complexas alternativas da realidade para axudarmonos a manter a cordura e seguir adiante na vida.

Hai moitos anos descubrín que significado tiña ter unha enfermidade mental. Cal era a condición que se lle outorgaba a quen era posuidora desa desviación da liña de pensamento considerada correcta. Non vou facer ningunha incursión nas consecuencias perversas que os comportamentos derivados desas alteracións poden ter para quen a padece ou para outras persoas. A patoloxía do crime e a perversión non me interesan neste momento. E sei que existen causas xenéticas e desaxustes químicos, sen provocación de consumos de substancias ou con elas, que poden explicar afeccións da psique. Pero hai unha gran parte delas, ao meu entender, que se producen por que non podemos enfrontarnos a ese baleiro sen compartir a experiencia dalgún xeito.

Para que isto poida acontecer, é preciso que exista a disposición para facelo, por parte das persoas que abordan o compromiso da introspección compartida. Quen decide entrar nese proceso, voluntariamente, ten que ter un coñecemento mínimo de onde se mete e con quen, e estar en absoluta disposición de aceptar que poida que nel, descubra tamén a súa propia tolemia, de novo. As ferramentas de comunicación tecnolóxicas das que nos dotamos nos últimos tempos, poden axudar á manter a aparencia de que nos comunicamos e suplir puntualmente o contacto que é preciso para desenvolver un proceso así, pero non substituílo. Afirmo que xunto con algunha outra causa estrutural, dos modelos de relación económica, social e política, este fenómeno é unha das causas polas que cada vez aparecen máis episodios vitais vinculados a desestruturacións mentais.

Cando nos tocou vivir a circunstancia dunha pandemia que obrigou á perdida do contacto de relación presencial e se intentou manter por medios dixitais, descubrimos incrementos palpables de desequilibrios mentais, depresións, apatía permanente. E se puxo o acento na necesidade de atender esas afeccións como non se fixera até agora nunca. Pero non hai atallos para isto. Por suposto que hai que poñer medios económicos colectivos para poder darlle atención a todas as casuísticas diversas deste eido da saúde. Será un principio. Pero a situación empeorará, aínda así, se non somos quen de facer o que dicía Roger Gentis hai un lote de anos. Curar a vida. Non digo que haxa que volver atrás no tempo e renunciar a avances na tecnoloxía ou en calquera outro eido para curarnos. Tampouco que a solución máxica para todos os problemas sexa modificar o complexo sistema social no que desenvolvemos as nosas vidas. Pero si é preciso revisar todos e cada un dos aspectos que dificultan ou complican o análise e asimilación de cal é a verdadeira realidade na que existimos, para ser quen de entender como e porque necesitamos dunha percepción estable sen renunciar a recoñecer que é a nosa propia creación persoal e colectiva. E estar sempre en disposición de aceptar a variabilidade absoluta de todo o que sucede, ser quen de incorporar esas alteracións ao noso modelo de percepción e que isto non se traduza en derrubar e destruír todo, cada vez, para iniciar outro constructo.

Como adoitamos facer neste sistema social actual, cando detectamos un problema, buscamos solucionalo, pero as máis das veces, sen analizar, debullar e entender as causas que o provocaron.
Cando nos doe a cabeza imos directos a polo paracetamol. En ocasións pensamos brevemente que esa dor é un síntoma, que debera ter unha orixe en algún sitio. Quedamos para outro día coa nosa memoria para decidir como buscar esa causa. E se damos o paso, optamos pola cirurxía, máis medicación, acupuntura ou oracións diversas para atallar o mal estar. Se non queda outra, finalmente, en algúns casos aceptamos mudar o que sexa preciso para incidir no que causa a doenza. As veces isto tamén pode supoñer cortar, medicar ou meditar, pero xa non é para poder seguir igual senón para aceptar que non podemos seguir igual.

Se soubera como abordar a solución dun problema vital como o da renuncia a saír diso que se deu en chamar zona de confort para aceptar estar sempre na de confrontar, nun impasse permanente de liquidez, non sei se o contaría. Porque o que adoito facer é escribir sobre as preguntas para as que non teño resposta, como un medio para esa auto-confrontación que tamén deixo a un lado na vida cotián. E con probabilidade porque non teño que enfrontarme, agora mesmo, a unha situación vital extrema. Neste punto, sempre intento poñerme na situación das mulleres e dos homes que viven ou viviron situacións así. Esquecendo, que lista é a maldita memoria, as miñas propias etapas extremas. Hai moito máis misterio do que cremos en como funciona a mente na súa relación co resto do organismo, coa percepción e consecuentemente co entorno natural e social no que se desenvolve. Será con probabilidade a Ciencia, non só a bioloxía, a xenética, a psico-socioloxía, tamén a matemática e a física, a que nos irá acercando a coñecer esas zonas aínda escuras. Pero non o poderá facer sen a filosofía, a música, o teatro, a poesía... as artes plásticas no seu conxunto. Todas elas ferramentas do coñecemento que por separado teñen respostas parciais a algunhas das preguntas sobre o sentir humano e a súa transcendencia, pero que só ofrecen, poden chegar a ofrecer, unha resposta conxunta cunha visión de equilibrio da complexidade da vida no universo.

Pola miña parte, declárome neste preciso instante, absolutamente ignorante nunha cantidade case infinda nos seus decimales do 99,99 % de todo. Pero seguirei intentando afastarme do 100 por 100.

Ningún comentario:

Publicar un comentario