sábado, 18 de xuño de 2022

CERIMONIAS

Paréceme lembrar o primeiro día que un dos meus últimos fillos entrou pola porta da gardería. E asistín hai uns días á pataqueirada da cerimonia da gradación do que quedaba por rematar, o bacharelato. Pasou ben o tempo. Nese eido educativo, con cousas positivas e algunha negativa, como adoita pasar na vida.

Digo que foi unha pataqueirada por non dicir americanada. Reproducindo formas alleas de celebración, alleas, doutras culturas, para un ritual de transición colectiva, como o que se pode facer nunha tribo no Amazonas a outras idades e por outras causas. Pero preferimos imitar a parvada dos ianquis, que adoita ser ademais dunha celebración de aparencias e status, aquí tamén empeza a ser así, unha escusa para repetir comportamentos de violencia, abuso, consumo de substancias e eliminación dos límites impostos por unha sociedade rancia e des-estruturada.

Ese mimetismo parvo, que se está a reproducir xa dende moi cedo, transmite á rapazada, non só no ámbito educativo, patróns de comportamento, definición de valores e regras morais, que despois acaban traducíndose en comportamentos sociais de irresponsabilidade, falta de solidariedade e individualismo.

E escollemos, colectivamente, afastármonos da nosa propia cultura, que ten marabillosos exemplos de celebración para este tipo de rituais de transición. A ausencia da lingua galega na cerimonia foi evidente. Por parte da rapazada, que probablemente a coñece, pero non a manexa, aínda que non a teña na consideración negativa que a poboación adulta a tivo en tempos e que hoxe manifesta co seu uso restrinxido ao ámbito coloquial, folclórico e gastronómico. Aceptamos pasivamente que se lle retirará o status de lingua vehicular no ensino para materias troncais cuxo uso traduciríase socialmente nunha posta en valor substancial. Pola parte institucional xa é de pecado mortal.

Somos as novas paifocas fatas, e os novos paifocos fatos, que decidimos voluntariamente distanciarnos da cultura que nos podería axudar a construír a identidade que supón un valor engadido persoal e unha forza social contra das invasións doutras culturas. Tamén diante doutro tipo de invasións.

A cuestión do uso da lingua non é un problema menor. Non menor que a subida de prezos da enerxía. Nin que o control dunha pandemia. Nun sistema de comunicación diglósico como o que vivimos na Galiza, onde hai unha lingua claramente valorada, promovida e utilizada por enriba da outra, o compromiso coa lingua propia, e polo tanto coa cultura propia, só se manifesta con claridade coa intervención política e a acción colectiva, persoal en primeiro lugar, grupal en consecuencia, para discriminar positivamente a lingua minorada. Pero é evidente que se non hai esa intervención e acción ten que ser porque non nos importa.

Estamos na paradoxo de que hai unha efervescencia xeral da cultura en eidos diversos, pero restrinxida a colectivos moi específicos, mentres o número de falantes cotiáns e normalizados do galego diminúe a pasos axigantados, especialmente canto menor é a idade do colectivo. Alguén dirá que algo estaremos facendo mal, pero coido que a realidade é que hai quen o está facendo moi ben para que iso aconteza así. Non existen as casualidades e o modelo liberal busca a uniformidade en todos os eidos, que abarata custos, á par que a preponderancia dos dereitos individuais por enriba dos intereses colectivos.

Pero isto de imitar non é algo que se mire só para estes eventos. A invasión acontecen en todos os eidos, e ataca a personalidades e sociedades sen cohesión identitaria. Teño que repetir que me gusta mirar deportes. Colectivos principalmente, pero tamén individuais. O tenis non. O ciclismo profesional tampouco. Se a meirande parte dos deportes profesionais son canteira de abusos de poder, estraperlos económicos, fraudes colectivos e consumo de substancias, eses dous coido que son o culmen. A presión do mercado pode sobre a conciencia individual e os lindes morais desaparecen. Agora hai un feixe de xente que manifesta a súa admiración por personaxes deses deportes profesionais. Son iconas do bo e do éxito. Persoalmente parécenme repunantes. E mo parecerían incluso sen ter coñecemento deses estraperlos que desenvolven para conseguir os seus obxectivos empresariais.

Pois nos niveis non profesionais, a presión do mercado cámbiase pola dos pais e nais, energúmenas e energúmenos con aspiracións de desquite contra a vida que non lles deu o que consideraban merecían e que manifestan a súa ira vital a través dos seus descendentes, celebrando con violencia comunicativa os seus éxitos nos terreos de xogo e practicando a violencia verbal e física, o abuso e o enfrontamento visceral cando as cousas non veñen ben dadas. Non sinto ningunha vergoña allea por esa xente, pero si me magoa moito ver nenas e nenos de 8, 10, 12 anos repetindo xestos e expresión de violencia e agresividade contra dos contrarios, as árbitras e os árbitros, mesmo o público, e imitando outros como bicar un escudo, sinalar un número, pedir silencio.... como os seus repunantes ídolos de ouro.

A historia cultural e a lexislación do noso País e o Estado no que se integra non permite o uso de armas de fogo como pasa por exemplo na sociedade norteamericana. Andan agora debatendo intensamente seica, sobre como atallar ese uso xeneralizado cuxas consecuencias se manifestan puntualmente en centros de ensino con asasinatos masivos. Unha cousa que non imitamos porque non hai medios dispoñibles. O escenario da cerimonia citada podería ser un pavillón de deportes dunha escola de grao nos USA e acabar dun xeito similar. Dis que non? Hai pouco un rapaz matou aos membros presentes da súa familia cunha escopeta de caza que estaba ao seu alcance porque lle retiraron o acceso á wifi polos malos resultados académicos. Non foi en Missouri. Nas noticias atopamos violacións de rapazas, mesmo diría nenas, por grupos de rapaces, consumidores precoces de pornografía, a gran educadora sexual. A socioloxía e os colectivos de educadores avisan de que o acoso na aulas, en todos os niveis, medra. Nas universidades, nas empresas, nas administracións públicas hai tamén explotación laboral, vinculada ou non ao xénero. Os bancos e as empresas de subministros básicos seguen a facer o que lles da a gana co único obxectivo de conseguir dividendos para os seus accionistas. 

Diremos entón que o sistema non está proporcionando educación en valores, educación sexual, educación laboral, educación para o consumo, educación política. A min paréceme evidente que é así. O que estamos transmitindo e no que estamos educando é no de conseguir máis para unha mesma, conseguir o que se desexe xa, sen importar os medios nin por enriba de que ou quen pasar, conseguir o control sobre as demais, que todo funcione para satisfacer as miñas necesidades, reais ou impostas, e os meus intereses persoais. Os demais non importan, salvo un pequeno círculo que pode ser reducido se é preciso para a consecución dos meus fins particulares.

Pero non digo que sexa exclusiva responsabilidade da educación formal. Das nais e pais en exclusiva tampouco. Claro que temos parte dela. Os profesionais e os afeccionados. Nos seus respectivos eidos de influenza e na coordinación de accións. Que uns argumenten que a rapazada ten que vir educada da casa e que outros sinalen o mal que están facendo no seu desenvolvemento profesional, e que uns e outros, sobre todo estes outros... o fagamos non só en ámbitos de comunicación restrinxidos senón aos catro ventos en canta rede social exista e estea dispoñible para enmerdar, debera ser un síntoma recoñecible de onde está o problema e que solucións estruturais habería que adoptar para tentar pórlle remedio.

As voces máis recoñecidas na historia da Educación, da Ciencia da Educación, recoñecen que esta actividade humana podería ser revolucionaria en distintos eidos, se lle deramos a suficiente importancia e recoñeceramos o seu papel fundamental, de base, imprescindible, inescusable, para a sociedade. Se a liberaramos de concepcións baratas e simplistas da realidade. Se tivera a potencia protexida necesaria para ir máis aló do que os mercados queren. Se non a deixaramos avasalar por concepcións do mundo que só queren deixar todo como está e non está disposta a entender que a humanidade só pode avanzar na confrontación creativa, non na violenta.

E hoxe en día, partindo da premisa seguinte: Todas somos educadoras. Todo educa. Educamos en todo momento.

O que antes estaba circunscrito á familia xa hai tempo que foi desbordado. O coñecemento non está pechado en libros nin en edificios dende hai xa bastante tempo. Agora é público, e cada vez o será máis. O obxectivo da educación como acción permanente social, que ten unha intensidade especial nas fases de crecemento e desenvolvemento dos individuos, pero que se mantén durante toda a vida, pola capacidade de aprender que caracteriza á condición humana en toda a súa duración, ten que basearse nun acordo colectivo para ese traballo permanente que só pode ser dirixido, apoiado ou aconsellado polo coñecemento científico.  A responsabilidade sobre as consecuencias do que facemos neste eido xa non son dunha parte illada, senón de toda a sociedade no seu conxunto.

Por poñer un exemplo. Se hai rapaces que seguen crendo que non existe a violencia machista, e hai estudos concretos que así o indican, e que polo tanto poden reproducir ese tipo de comportamentos cos seus iguais, non será porque non se insista nas escolas no recoñecemento desa violencia específica, con amplas campañas. Pero se despois observan en profesionais da educación que practican ou aceptan comportamentos de discriminación por xénero, en maior ou menor medida, cos seus iguais ou con quen teñen baixo o seu control, as campañas deixan de ter valor. Tampouco porque o vexan nos comportamentos que observan nas súas casas, por regra xeral, mesmo se identifican grazas a esas campañas actitudes e comportamentos de discriminación por xénero, na ausencia de corresponsabilidade doméstica, que empuxan a reproducir esas practicas ou ir a máis, os valores comunicados, na casa e na escola, dilúense. Se nas redes sociais, os medios de comunicación xerais, as películas e os videoxogos, continuamente se reproducen comportamentos de discriminación de xénero, violencia de xénero, dominación, control, abuso... banalízanse e mesmo se fan brincadeiras con eles, os valores sociais proclamados acaban sendo completamente rexeitados. E xa non hai razóns para non reproducir eses comportamentos.

Todo o mundo debería de saber xa do papel que xogan os que miran nos casos de abuso. Fundamental para que se reproduzan. Pero o problema non é que haxa medios para compartir esas cousas e que todo o mundo teña acceso a velas. Como á pornografía. Sabemos, cientificamente, do efecto de grupo para a non intervención. Hai múltiples experimentos que o demostran e algúns moi doados de reproducir e sen ningún risco vital. Non fas nada, cando estás en grupo, sexa ou non un grupo formal, cando ves algo que está mal o eu incorrecto, sen lugar a dúbidas, porque ninguén máis o fai. Pero se alguén toma a iniciativa, ademais de remediar, de xeito total as veces, esa maldade, hai unha boa parte dos demais que tamén deciden intervir. Este tipo de respostas sociolóxicas, nos son descoñecidas? Que teñen o seu orixe tamén na propia individualidade, a nivel psicolóxico. Ou nos da igual? Se a resposta á pregunta e esta última, ¿perdemos a nosa condición básica de humanidade?

Si que da para pensar unha cerimonia. Da que por outra banda, sinalaría que é un orgullo ver ás rapazas e ós rapaces avanzar na vida. Houbo quen quedou no camiño ou tivo que escoller outros. Mea culpa sempre para o sistema, nós, nunca para eles e elas. Para quen chegou ao final desta etapa de formación, co título de bachiller na man, camiño de universidades ou centros especializados para seguir aprendendo, parabéns! Ben, era o que tiñades que facer, amoldándovos ao que se vos impoñía e aceptando as condicións establecidas para validar esa titulación. O voso traballo, en certo sentido. Pero sabemos, deberíamos de saber, todas, canta renuncia supuxo e o esforzo antinatural que tivestes que desenvolver durante estes anos para conseguilo. Moitas e moitos saíches ben modeladas e modelados para responder ao que as esixencias do mercado vos vai formular de agora en diante. Ese é o fin definido do proxecto educativo xeral no que estivestes inmersas. Manifestado con claridade polos responsables políticos e asumido, mesmo aplaudido coas orellas polo colectivo de nais e pais que os votaron masivamente. Me consta que algunhas de vós tamén aproveitaches, por medios secundarios, para aprender como é a vida e empezar a formarvos como persoas, máis que para buscar a felicidade, esa entelequia disnei que xa descubririades que non existe. Todas o descubriredes en algún momento das vosas vidas. Se cadra cando menos o agardedes ou cando peor vos veña. Non o digo por mal. A vida ten posibilidades inmensas de aproveitala ben se somos quen de entendela, atopar a noso camiño nela e rodeármonos de xente boa e xenerosa. E outras moitas cousas que nos fan dubidar de onde nos meteron...

Empezando pola ridiculez da ABAU. Antes selectividade. Era ben máis evidente. Selección. Unha criba que pode deixar fóra do acceso aos estudos universitarios a quen se lle crucen mal as cousas neses días. Despois de levar anos preparándose para chegar. Pero que ademais está baseada en criterios memorísticos e de especialización en determinadas materias, cunha baremación vinculada ás notas de corte para o acceso a distintos estudos, máis ou menos valorados socialmente e sobre todo, con máis ou menos proxección laboral. De novo a mesma merda. Non valoran nada relativo á motivación que leva a unha rapaza ou a un rapaz a escoller determinadas formacións. Cando a motivación persoal, de rasgos vocacionais, debera ser o criterio fundamental tanto para escoller como para facilitar o acceso a eses estudos. Cambiar a idea de que o esforzo é un valor fundamental polo de que temos que facer na vida aquilo co que gocemos persoalmente. O cal non se traduce en renunciar ao traballo para conseguir algo como medio, pero nunca como fin en si mesmo, inspirador de toda a metodoloxía de aprendizaxe.

Seguirán faltando médicos de familia probablemente. Pero non faltarán médicos que exerzan especialidades nas súas clínicas privadas. Mesmo se fan a mesma prestación na sanidade pública. Co risco que iso implica. Haberá enxeñeiros informáticos a miles, especialista en novas tecnoloxías, robótica, deseño industrial... e menos filólogas, que poidan explicarnos como se di algo e porque, e axudarnos a defender o uso da nosa lingua, dígocho eu!. E menos filósofas que nos axuden a entender o sentido da vida. Menos artistas plásticas que nos transmitan a través dos nosos sentidos como é que se explica a existencia. Menos astrofísicas que investiguen e nos expliquen porque xurde a vida no universo, que difícil é que xurda e cantas cousas poden acabar con ela.

Moito de algo e pouco de todo, non é un bo equilibrio. Cousa está que, aprenderedes, é fundamental para poder vivir con certa sensación de estar facendo o que nos corresponde. 

En calquera caso, pasádeo ben e aprendede moito.