xoves, 31 de decembro de 2020

MORTAS


Ningunha vida vale máis que outra. Tampouco as mortes deberían ser máis importantes dependendo de quen, cando ou como sucederan. Non falo do curso natural da vida nos seus procesos, que é a todos os efectos desconsiderada cos nomes e apelidos e as súas circunstancias.


Mesmo aínda que decidíramos manter a pelexa por prolongar a vida, por enfrontármonos as excepcións mortais que ás veces afectan a ese curso. Isto é consecuencia lóxica de querer a vida, de darlle importancia ao tempo que nos corresponde pisar o planeta e respirar o seu aire. Sempre cando teñamos claro que, ás veces, hai que renderse nesa guerra. Rendición que só pode ser contemplada dende unha óptica particular e intransferíbel. Porque vivir, tamén implica para moitas de nós poder facelo con dignidade.


Non iso que se deu en chamar nesta sociedade occidental como calidade de vida, medida   de forma habitual por condicións externas, mais que pola propia percepción das capacidades persoais para poder seguir desenvolvendo os obxectivos vitais que cada unha nos temos formulado. Ou para poder facer a simple vida cotián.


Si que hai que falar de dereito á eutanasia, do mesmo xeito que hai que falar de rexeitar con radicalidade calquera tipo de xenocidio.


Sirva isto de introdución á cuestión da discusión sobre a cantidade de xente que morreu pola peste esta do Covid.


A todo isto, Bo Nadal. E xa habería que ir pensando en actualizarlle o apelido. E máis do 20 que do 19, non si? Pois agora que na España andan en abrir todo para celebrar a NaCovidad, dispostos a encher as rúas e os centros comerciais de xente ben protexida co campo de forza da máscara facial, todo sexa pola economía, a deusa do negocio no que se ven de converter esta festa, os medios propios e impropios braman contra das cifras de mortos non concordantes.


Hai moita intelixencia aparcada, tamén no xornalismo. Para min é evidente que tamén nas autoridades públicas, que non souberon no seu momento transmitir con claridade e veracidade como se ían contabilizando e porque si ou non. As que xa sabíamos que a única maneira de chegar a coñecer con certa exactitude cal vai ser a cifra de mortas, perdón, de persoas mortas, que non quero sumarme á perda de perspectiva, será coa revisión histórica das estatísticas de falecementos, pois non nos sorprendeu a rectificación dos datos públicos.


Que no seu momento non se fixera máis pedagoxía a respecto da cuestión estatística da pandemia, pode ser indicativo de mala fe, dun intento de ocultar información, da pretensión de non asustar máis ou de evitar a incerteza e o medo, o outro virus mortal para calquera sociedade, e tan malo para a santa deusa. Loado sexa o seu nome.


Todas teremos oportunidade de valorar todo o que se fixo cando pase algo de tempo. E coñecer dos análises e conclusións dende diversos aspectos por parte da comunidade científica. Non so no eido puramente vinculado coa saúde. Socioloxía. Matemática. Mesmo organización do territorio. Non é por quitarlle mérito a ninguén, pero para unha vez a dispersión de poboación característica da nosa terra está sendo un valor moi positivo?


Logo, con ese coñecemento máis detallado do sucedido, será tempo de tomar decisións electorais en consecuencia. E así como funciona, non si? Non o teño eu tan claro.


Primeiro vendo que nin por asomo somos quen aínda de falar abertamente dos nomes e apelidos das que foron asasinadas hai 75 anos, e das que asasinaron. De onde, como e cando. Dun e doutro lado da confrontación civil. Non son quen de imaxinar un enfrontamento máis escuro e terrible. A pequena escala, imaxino o que pode ser andar a tiros verbais e xestuais coas persoas coas que convivo e coa familia ampla da que formo parte. Imaxino ou lembro. Feridas que non son nada doadas de curar e das que sempre gardas cicatriz. E un proceso de análise, recoñecemento de responsabilidades e disposición a atopar camiños para recuperar a relación, complexo e longo. As emocións negativas sempre provocan mal tanto en quen as sente como en quen as padece. Os actos consecuentes desas emocións adoitan facer mal sobre todo a quen sufre a violencia. É esta última a que define quen é a vítima, quen o executor. Non ao revés.


A un evento como unha guerra civil é preciso enfrontarse sen emocións no análise histórico. Intentalo. Seica mesmo a analistas estranxeiros lles supuxo un esforzo, cando empezaron a coñecer os pequenos detalles. Pero é fundamental facelo así, e contar con toda a información dispoñible e buscar todas as aclaracións necesarias. Non para pasar factura. A lei debe encargarse diso, se é preciso, non a política.


Pero tampouco habería que irse tan lonxe para pensar en sucesos ou acontecementos que deberan ser clarificados na súa totalidade e que non foron resoltos. De xeito fundamental aos ollos das vítimas e as persoas relacionadas con elas, pero tamén dende o punto de vista da sociedade civil en xeral: Prestige, Metro de Valencia, Angrois, GAL,.. Así non se fai xustiza. Así non se pode falar de democracia.


E por outra banda, sinto ter que repetir de novo que os medios de comunicación xerais, son parciais, para un lado, para outro. Non fiables en consecuencia para ser administradores da verdade informativa. Levan tempo convertidos en panfletos de transmisión de opinións políticas. E non pasaría nada de recoñecelo abertamente, pero intentan disfrazar e mesturar a opinión coa información, alimentando masas polarizadas en extremos que seguiran consumindo un tipo de material comunicativo e nunca o outro.


Logo está a cuestión de elixir e deixar facer. Tampouco iso é democracia. Tanto por unha parte como por outra. Para que unha sociedade complexa funcione, non chega con que haxa tres poderes ben diferenciados. Eu estou afirmando dende hai un tempo que o cuarto poder xa está colectivizado grazas aos medios sociais, pero tamén está diluído na maraña de información sen procedementos de verificación. E tamén percibo que empeza a estar mesturado coa dimensión cada vez máis grande que está tomando nas sociedades occidentais o tempo de lecer. As consignas ideolóxicas que as emisións de ficcións están transmitindo son vagamente percibidas polo conxunto maioritario das masas consumidoras. E van calando nos espazos baleiros de lectura, arte e reflexión que se amplían nos cerebros. Non sei se iso se podería chamar alienación ou chega con dicir vulgarización.


Para que unha sociedade complexa funcione, non chega con votar e marchar para a casa. Hai que seguir a política. Aceptar que non se pode escapar dela. Decide sobre todo o que acontece nas nosas vidas. Decide sobre as leis que nos protexen ou nos condenan. Sobre os fondos que imos ter para poder atender as escolas ou abandonalas. Os hospitais. As axudas para que as empresas poidan seguir competindo. Os muros que levantamos para que non entren unhas e as portas que abrimos para que pasen outras. Se terás apoio cando quedes sen traballo ou se te podes ir preparando para vender un ril ou matar o fígado. Se me poden roubar a vida para venderlla a unha empresa ou é miña, e de ninguén máis. E tantas outras cousas.


Poñerse na posición de ser apolítico, tamén é facer política, por certo. Normalmente a de seguirlle o xogo a quen estea no poder de quenda, que vai ter tendencia a aceptar o lambido de cu sen reparos. Disto tamén coñecemos un lote de exemplos en todos os eidos. Só hai que mirar un pouco máis aló da conveniencia particular para percibilo.


Entón, postos a escoller ser persoa política, a ferramenta básica para exercer como tal é formar parte de organizacións, entidades, asociacións, coa premisa básica de que teñan procedementos ben definidos de participación aberta e democrática, con circulación de información, pero entendendo tamén as necesidades orgánicas de funcionamento, que en calquera momento teñen que poder ser revisadas por quen queira facelo. Non, non falo de xerarquías, falo de organización do funcionamento interno e da representación pública.

Outorgarlle a persoas coma nós a potestade subrogada de tomar as decisións inmediatas, partindo de normativas e acordos, e sometidas a revisión, polos órganos internos designados e polo conxunto do colectivo. Executivo, lexislativo, xudicial e soberanía popular. Así se practica para entender como funciona. E de paso, atendemos a aspectos da vida social que nos afectan ou interesan. E xunto con outras entidades elevamos propostas, sinalamos camiños, propoñemos alternativas. En calquera momento ou lugar, sen ter que agardar a que pasen os catro anos.


Mágoa que non haxa práctica nestas cousas. Nin intención de que se produza. Nin gañas por parte da maioría da poboación. Non sei se agora tería que volver a falar de modelos educativos...

Veña 21 que xa te está facendo moito de rogar!

xoves, 10 de decembro de 2020

PRIVILEXIOS


Vivimos nun País de bares. Imaxino que esa é a razón principal de botalos tanto a faltar. Nun País de festas tamén. Será por iso que non somos quen de deixar de festexar. Tanto nun caso como noutro, gústanos compartir a nosa felicidade finxida, ás veces tamén a real. Canto máis ruído, máis felices somos. E canta máis xente xunta máis nivel de felicidade. Sobre todo é importante que todo o mundo o vexa, aínda que non sexa certo. Dou en pensar aquí do grande éxito das redes sociais como escaparate vital.

Eu, na miña miseria líquida, como hai tempo que decidín deixar de selo, feliz digo, non son moi asidua de bares e festas, salvo raras excepcións nas que dignifico o espazo ou o evento coa miña presenza, igual que o faría se non estivera... 

Non vou dicir nada a respecto de que nivelaso de País temos cando o fundamental da nosa economía ven sendo iso.

Pero ademais coido que vivimos nunha sociedade de privilexios. Digo en toda esta parte do Norte intermedio do mundo occidental. Aínda que con matices en cada country, claro está. Todas consideramos que temos dereito a todo e miramos como poder librarnos dos deberes correspondentes, nunha ou noutra medida. Dáme máis. Cada unha de nós esixe o cumprimento dos seus dereitos individuais. Sen decatármonos de que todos eles, algúns recollidos nas nosas lexislacións superiores, os temos como constituíntes do colectivo denominado Humanidade. Declaración dos Dereitos Humanos. En plural, non só porque son varios. Se só existira unha persoa no mundo, non necesitaríamos ter tal declaración. Ben, é o meu punto de vista.

Pois, como hai moita xente no mundo que non ten na práctica eses dereitos, para as que si os temos convértense en privilexios. No mundo é a rúa na que vivimos, o barrio, a cidade. Non hai que irse moi lonxe. Traballo, vivenda, manutención, acceso á información, acceso á cultura, saúde... Paro, contratos lixo, desaloxos, infravivenda, banco de alimentos, cociñas económicas, brecha dixital, analfabetismo funcional dixital, exclusión cultural, racismo cultural, exclusión dos sistemas de saúde pública, modelos privados de xestión sanitaria,...

E non citei á mantenta dous aspectos: Educación e Economía. Que merecen un aparte máis detallado. É necesario mudar o modelo económico radicalmente. Pero para conseguilo é preciso un cambio radical nos modelos de Educación.

Cal pode ser a razón de que nesta situación pandémica as autoridades teñan que tomar medidas drásticas para conter a propagación sendo que todas coñecemos o que hai que facer e o que non para evitar os contaxios? A resposta é porque saben que pola nosa propia responsabilidade colectiva non imos cumprir. E neste caso, para que a máquina económica siga funcionando é imprescindible a implicación de todas nese cumprimento.

Este comportamento é fundamentalmente un problema de educación. De educación social. Vou poñer por diante que neste ano repetido todo o sistema científico e sanitario foi aprendendo cousas da nova enfermidade, e tentando atopar explicacións e tratamentos paliativos no camiño, para salvar canta vida fora posible, a espera de conseguir o milagre da vacina. O nivel de traballo de ambos colectivos neste tempo polo que unha vai lendo nas diversas publicacións científicas e médicas foi e segue sendo permanente e intenso. E compartido. Non podía ser doutro xeito. Foron entendendo as pautas de propagación e indicando as medidas a tomar para protexérmonos. Descubriron o baixo factor K deste virus e empezaron a falar dos grandes contaxiadores, cousa que pouco se menciona nos medios de comunicación abertos. Supoño que de insistir niso, habería quen tomaría medidas para localizar, sinalar e illar persoas concretas. Perigo de estigmatizar, discriminación e coerción de liberdades fundamentais. O que si fan e illar sitios concretos. Pechar locais e poñer perímetros as zonas. Cando parece demostrado que o único que si funcionou para deter a onda no seu momento foi que todo o mundo quedara na casa. Dese xeito, as que non eramos contaxiadoras e as que si, de xeito maioritario non tiñamos contacto con ninguén.

Sendo que non tiveramos esa percepción de poñer o noso dereito individual por diante e por riba dos colectivos, abondaría con identificar quen contribúe en altas porcentaxes ao espallamento, explicarllo cientificamente e pedirlle que quedara na casa o tempo que fora necesario coas atencións e coberturas que foran precisas. Como que che da a risa? Porque non habería de facelo voluntariamente? Se salvaría centos ou miles de vidas. Aforraría dificultades para todo o sistema de saúde. Evitaría colapsos económicos importantes, despidos, peches de empresas.

Entón, si é un problema de Educación Social?

Os xestores públicos, deste ou do outro signo, saben ben que si. A administración no seu conxunto leva décadas apoiando un xeito de entender as relacións sociais baseado na idea de primeiro eu despois os demais. De solucióname este problema que afecta ao gozo do meu xeito de vida e os meus privilexios adquiridos pero non interveñas estruturalmente para cambiar as causas polas que o problema nace, crece e se reproduce. O cambio ten que ir cara a son importante non só porque existo senón por que existo nunha comunidade en interrelación xa a niveis globais. Son quen de renunciar voluntariamente aos meus pequenos privilexios para conseguir que todas teñamos o dereito que eu xa posúo temporal ou parcialmente. O ben común traerá como consecuencia inevitable mellorar a miña calidade de vida individual. Non ten que ser primeiro un e despois o outro, teñen que suceder conxuntamente, no tempo e no espazo.

É nese sentido no que todo o proceso social da Educación, incluído o Ensino, debera radicalizarse. Podería ser que a parte privada deste, puidera contribuír tamén a ese novo xeito de entender as relacións sociais na práctica, pero os seus modelos non se aproximan para nada a esa concepción, e xa que logo, a empresa debe ser fundamentalmente pública. Da moito noxo ver á xentiña manifestándose por un suposto dereito á liberdade de elección das nais e pais a respecto de que educación lle queren dar aos seus fillos e ás súas fillas. O dereito á Educación é de quen a vai recibir, das pequenas e dos pequenos, non dos seus proxenitores. Que non teñen na súa grande maioría a capacidade para entender como é mellor desenvolvela. Como non son quen de decidir un diagnóstico médico sobre unha enfermidade que lles afecte ou cal debe ser o tratamento que lles corresponda. Iso o dí a Medicina. O outro a Pedagoxía, a Didáctica, a Psicoloxía, a Socioloxía. Pero para esta que escrebe, non é realmente ese dereito o que defenden. E iso non é algo só aplicable a quen manda aos seus fillos e ás súas fillas a centros privados. Tamén aos públicos. Todo o sistema está organizado para solucionar un problema. O de non ter onde deixalos mentres eu atendo á miña vida, a profesional especificamente.

A concepción dun modelo de ensino coma  o que formulo, implica que todo o que aconteza no seu ámbito debe estar en función do que as ciencias correspondentes indiquen, cos medios que sexan necesarios dispor para o conxunto da poboación en idade de ser o seu suxeito, co acordo de base de todos os colectivos implicados e coa participación aberta durante todo o proceso en condicións igualitarias, nun xeito de toma de decisións compartido, cun procedemento de aprendizaxe que reflicta esa concepción. Cooperación, comunicación, integración, atención as casuísticas individuais. Non se pode ensinar o que non se practica. E non estaría baseado evidentemente no de ter locais e persoal para entretelos e darlles de almorzar e xantar mentres eu ando a outras cousas. Nada de utilitarismo. Moito de aprender a analizar e entender a realidade sen dogmas previos, para ter a capacidade de decidir con liberdade e responsabilidade. Menos currículo e máis crecemento persoal.

Este modelo, mudaría tamén o sistema económico xeral. A actividade extractiva, a de investigación, a produtiva xa non estarían dirixidas á obtención de beneficios para unha determinada empresa ou grupo. Tampouco á creación de emprego. Este último é un dos falsos mantras da economía capitalista. Este nunca foi o obxectivo da economía de mercado. É unha necesidade ineludible, que sempre que sexa posible buscará conseguir do xeito máis barato e cos menores dereitos adquiridos para quen ocupe o posto de traballo. E sempre e cando non haxa unha máquina que poida facer o mesmo que unha persoa, incluso con peores calidades ou en máis tempo. Xa non digamos se o fan mellor e máis rápido. O outro mantra é o de que o traballo dignifica á persoa. Mesmo que para realizarse na vida hai que desenvolver un traballo, produtivo se entende e cunha relación económica. Non tal. Facer algo co que goces, que teña sentido no persoal e no social, que supoña unha continúa evolución e aprendizaxe vital, que permita desenvolver todas as capacidades individuais e conxuntalas coas de outras persoas para un obxectivo común si que sería constituír forza de traballo. E non precisaría enormes remuneracións nin grandes recoñecementos. No novo modelo, esta segunda opción sería a base do sistema.

Traballar por pracer. O que sempre se interpretou como vocación. Pero non imaxinemos que isto suporía non padecer facendo o que un gusta. Cando estableces un compromiso persoal con aquilo ao que te adicas profesionalmente, non tes que esforzarte para facer as cousas mellor, pero igualmente tes que adicarlle parte do teu tempo vital, que non deberamos esquecer que é o que vendemos, e sempre é limitado, condición da vida, un principio e un final. Tamén gastas das túas enerxías. E cando che gusta o que fas, sempre vas intentar facelo o mellor posible. Ir máis aló. E  hai que aprender a parar. A deixar a ocupación a un lado para atender a todo o que é preciso para seguir evolucionando como persoa. Especialmente ás relacións que estableces con outras, no grado que decidas e nas condicións que acordedes mutuamente. Tamén á cultura, ao xogo, á creación estética,... mesmo a pararse a ver xirar o mundo sen facer nada. Puntos de equilibrio.

Eu son quen de imaxinar ese mundo. Onde todo o que se faga teña como obxectivo a mellora das condicións vitais de cada un, do conxunto da humanidade e de todo o planeta. Non acumular. Non consumir. Non destruír.

Temos unha ocasión única para poñer a andar un novo xeito de facer as cousas, aprendendo do que está a acontecer agora mesmo. Xa non existe a posibilidade de illarse  do resto do mundo. O principio de inmunización colectiva no que se basea a protección contra as enfermidades pola aplicación masiva de vacinas, ten que ser estendido a todo o resto dos aspectos da sociedade humana. Non hai protección individual, en ningún sentido, se non existe a colectiva. Que a xente da fábrica de botóns de Kuala Lumpur quede sen ocupación é malo para as mariscadoras a pe da Ría de Arousa. E se o planeta sufre nos imos ter dores crónicos. Ben, xa os estamos tendo probablemente.