sábado, 20 de agosto de 2022

MACARRA

 
Son unha macarra conducindo. Teño que recoñecelo. Non de xeito automático. Cando subo ao coche, para ir, para vir, o fago como cando acendo o ordenador. Voume poñer ao mando dunha ferramenta que me axuda a facer algo que quero. Os ordenadores matan? Casos haberá. Os coches matan. Si. Aos de dentro e aos de fóra. Vale, si. Non os coches. As cousas que facemos con eles, matan. Ás veces. Presumen moito os dos avións que só cae un de cada 127.897 vos. Pero anda que non hai coches circulando polo mundo todos os días. Motos. Furgonetas. Camións. E agora tamén patíns eléctricos e outros trebellos similares. Silenciosos. Que non avisan.

Non automaticamente. Pero en canto me poño en situación.... este que pasa de poñer o intermitente, aquela que acelera cando a vou adiantar, despois de ir 20 por debaixo do que podería nos últimos 5 quilómetros, o que se queda no bordo da beirarrúa diante dun paso de peóns sen decidirse a montar a tenda de campaña ou cruzar.... e xa me transformo. Insulto sen que ninguén poida escoitarme, o son non viaxa á velocidade da luz da carraxe, acelero e adianto por onde me cadra, fago carreiras, dou as luces, toco o bucina, bérrolle a alguén.

De onde me ven? Seguro que as ciencias da humanidade poden dar resposta detallada a esta cuestión. Eu coido que é algo semellante ao que pasa con internet.

O anonimato entre aspas. A do aleatorio de que non te vas volver a cruzar na túa p. vida con esa ou ese ao que lle fixeches unha circulando. Caghona! Pero tamén a sensación de poder. O teño visto tamén nalgúns motoristas e motoristos, que levan os cabalos practicamente entre as pernas. Máis preto do cerebro real. Poder.

Manexas un conxunto de mecanismos e estruturas que che permiten unha mobilidade contra natura. 120 quilómetros á hora. Que corpo humano resistiría algo así por si mesmo. Pero vas acollida. Nunha casca que che da certa sensación de seguridade tamén. Certa cada vez máis, todo hai que dicilo. 1.200 quilos ou máis.

Ao teu mando. Que obedecen as túas instrucións dentro dos parámetros da física newtoniana. Poder. Podería pasarlle por enriba a esa vella. Mandar a tomar polo aire ao p. ciclista. Enfrontarme nun do con lanzas a ese que ven cara a min polo outro carril. Mirándome mal. Seino.

Poder. Que ás veces transforma á xente. Eu xa sei que nunca debería telo. Para nada. Comeríame viva. Non renuncio a aprender a manexalo. A ser consciente do que significa e ofrecer unha resposta de comportamento distinta. Pero eludo ter que asumir calquera circunstancia na que me poida sentir empuxada a manifestar a miña natureza despótica natural. A que ten todo o mundo? Todas e cada unha das persoas? Non o creo. Sería aterrador pensar que sempre que poñamos alguén ao mando de algo, acabe sendo quen mande, sen contar con ninguén, máis que consigo mesma. Non sei se me explico ben. Ou quizais non. Non sexa aterrador. Sexa funcional. Non teño tempo, interese nin gañas en ter que participar na toma de decisións. Delego en alguén para que o faga. Xa me queixarei despois. E non hai ditadora que non acabe deixando de selo. Antes ou despois. Sería aterrador. Penso máis ben que esa ciencia, Esa Ciencia! podería axudarnos facendo algún tipo de proba que puidera diferenciar a quen ten ese xen de aquí mando eu de quen ten o de imos decidir xuntas. E aos primeiros limitarlles o acceso a determinadas cousas, carné de ghiar incluído, a non ser que superasen un curso previo de educación emocional de 500 horas, cunha parte práctica en ambientes controlados. E o mesmo podería ser para quen se presentara en calquera eido a un cargo de representación. 

Habería que modificar leis, por exemplo a da propiedade vertical ou a electoral. E de paso, iniciar campañas masivas de vacinación contra do mal de altura do poder. Esa Ciencia! Que ten que vir acompañada de certo sentimento. Non sei se fe, en si mesma e no conxunto da súa práctica, tamén na humanidade á que sirve e da que emana. As plantas non se estudan a si mesmas, de xeito sistemático, por poñer un exemplo. E que é a que nos pode dicir como é mellor facer algo ou como non é recomendable facelo. Co que sabe en cada momento. A ciencia política e as súas derivacións tamén. O da lei e iso... Os lexisladores definen unhas condicións para desenvolverse no roce social. Estudadas, que si. Aínda que pode parecer as veces que o fan ao chou. Por iso a miña compañeira, que non é nada macarra nunca conducindo, agradece saber por que lado ten que ir, con que cor ten que parar ou con cal avanzar nun semáforo, para que son as raias esas cruzadas amarelas que hai pintadas nalgúns sitios, e cousas así. Agradece moito o da sinal octogonal. Inconfundible. Así non ten que estar decidindo que facer cada vez que se move motorizada.

A miña compañeira, aproveitase da clara definición desas normas, con múltiples indicacións visuais por todas partes, para non ter que apelar ao sentido común para conducir. Sería raro, verdade, que alguén dixera algo así: é de sentido común parar nun cruce onde non tes visibilidade apenas para ver con calma se ven alguén dun lado ou doutro antes de incorporarte a esa vía. Penso que para iso están os conxuntos de normas establecidas para un entorno físico ou temporal definido.

Claro, para algunhas cousas é relativamente doado facelo, para outras moi complicado. En algúns eidos poden ser adaptables, contando con quen sexan as persoas afectadas e coa esixencia de cumprir os principios básicos cos que foron creadas. En eidos moi pequenos...

O que non é aceptable e deixalo todo a como vaia saíndo da ocorrencia de cada quen. E se cadra tampouco debera selo que sexa da ocorrencia de moitos, maiorías ou minorías. Porque na masa o síndrome de Estocolmo do poder secuestra os pareceres individuais polo efecto ese de eu non digo nada por non molestar e xa o dirá outro, non é por quedar ben, nin mal. Non o é, efectivamente, son procesos psico-sociolóxicos. Entón, quizais habería que darlle potestade sempre a un comité de escoitadoras e escoitadores. Independente. Independente de verdade. Con persoas liberadas ou que liberemos de poder ser manipuladas por calquera poder mortal ou inmortal. En cada eido. Xente que por práctica vital ou por condición persoal teñan por costume non deixar de escoitar nada e tentar entender todas as alternativas que se poidan formular en relación a un asunto concreto. E que despois conten pública e notoriamente a que conclusións chegaron.

E non, non digo eu de volver a antigos sistemas de decisión. Non digo tampouco o de pasar de partidos, organizacións sindicais e outras da sociedade civil. Todas imprescindibles. Para un modelo de participación fundamentais. Digo de avanzar en procesos de decisión que impliquen máis a todo o mundo en cada un dos seus campos de interese e coñecemento. Case diría que obriguen a empolicarse. Para que o persoal non deixe todo en mans de quen non sabemos se vai acabar sendo un dos afectados polo ofuscación do poder ou non. Até que empecemos a sabelo claro.

No meu caso, descártome voluntariamente até que non pase a formación. Collerei o bus e non me presentarei a máis eleccións. Decidido.