sábado, 22 de xuño de 2024
NORMALIZACIÓN
sábado, 18 de xuño de 2022
CERIMONIAS
xoves, 10 de decembro de 2020
PRIVILEXIOS
Eu, na miña miseria líquida, como hai tempo que decidín deixar de selo, feliz digo, non son moi asidua de bares e festas, salvo raras excepcións nas que dignifico o espazo ou o evento coa miña presenza, igual que o faría se non estivera...
Non vou dicir nada a respecto de que nivelaso de País temos cando o fundamental da nosa economía ven sendo iso.
Pero ademais coido que vivimos nunha sociedade de privilexios. Digo en toda esta parte do Norte intermedio do mundo occidental. Aínda que con matices en cada country, claro está. Todas consideramos que temos dereito a todo e miramos como poder librarnos dos deberes correspondentes, nunha ou noutra medida. Dáme máis. Cada unha de nós esixe o cumprimento dos seus dereitos individuais. Sen decatármonos de que todos eles, algúns recollidos nas nosas lexislacións superiores, os temos como constituíntes do colectivo denominado Humanidade. Declaración dos Dereitos Humanos. En plural, non só porque son varios. Se só existira unha persoa no mundo, non necesitaríamos ter tal declaración. Ben, é o meu punto de vista.
Pois, como hai moita xente no mundo que non ten na práctica eses dereitos, para as que si os temos convértense en privilexios. No mundo é a rúa na que vivimos, o barrio, a cidade. Non hai que irse moi lonxe. Traballo, vivenda, manutención, acceso á información, acceso á cultura, saúde... Paro, contratos lixo, desaloxos, infravivenda, banco de alimentos, cociñas económicas, brecha dixital, analfabetismo funcional dixital, exclusión cultural, racismo cultural, exclusión dos sistemas de saúde pública, modelos privados de xestión sanitaria,...
E non citei á mantenta dous aspectos: Educación e Economía. Que merecen un aparte máis detallado. É necesario mudar o modelo económico radicalmente. Pero para conseguilo é preciso un cambio radical nos modelos de Educación.
Cal pode ser a razón de que nesta situación pandémica as autoridades teñan que tomar medidas drásticas para conter a propagación sendo que todas coñecemos o que hai que facer e o que non para evitar os contaxios? A resposta é porque saben que pola nosa propia responsabilidade colectiva non imos cumprir. E neste caso, para que a máquina económica siga funcionando é imprescindible a implicación de todas nese cumprimento.
Este comportamento é fundamentalmente un problema de educación. De educación social. Vou poñer por diante que neste ano repetido todo o sistema científico e sanitario foi aprendendo cousas da nova enfermidade, e tentando atopar explicacións e tratamentos paliativos no camiño, para salvar canta vida fora posible, a espera de conseguir o milagre da vacina. O nivel de traballo de ambos colectivos neste tempo polo que unha vai lendo nas diversas publicacións científicas e médicas foi e segue sendo permanente e intenso. E compartido. Non podía ser doutro xeito. Foron entendendo as pautas de propagación e indicando as medidas a tomar para protexérmonos. Descubriron o baixo factor K deste virus e empezaron a falar dos grandes contaxiadores, cousa que pouco se menciona nos medios de comunicación abertos. Supoño que de insistir niso, habería quen tomaría medidas para localizar, sinalar e illar persoas concretas. Perigo de estigmatizar, discriminación e coerción de liberdades fundamentais. O que si fan e illar sitios concretos. Pechar locais e poñer perímetros as zonas. Cando parece demostrado que o único que si funcionou para deter a onda no seu momento foi que todo o mundo quedara na casa. Dese xeito, as que non eramos contaxiadoras e as que si, de xeito maioritario non tiñamos contacto con ninguén.
Sendo que non tiveramos esa percepción de poñer o noso dereito individual por diante e por riba dos colectivos, abondaría con identificar quen contribúe en altas porcentaxes ao espallamento, explicarllo cientificamente e pedirlle que quedara na casa o tempo que fora necesario coas atencións e coberturas que foran precisas. Como que che da a risa? Porque non habería de facelo voluntariamente? Se salvaría centos ou miles de vidas. Aforraría dificultades para todo o sistema de saúde. Evitaría colapsos económicos importantes, despidos, peches de empresas.
Entón, si é un problema de Educación Social?
Os xestores públicos, deste ou do outro signo, saben ben que si. A administración no seu conxunto leva décadas apoiando un xeito de entender as relacións sociais baseado na idea de primeiro eu despois os demais. De solucióname este problema que afecta ao gozo do meu xeito de vida e os meus privilexios adquiridos pero non interveñas estruturalmente para cambiar as causas polas que o problema nace, crece e se reproduce. O cambio ten que ir cara a son importante non só porque existo senón por que existo nunha comunidade en interrelación xa a niveis globais. Son quen de renunciar voluntariamente aos meus pequenos privilexios para conseguir que todas teñamos o dereito que eu xa posúo temporal ou parcialmente. O ben común traerá como consecuencia inevitable mellorar a miña calidade de vida individual. Non ten que ser primeiro un e despois o outro, teñen que suceder conxuntamente, no tempo e no espazo.
É nese sentido no que todo o proceso social da Educación, incluído o Ensino, debera radicalizarse. Podería ser que a parte privada deste, puidera contribuír tamén a ese novo xeito de entender as relacións sociais na práctica, pero os seus modelos non se aproximan para nada a esa concepción, e xa que logo, a empresa debe ser fundamentalmente pública. Da moito noxo ver á xentiña manifestándose por un suposto dereito á liberdade de elección das nais e pais a respecto de que educación lle queren dar aos seus fillos e ás súas fillas. O dereito á Educación é de quen a vai recibir, das pequenas e dos pequenos, non dos seus proxenitores. Que non teñen na súa grande maioría a capacidade para entender como é mellor desenvolvela. Como non son quen de decidir un diagnóstico médico sobre unha enfermidade que lles afecte ou cal debe ser o tratamento que lles corresponda. Iso o dí a Medicina. O outro a Pedagoxía, a Didáctica, a Psicoloxía, a Socioloxía. Pero para esta que escrebe, non é realmente ese dereito o que defenden. E iso non é algo só aplicable a quen manda aos seus fillos e ás súas fillas a centros privados. Tamén aos públicos. Todo o sistema está organizado para solucionar un problema. O de non ter onde deixalos mentres eu atendo á miña vida, a profesional especificamente.
A concepción dun modelo de ensino coma o que formulo, implica que todo o que aconteza no seu ámbito debe estar en función do que as ciencias correspondentes indiquen, cos medios que sexan necesarios dispor para o conxunto da poboación en idade de ser o seu suxeito, co acordo de base de todos os colectivos implicados e coa participación aberta durante todo o proceso en condicións igualitarias, nun xeito de toma de decisións compartido, cun procedemento de aprendizaxe que reflicta esa concepción. Cooperación, comunicación, integración, atención as casuísticas individuais. Non se pode ensinar o que non se practica. E non estaría baseado evidentemente no de ter locais e persoal para entretelos e darlles de almorzar e xantar mentres eu ando a outras cousas. Nada de utilitarismo. Moito de aprender a analizar e entender a realidade sen dogmas previos, para ter a capacidade de decidir con liberdade e responsabilidade. Menos currículo e máis crecemento persoal.
Este modelo, mudaría tamén o sistema económico xeral. A actividade extractiva, a de investigación, a produtiva xa non estarían dirixidas á obtención de beneficios para unha determinada empresa ou grupo. Tampouco á creación de emprego. Este último é un dos falsos mantras da economía capitalista. Este nunca foi o obxectivo da economía de mercado. É unha necesidade ineludible, que sempre que sexa posible buscará conseguir do xeito máis barato e cos menores dereitos adquiridos para quen ocupe o posto de traballo. E sempre e cando non haxa unha máquina que poida facer o mesmo que unha persoa, incluso con peores calidades ou en máis tempo. Xa non digamos se o fan mellor e máis rápido. O outro mantra é o de que o traballo dignifica á persoa. Mesmo que para realizarse na vida hai que desenvolver un traballo, produtivo se entende e cunha relación económica. Non tal. Facer algo co que goces, que teña sentido no persoal e no social, que supoña unha continúa evolución e aprendizaxe vital, que permita desenvolver todas as capacidades individuais e conxuntalas coas de outras persoas para un obxectivo común si que sería constituír forza de traballo. E non precisaría enormes remuneracións nin grandes recoñecementos. No novo modelo, esta segunda opción sería a base do sistema.
Traballar por pracer. O que sempre se interpretou como vocación. Pero non imaxinemos que isto suporía non padecer facendo o que un gusta. Cando estableces un compromiso persoal con aquilo ao que te adicas profesionalmente, non tes que esforzarte para facer as cousas mellor, pero igualmente tes que adicarlle parte do teu tempo vital, que non deberamos esquecer que é o que vendemos, e sempre é limitado, condición da vida, un principio e un final. Tamén gastas das túas enerxías. E cando che gusta o que fas, sempre vas intentar facelo o mellor posible. Ir máis aló. E hai que aprender a parar. A deixar a ocupación a un lado para atender a todo o que é preciso para seguir evolucionando como persoa. Especialmente ás relacións que estableces con outras, no grado que decidas e nas condicións que acordedes mutuamente. Tamén á cultura, ao xogo, á creación estética,... mesmo a pararse a ver xirar o mundo sen facer nada. Puntos de equilibrio.
Eu son quen de imaxinar ese mundo. Onde todo o que se faga teña como obxectivo a mellora das condicións vitais de cada un, do conxunto da humanidade e de todo o planeta. Non acumular. Non consumir. Non destruír.
Temos unha ocasión única para poñer a andar un novo xeito de facer as cousas, aprendendo do que está a acontecer agora mesmo. Xa non existe a posibilidade de illarse do resto do mundo. O principio de inmunización colectiva no que se basea a protección contra as enfermidades pola aplicación masiva de vacinas, ten que ser estendido a todo o resto dos aspectos da sociedade humana. Non hai protección individual, en ningún sentido, se non existe a colectiva. Que a xente da fábrica de botóns de Kuala Lumpur quede sen ocupación é malo para as mariscadoras a pe da Ría de Arousa. E se o planeta sufre nos imos ter dores crónicos. Ben, xa os estamos tendo probablemente.
martes, 9 de xuño de 2020
COMUNICADOS
O Colectivo de Usuarias/os Non Habituais de Algunhas O-Rotondas*, CUNHAO, reuniuse na última semana no Pavillón de Mostras do Incio para falar sobre a problemática común a todas as persoas integrantes, que entendemos o será tamén do resto de condutoras e condutores, tanto non profesionais como si.
1. Existen O-Rotondas que interceptan até 17 vías de comunicación a un tempo. Sempre pensamos inicialmente que o número de vías que desembocaban ou saían dunha O-Rotonda debera ser par. Pero non é necesariamente así. Hai camiños que non teñen volta. A media Estatal é de 8 vías. Pero constatamos a existencia de algunha de 1 soa vía. Fin de traxecto.
2. A diario acceden ás O-Rotondas de toda a República 67.342.152 vehículos. A media de acceso por vehículo é de 1,72 veces. O tempo medio de uso da O-Rotonda é de 32 segundos. Un total de 65.724.008 vehículos saen de unha O-Rotonda cada día. A diferencia entre a cifra de acceso e saída correspóndese coa negativa a repetir (45%), avaría mecánica posterior (22%) e busca de alternativas de paso (11%). A porcentaxe restante son casuísticas que non chegan ao 10% e non imos recoller aquí.
3. Hai unha O-Rotonda por cada 37 kms de vías de comunicación. O traxecto máis longo se atopar ningunha é de 142 kms, na Autoestrada Vigo-Lugo. O máis curto é na estrada comarcal entre Pinto e Valdemoro, con 0,3 km de separación.
4. 5 de cada tres condutores/as confesan non ter claro cal é a práctica correcta de uso do cambio de marchas durante a circulación por unha O-Rotonda.
- Establecer un límite máximo de vías de acceso/saídas para as O-Rotondas por construír. Propoñemos 11.
- Numerar as vías de acceso e saída de cada O-Rotonda en orde inverso ao movemento das agullas do reloxo. Deste xeito poderase verificar que todo o mundo sae da O-Rotonda por un número inferior ao que entrou.
- Instalar un sistema de guía dirixida por láser para todos os vehículos comercializados a partir de agora, para o control de entrada e saída dunha O-Rotonda.
- Implementar un sistema de pago de tránsito lento ou inadecuado nas O-Rotondas.
- Aprobar a lexislación pertinente para a obtención do título de O-Rotondeiro/a habilitado e impedir o uso das O-Rotondas a quen non dispoña de tal habilitación.
- Supresión inmediata das O-Rotondas a dous ou máis niveis. Non hai xustificación para unha discriminación semellante. Empezase por algo así e acábase poñendo gasolineiras para vehículos zurdos de depósito.

Ante as continuas agresións á nosa condición de traballadoras, decidimos organizarnos no CORTEGADA, o Colectivo Radical de Teletraballadoras Galegas De Acotío.
Na primeira xuntanza virtual organizada na noite do mércores 27 de maio de 2020, entre as 21 e 24 hs, na que verificamos a identificación para participar de 1312 persoas do colectivo profesional, vinculadas a 73 empresas distintas, acordouse a constitución da entidade como sindicato profesional e encargouse a elaboración dos Estatutos da organización a un grupo de traballo con participación aberta. Asemade, tomouse a decisión de convocar unha nova xuntanza do colectivo, tamén por un sistema de conexión en liña, para o xoves, 28 de maio do 2020, ás 19 hs coa seguinte orde do día.
- Valoración do borrador de Estatutos.
- Elección das persoas que deben figurar na acta de constitución como equipo directivo da entidade.
- Proposta de creación de grupos de traballo para os seguintes puntos:
- Nacionalización do sector de actividade de teletraballadoras.
- Medidas de protección psico-sanitaria.
- Parámetros de cálculo das compensacións por exceso de traballo.
- Depuración de contidos dos protocolos de medición da rendibilidade dos tempos de traballo.
- Etiqueta de atención, intimidade e espazos de traballo.
A secretaria xeral, oídas as diversas propostas do colectivo e especificamente atendendo aos primeiros resultados dos debates nos grupos de traballo, acorda convocar ao colectivo ao completo para unha xuntanza telemática, a celebrar o 29 de maio de 2020, a partir das 19 hs.
Rematada esta sesión ás 05 hs do sábado 30 de maio, emitimos o seguinte comunicado dos acordos da reunión, que será enviado tanto ás direccións das empresas como ás administración públicas que atende á actividade.
1. Metédevos as cámaras de control polo cu. E logo lambédeas. Se vos parece que vos gusta repetide. E se vos gusta moito, vos podemos mandar tamén mostras de feces envasadas ao baleiro para que teñades a oportunidade de ir probando outros sabores.
2. Ao primeiro/a que se ocorra dicir que non estamos cumprindo o rateo de chamadas, lle faremos tragar vintecinco esponxas de auricular e outras tantas de micro, usadas, suadas, con caspa e esputos indetectábels.
3. Como haxa outra redución de persoal para equilibrar artificialmente o resultado de leads con chamadas, escolleremos alguén da dirección da empresa correspondente para que camiñe sen calzado nin calcetíns por un fío de liña telefónica engraxado tendido entre dous edificios de 12 andares separados polo menos por 300 metros de distancia, espazo no que só haxa un enorme xardín de toxos bordeado por crocodilos lacoste.
4. Até que se produza a necesaria nacionalización do sector de actividade de teletraballo, continuaremos alternando sopapos dirixidos ao primeiro fodechinchos directivo masculino ou feminino que pense que ten algo que dicir sobre a calidade do noso traballo con botelliñas desas que levan dentro un tipo de combustible fósil refinado e un trapo colgando ao que se lle pode prender lume accidentalmente sen querer dirixidas a calquera despacho, vehículo de marca ou barquiño de pracer de titularidade fodechinchal que non estea sendo usado por persoa ou animal nese momento.
5. Imos seguir traballando con xeito e responsabilidade para atender a todo o que está baixo a nosa idem. Gústanos o estilo de folga ao xaponés, pero tamén o das que inventaron a guillotina. Nin unha soa parvada máis. Que conste.
Asina.
A secretaria xeral do sindicato.
En nome da directiva e das 1573 traballadoras representadas, das que non imos poñer nin nome nin apelidos nin dnis. Que carallo de protección de datos ia ser iso? Kona!
COMUNICADO 3

