mércores, 6 de decembro de 2023

ALTURA POLÍTICA



Pois eu tamén estou en contra da amnistía esa. Como o estaba contra das condenas aos independentistas, xa ves ti. Condenas que son emitidas despois dunha sentencia dun órgano xudicial de acordo á lei vixente como consecuencia dunha decisión política que non era acorde coa lei vixente, seica. Amnistía que será unha decisión política do poder executivo para obviar unha pena que impón un xuíz en base ao que indica a lexislación. Que xogo de poderes! E que trapallada todo. Que peniña dá quen ten que negarse a si mesmo para conseguir manterse no poder. Pero o fin, xustifica os medios, seica. Que noxo dan os cans de presa comunicadores dos que pensaban que ían arrasar nas urnas e levaron a hostia do século (aínda estamos empezando, para o caso, e non vai con moi boa pinta, por certo). As dereitas e as dereitonas manifestándose na rúa e as esquerdas mentindo nos despachos. O mundo ao revés? Vou intentar non saírme do País, do grande, esta nación, como dixo a herdeira ao trono no seu discurso, seica. Que vai dicir? O de nación de nacións? De onde non hai...

E se cadra, non é o sitio onde mirar mal, digo na Zarzuela, a ese respecto, que parece que hai xente coa cabeza amoblada. Para o seu papel, si, pero amoblada. Son outra xeración, claro. E algo se lles ten que notar. Pero e ben seguir dicindo, quen queira, e se pode, anotade, e debe dicir, que unha monarquía é un anacronismo para este tempo da historia neste espazo cultural. E ser consecuentes con tal afirmación. Pero afirmo, imos ter raíña, no seu momento, e monarquía... por tempo indefinido. Aínda menos mal se fora con xente así, pero, quen vai controlar iso?

Ouso afirmar tal cousa, porque á xente lle importa un carallo o sistema político no que esteamos ou deixemos destar. Como tantas outras cousas que poderíamos abordar colectivamente. Pero é que á xente non lle importa un carallo abordar cousas conxuntamente. O que quere a común das mortais é que lle arranxen o seu para seguir facendo o que pensan que é a súa vida. Pero que deixou de selo, hai moito tempo. Cando renunciaron ao sentido social da intelixencia por gañar unha suposta liberdade individual, da que agora as novas formacións populistas, con disfraces neoliberais, ou ao revés?, fan bandeira.

Noutro mundo social, poida que si tiveramos necesidade de participar activamente como sociedade civil. Facendo política, claro. Que iso ben sendo. Noutras circunstancias, nas que se dera unha situación económica rabiosa para unha ampla porcentaxe da poboación, poida que si tiveramos interese na participación activa. Nunha democracia na que a grande parte dos partidos non tiveran a tendencia natural a tomar posesión de todas e calquera das organizacións sociais, poida que houber algo de acción colectiva. Nesta non.

O proceso da segunda restauración borbónica, o que deron en chamar transición, foi un pasar por enriba dos temas sensibles polo medo histórico a repetir o violento enfrontamento civil. E quedaron case todas no armario pechado do faiado social. Como daquela non se puxo no seu sitio, a cadea, a todos os que participaron na sublevación militar contra da segunda república, e non se procesou por conivencia a todos os que sacaron tallada posteriormente do resultado desa sublevación, non se levaron diante dos tribunais aos asasinos e torturadores... acabaron volvendo a aparecer, eles e os seus herdeiros. Pero quen os había de xulgar que estivera liberado de ser suxeito de parte? Daquela. Eu non puiden chegar para dicir non a ese acordo, negándome a aceptar unha constitución pactada neses términos. Pero tiven a oportunidade de estudala, esmiuzala e facer unha análise crítica do que formulaba. Nunha revisión que partía dun coñecemento do que fora durante moito tempo a norma fundamental do Estado, os Principios do Movemento, inspirados naqueles da Falanxe de Jose Antonio, e duns primeiros achegamentos a teorías liberais, marxistas, anarquistas... dende unha filosofía humanista moi definida polo cristianismo. Mestura do que mamara por obriga e do que empecei a escoller coñecer. Pero volvo a sinalar, non tiven oportunidade de manifestar o meu desacordo co articulado votando non. E en todos estes anos que pasaron, nunca volvín ter ocasión de facelo. Vivo sometido a unha lei fundamental, igual que o fixen na ditadura, sobre a que non puiden manifestar o meu desacordo. E con toda a lóxica, a toda a estrutura lexislativa e de poder que xurdiu a partir dela. Como todas as xeracións posteriores. Unhas cantas. Pero... agás catro cabezas tolas (en porcentaxe...) ninguén reclama tal necesidade. Á maioría do persoal impórtalle un carallo.

Como podo afirmar tal cousa? Calculo que haberá uns 30 millóns de españois que agora mesmo estarán na mesma circunstancia que unha servidora a respecto de asumir o que hai. Sen contar os menores de 18 anos actuais. Non parece que sexa un tema trending topic entre esa poboación. Non houbo manifas masivas. Si, algúns votos dirixidos a forzas que falan de facer unha revisión da norma constitucional. Pouco máis. Dirás ti que tampouco é unha circunstancia tan especial. Certo. Vimos á vida onde cadra. Nas condicións que sexa. Sorte tivemos de caer aquí  e neste tempo, en varios sentidos. Pero os seres humanos, antes tiñamos o costume de non conformarnos coa realidade que nos tocou vivir e tentar mellorala, se era posible. Agora xa non? Como dis? Si, claro que a participación social, ir votar regularmente, manifestar as opinións políticas propias escollendo entre uns partidos e outros, podería entenderse como aceptación tácita do marco legal. Ou como unha práctica vital de participar en calquera medida e expresión posible que teñamos a man, mantendo a discrepancia. Que medo lle hai á discrepar. Claro, porque os estados sociais estables son planos. Defínense por amplas maiorías (cantidade de xente, non no sentido político) que están satisfeitas ou acomodadas, que poden pensar en non ser molestadas no seu status quo para o resto das súas vidas. En resumo, ter cubertas as necesidades básicas, cada vez máis, e ter a sensación de que mandas na túa vida. Cando non hai tal...

Pero para empezar a falar de renovar socialmente esa aprobación, quizais deberamos empezar por pensar en porque a celebramos. Cun día festivo estatal. Eu coido que é para que aproveiten os madrileños a coller unha ponte e escapar do seu querido feudo que tanto queren. Igual os que a redactaron e calcularon para cando sería aprobada en Referendo, palabras maiores, xa pensaron no de ao día 7 descansou pero imos poñerlle un antes e un despois. O de celebrar a ausencia de pecado orixinal nun único caso na historia,  do día 8, é para outro debate, o de empezar a poñer descansos organizados que non se baseen en mitos e lendas senón en mellores condicións laborais para todas. Xa o comentei noutras ocasións. Pero o do 6, é para celebrar? Pois mira, sendo eu unha opositora manifesta, digo que si. Que nas circunstancias políticas daquela época, un grupo de persoas con representación social de distintas ideoloxías, conseguiran un acordo de base para poñer a andar unha nova etapa política para un Estado que aínda tiña sangue recente en algún paredón e queimaduras non tan recentes en algún tellado, foi cousa boa. Outra cuestión é ter que facer a celebración cun acueduto.

Eu imaxínome outra festa. Da xente reunida nos lugares da representación popular, onde dis? pois nos salóns de plenos dos concellos, nos das deputacións, nos parlamentos autonómicos e no congreso e no senado, digo a xente de andar por casa e pola rúa, facendo o que se fai co Quixote en ocasións, non sei se cos Cantares ou coa Longa tamén, por certo, iso de ir lendo anacos un detrás de outro. E durante todos os 30 días anteriores, nas empresas, nos centros comerciais, nas escolas... organizando encontros para falar de como foi a cousa de definir esa norma, explicando puntos da súa articulación, falando de quen participou sen estar no poleiro, de quen a pasou a máquina, de que a levou a imprenta, de quen a repartiu por todos os recunchos do Estado, de como se fixo o referendo, quen dicía de votar isto e de votar aquilo, que din agora... ir tomando apuntes de que habería que mudar na súa redacción, mirar o de empezar a facerlle traxe novo, máis que remendos. E cada cinco anos, digo cinco como podería dicir cinco e medio, abrir un debate durante todo o ano, no que se revisaran de xeito formal os apartados necesarios, se elevaran as propostas de reforma aos órganos competentes para o seu análise e se puxeran a disposición do soberano para a toma de decisión ao respecto. E empezar a pensar en ter unha Constitución Viva, Líquida, que poida adaptarse ao que os tempos indiquen, avanzando no desenvolvemento dos seus principios centrais e incorporando os que se considerasen necesarios. Despois, adaptar a lexislación toda aos cambios introducidos.

Si, vale. Moito curro da nosa señora inmaculada. Pero xa teríamos ocupación para moita xente desocupada. Tamén habería que mandar moita xente a rozar montes, poñendo os que non tiveran propietarios identificados en man común. E así evitaríamos moitos lumes. Outros non. Nos montes constitucionais tamén, se houbera esa roza anual e quinquenal, igual. Digo eu. Pero é que falta a vontade política. De todas as formacións ídem. Pero de xeito fundamental, do conxunto do soberano, ao que isto, lle importa, tamén, un carallo.

De ter ese monte constitucional limpiño, polo menos ben coidado, poida que agora mesmo non estiveramos vendo con asombro o teatro da comedia das negociacións, nin a papeleta dos perdedores que pensaban que ían gañar.

Non vou dicir máis, de momento, que hai que ir celebrar.