domingo, 23 de abril de 2023

TENREIRA SUPREMA


Escoitei o outro día no
arradio galego (polo minuto 9....) a un representante da asociación de produtores de tenreira suprema que as empresas ás que lles venden os tenreiros lles obrigan a asinar que non venden a carne por debaixo dos custes de produción. E di que se non asinan, non lles levan os bechos. Aceptan, claro. Para tentar seguir mantendo a súa actividade e non ter que pechar as explotacións.

Outras consideracións aparte... unha fiscalía pública non debera de actuar de oficio e meter nos xulgados a eses empresarios exemplares? Digo eu. Aos que poñen enriba da mesa ese contrato fraudulento digo. O que están facendo non é un fraude de lei declarado? Con premeditación e aleivosía? Non sei, igual non estou no certo. Ao gandeiro que asina con coñecemento de causa probablemente tamén... pero quen o culparía?

O caso é que no mesmo arradio galego ao día seguinte  (minuto 10:50... aínda que só falan de que non lles pagan por riba do prezo de custo de produción...) entrevistaron a todo un conselleiro do rural, pareceume pola voz un bo rapaz, falando de temas diversos do seu, apuntando ideas ben sensatas sobre cousas importantes, discurso ben estruturado. Pero cando saíu o tema ese, non comentou sobre ese fraude, nin a xornalista lle inquiriu ao respecto. Poida que ningún dos dous pensen que propoñer a alguén que asine un documento a sabendas de que é falso non ten importancia. Ou que o que dicía o gandeiro o día anterior era un falar...

Pero unha pensa nas súas experiencias e coñecementos de situacións no eido empresarial e laboral.

As traballadoras de calquera actividade que se ven obrigadas a asinar xornadas que non recollen a totalidade das horas que fan, para seguir mantendo o seu contrato de traballo. E cobrando polo que asinan...

O empresario exemplar que che pon por escrito no whatsapp que se queres o presuposto da instalación da cociña sen ive non hai problema. A paisana que cando vai pedir un presuposto para cambiar o baño enteiro fala de pagar en efectivo e non necesito factura.

Traballadoras que non poden afiliarse a determinado sindicato só pena de perder o posto de traballo, destes hai uns cantos exemplos no País, e sempre van apuntado á mesma organización por certo, que unha saiba.

Empresa exemplar que non paga ás traballadoras, nin aos seus subministradores, ten débedas coa TSS, coa AEAT, pero coa marca pantasma segue tendo actividade e mesmo contratando con entidades públicas.

Contratos públicos, para persoas e empresas, feitos a mantenta coas condicións expresas para que só unha determinada persoa ou empresa poida conseguilo.

Xente que presume de non pagar gas e consumir todo o que lle da a real emérita gana, cunha manipulación do sistema de conexión, feita por un profesional do ramo. Manipulando o gas, mimadriña.

Empresaria exemplar que anda rabuñando os cartos que paga mesmo para o osíxeno dos pacientes do seu hospital privado financiado con fondos públicos e  vai e merca un avión privado supersónico para poder ir ás Caimán de cando en vez.

Cousas que non se ven. Non se escoitan. Só cando as afectadas se liberan das gadoupas de quen as explota ou nos ámbitos familiares e de amizade. Que nunca (99%) chegan a denunciarse. E que se chegan a algo máis... amáñanse, daquela maneira.

Falla en todo isto, ao meu entender, a inspección de traballo, a tributaria, a da competencia,... pero falla a xente tamén. Non é só que se normalicen (agora din branquear...) eses comportamentos. Mesmo xustificamos que sexa así. O xustificamos aceptando que un beneficio particular, individual, é sempre mellor que agardar por un posible beneficio colectivo, que adoita ser menos tanxible.

Pero non sei de que me estraño. Ese é o mantra do mercado, que auto-regula os prezos, polo xogo da oferta e da demanda. Ou iso din. Ás veces parecera que moi ben non funciona. Pero non se pode intervir que iso é comunismo. Como vai un Estado soberano, de onde é que ven a soberanía? parafraseando a Os Resentidos, a intervir prezos ou obrigar a alguén a pagar o xusto por algo.

Agora andan co tema da vivenda para aquí e para acolá tamén. Xesús bendito como se pon o dos debates profundos cando se aproximan os procesos electorais. Pero logo pasan, nunca houbo eleccións que se fixeran permanentes. Mágoa... cando menos no que á conciencia colectiva de participación continua puidera afectarlle... O de que a democracia non consiste en confiar senón en que se manteña a confianza no tempo, que xa sabes, hai que tratala ben para que non morra. A vivenda, que me perdo.

Quizais como á saúde, a alimentación e o vestir, a educación... son dereitos inalienables? Dereitos colectivos digo, cunha expresión individual claro. Non é un dereito de Pepa a Xusta, por ser quen é, senón por pertencer (sen carné...) a iso que chamamos humanidade. Sendo que a resposta sexa non, que cada quen se busque a vida. Sendo que a resposta sexa si, os poderes públicos teñen a obriga de asegurar que todo o mundo teña acceso a un sistema de atención da saúde, á cobertura das necesidades básicas de manutención e vestimenta, a unha educación pública de nivel. A un lugar onde poder pensar en ter o seu fogar, dignamente, en condicións de salubridade, e cos estándares que consideramos bos para o conxunto da sociedade. Subministración, eficiencia enerxética, accesibilidade. Os poderes públicos, que veñen sendo esas organizacións e sistemas dos que nos dotamos socialmente para que atendan aos intereses e necesidades colectivos. Que traballan para nós, non nós para eles...

Sendo así, quen queira facer negocio con algunha desas cousas, que o faga, sempre e cando exista unha prestación básica de calidade cuberta para o conxunto da poboación. O de que se poden construír autoestradas de pago sempre e cando haxa unha vía de circulación de características similares gratuíta. O repito moito? Se vale para a mobilidade, como non vai valer para o resto. E nesta liña, a propiedade privada non pode estar por riba do ben público, do ben colectivo.

Claro que a xente pode ter piso ou casa de seu, para usalo como lugar onde vivir. Incluso segunda residencia, para habitala en algunha época do ano. Se queres ter máis... non sei moi ben porque razón podería ser, unha para cada estación do ano, a de ir a esquiar, a de tomar o sol, a de respirar o aire da montaña, a de invitar aos amigos, o inverno o paso aquí que me vai mellor para a artrite, no verán prefiro o cheiro do mar e o marisco... non sei... Quizais serían os poderes públicos os que terían que facer a valoración de se é excesivo ou non. Como que non? Eu non podo dicilo, imaxino que ti tampouco, pero alguén haberá, que represente a decisión colectiva de como facer as cousas ben e de como non facelas mal, para poder intervir nestas cuestións. Contra vento e mercado.

Se pensamos que hai xente, física ou xurídica, que merca vivendas como inversión, non coa intención de darlles uso persoal ou funcional, temos que entender que de xeito automático o nivel medio do que custa unha vivenda subirá. Primeiro efecto maligno. Se hai quen acumule moitas desas vivendas, a título empresarial, pode alterar con facilidade o xogo da oferta e da demanda tan marabilloso que din que é os defensores da economía de mercado. Pois tan doado como reter un tempo a oferta. Ou ir de a poucos poñéndoa no mercado. Segundo efecto maligno. Xa non falemos de se grupos de multipropietarios deciden acordar unha estratexia común nesa liña... lobos, digo lobbis. Como se contrarresta isto? Lexislando, contra vento e mercado.

Por exemplo. Vivenda desocupada, durante un ano seguido ou máis de 18 meses en dous anos, imposto de desocupación. Poñamos por caso un 10% do valor catastral ou do de venda ao público se que o están ofertando en algún sitio, o máis alto dos dous. E cada ano, incrementar un 5%. O dobre en ambos casos se é que a entidade propietaria ten máis de 20 vivendas en zonas de prezos baixos ou 10 en zonas tensionadas. O da tensión ven da xente que non da atopado como pagar un alugueiro de 1.000 eur cun soldo de 700...

Nada de trampas. Mandar aos rapaces 5 días a facer unha rave no chalé non vale como habitación continuada. Para as que si se ocupen, non te pases co aluguer. Pero ten a seguridade de que se non che pagan, nunha semana despois do segundo mes, van para a rúa. E de últimos na listaxe xeral para optar a outro alugueiro. Se che maltratan a vivenda, andando para o final da lista e a pagar os estragos. E ti, parvo, quítateme de aí que non se pode entrar nos sitios sen permiso.

E quen vai controlar iso?... Eu non, imaxino que ti tampouco. Todas. O piso é teu, pero agora imos defender todas que che paguén o acordado, o manteñan en condicións e non se che meta ninguén dentro que non acorde contigo e con nós primeiro. Ten que haber quen poda definir un servizo de inspección que revise esas cousas. Contratar xente, que anda que non hai sen traballo aínda. E de paso, tamén para a inspección de traballo. Para a da axencia tributaria. Máis policía? Pois non deberá ser así, pero eu cada vez que saio a conducir penso que non viría mal ter o triplo de gardas de tráfico. Unha tempada digo. E empezar a poñer no final da lista para renovar o carné a un lote de xente que só pensa en si mesma conducindo.

Aínda que no fondo, sei que non é a solución. Cambiar a conciencia colectiva da poboación non se consegue sancionando. Só sancionando. Até hai pouco seguían aparecendo no DOGA notificacións de sancións por incumprimento das restricións sanitarias de cando a COVID. Houbo un momento durante a pandemia que todas (unha grande maioría) demos en crer o de que íamos a saír mellores desa, colectivamente. Pero o condicionamento non muda pola boa vontade. Primeiro hai que recoñecelo, nunha mesma e no funcionamento xeral da sociedade. No que se transmite e comunica, por todas e cada unha das canles de difusión de información. Dende os anuncios publicitarios até as roldas de prensa de unhas e outras. Dende os currículos do ensino até as ofertas de produtos do supermercado. A música, a literatura, o cine. Transmitindo que hai un único xeito correcto de facer as cousas que leva á felicidade, con pequenas variantes formais, pero sempre baixo a idea de que eu son o centro do universo e non necesito ás demais para ter unha vida satisfactoria. O importante é a miña satisfacción persoal. O ben común non é importante, non só secundario, prescindible.

Pero volvendo á vivenda e aos gandeiros. Fracasan as cooperativas? As de xente que se xunta para ver de converterse colectivamente en promotores para a construción das súas vivendas. As de gandeiros, produtores de leite, de millo, de patacas. Funciona o tema dos montes en man común? Non o teño claro. Hai exemplos potentes de colaboración en algúns destes campos, cando practicamente pasan a ser empresas cun formato de entidade social. Pero non sei se é porque os socios conseguen unha vantaxe económica particular importante. Non digo que iso sexa malo. Pero non porque crean no cooperativismo como modelo de xestión colectiva. Por la pela. O digo porque é raro non ver algunha disolución de cooperativas publicada nos diarios oficias un día si outro non. E porque unha pasou por moitas asociacións en distintos eidos. E cando lle dis a alguén que forma parte dela que determinada cousa non se pode facer ou hai que facela así porque o din os Estatutos, que é o documento que ti asumiches como propio cando solicitaches vincularte á Asociación, pero iso non o mira ninguén, che contesta, ti xa sabes que me apuntei para poder acceder ás prestación, servizos, contratos, beneficios, solucións,... que ofrecedes... Ofrecedes, non ofrecemos.

E logo está o tema da inflación. Que dirás ti que ten a ver con isto todo. Pois que cando é o mercado quen regula, regula como lle sae da Kona. Non por conseguir que as que producen, as que producen realmente, as persoas traballadoras, non os empresarios exemplares, as gandeiras, non os intermediarios, as mariñeiras, non os patróns,.... teñan unha remuneración xusta polo seu traballo, o seu tempo adicado a traer ao mercado cousas que necesitamos todas. O mercado, ese ente abstracto, aproveita calquera circunstancia para buscar o xeito de obter máis beneficios sen mover un músculo, agás o do xesto co sorriso de que listo son como me estou forrando. Porque alguén se forra sempre, nestes casos. E seguro que hai quen pensa, oxalá fora eu. Ou que lle aplaude a intelixencia...

O caso é que andamos todas tirando de aforros para asumir o que subiu todo, ou reducindo gastos nas cousas das que pensamos podemos prescindir. Non che conto nada de quen ten unha hipoteca, que adoita ser xente que si usa a vivenda para vivir, por certo...

Tenreira suprema. Din na entrevista dos gandeiros manifestándose, que a cinco euros e medio ou 6 o quilo lles pagan. A 15,45 eur kg unha bandexa de escalope de 400 grs. A 18,95 eur kg unha bandexa de aprox 390 grs de filete. 15,25 eur  un quilo de redondo. 12,60 eur kg para asar sen oso. 12,99 eur kg filete. 10,59 eur kg faldra... en distintos supermercados en liña, o sábado 22 de abril. Onde é que vai a diferencia? O matadoiro, o transporte, a distribución, a publicidade,... non sei que máis,... levan o prezo até un 300% máis que en orixe?

Podíamos facer o mesmo exercicio coas patacas. O leite. O peixe. Mesmo sen pensar en quen se está levando un beneficio inxustificado. Se poñer un produto a disposición de quen o vai consumir supón incrementar o que custa nun 300%, sendo que se poda xustificar ese custo, algo estariamos facendo mal. Iso non é valor engadido... é engadir custos sen sentido.

Pero en calquera caso, non pode ser que a xente que produce, cultiva, extrae ou crea as cousas, non teña garantido que vai poder vivir do seu traballo, e vivir ben. Diga o que diga o mercado. Se o aceptamos, é que merecemos que nos inflaccionen o que lles dea a gana. A quen lle dea a real emérita gana. E a seguir sorrindo nos selfies.