venres, 14 de maio de 2021

COMPLEXIDADE


Non teño unha soa razón para dubidar de que son unha privilexiada. Para ben ou para mal participo dun sistema xeral que me outorga unha vantaxe sobre outras que non están nel. Xente de aquí e acolá. Pero non son tan burra como para negar a evidencia á defensiva, creando, difundindo, apoiando ou ríndome de cantas manifestacións comunicativas vexatorias da outra parte do mundo de aquí e acolá que non está. Nin tan fata como para poñerme cilicios en forma de doazóns, manifestacións, caridade ou berros de dor por estar desta banda do muro.

Si que acepto que me tiren das orellas. O pode facer quen teña dereito á tirar a primeira pedra. Mentres tanto, vou seguir apuntándome a canta acción individual considere que pode sumar para conseguir unha cada vez máis ampla igualdade de oportunidades para calquera persoa do mundo para desenvolver a súa vida en condicións, sexa ou non con lacón con grelos.


Pero que teña a sensación de que vivo e exerzo a miña vida na parte do mundo máis favorecida, non quita que poida sinalar un par ou trescentas cousas do sistema que considero deberamos revisar. E, asemade, recoñecer como é de complicado conseguir que todo funcione. Cando digo todo, refírome a todo.


Por falar de algo concreto. Pasei uns cantos días sen teléfono móbil. O terminal que me acompañou neste últimos cinco anos deixou de ser operativo, bastante tempo despois de que a empresa que o fabricou morrera de inanición comercial. Un proxecto cántabro onde os haxa que non foi quen de superar a crise do seu sector de mercado. Poida que pasados uns decenios os seus modelos cheguen a ser vintage. Ou pezas de coleccionistas. Se hai quen se queira anticipar, aceptaría ofertas a partir dos 1.273 eur, gastos de envío incluídos. #23


O caso é que non tiven síndrome. Ben deita que tiña múltiples recursos alternativos de comunicación. Aínda existen as cabinas, que conste, en algúns sitios. E liñas fixas, sen IP nin gaitas. E mesmo neste Estado de Restricións, alarma xa pasou, pois podes falar coa xente que te atopes pola rúa, coa veciña pola fiestra, na casa no xantar, no curro coa rapaza aquela que sempre te mira sen que saibas moi ben porque.


Non notei falta de nada. E se non fora polo de que te avisan do Sergas para vacinarte, da ITV para vacinar o coche e da AEAT para unha transfusión, pois tampouco é que tivera necesidade de renovar. Vale si, xa case que tiña a todas as seguidoras nas redes botando fume pensando que me pasaría ou me deixaría de pasar, pero en seguida se distraen con outra cousa. Son os tempos que corren na fidelidade.


En calquera caso, tiven algo máis de tempo para pensar. En algo. Non cheguei  a máis. Inicialmente. Logo funme soltando, as neuronas liberáronse da twittermosis e empezaron a elaborar análises densos e estruturados. Algo máis. Tampouco nos pasemos.


Deume en pensar no da complicación. Nas sociedades complexas. Nas organizacións complexas.


Dunha banda no que foi pasar tan rápido dunha sociedade agrícola, cunha actividade regulada pola luz natural e as estacións, con escaso intercambio comercial, con pouca ou ningunha variedade de liñas de pensamento alternativas e xa que logo cun forte sentido común, unha pequena cantidade de normas ou leis que todo o mundo asumía, un arriba e un abaixo na escala social, sen intermedios, a unha sociedade industrial e xa postindustrial, tecnolóxica ou dixital, como vos pareza mellor nomeala, con tempos produtivos e vitais decididos, impostos ou escollidos, cun máis que intenso intercambio comercial, que crea mundos económicos intanxibles e relatos imaxinarios sobre o valor das cousas, con múltiples variantes de pensamento e culturas mesturadas a nivel da convivencia cotián, un sistema de normas estruturadas que cambian con rapidez, con lexislacións e parámetros que só é posible entender parcialmente cun elevado nivel de especialización, unha escala do social con estratos que poden ser intercambiados e ofrecen a posibilidade de saltar de un a outro status por diversos camiños, e a ausencia absoluta dun sentido común ao uso.


Dirás ti que tan rápido non foi. Un par de séculos é moito? Na escala da presencia social do ser humano no planeta, non. Máis ben pouco. Aínda que parece que somos moi adaptables, xa hai quen anda pensando en habitar Marte, que igual chegamos e descubrimos que xa estivemos e o fodemos todo e así está. Paréntese. Pero estas cabeciñas e estes corpos non responden tanto ben a esas mudas, paréceme a min. Individualmente. Digo eu que seguimos precisando un contacto co medio natural para estar ben. Que vai ligado á condición de que somos seres orgánicos xurdidos dun ecosistema específico. Seica hai pouco descubriron a bondade de pasear por zonas boscosas. Incluso se son montes eucaliptados até o límite máximo. Iso si, sen fumar.


Pero colectivamente, mi madriña, canto nos falta aínda para adaptarnos a esa evolución.


E non é que non teñamos ferramentas. Son das que intúe que a potencia cerebral da que dispoñemos e non usamos aínda, hanos dar a posibilidade de poñer outro dedo na man para atender mellor aos teclados se é preciso. Ou un enchufe dixital natural. Tipo Avatar, salvando as distancias de cor e estilo. E posiblemente conectar a niveis neurónicos cos outros seres que habitan o planeta, en especial cos que son do nosa mesma especie, o que nos permitirá salvar as distancias sociais que agora mesmo impiden chegar a un entendemento común.


Doutra banda, matinei na complexidade de calquera actividade humana colectiva e de todo o que está vinculada con ela. Cando abro unha billa no lavabo pola mañá, a auga ben dun depósito elevado, por un sistema de vasos comunicantes, depósito que antes tivo que encherse coa auga do encoro que ocupa as terras que antes eran de cultivo de alguén ou onde tiña a súa casa, por un montón de canalizacións. E cando sae, vai por outro camiño distinto, se xunta con outros centos de litros de outros miles de lavabos, bidés, cisternas, duchas, pías, lavadoras, lavalouzas,... para acabar nun sistema de depuración e ás veces re-utilización. Onde tamén van parar todas as toneladas de augas utilizadas por esta e aquela empresa para os seus procesos produtivos, con outro tratamento e un sistema diferenciado de xestión.


Hai millóns de posibilidades de que haxa fugas no sistema, e se perdan infinidade de metros cúbicos de auga. Centos de personas implicadas na definición de espazos para construír encoros, nos procedementos legais para poder dispoñer deses terreos, na tramitación dos permisos, o pago xusto das expropiacións, a propia construción dos encoros, o seu posterior mantemento, a verificación periódica da calidade da auga, o estudo topográfico para as redes de distribución e saneamento, a elección dos materiais, a licitación do proxecto, a súa construción e revisión no tempo, a fabricación de mecanismos para a organizar a distribución, os depósitos, a facturación dos custes, o envío da información, o control do consumo, a vixilancia dos malos usos ou dos usos excesivos, as plantas de depuración, os plans de aforro, a renovación dos sistemas internos de servizo nos distintos espazos. E diría eu que só percibimos a auga que sae da billa. Ou quizás o obviamos, o damos por sentado. Si, pode ser. Pero non deixa de ser extremadamente complexo.


O da auga corrente é un exemplo, coido que dos máis sinxelos. Como sistema de organización dun servizo social básico pensado para atender as necesidades de todas. Claro que podemos debater sobre os custes repercutidos, por exemplo. Sobre a calidade do servizo. Mesmo sobre a calidade da auga. Pero entendo que si hai un acordo en que é un sistema que podería ser catalogado como ben común. No sentido de que chegue alí onde sexa necesario. Aínda que haxa que pagar algo por el, cada vez máis probablemente se non deixamos de dilapidar a auga potable, para axudar ao seu mantemento. Xa empeza a cotizar en bolsa...


Sei que hai exemplos moito máis complexos. A sanidade por exemplo. A educación. A vivenda. O traballo. O ocio. A mobilidade. O acceso ás novas tecnoloxías de comunicación. Sempre pensando dende unha óptica de prestación social acordada para o uso común das persoas que constituímos a sociedade. Non interpretada como un dereito individual senón colectivo. Xuntamos os nosos poderes para conseguir un ben común, que chegue a cantas máis persoas sexa posible, mesmo se hai quen non teña posibilidades de aportar poder propio para sumar ao esforzo colectivo. Igual xa o fixo noutra ocasión, con toda a enerxía que puido. Ou o fará no futuro. Pero incluso se nunca puidera facelo tamén tería acceso a ese ben común. Se é que non quere, non quixo ou nunca ha de querer, xa é outro conto. E a quen lle sobre enerxía, que a gaste no que lle máis pete.


Non parece tan difícil, pero habelas hainas moita xente que pensa que é mellor que cada un se busque a vida por separado. Que quere facer valer o seu privilexio individual. Primeiro eu, despois as demais. Poida que isto sexa unha resposta tipo calquera tempo pasado era mellor. Nas sociedades agrícolas preindustriais a vida permitía tomar este tipo de decisións. Vou facendo como sempre fixen e xa me apañarei. Até que viña alguén a pasar pola pedra a quen se poñía por diante. Ou levaba todo o que tiñamos gardado do traballo diario para o resto do ano. Ou morríamos cunha peste respiratoria sen nome nin ano tirados no chan da choza. Ou ardía todo o que tiñamos por unha chispa dun lostrego. Pero sempre podía dicir que eu facía o que me petaba da miña vida. E irme tomar unhas cañas despois dun duro día de traballo coas colegas á terraza da Pousada do Moucho.


Sei que son reincidente. Pero non reincidenta, nin reincidento. Dáme tanto noxo escoitar segundo que cousas que teño que trousar. E menos mal que nos queda Portugal e a revolución dos caraveis. Non é que desguste do País no que vivo, máis ben au contraire,  mon amour, pero si que padezo de insomnio na sesta por ter que ver como deixa que o invadan as malas herbas foráneas. Estou segura de que tratamos con respecto e dignidade a canta xente ven, de visita ou para quedarse, quitando aos fode-chinchos, claro. Pero igualmente sinto mágoa porque nos deixamos levar polos usos culturais de proliferación internacional rexeitando os nosos. Cando temos unha cultura de nós capaz de interpretar todo o que sucede no mundo cunha mirada propia. Salvo o orgullo Gadista, non parece que nos recoñezamos como poderosas colectivamente. E as decisións e as prácticas políticas non parece que axuden. O digo polo do ben común.


Poderíamos acordar sen discrepancias radicais que a nosa cultura no seu conxunto e dentro dela, especificamente a nosa lingua, son un ben común? Sendo que si, como se mira a análise que a RAG ven de publicar sobre o nivel lingüístico da mocidade galega. En galego, claro. Servidora leva un tempo dicindo a quen quere escoitarme, dende a experiencia de representación no eido educativo público, que estamos titulando persoas analfabetas funcionais en galego, dende a súa máis tenra infancia. Grazas fundamentalmente ás políticas educativas do liberal agrícola partido no poder autonómico, pero tamén, e sinaladamente polo desleixe dos seus votantes nais e pais a respecto da importancia e do valor de ter unha lingua propia. Valor engadido, mesmo medible economicamente. Así que temos os políticos que nos merecemos, certamente. O País que nos merecemos. E o mundo que decidimos ter, visto coa ollada de outros, que saben ben o que é mellor para nós. Tamén o merecemos, probablemente.


Isto tamén é complexo? (Que ben que haxa palabras con varias acepcións...)

domingo, 4 de abril de 2021

VIVIR


Non hai ningún plan estratéxico. Nada do que intentamos imaxinar é real. A vida ten un sentido único. Dende o nacemento até a morte. Vivir.

Pero ese salto evolutivo que nos deu a auto-consciencia tamén nos deu a inseguridade de ter que encontrarlle un algo máis á existencia. Un porque. Un para que. Transcendencia. Non podíamos aceptar que non houbera nada máis. Só un tempo creado polo azar para experimentar.


Entón creamos a Cultura. Por sentírmonos creadores, non simples conxuntos de átomos con capacidade de pensar. Supoñiamos que isto xa daría sentido a todo. Pero non foi así.


Nin a Cultura relixiosa, nin a política. Tampouco a económica. Construímos babeles de fe, de oratoria, de valores monetarios. Enchemos de obras de arte e aparatos cada un dos mausoleos que elevamos para adorar aos seus respectivos deuses. Cruces e santos, libros e discursos, operacións e mercados. Marabillas do enxeño humano para alaudármonos das nosas capacidades. E a un tempo, dolorosos espellos nos que recoñecer a futilidade da existencia nunha mirada profunda. Poida que foran os retratos de Dorian.


Miramos ao espazo. Imaxinamos que o noso destino ben podería ser propagar a existencia vital polo universo. E quizais encontrar outras existencias que xa avanzaran nesa viaxe ou que precisaran da nosa axuda para facelo.


E mentres tanto, a frustración e a rabia por non atopar A Resposta, estouraba ciclicamente en múltiples formas. Contra o mundo que okupamos, sen permiso nin título de propiedade. Contra calquera que tivera a consideración de Outro. Contra calquera que aparentase ser máis feliz que nós, mesmo se compartía esa felicidade.


Así que agora, as que non seguimos nos mitos, confiamos na Ciencia. Que todo o sabe e todo o ignora. Sempre nos ofrece algunha resposta estruturada que acouga a ira de vivir. Por un tempo. Porque canto máis sabemos máis queremos saber. Coa esperanza de que en algún momento, na inmortalidade, o entendamos todo. Ou poida que descubramos que 1000 anos poden ser tan aburridos como 70.


Sobre todo, se os bares están pechados.


Veña, non todo pode ser tan serio.


Quizais si hai unha razón para vivir, ademais das cervexas. Sen buscar místicas. Máis ben pensando en como vivimos e que facemos na realidade que nos toca vivir. Pensando en que a partir dun determinado momento vital, podemos decidir sobre o que nos acontece. Vou intentar explicarme.


Hai dous tipos de persoas: as que se poden incluír nesta clasíficación e as que non.


Si, a min tamén me custou traballo entendelo, principalmente por que son dunha categoría que non se pode meter en ningunha das dúas, faltaría máis, pero finalmente quedoume claro. A todo se lle pode poñer unha etiqueta. Para facilitar as cousas. Temos unha marca persoal que calquera outra pode recoñecer en termos de márketing social. Así aforramos. Temos que ocuparnos o menos posible en coñecernos e en aceptar a infinita diversidade de comportamentos. Si que é importante como unha se sinte, pero iso non ten máis valor que como se sinte a outra.


Como individuo tamén creei as miñas propias realidades imaxinadas. Na procura de cubrir a satisfacción de necesidades vitais. Máis aló das vinculadas ao que che pide o corpo, literalmente, alimento, saúde, un teito protector.


Con toda probabilidade recoñecemento. Específico e colectivo. Individual, de persoa a persoa. De grupo. Sentir que alguén te valora como única, pode ser a droga máis adictiva. Pero todo pasa. E chega un tempo no que xa che importa entre pouco e nada. E ademais descobres que hai quen decide seguir os teus pasos, en algún aspecto vital. E iso si que non. Nin liderar nin servir de exemplo. Baixo ningún concepto. Anda o teu propio camiño.


Logo está o do proxecto vital, construír unha familia, atopar unha identidade, chegar a ser alguén, aportar algo, bla, bla, bla. Todo é un conto.


Son libre para decidir como encadearme ás miñas circunstancias e prexuízos, dende un punto de vista maioritariamente independente. Supoño que todas entenderemos que o que nos sucede depende de múltiples factores, non só do meu espírito emprendedor. Con quen topo, onde estou, de onde parto. Cales son as miñas capacidades, os meus méritos, as miñas preferencias. Como son que de poñer en liña as miñas expectativas coa realidade na que me desenvolvo.


Quizais se vivo nas primeiras décadas do século 21 occidental poida que me resulte doado establecerme como cultivadora de produtos orgánicos sen uso de químicos nin tecnoloxías electrónicas de ningún tipo. Podo poñer en liña unha cousa con outra. Sendo unha das primeiras agricultoras da humanidade, unha boa Sapiens onde as haxa, cumprindo co que me corresponde, non tería moita máis elección.


Por outra banda, non podo facer nada, absolutamente nada, para mudar un sistema de vida que me encanta. De non ser así, faría algo, tipo ser elixida Raiña, Sancha X. Ou apuntarme ás Raposas Reviradas. E entón xa estaría facendo algo para que todo puidera seguir igual. A substancia non se toca. Iso si, quero ser outra cadela co mesmo colar. Rosa, non. Fucsia mellor.


Ademais, cada persoa sabe á perfección que é o que máis lle convén a outra calquera. Na mesma medida que descoñece todo o que a outra sabe que lle convén a ela. Os extremos nunca se tocan. Pódese facer un cálculo exacto da cantidade de veces que un consello ben intencionado responde máis ao que unha mesma necesitaría que a calquera a quen vaia dirixido que non o vai a escoitar, faltaría máis. Vasme dicir ti a min.


O corolario é simple. Seguir os consellos de alguén que non sexa eu mesma é masoquista. Dalos é un acto de puro pracer onanista. Pero iso si, vas caer.


Falando de praceres. O sexo mola. Independentemente do xénero. Da combinación de xéneros tamén. Estoume enleando. Eu lembro que era así, ou iso creo. Hai quen afirma, cientificamente falando claro, que é unha das actividades que máis mola. Quero dicir, que máis axuda a manter unha vida saudabel. Regula o colesterol e esas cousas. E dálle equilibrio ás químicas neurocerebrais. Non ten efecto ningún na carteira de valores, directo. E non mola nada se é obrigado, sexa pola forza ou pola forza dos cartos. Abolición.


Persoalmente podo indicar que se me ocorren moitas boas ideas mentres practico. Xa procuro ter o caderno cerca para ir apuntando. Ás veces moléstanse as/os compañeiras/os, pero acaban entendendo cando volvo a deixar o caderno. Iso si, sempre poño as luvas. Todas as luvas. E ultimamente, a máscara.


Sempre pensei dende moi pequena, vale non tanto, que ademais de establecer unha conexión especial coas persoas coas que practicas, tamén conectaba con algo máis. Pero ás veces vólvese tan mecánico que parece que non hai cobertura. Maldito porno. Á xente non lle da por tirarse das terrazas para voar, por regra xeral, non si?


Quizais haxa que definir un novo modelo de xestión da felicidade. Empezando por negala. Sei que vou ir en contra de todos os principios e esperanzas, pero quizais habería que parar de buscala e deixar que sexa ela a que nos atope. Se vale para a sorte. Iso si, algo haberá que xogar. Poñamos por caso que decidimos que hoxe nos toque ser felices. Cada mañá. E punto. Quen o vai impedir? Se aceptamos que todo o que existe é unha pura imaxinación da interpretación do noso cerebro en base ao que os nosos sentidos perciben, deberíamos ser quen de aprender a escoller como imaxinar a vida.


Debera ser doado. Moito máis que encaixar todas e cada unha das vidas imaxinadas nun mundo humano interconectado sen remedio. Non o digo por mal, isto último. Apartarse é unha opción, claro, Pero dada a velocidade na que nos reproducimos non sei se haberá sitio para tanta asceta. E ademais, xa non poderíamos practicar... Descartado.


Temos a capacidade para definir unha ética universal? Como que para que?!! Haberá que saber en que termos podemos relacionármonos unhas con outras sen pisarnos a cabeza, nin a mantenta nin por descoido. O contrario é ese mundo que tanto nos gusta ultimamente de apocalipse zombis. Na tele, claro.


Estaría ben algo simple, como as leis da robótica de Asimov. Adaptadas.


1. Un ser humano non pode danar a un ser vivo nin, por inacción permitir que un ser vivo sufra dano.

2. Un ser humano debe cumprir coas leis da humanidade, salvo se estas entran en conflito coa primeira lei.

3. Un ser humano debe protexer a súa propia existencia sendo que isto non entre en conflito coa primeira ou a segunda lei.


Seguro que a articulación e redacción é mellorable. Pero sendo así, como se aplicaría por exemplo a combater unha pandemia? Un virus é un ser vivo, logo xa teríamos que facer unha excepción. Ou non é?


Kona, vou ter que pensar... pero se un robot o pode facer, eu non vou ser menos. Ou podíamos facer un escala, e meter algo así como a consciencia de si mesma para ter esa categoría.


Ben. Eu voto por que hai que darlle caña. Ao COVID digo. Entón me poño na segunda lei. Se a lei do meu barrio di que para combatelo teño que sacrificar un cordeiro, queimar un monte ou disecar 100 bolboretas, non podería/debera facelo. Pero non din nada diso. Si veña, o de poñerse lixivia nas veas foi unha parvada, pero nunca chegou a lei. Porque cambiaron de presidente, iso si. Xa que logo, teño que gardar as distancias, por a máscara, impar as mans con frecuencia e ben, evitar as aglomeracións, non votar a fascistas, cambiar os costumes de saúdo, vacinarme. Ningunha desas indicacións vai contra da primeira lei, e cumpre a segunda.


E se cumpro con isto, é evidente que me estou protexendo individualmente. Ademais podo facer algo de exercicio, manter a mente activa e coidar as relacións que si podo ter. Non vexo eu que ningunha desas cousas entren en conflito coa primeira nin coa segunda.


Adoita acontecer que o que é bo para o colectivo teña unha boa repercusión na vida individual de cada un dos seus membros, pero non sempre é asi. Lexislar coido que ten por principio esta idea, xunto con outras. Pero incluso se intentamos facer normas e leis moi específicas, sempre hai casuísticas individuais que non encaixan na norma.


Se ademais temos en conta a tendencia natural humana a procurar facer o que nos pete, apeteza ou veña máis ao noso rego, a cousa complícase.


Quizais poñendo un decálogo. Coido que xa houbo quen o intentou tamén. Unha declaración de moitos principios, universal e tal. Non sei. Sería máis doado inventar unha APP que nos dera as respostas precisas nos momentos oportunos, sobre o que é correcto facer e o que non. Contando coa Ciencia, claro.


Moi en serio. As relixións, as filosofías, as ideoloxías, fixeron intentos intensos para tratar de establecer fórmulas que nos permitiran encaixar a convivencia entre os seres humanos. Si, xa sei que moitos deses intentos se perverteron polo camiño para outros fins non tan puros. Pero por esa mesma razón ofrécennos unha base para poder definir mellor ese acordo colectivo mundial e saber evitar as desviacións interesadas.


Pero para empezar sería necesario que unha grande parte da poboación sentira a necesidade de avanzar nesa liña. E o que se manifesta nas actitudes individuais e nos comportamentos colectivos como consecuencia desta situación pandémica e que hai unha gran parte da poboación que vai ao seu exclusivamente. E un feixe de boa xente que está disposta a comprometerse para o ben común, mesmo renunciando a algúns dos seus apetitos habituais, pero non a colocarse en posición de revisar todo o fundamento da organización social capitalista para un cambio de modelo. Medo ao abismo. Normal. Aparece no subs o de que poida que haxa moito máis que perder do que gañaríamos e todas pensamos que habendo ese gran colectivo que vai á súa e unicamente á súa, non ten moito sentido perder tempo e enerxías en facer algo mellor para todas.


Estes días atrás anduven dándolle voltas a imaxe da pequena do peirao en Canarias. Non foron illas afortunadas para ela. Para a súa nai. Imaxino que xa hai tempo que non o serán para aquela xentiña que tentou salvarlle a vida alí mesmo. Para quen non puido evitar o seu pasamento no hospital onde estivera días despois. Supoño que tampouco para boa parte das persoas que traballan acotío nos diversos sistemas de control de aduanas e seguridade nese territorio. Que non é o único desafortunado, todo sexa dito. Dun lado e doutro dos lindes da Europa da abundancia e da protección social, atravesando mares e ríos, montes ou estradas, saltando muros, estase a reproducir esa situación.


Os fondos dos mares e dos ríos gardan os cadáveres de canta xente quixo vir e non deu. Nomes esquecidos. Como beiravías dunha guerra civil permanente entre os dous mundos, o dos privilexios e o dos padecementos. En algún momento, alguén revisará a historia e quizais este período teña un nome propio. A guerra do xenocidio frío.


As que tivemos a sorte de caer deste lado, non sei se temos a capacidade para entender como é a vida no outro. Pero que a xente que monta nesas embarcacións rudimentarias, arriscándose contra todo un océano e todo un aparato contra-inmigración, e repiten, unha vez e outra, debera darnos unha pista.


Imaxino unha nai cunha nena de meses no seu colo, apertada contra si, coa claridade de pensar que é mellor arriscar a súa vida e a da súa filla, se hai unha posibilidade mínima de chegar aquí.


Dou en pensar que eu non sei se sería quen de facelo. Quizais por min non. Poida que por unha filla ou un fillo si. Polo seu futuro. O que probablemente non tería no seu punto de orixe ou non sería máis que un padecemento continuado.


Aos poucos dese suceso, entendín que un colectivo exercía os seus privilexios manifestándose. E entendín que un dos obxectivos da protesta era poñer enriba da mesa que acontecementos como eses prexudican a imaxe das illas como destino turístico. Sip.


Non sei se aproveitar para comentar algo sobre o malísimos que son todos os inmigrantes ilegais. Grazas Maldita.


Lembrei entón outras imaxes de tempo atrás de xente desembarcando dun caiuco nunha praia ateigada de persoal tomando o sol. E como moitas destas últimas acudían a axudar e socorrer aos que intentaban chegar a terra. Moitas.


Son contrastes estraños. As que tivemos a sorte de nacer deste lado, non deberíamos sentir vergoña por que así fora. É un factor da existencia sobre o que non temos ningún control. Pero quizais si deberamos sentirnos minimamente responsables. De axudar no inmediato, sen dúbida. Na distancia, no tempo, tamén. De reflexionar sobre as circunstancias históricas que levaron a que este lado do mundo ofreza posibilidades de ter unha vida máis protexida e saudable. Paraíso. Para iso é imprescindible asumir o papel do imperialismo e o capitalismo na historia. E recoñecer se é que nós seguimos mantendo eses sistemas de poder, orde e control. De moitas maneiras.


E si chegamos á conclusión de que así é, e non nos formulamos mudalo, será por que nos presta como funciona?


Fálase moito de moitas cousas. Eu a primeira. Pero imos pasar nós e as que veñan detrás de nós e poida que non vexamos chegar ese mundo onde a condición humana supere o seu teito de cristal do individualismo, da busca de poder, da acumulación e o desbalde.


Había moita esperanza nunha remuda despois desta crise sanitaria, económica e social provocada pola pandemia. O slogan podería ser imos saír desta sendo mellores.


A estas alturas da película catastrófica, hai quen siga pensando que realmente vai ser así?

venres, 2 de abril de 2021

COMUNICADO APEGO


A Asociación de Profesionais Embaladoras Galegas Organizadas, APEGO, agrupa ao colectivo xeral de persoas que dende unha actividade independente adícase á elaboración de paquetes para envíos individuais. Isto exclúe aos masivos, dos que se encarga a industria robótica privada, pública ou concertada.

Na nosa Asociación intégranse profesionais que adican o seu tempo vital, a súa creatividade e o seu saber facer para a elaboración de pezas únicas de embalaxe ou de pequenas series, quen en ningún caso chegan a ser reproducións sistemáticas.


A intervención directa de cada unha de nós na produción, outorga a cada un dos nosos envoltorios o carácter de orixe e pertenza, cunha trazabilidade de fabricación que incluímos en cada unha delas.


Dende hai un tempo, a variabilidade de oferta incrementouse, pola incorporación de novos materiais, o xurdimento de novas técnicas despois de intensos procesos de investigación e o emprego de novas ferramentas, tanto tecnolóxicas como de deseño.


Somos conscientes de que no colectivo chegouse a producir unha certa discrepancia a respecto deste proceso de actualización. O noso acordo asembleario, despois da análise e debate do grupo de traballo creado para a súa revisión, considera recoller a idea fundamental de non rexeitar os diversos avances en función do cumprimento das seguintes condicións:


1. Que a intervención da profesional empaquetadora siga a ser fundamental para o resultado final do produto.


2. Que non se substitúa ningunha das partes do proceso de produción de xeito maioritario pola aplicación da tecnoloxía reprodutiva.


3. Que ningún dos tres niveis de consideración do traballo profesional, intervención, creación, oficio, sexa substituído ou suplantado por un deles.

Se só hai intervención seríamos só obreiras manuais. Se só hai creación seríamos artistas ou deseñadoras. Se só hai oficio acabaríamos sendo técnicas industrias.


4. Que calquera material é valido para o empaquetado xeral, incluíndo os novos materiais mnemotécnicos dixitais e as nanofibras.


E dado que estes parámetros requiren dunha interpretación de caso, o acordo incluíu a creación dunha comisión non vinculada aos órganos de dirección da entidade, para a valoración das novas incorporacións ao colectivo.


Xa nos diriximos á Sección de Loxística, Decoración e Aparato do Lander Autónomo, coa finalidade de solicitar que estas normas sexan valoradas para a súa aplicación na acreditación profesional a nivel rexional que permita un control do furtivismo e a súa progresiva legalización. E asemade propoñendo a creación dun órgano paritario da administración e o sector que en base a estas normas estude a emisión de ditas acreditacións.


O papel da Sección é fundamental dunha banda para evitar a des-regularización da nosa actividade e doutra para reconstruír entre a poboación en xeral e especificamente entre os profesionais e empresas que teñan interese en contratar un servizo de empaquetado o valor engadido da nosa actividade, sinaladamente por contraposición aos procedementos masivos.


En paralelo, a nosa Asociación vai ofrecer todo o apoio posible para as novas persoas profesionais que desexen legalizar a súa situación, obxectivo que entendemos non redundará no seu propio beneficio exclusivamente senón tamén en evitar a competencia desleal en términos económicos.


Xa que logo, apoiamos as medidas específicas solicitadas pola Confederación á que estamos vinculados dirixidas a Administración Federal da República, para vincular todo o espectro de tributacións fiscais da actividade aos niveis de facturación, eliminando a obriga de contribución até un mínimo básico acordado. De non ser así a distancia entre unha actividade profesional produtiva, que xera economía para outras persoas e entidades, directa e indirectamente, e a de alguén que empeza o seu andar profesional, non deixará de ser un camiño intransitable para unha grande parte destas últimas, por unha causa allea á súa condición de profesional. Non estamos para perder capital humano.


A Asemblea acordou tamén abrir liñas de conversa permanentes. No eido interno mediante a creación de outros grupos de traballo específicos para cada eido da nosa actividade: provedores, deseño, novas tecnoloxías, formación, investigación de materiais, acordos coa administración, canles de comercialización, etc. E no eido externo, para iniciar o contacto coas demais organizacións profesionais e non profesionais activas no Lander Autónomo para a posta a común de iniciativas e a toma de postura conxunta en defensa da nosa profesión.


Somos a agrupación maioritaria e con máis experiencia no sector, levamos anos traballando para conseguir que toda a actividade do colectivo mellore en todos os sentidos. Probablemente non todo o mundo teña claro isto e quizais haxa parte de responsabilidade de que así sexa nas nosas propias mans. Pero non será unha razón para non poder chegar a acordos e seguir traballando polos que entendemos son obxectivos comúns de todas as organizacións.


#dignidadeprofesional


#empaquetadorasomostodas


#empaquetamosaquí


#embalamosatúavida


24/05/2020