domingo, 27 de febreiro de 2022

LÍCITO

O outro día cando pasaba no coche por diante da Petro, entroume polo ollo o enorme cartel publicitario dun colexio privado cuxo radio de acción chega evidentemente a este caladoiro de clientes. Lóxico botar aquí as redes. Pero a min se me viu á cabeza aquela noticia dun proxecto para un novo centro privado localizado en Arteixo. Era cando andaba mesturada cunha xente de ben, persoas boas e xenerosas, nas organizacións de representación do colectivo de nais e pais do alumnado de centros de ensino público. Organizacións e sector do que levo tempo afastada.

Eran os tempos da reclamación política da necesidade de prover doutros centros públicos de ensino primario e secundario ao concello arteixán, dadas as circunstancias numéricas de masificación, o desbordamento dos centros existentes e o modelo de aglomeración mantido durante moitos anos polas diversas institucións implicadas.

Mentres os que defendían que non se podía mesturar política e educación, como se unha cousa e a outra non estiveran intimamente relacionadas, na teoría e na práctica, aplaudían coas orellas as promesas de atender ás reclamacións do colectivo que representabamos, sen contar con ningunha concreción nin compromiso, só coa fe que da ser servidores clientelares do poder, e por descontado, por compartir o modelo dese poder para unha educación non integradora, elitista, ideoloxizada, discriminatoria, uniformadora, contraria á igualdade de oportunidades e dirixida a propiciar un único modelo de sociedade aliñada coas teorías neo-liberais, algunhas sinalábamos xa daquela que as debilidades da estrutura da oferta pública no ensino estaban levando xa á emigración a centros públicos de outras poboacións limítrofes, pero sobre todo á matriculación efectiva en centros privados de todo tipo. O perfecto caldo de cultivo necesario para que novas iniciativas privadas ocuparan os nichos de mercado creados pola ausencia de oferta pública.

Habería que poñerlle datas a isto, non si? Era o curso 18/19? Reclamando BAC en Pastoriza, un novo CEIP e un novo IES para o 19/20?. Imos camiño de rematar o 21/22 e empezar o 22/23 e non hai nada de nada. Quitando os comunicados mediáticos do acordo para facer obras de ampliación arriba e poñer terreos a disposición abaixo. E non para máis oferta de secundaria. Isto é comprensible, todo sexa dito. A aposta agora mesmo e pola FP e máis concretamente pola Dual. E non digo eu que non sexa sen boas razóns. Cando menos é coherente coa política de educación Pepera e se aliña cos bos resultados constatados para producir traballadores especializados para a empresa privada, especialmente en aqueles eidos onde estas últimas teñen dificultades para atopar persoal cualificado.

Con toda a lóxica empresarial tamén, habería que darlle os parabéns a quen tomara a decisión de poñer en marcha un novo centro educativo privado en Arteixo.

Sexa por percibilo como un negocio, no que gañar cartos, como un proxecto persoal colectivo, co que desenvolverse somo ser humano individual e social, dende un punto de vista persoal ou profesional, ou ambos, sexa como unha actividade con marcado carácter ideolóxico, definido por e para formar suxeitos cun determinado xeito de entender a vida e o mundo. Ou por calquera das combinacións de cada unha destas facetas e as que se poidan entender tamén como posibles.

Non estou dando a entender nin por activa nin por pasiva, que ese novo centro tería esa compoñente ideolóxica. Non o sei. Non me importa. Nunha economía de mercado onde a iniciativa privada non só é benvida senón protexida e incentivada no eido da educación, calquera opción é admitida, mentres resista economicamente. Sería preferible que en xusta competencia o fixeran sen axudas dos cartos de todas, para axustarse realmente aos mecanismos do mercado, sendo consecuentes, pero non é así actualmente. Tampouco que exista algún tipo de conexión entre os desexos políticos de uns e as iniciativas privadas de outros. O descoñezo. E non me importa tampouco. Seguro que haberá quen trate esas cuestións con datos contrastados entre a profesión xornalística, se o consideran de interese.

Pero entendo que é evidente que encaixa nun modelo de xestión do sistema educativo, no que tanto o actual partido maioritario no Concello como na Xunta, polo tanto na Consellaría de Educación, se poderían ver representados. Así que non creo quen ninguén se poñería a convocar unha manifestación ou aproveitaría para facer campaña partidista a respecto desta cuestión. Repito, se se dera o caso, que non sei se vai ser así, ou non, e tampouco me importa moito.

E se non che importa, que kona andas a falar?

Pois e que me sigue proendo o tema do ensino, especificamente do ensino público. Pero sobre todo porque apetéceme moito dicir que é perfectamente lícito que as iniciativas privadas desenvolvan actividades empresariais no eido educativo. Responden ao modelo que nos demos. Non mires para outro lado. É o que escollemos que sucedera, no eido local e no autonómico en concreto, individual e colectivamente, por asentimento tácito ou por renuncia a fornecer alternativas diferentes co compromiso público expresado en votos ou en participación nos colectivos correspondentes en apoio ás súas iniciativas.

E quixera engadir o que si me gustaría que se tivera en conta, institucionalmente, mesmo no eido do Estado, a partir de agora. Quizais que se convertera nunha reclamación social colectiva. Traspoñer unha directiva comunitaria. Que coido non existe no eido educativo. Partindo de que vivimos nun estado aconfesional e aceptando como premisa que a educación é unha competencia fundamental pública, que pertence con preferencia na definición xeral e no seu desenvolvemento á sociedade no seu conxunto, como ferramenta para desenvolver persoas con sentido da autocrítica, capacidades e ferramentas instrumentais que lles permitan desenvolverse e ter criterio propio para abordar a comprensión do seu entorno e das circunstancias sociais e históricas nas que viven, máis que para producir traballadoras por un lado e emprendedoras polo outro co único obxectivo vital de sobrevivir e o único soño de ter máis que a maioría, máis do que sexa.

Con esas premisas, ¿que tal aplicar o de que non se pode aceptar un proxecto para construír unha autoestrada de pago onde non haxa unha vía de alta capacidade libre de peaxe que cubra o mesmo traxecto?

En consecuencia, para poder abrir un centro de ensino privado nunha area xeográfica determinada, debera existir como mínimo unha oferta de prazas públicas dispoñibles baseadas nun cálculo de rateos mínimas, non as que temos agora por exemplo neste barrio da area metropolitana, senón moi por baixo. E en aplicación desta normativa, revisar progresivamente as concesións para os centros privados xa habilitados e de non cumprirse, ofrecer a posibilidade de retornar os investimentos públicos realizados a ditas entidades, co paso de todas as instalacións, mobiliario, instrumentación e equipamentos a dominio e xestión públicas. Unha vez re-equilabradas as cifras con estas incorporacións, sempre quedaría aberta a porta a novas empresas para iniciar a súa actividade na mesma zona, respectando licitamente a liberdade de mercado. Que raro me soa esta última combinación de palabras, teño que dicilo. Non creo que haxa nada máis lonxe da liberdade que iso, pero son usos...

Como é máis probable que eu pase antes por unha funeraria que por unha escola, digo en corpo presente, case preferiría que houbera máis iniciativa privada nas primeiras. Para que se entenda o da manía con retirar cartos públicos da educación privada e iniciativa privada da educación en xeral. Mesmo na universidade, que conste. E menos darlla a unha Banca, que manda carallo.

Menos mal que ninguén me fai caso. Onde iríamos a parar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario