sábado, 28 de marzo de 2020

CIRCO



Decepción.
E xa choveu, pero esa podería ser a expresión máis aquelada para o penúltimo faladoiro para docentes no que me colei. Grazas a quen corresponde.

Marcelo Castelo desenvolveu durante unha hora e pico o seu monólogo participado, co encaixe previsto e dentro dos lindes preestablecidos. Sorprendeume que unha persoa con tal desenvolvemento, na sede da Fundación ABANCA, en pleno centro da cidade da Coruña, Irmandade´s City, carallo como cambiou o conto, noroeste peninsular, disertara practicamente os 100 minutos nun perfecto galego. Pero evidentemente non foi a única, sorpresa digo.



Xa para antes de empezar a disertación, a presentadora educativa falounos do interese fundamental da organización fundacional bancaria en evadir impostos no fomento da educación avanzada como fundamento para o desenvolvemento dunha sociedade democrática, ou algo así. Sobra algo? Seguro que si. Faltou cando menos a indicación de educación pública, que non era preciso quizais amentar sendo que a BANCA que financia, tamén anda pensando seriamente nunha universidade privada, co meneo vertical primate da cachola dos feijoos e blancos de quenda con baba caendo pola comisura dos beizos.


Pero para que queren a pasta que rouban se non é para gastala nos seus?


Hai pouco tiven a ocasión tamén de escoitar unha conversa, e isto é un inciso parcial, na que dúas adultas burguesas asombrábanse do marabilloso que está a ser o mundo laboral para a nosa mocidade. E eu poñendo a man na boca para non trousar… A ignorancia frijolita da realidade é inocente, pero non deixa de ser culpable.


Non era un inciso total, porque unha ten a ver coa outra….. é un parecer meu. Hai unha parte da poboación que vive nunhas condicións e nun mundo cuxa condición condiciona 😅 como perciben a realidade. Filtran a información para desbotar o que non encaixe no seu mundo disnei. Quitando as onegeadas, claro, que son moi progres para deixalas pasar.


Volvendo ao tema. Que nos contan nun relatorio titulado Profes que cativan e inspiran? Pois iso, o conto de como é que se pensa que deberan ser os profes para mellorar o proceso educativo. Que levanten a man os que pensen que tiveron tantos mestres que lles cambiaron a vida. Dos que din que deixan pegada. Que levanten a man as que nunca fixeron isto. Convictos. Erros mentais. Mira que curioso. Empeza a ser un pouco repetido o de converter calquera faladoiro nun circo youtubeiro. Sexamos simpáticos. Provoquemos a emoción para conseguir a fixación de ideas. Os mesmiños mecanismos de inserción de necesidades ficticias que emprega a publicidade, pero o fin xustifica os medios, non si? 


E para nota, os agudos comentarios e preguntas dalgunha das asistentes oitenta por cento pareceume a min do sector profesional educativo. Esta non sería para puntuar, xa sabedes o de que para cobrar quinquenios hai que asistir a cursiños, pero tiña un chamado especial de mola ir a este sitio a escoitar alguén que dis que está trendin. E algho terei que facer para aparentar que me interesa isto no que traballo. Coidadiño! que neste sentido hai tanto que apuntar polo lado profesional como polo afeccionado.


Pois con todo isto zumbando, saín de alí coa sensación de que agora calquera pode montar un furancho de auto-axuda educativa poñendo orde e enlazando ideas do eido das ciencias da educación e dalgunha outra relacionada coa psicoloxía e a socioloxía, si, tamén coa neurociencia, que se non a cito non vou estar á moda, e vender a moto. E non son máis que fundamentos educativos que xa se coñecen hai un lote da anos pero que nunca se levaron á práctica de xeito sistémico. Mérito ten, non vou dicir que non. Un dos compoñentes dese mérito e darlle a papilliña masticadiña a calquera para que non teña que facer un mínimiño esforziño en asimilar a conceptualización ou formularse o meta-coñecemento.


O caso é que xa enlacei na neurona a idea aquela que tiña de pararme a pensar niso que din os expertos (que expertos?!!) sobre a prolongación da duración da adolescencia nas sociedades modernas. Claro que hai quen o discute, pero é que o discute todo… E entón empecei a pensar: e non será que vivimos instalados nunha sociedade adolescente? 

Recapitulando.


Cales son as características que definen o período da adolescencia?


Será porque non hai estudos que falan disto. Poñamos que son estas.


Actitude distante e menos afectuosa coa familia.
Impulso para modificar as normas á súa conveniencia.
Propensión a poñerse absorto do entorno.
Culto á auto-imaxe e valorización polos outros.
Tendencia a fuxir das responsabilidades impostas.
Actitude agresiva cara os outros no seu entorno e a si mesmo/a.
Máis interese pola xente allea á súa familia e grupo.
Toma de decisións baixo os seus únicos criterios.
Perdida xeral ou específica de motivación.
Grandes cambios emocionais mesmo de xeito brusco.


Pois vou intentar trasladar algunhas destas condicións ao eido social xeral e ver se hai situacións nas que se manifesten dalgún xeito. Serei quen?


Continuará… ou non.

sábado, 21 de marzo de 2020

PESTE


Xa vai para uns cantos meses que me borrei do mapa social. Entenderedes que para min non está a resultar moi difícil manter ese illamento que agora se antolla máis que necesario. Se hai quen non entenda o porque (da necesidade), que meta a cabeza na cunca do vater e tire da cadea.

Alguén me preguntou pouco despois de borrarme dos grupos: e que cousa che deu? A contestación foi simple: aburrimento. Unha desas palabras máxicas que pode ter o significado que cada quen lle queira dar. Como que interesante. Ou excepcional. Pero neste caso o sentido non era nada común e a un tempo respondía precisamente a iso.

Unha serie de sucedidos nun período curto de tempo relativo á idade que atesouro e presumo, leváronme a perder a confianza e a fe na humanidade en xeral e en algunha parte concreta dela. A conclusión á que cheguei para decidir apartarme do mundanal ruído non é iso de que a mel non está feita para a boca dos oligarcas. Cada persoa ten un valor inalienable en si mesma. Que ninguén pode lixar. Tampouco poñer nun pedestal. Pero entendín que nos tempos e espazos sociais nos que vivía acotío, non existía máis que o interese particular de cada quen para o propio beneficio e vantaxe. Non tiña ningún sentido traballar por un colectivo que non se consideraba tal. Como a humanidade.

Para quen hai tempo entendeu que ese valor inalienable é unha construción produto das propias experiencias vitais en relación co mundo que nos rodea, seres vivos e cousas, cultura e xeografía, que somos o que somos individualmente polo que nos tocou vivir e polo que viviron todas e cada unha das persoas existentes neste tempo e en todos os tempos e na relación co medio natural e artificial no que vivimos e que creamos a nosa imaxe e semellanza, resultabame cada vez máis insoportable ver a alienación das condutas sociais, o abandono do sentido de comunidade, a negación do colectivo pola afirmación egocéntrica do tanto por cento de interese persoal.

Este verán merquei unha edición barata de La Peste, de Albert Camus. Ten páxinas nas que se repiten parágrafos enteiros, como para facerche dubidar se xa os liches antes ou non. Eu repetía esa perdida de fe. E mentres lía entendía, imaxinaba ou interpretaba como podería ser un mundo no que todas estiveramos centradas dunh banda en agardar a infestación e doutra en loitar contra dela. E sempre hai quen pensa en fuxir. Aínda que en realidade só estaría fuxindo de si mesma e do seu medo.

E entón chegou esta Peste Monárquica, outra máis, para poñer as cousas no seu sitio. Logo hai quen fala de casualidades. E pensei que quizais si habería sentido colectivo de responsabilidade. Esa aptitude do ser humano, que precisa práctica diaria dende moi cativos, para ser quen entre outras cousas de enfrontar os medos con razón e con sensibilidade. E resulta que seguimos deixándonos levar polas falsas informacións sempre e cando apoien o que nos convén máis. Seguimos preferindo negar a evidencia científica pola senrazón de xustificar o que nos apetece máis facer ou deixar de facer. Preferimos discutir as indicacións de protección colectiva progresivas, de calquera grado porque non son do noso acomodo. E menos mal que non hai barra libre para mercar armas como nos USA, para poder ir con seguridade ao super a pillar o único que nos vai servir para gardar as aparencias de limpeza da cagarría insolidaria que nos deu a perspectiva de perder todas as comodidades e privilexios das que gozamos os europeiños de a pe e os de a cabalo, deste e doutro lado do océano antes azul.

Nós si que somos unha peste.

Claro que sempre haberá algo positivo en todo isto. Con case que todo parado, contaminaremos menos. Ou non, porque as cantidades industriais de lixo e o aumento do consumo enerxético e de datos que imos xerar estando todas papando, ghiñando e vendo cousas sen substancia nas redes e nos aparatos hiperconectados metidos na casiña, non van ter medida. E a de comida que imos ter que tirar por acumular o que non era preciso.

Poida que todo o persoal aproveite para recuperar as relacións familiares. Non sei. Como non decidan cortar internet de vez, coido que todas imos preferir ao segundo día de encerro (un de xaneiro, dous de febreiro,…) poñernos a recuperar o contacto con aquela xente que tiñamos abandonadas no facebook.

Quizais nos dea por ler poesía. Pintar. A habitación da nena ou aquel cadro que sempre imaxinei daquel pequeno outeiro da árbore e a bancada de pedra. Estudar algo ou aprender a escribir, xa non vou dicir a pensar. A ser quen de diferenciar a verdade da falsidade, a xustiza da inxustiza, a necesidade do interese. Que non existe o sentido común. Teño que escoitar aquela canción. Que lembranzas. E chamar aos avós, todos os días.

Pero dubido moito que sexa así. Mesmo sinto que estamos metidiños na casa máis por aquilo de non ter práctica na responsabilidade que por entender como é que funcionan as vacinas. Non é maxia. Non é por real decreto. Ten a ver con que todo o que facemos como individuos ten consecuencias para todos os demais, e poucas veces o temos en conta nos últimos tempos. Algo que se chama ben común, coido. Que sen dúbida, non pode ser menos importante en ningún caso que o propio en circunstancias normais. A que altura o imos poñer nas excepcionais? Xa se verá…


#euquedonacasa