mércores, 19 de xaneiro de 2022

NATUREZA MORTA


Eufemismos. Como o de Natureza Morta. Non me gustan nada. Sei que algún que outro artista ten feito verdadeiras obras mestras con esa formulación. Pero fóra dese eido, cando escoitei o outro día a alguén citar esa expresión para falar dunha situación real de contaminación dun espazo natural protexido, pois se me revolveu un pouco o estómago.

Pero imos por partes. Somos unha peste como especie. O afirmo, non o formulo como unha teoría. Individualmente hai casos. Casos de ser menos peste ou moi peste. Pero non libramos. No extremo baixo están os hiperecoloxistas veganos recicladores, para esaxerar etiquetando, que xa sabedes que me gusta moito. Xente que fai todo o posible por atopar un equilibrio co medio que non supoña unha agresión en ningún sentido. Pacifistas ecolóxicos. Que non, non estou sendo sarcástica nin pexorativa. Gústanme ambas cousas e desexaría ser unha delas. No outro extremo estamos a práctica maioría do resto dos seres humanos bípedes. Ou das seres humanas bípedes. Chúpamela Real Academia Española. Ou chúpemelo Real Academio Españolo.

Aparto o papel, aparto o vidro, as latas e os envases de plástico, non uso toalliñas hixiénicas e se as uso non as tiro polo retrete. Non merco verduras, nin carnes nin peixes envasadas en plásticos. Nada de deixar correr a auga mentres lavo os dentes. Non che digo nada de mentres fregho os cacharros. Recollo a auga da ducha nun cubo para outros usos mentres non da saído quente. Tapo as potas cando poño a quentar algo.

Aproveito a calor do forno para requentar. Non como carne industrial, de calquera tipo de animal. Ventilo as estancias todos os días e aproveito a luz do sol para quentar a casa en inverno. Teño toda a iluminación de baixo consumo. Apago a luz cando saio dunha estancia. Penso no que coller e volver ao frigorífico antes de abrirlle a porta. Auga do tempo para lavar a roupa. Deterxentes e resto de produtos químicos de orixe natural.
 

Reparo o calzado, amaño a roupa. Reutilizo os papeis de agasallo. E os folios cunha soa cara impresa. Se tivera cochos, tiña solución para os restos orgánicos. Pero controlo as cantidades de comida que elaboro para desbotar o menos posible. Mellor quedar con algo de fame que tamén axuda a manter o tipo. Sigo?

Acción individual para a protección do medio ambiente. Para que quede algo para as próximas xeracións. Tamén aforro enerxético, de materias primas, de auga (tan importante, tan escasa, aínda que nos pareza que non).

E aínda que non sempre te lembres de todo. Ou haxa cousas que nunca fixeches, fas ou farás. Acción individual. Que ben nos venderon a moto!  Non, non digo que estea mal. Non digo que non axude. Nada pode funcionar nunha sociedade complexa sen o compromiso de cada unha das persoas que a compoñen cara un obxectivo definido e cunhas premisas concretas. Pero estamos vendo, dunha banda, que hai unha boa parte desas persoas que non van sumarse nunca ao esforzo colectivo. Nunhas partes do mundo máis que noutras. Poida que en algún momento alguén faga un estudo de correlacións.

Pero para conseguir o obxectivo de salvar este planeta, hai outros mundos, pero están neste, e non temos nin p. idea de se imos atopar algún outro tan ben posto para nós no resto do universo e se daremos chegado aló, en termos de distancia e de tempo, do tempo que nos queda por foder este, ademais do de ir e volver, digo, para conseguir o obxectivo, falta a acción política, das institucións e dos gobernos, dos mandatarios. E sobre todo das empresas e do mercado.

A iso vou agora.

Non son economista. Padezo a economía de mercado nas carnes pretas. O que sei sobre como funciona, o aprendín por experiencias propias e alleas transmitidas. E algunha lectura. Non sei nada de Adams, nin de Keynes, ou como sexa que se chamen. Algo de Marx si. Por un libro que me agasallou unha persoa á que aprecio mesmo ao punto de poder dicirlle que non me gustan algunhas cousas que fai directamente. Non sei se lle importará moito, pero á relación poida que si. Groucho Marx digo. Un empresario americano xenial. Do inspirador da teoría económica socialista tamén, si, teño lido algo. Volvendo. Padezo a economía. Como a maior parte de nós.

A parte última do ano 21, era o ano do século, por certo, viu marcada neste sentido pola subida abrupta dos prezos das cousas que mercamos as paganas (de pagar). As comúns das paganas. Disque vai ir o IPC a 6 puntos. Eu fun comparando nos últimos meses algunhas das que merco comunmente e me saen outras porcentaxes. Como gardo todos os recibos das compras, pois podo afirmalo con certa claridade. Bastante máis.

E unha se pregunta se todo isto de que suba o aceite, o café, a luz e as patacas, ten a ver con que aos que coidan os oliveirais, cultivan os cafeais allende los mares, ou ao sol, a auga, o átomo, os combustibles fósiles e os gases respectados, lles van pagar máis en nómina por facer o seu. Deixo as patacas, como podería deixar o leite, porque xa todas saberemos que non é así. E que mesmo hai que lexislar para que un labrego ou un gandeiro non teña que vender a perdas. Manda carallo! Ter que vender por debaixo do prezo de custo para que o leite non acabe correndo coma un rio polas leiras nin as patacas apodrecendo nos almacéns.

Pois vou tentar de facer teoría económica. Non é a lei do mercado, esa de oferta e demanda. Iso é unha mentira falaz. Que convén manter para que a xente non se formule moitas preguntas. É especulación. E avaricia. E miseria, no sentido de que segue habendo moito miserable que non lle importa a miseria de outra xente mentres haxa beneficio, plusvalía ou ganancia, como lle queira vostede chamar a roubar do que é de todas para acumular en poucas mans. Quen se sube ao tren dese mercado especulativo, automaticamente empezará a dicir o de que sempre pode vostede mercar accións da compañía, que volve a ser mentira, patética pero efectiva, para repartir unhas poucas migallas, conseguindo fondo financeiro que permita aumentar as operacións especulativas.

E a política non está exenta de entrar neste xogo, por desgraza. A cagada da medida estrela da UE para incentivar a transformación enerxética a verde, presión alemá probablemente, dos seus verdes digo, e deixar de ser dependentes dos fósiles (políticos non, combustibles). Pero iso si, paz coa Rusia imperial para seguir colocándose no inverno co ghas natural (natural?). Imos poñer os dereitos de contaminar en bolsa, veña!
 

E que os especuladores empecen a xogar co valor para facer negocio. Intanxibles. Para que ás empresas e aos gobernos que os necesitan para ir adaptando e mantendo a infraestrutura de produción enerxética lles custen cada vez máis. A onde vai ir a repercutir ese sobre custo? Pois sempre, sempre, sempre ao consumidor final. Porque uns non van deixar de recadar impostos, lembrade, son porcentuais e os outros non van deixar que a súa conta de resultados baixe, que logo protestan os accionistas e os directivos teñen que cobrar os seus tropecentos millóns pactados.

Pero ao sachador de leiras, ao mariñeiro, ao gandeiro leiteiro non se lle pode pagar o que lle corresponde. Xa non falemos de que conten cun beneficio maior que incentive ás novas xeracións a ir vivir ao campo, un sitio tranquilo, con bo aire respirable, onde podes ir pasear cando queiras incluso en pandemias, con todos os servizos dispoñibles, dende garderías até internet de alta velocidade ou para embarcarse en buques con espazos recreativos, conexión por satélite, aloxamentos individuais, un plan de xubilación anticipada con beneficios triplos e toda a seguridade para traballar a para quen queda en terra se non hai volta do mar. Lume, había que poñerlle aos montes de liberalpensadores que discorren as medidas enxeñosas. E un aeroxenerador dos de tres paletas que hai que levar en transporte especial, no medio do seu xardín, a carón dos bambáns e a piscina.

Estou tan cansa de repetilo. Non cambia nada. Hai pequenas conquistas. Hai máis liberdade individual para poder facer algunha cousa máis. Poder ir aos bares. Escoller entre máis canles. Facilidades para ter apps nas que ocupar os minutos mortos. Non é un complot oculto. E moi evidente, pero é pracenteiro. Produce suficiente satisfacción no sistema nervioso como para aplacar as diverxencias substanciais. Con variantes locais, que adoitan empregar métodos disuasorios con violencia, pero que son tan caros de manter. O sistema de control é moito máis barato, porque é basicamente autofinanciado con consentimento pleno, tácito ou expreso. Supoño que por iso me doe cada vez máis a cabeza, cando intento pensar. Así que vou tomar outra cervexa... Os modelos de control social que se comezaron a practicar no primeiro terzo do século pasado foron perfeccionándose cada vez máis e o seguirán facendo. Cientificamente, que a nosa querida ciencia tamén pode ter usos perversos.

Xa que logo, que ninguén conten con revolucións. Nin pacíficas. Todas as iniciativas lideradas ou non, con teóricos sistemas de decisión compartidas, acaban morrendo no mesmo, a negativa dos seres humanos comúns a ir máis aló de pequenas alteracións da conduta sen abordar unha revisión individual e colectiva do auto-coñecemento e a historia que supoña ter que mudar aquelas teorías que construímos sobres nós mesmas e o mundo que nos ofrecen un marco de seguridade emocional balanceado. A resposta automática cando rozas un pouco a pel de alguén nese sentido é sempre a mesma, aprendida, incrustada nos miolos, non me analices. Non me analices ti porque eu renuncie a facelo voluntariamente, non me consideraba dabondo forte para responder aos dilemas psicolóxicos e morais aos que me podería ter que enfrontar. E se tratas de falar da socio-historia, salta o de que as cousas son así, sempre foron así e probablemente o do sentido común.

Se para salvar o mundo e como corolario a nós mesmas fora preciso un cambio evolutivo, non se vai a producir voluntariamente. E forzalo, non sería máis que outra parvada mesiánica e megalómana tan típica desta especie da que unha servidora tamén forma parte. Outra máis. Pero estou por darme de baixa... cada vez con máis forza. Aínda así sigo tendo esperanza nos raios cósmicos, a contaminación, os virus de deseño e outras alternativas mutáxenas. Incluso na literatura en xeral e na poesía en particular. Pero iso é outra historia...

Ningún comentario:

Publicar un comentario