xoves, 12 de setembro de 2019

VIDA


Este foi un verán divertido. Voume quedar coa frase. Foi un verán sen bicicletas e con xente que aínda non sabe andar en bicicleta. Que saberá se decide querer aprender. Como se fora algo con que unha non puidera vivir plenamente. Seguro que haberá quen diga que si, pero non tal. Outra cousa é andar descalza. Pola area da praia, claro. Pero pola casa tamén, pola rúa, os xardíns. Sen medo. Con pracer.

Foi un verán que comezou en parte hai un ano, noutro, cando coido que tiven un crush con un ser vivo de catro patas. Foi a primeira indicación que a vida me ofrecía para reactivar a capacidade de sentir, de volver sentir con intensidade. De recuperar o asombro polo que sucede acotío. A maioría desas vivencias que pasan sen que nos fixemos nelas, porque andamos moi ocupadas en seguir producindo cousas, informacións, imaxes, teorías… Moi ocupadas en contarlle ao mundo o que pasa nas nosas vidas, tipo selfie da última defecación periódica, como se ao mundo lle importara un carallo. 

Un verán de curiosidades, que curioso. De casualidades. De sucesos imprevistos que alteran toda a programación 10100101111010 que tes feita de como é que deben ser as cousas. De preguntarse o porque do que acontece. De sorprenderse co excepcional, co natural, co orixinal. De entender por fin como é que a enerxía se transformou en materia. E ademais o fixo dun xeito elegante e fermoso. 

Para unha tipa coma min versada nos mundos matemáticos, recoñecer o valor da mística da casualidade foi un paso importante. Adiante. Pero claro, unha sabe dende tempo atrás que as casualidades non existen. As percibimos como tales para apoiar aquelas cousas nas que queremos crer ou aquilo que nos importa de verdade, mesmo sen saber que é así, que nos importan digo. Cando se comparte información nun entorno reducido, se isto se produce coa suficiente densidade e intensidade, a probabilidade de atopar conexións comúns aumenta exponencialmente. O que nos está dicindo e pedindo a percepción da casualidade é simple: quero máis diso. O necesito. Alimenta a miña forza vital para seguir construíndo en densidade e intensidade. Vontade de querer. 

Un verán de perdón. De perdoar o mal que che fixeron. Pero sobre todo de perdoar o mal que fixeches, o que se sabe e o que non. Illar a mentira nun espazo morto e saír del. Un perdón auto-infrinxido. Para liberarse das áncoras que durante moito tempo impediron elevar a mirada atenta e disposta a descubrir novos mundos. E atopalos. Sen temor de volver errar, porque xa sabes que o erro é aprendizaxe. Claro, tamén foi un verán de aprender. Volver a estar en disposición de escoitar e entender a diversidade, a diferencia, o até entón descoñecido na vida que corre polas rúas, as bibliotecas e os bares. Descubrir que non todo o monte novo e fume. A leña verde arde tamén con paixón e desexo por construír novas realidades, moito máis aló de onde ningunha das vellas aparentes poidamos chegar a imaxinar. Que ninguén dispare a esas alas brillantes. Nin accidentalmente, que as veces somos, ti e eu, moi torpes disparando. 

Un verán sen sol, maioritariamente sen sol, que é unha bendición do planeta trastornado pola nosa avaricia, para quen non adoita pillar bronce nin lle presta. Das que preferimos ben durmir de noite ao fresco que morrer por inanición de sono que non hai quen peghe o ollo con esta calor que vai. 

E isto pasou nun verán, nun País. Nese que algunhas discuten, que será será. Ese das praias multidisciplinares e os montes colonizados ou autóctonos. O das boas e xenerosas, que non sei se cada día andan máis escondidas ou que o disimulan máis mellor segundo van avanzando os tempos. 

Tamén foi un verán da anécdotas. Cando vas construíndo a túa vida, escolles por onde ir. De cando en vez, se non estás definitivamente morta, volves preguntarte se as eleccións foron correctas. Error. Aprende. Claro que o son. Sempre. Nada do que xa tes feito ten volta atrás. Mentres non se digha o contrario cuanticamente falando, non vaia a ser o demo. Xa non vivo sen vivir en min, definitivamente. E as cicatrices na cortiza do corazón curaron coa menciña da verdade dirixida ás orellas mirando aos ollos de quen tiña que escoitala. A que lle contamos a quen quere voluntariamente escoitarnos, mesmo sendo a mesma verdade, serve fundamentalmente para construír a confianza do futuro. 

Pero a anécdota fundamental neste verán divertido fun eu. A vida foi a esencia. Mágoa non ter máis estío para compartila.

E como ven setembro? Para empezar tomando decisións de querer sen limitacións, poñendo orde en cada un deses eidos da vida que foron caendo no desleixo. Sentir non está en conflito con pensar. Son unha parella necesariamente inseparable. E o futuro que confío e agardo exista, polo que teño intención de traballar con paciencia, disciplina e concentración, necesita desa orde e precisión artesá, da orixinal, da natural, da excepcional. Xa veremos se dou...