sábado, 4 de marzo de 2017

A CLAUSURA



Vou tirar proveito para un parrafeo, da clausura dos II Encontros Educatic, da que calquera pensaría que sendo unha acción deseñada coa intención de dar a coñecer as actividades relacionadas co uso das novas tecnoloxías no eido educativo público en Arteixo, intercambiar experiencias entre os centros, darlle participación ás Asociacións e investir socialmente no desenvolvemento e aplicación das TICs no ensino, a persoa escollida para o acto final non tiña moito que ver con esta temática. Poida que non. De feito o faladoiro estivo centrado en outras cuestións, especificamente vinculadas co mundo do fútbol. Haberá quen diga que este tipo de actos se desenvolven para darse bombo político e presentar unha imaxe de modernidade. Poida que si. Un debate que podería ser interesante se estiveramos dispostos a analizar polo miúdo cal é a definición do proxecto Arteixo Innovación e a súa asignación presupostaria. Como membro activo dunha asociación vinculada á educación, podería comentar se nos correspondería facer esa análise. Volverei a isto. Pero quizais fora mellor empezar por outro lado. 

Antes apuntar que os tres días dos encontros tiveron como nexo común as presentacións e faladoiros que falaban do cerebro. Teorías da neuroloxía, do comportamento dende o punto de vista individual (psicoloxía) e dende o punto de vista colectivo (socioloxía). O acto de clausura seguiu este fío en certo sentido. Falounos Don Vicente del Bosque das súas experiencias vitais dende os seus inicios nas categorías menores do Real Madrid ate o seu paso histórico pola selección española. Dalgún xeito a práctica do uso do cerebro na vida diaria nun mundo profesional cunhas características especiais. E de algo máis que o cerebro, claro. E con todo o compoñente educativo dun adestrador/profesor que probablemente fundou a súa sabedoría neses eidos na traxectoria de anos nos equipos de base madrileños.

Que saquei eu en claro da súa exposición? Vou facer mención dalgúns dos pensamentos que me inspirou. A importancia de sentir a pertenza a unha empresa. Enterprise, dirían os anglosaxóns. Un proxecto común, compartido, co que identificarse e co que poder comprometerse nuns valores definidos. A paixón por aprender e por ensinar. Profesores e alumnos que quixeran estar noutro sitio mellor que na aula que comparten non deberan estar nela. Para os primeiros, dou en entender que isto depende moi principalmente dun factor: o recoñecemento social. Máis que da cantidade de vacacións que teñan ou dos soldos asegurados que gocen. Un recoñecemento de todas as partes coas que están en relación. Que eles se teñen que gañar cada día e no que nós non podemos ser miserentos en ofrecer. Dos seus alumnos e das súas alumnas, que recoñecerán e aceptarán a súa autoridade como experto, como educador, como persoa. Que gardarán na súa memoria histórica persoal a súa presenza vital. Algo que son quen de imaxinar debe supoñer a mellor recompensa na función docente. Das familias que lles outorgamos a responsabilidade de formalos e ensinarlles nun mundo cada vez máis centrado na abundancia do coñecemento como ferramenta para o éxito profesional e económico, e que deixou un pouco de lado a necesaria construción de personalidades en equilibrio capaces de enfrontarse e dar resposta satisfactoria aos novos retos que xorden na vida. O mesmo obxectivo xenético que procuramos nais e pais, de xeito maioritario. Das institucións ás que están vinculadas por xerarquía profesional, no recoñecemento do seu complicado e duro labor, que non precisa inxerencias de control político, máis ben compromisos de ofrecer os medios precisos para poder desenvolver axeitadamente o seu labor. Da sociedade no seu conxunto e das organizacións políticas partidarias especialmente, dándolles a palabra en primeiro lugar e en último aos docentes, cando se trata de falar e de lexislar sobre educación.

Con profesorado ben alimentado na valoración pública, ben formado, con tempo e repouso, cos medios necesarios á súa disposición para seguir aprendendo e ensinar con apetito, estou convencido de que habería menos alumnos e alumnas que quixeran fuxir das aulas. Pero para diminuír radicalmente a necesidade non xustificada polo interese propio, en abandonar os estudos, faltaría máis adubo. Empezando por ser claros como sociedade en canto ao que agardamos dos procesos educativos regulados. Deixarnos de caralladas. Porque os nenos e as nenas perciben a incoherencia. E non toleran que lles mintamos na cara. Se queremos unha educación para fabricar traballadoras, deixémosllo ben claro dende un principio. E apliquemos ás dinámicas laborais empresariais da sociedade mercantil e de consumo dentro da escola. Se queremos que desenvolvan as capacidades para poder decidir por si mesmos como é que queren que sexa o futuro, partamos da base de que nin eles nin nós (moito menos nós) sabemos nin por asomo como vai ser, e por tanto o sistema educativo institucionalizado ten que ser absolutamente  innovador e aberto, permeable ao mundo, exportador de actitudes, definidor de comportamentos, capacitador do análise crítico permanente da realidade, sen medias tintas. Ten que ser o factor social de renovación constante das relacións de poder e económicas.

Outra das reflexións que tirei do parladoiro foi a reiteración da idea de que nada é gratuíto. Non se consigue nada sen esforzo, constancia, reiteración, disciplina. E non establecida dende uns parámetros alleos, senón compartidos, transmitidos por convicción, na consideración de que cremos neles e de que o proceso tamén ten que estar imbuído da mesma dinámica. Cambiar aquilo de a letra con sangue entra polo de que os medios non poden ser intrinsecamente distintos dos fines a conseguir.

Eu comparto esa idea, dende hai moito tempo. E tamén a de que en ámbitos educativos, e o deporte ten tamén esa faceta, mesmo resulta imprescindible a atención especializada. Agora estamos facendo fincapé especial en atender as diferencias salientables medidas en parámetros de desenvolvemento mental e físico. Esta moi ben. Debe ser así. Pero a cuestión central da nova educación é que todas somos diferentes. Non hai dous casos iguais, en sentido estrito. Por tanto, ese debera ser o criterio xeral para desenvolver procesos educativos: a atención á diversidade, que define un ensino individualizado, e fuxe de estándares de metodoloxías de aprendizaxe e de medicións puramente estatísticas. Un sistema que se aproxime ao desenvolvemento de procesos de capacitación individual e colectiva para un achegamento ao coñecemento de xeito persoal. Ser quen de seguir aprendendo por un mesmo. E ademais, non querer renunciar nunca a tal viaxe.

Logo tamén se falou de fútbol, non podía ser doutro xeito, de equipos, de situacións, de xogadores. De aprender a gañar e saber perder. E houbo rolda de preguntas. Unha cousa me chamou bastante a atención desta parte da celebración. Contamos coa asistencia de moita rapazada de idades ben diversas. Unha das preguntas máis reiteradas polos máis pequenos foi a de “cal é o seu xogador favorito”. E a pesar de que a contestación era basicamente sempre a mesma, non definíndose en ningún caso, volvíase a repetir. Gustaríame entender cal pode ser a necesidade repetida en nenos distintos, de familias distintas, posiblemente centros distintos, de identificar a un xogador por enriba dos demais, segundo a opinión dun experto recoñecido. Como dixen, non entrou nese xogo, pero non se anicou cando quixo identificar en xogadores concretos calidades determinadas: o toque de un, o liderado de outro, a capacidade de adaptación de aquel, o compromiso do outro..... Pero sobre todo, cando falou dos éxitos - e das decepcións tamén - dos últimos anos da súa carreira, falou de equipo. Dun colectivo identificado cun obxectivo, de novo.

Teño que mencionar dúas cuestións. Para sorpresa de máis de un posiblemente, eu son futboleiro. Rara vez vin un partido enteiro nun campo de fútbol. En poucas ocasións teño visto partidos enteiros tampouco no ordenador. A televisión xa a teño abandonada hai anos. Non me aburro vendo partidos onde non hai nada en xogo. E sigo as ligas “menores”, 2ªB, Terceira, Preferente.... Sei como lle vai ao Arteixo. Máis dunha vez teño comentado nos círculos máis próximos a percepción de que os fins de semana hai un lote enorme de xente xogando e asistindo a partidos de fútbol en todas partes do País. Algo terá o deporte presidente para ter tanto tirón nas bases. Hai ocasións nas que unha xogada individual ou colectiva paréceme artística. Pero aborrezo do fútbol profesional no seu compoñente mercantil. Sen dúbida é un dos novos opios do pobo. E non debera en ningún caso ser posto como exemplo educativo para os menores. Xa nin falemos dos comportamentos públicos dalgúns dos seus buques insignias.

A outra cuestión ten certa relación con isto último na valoración do éxito do acto. Persoalmente foi enriquecedor. Non houbo formulacións novas ou cousas que non tivera escoitado ou lido antes. Pero si unha manifestación expresa de que hai un xeito de  desenvolverse na vida, e concretamente na vida profesional, con xenerosidade. Xenerosidade da que di Don Vicente que sempre trae cousas boas de volta. Sen pecar de modestia, nunha parte da miña vida considero que tamén intentei desenvolverme neses términos, coa mesma convicción. Pero sigo mirando todo con ollo crítico. Sen intentar xulgar, menos aínda, condenar. En consecuencia, foi unha ledicia ver tanta xente diversa xunta nun acto cun certo compoñente educativo. En proporción inversa á tristura que sentín vendo tantas butacas baleiras nas presentacións dos días 16, 17 e 18. E sobre todo nas disertacións que os expertos fixeron sobre distintas cuestións de profundo interese educativo. Con claridade, gañou por goleada Don Vicente. E nós, como colectivo, comunidade educativa ou como queiras chamalo, tamén deixamos claras as nosas prioridades, o que máis nos importa, e o que nos importa pouco. Como persoas tamén, pero iso é da conta do debe e o haber de cada un na vida.

Agora vou volver ao que deixei aparcado no inicio. Mesmo se non formara parte dunha Asociación vinculada ao eido educativo, como pai, dou por sentado que tería un interese especial en calquera cousa que estivera relacionado co ensino regulado. Coa formación e o aprendizaxe en xeral. Mesmo senón fora pai, como cidadán, estaría interesado en como se desenvolven os programas educativos que definirán en parte a sociedade futura na que nos imos desenvolver. E normal que un Concello se ocupe de estas cuestións, cando menos se pensa en atender aos intereses dos seus cidadáns, sexan ou non sexan nais e pais. Se debe e pode, no sentido estrito das competencias que lle corresponden segundo as bases de réxime local pois iso que mo explique alguén. O que resulta indubidable é que manifesta con feitos unha vontade política. Pois xa é unha conquista. Da que algunha das Anpas que tamén son participes dese proxecto foron instigadoras. Lembro aquela Xornada de Familias onde un colectivo de nais e pais transmitiulle aos representantes do Concello o interese manifesto por manter e propagar un proxecto de aplicación das novas tecnoloxías na educación que considerábamos de excelencia, e que naquel momento estaba na corda frouxa. Persoalmente gustaríame que esa vontade política tamén se manifestara en outros eidos, por exemplo, asumindo completamente toda a xestión das necesidades de conciliación das familias que agora xestionan as Asociacións. Pero claro, antes que a vontade política do organismo, ou cando menos a un tempo, faltaría a intención asumida, declarada e manifestada das organizacións das familias para reclamar tal cousa. Tamén para reclamar de quen sen dúbida ten as competencias nese eido, a Consellería de Educación e outras Consellerías vinculadas, que acepten modificar as condicións xerais para establecer programas de atención ás necesidades das familias vinculadas coa actividade laboral aproveitando as instalacións dos centros ou creando outras, cun sistema estandarizado para todo o País. E isto non é un problema das familias, nin das organizacións. Non é algo que se lles poda botar en cara, cando levan anos exercendo de empresarios para a xestión dos servizos, na maioría dos casos superando os estándares de atención, servizo e control que ofrece a propia administración. Evidentemente, hai outras consideracións na cuestión, como que o modelo que as Asociacións asumen non é o de unha prestación educativa/social, senón de oferta de servizos para familias, que ate a aparición das axudas para comedor, só se prestaban a quen podía pagalos, salvo excepcións puntuais. En calquera caso, é algo que a administración debera agradecer sen paliativos, manifestamente, máis que con palabras con feitos, mesmo no eido económico. E tomar nota.

En paralelo a esta reflexión sobre os servizos, pregúntome. Quen ten as competencias en Educación no Ensino Público en Galiza? A quen lle corresponde formular as condicións de traballo con novas tecnoloxías nos centros de Ensino Público? Cal é o nivel de inversións realizado pola Consellería de Educación en novas tecnoloxías nos centros de Arteixo? Canto se inverteu en formación e capital humano vinculado coas novas tecnoloxías por parte da Consellería de Educación?... estaría ben telo claro.

Condeno ou aplaudo entón a iniciativa de Arteixo Innovación? Como non vai ser aplaudir! Que non deixe de reclamar da administración autonómica que faga algo en Arteixo, máis aló do imprescindible, e sen repercutirllo de maneira subrepticia aos petos dos cidadáns, non pode ser óbice para apoiar as iniciativas de posta en valor das novas tecnoloxías no eido educativo que emprende o Concello. Este é un camiño que non ten volta atrás. Entendo que todas coincidiremos en que o futuro, o persoal e o laboral especificamente vai estar cada vez máis vinculado coa utilización de tecnoloxía común, non especializada. O que fagamos para que as rapazas e os rapaces desenvolvan habilidades e capacidades nese eido sumaralles posibilidades de ser máis e vivir mellor. Estender esas dinámicas ao resto da poboación e a outras actividades que se desenvolvan no concello fará de Arteixo un polo de coñecemento, desenvolvemento e posibilidades laborais. Facelo no eido educativo, ademais, pode ser incluso un atractivo turístico. Como comentan as rapazas de Innovarte en relación a Ames. A segunda recomendación que fan, tamén para tomar nota, mesmo aquí e neste caso.


E ademais, para os que puidemos/quixemos asistir ás actividades dos 3+1 días de encontros, todo foron beneficios. Gañamos tempo de vida. Aprendemos a comparar hormonas con bebidas espirituosas. Gamificámonos. Reconsideramos ser xenerosos escoitando a un sabio salmantino. As nosas nais están contentas por que anduvemos en boas compañías. Saben que todo se pega, aínda que non falen de aprendizaxe por imitación. E levamos un lapis para a casa, que nunca ven mal para escribir ben. Que máis se pode pedir?