Amosando publicacións coa etiqueta Política. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Política. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de abril de 2018

BICICLETAS


Canto Tempo Monta Tanto.

Isto de hibernar por causas allea á túa vontade parece que vai ser unha nova tradición na vida que me tocou vivir ultimamente. Pero a cabeza non para! So que deixas de verlle a utilidade a compartir. O que aínda é peor, deixas de verlle o sentido. A primeira articulase en relación a que algún proveito terá facelo, propio ou alleo. O segundo sinala máis ben ate as razóns vitais que impulsan unha acción, valores quizais. Pero deixemos as filosofías de libro de peto para os que teñen tempo e gañas de perdelo. A cousa é que quedou a programación na foto que non se sabía que era.

Pois si. Son BICICLETAS. Millóns, amontoadas. Unha composición de cor curiosa, fractalista quizais. Das que lles van quedando sen uso aos chineses do programa de medios de transporte para a poboación en xeral, tipo como os que temos aquí para o progresío do común que lle mola deixarse ver polas vilas e cidades en dúas rodas. Monociclos, polo da condición animal, máis que por outra cousa. Esta xentiña que despois chega a casa coa calefacción a 23 e toda a tecnoloxía dispoñible para seguir consumindo, datos, pratos, comida para gatos. Que si, que os hai de verdade comprometidos co planeta e a humanidade e mesmo votan verde e cagan azul ou rosa.

A verdade e que estou pouquiño farto deste grupo especie en xeral do que me tocou ser membro, nada activo e especialmente censurable. Nótase?

Pero adoro a Bertrand, así que teño que dicir, poida que aínda....

Imos ver logo como vai. Teño algunhas amigas produtoras de obxectos que non saben onde colocarse. Son unha creadora de alternativas de pensamento plasmadas en materias primas que reflicten unha forma de entender a vida ou son unha mecanógrafa de palabras repetidas con necesidade de ser vendidas ao mellor ofertante adaptándome aos intereses do mercado? Eu que son unha persoa non necesariamente física, ecléctica e sabelo-toda póñome enriba do pedestal e digo que ti si e ti non. E vou usar o teu saber facer que mola para venderme tamén eu diante dos que me poden colocar máis arriba, máis arriba, máis arriba.

Va que estou sendo ben críptico. Crítico? Como era que se dicía?

Dóenme os ollos de ver cantas cousas se están a facer no mundo de ben e de mal. E só son quen de mirar a milésima parte do mínimo que chega a este recuncho vital. Entón alguén decide que estaba ben roubar a bicicleta, porque na China Popular non hai dabondo. E pensas na película. Branco e negro. E senteste Bruno. E te cagas en branco e negro en todo. Nodo.

Aínda que sempre, sempre hai un punto de calma ao que te podes aferrar. Entón lembro a primeira bicicleta que tiven. A sorpresa de quen a recibe e a felicidade que agora sei como é de quen a entrega. Que non mediu o esforzo porque era un pracer facelo. E penso se non habería algún xeito de que aprenderamos dun puto vez de quen xa sabía. A memoria histórica non pode ser só revisar as cunetas. Ten que ser, si, rotundamente, e poñer no paredón da xustiza social aos encunetadores. Pero tamén é lembrar de onde vimos, quen somos no tempo, como e a costa de que chegamos a onde estamos. E pensar. Pensar, hostias, Kona, foder,....! Deixar de consumir o tempo fumando tuiterías. Porque hai moito por facer aínda, e sen pensalo ben non vai saír ao dereito. Á dereita, poida que si.


Aquí estamos. Así estamos.

venres, 3 de novembro de 2017

FUTURO IMPERFECTO


Nada do que eu poda dicir vai mudar algo do que está a suceder, con toda probabilidade. Non ten ningunha importancia especial. Pero vou escribilo igual.

A min non me parece mal que o Parlament declare a República Catalá. Aínda que aparente ser en plan Pepe Gotera e Otilio, os personaxes creados por unha mente preclara catalá do mundo da ilustración de apelido ben español, español, español. Personaxes que poden ser ao meu entender un bo reflexo de como son/somos -topicazo- os españoliños legais de á pe.

Pero eu son, ademais de español, incluído o por imperativo legal, galego de nacemento e decisión, e europeo de adopción. Tampouco me parecería mal que no Hórreo declarásemos a República Galaika. Balalaika. Xa non digamos o que alucinaría a tope se as Cortes Xerais declararan a Terceira.

E claro, claro que gustaría de que aquí e alí/aquí o fixeramos a xeito. Non digo polo rego, que non é posible en ningún caso. Ninguén nos seus cabais estaría disposto a aceptar unha situación na que tivera que canibalizarse a si mesmo, irse amputando as partes (sen segundas) ou queimarse ao bonzo pola liberte, fraternite, independencite.

Eu estiven presente cando se aprobou a Constitución, aínda que acababa de estrear a neurona política. Había outro que levaba xa un tempo de corpo presente tamén, pero non o parecía. E a verdade é que co desenfreo da febre democratizadora, ninguén se decatou. Eu entre os que non. O que os Repais da Repatria fixeron naqueles días foi o que se podía facer. Para poder asomar o pescozo dentro da incipiente Europa Centro Comercial. Ou era CEE? Coidadiño, que ninguén lles quite o mérito nin o esforzo intelectual. Unha parte das múltiples Españas que estivera escondida, que fora abusada, maltratada, asasinada, que se convertera na clandestinidade nunha esperanza de futuro pactou cun réxime de poder establecido, por unha saída pacífica, de progreso e europeísta para o conxunto de todas as Españas posibles. Os cataláns, burgueses ou non, estiveron tamén nesas. E todas fomos votar a Borbónica con entusiasmo. Eu non puiden, que conste, non din chegado. Pero tocoume pasar polo funil da materia de Filosofía todo o proxecto constitucional naquel COU de encerros, manifas e festas gastronómicas. Aprobei con dificultade aquela materia da profesora que rañaba no apertador diante de todos nós e nunca chegamos a saber porque. E aproveitei para triturar polo miúdo todo o texto da que hoxe e a espada láser de Rajoycles.

Agora escoito de cando en vez o mantra de eu non a votei. Pois teñen razón. Eu quero votala. Ou botala. Unha de dúas. Pasaron ben anos como para que entre todas lle deamos unha volta a todo o que alí pon. Haberá que empezar por lela. Enteira. Coma o Sempre en Galiza, que todas dicimos que si, que si, e logo non sabemos nin que era a Insula Barataria. Porque seguro que ten cousas ben boas, se nos deu tanto xogo para estes 40 anos de paz.....

A min gústame especialmente o de inventar palabras. Deixo varias probas neste texto. Unha que me gustou foi a de NACIONALIDADES. Como recoñecer a peculiaridade das nacións integradas no Estado sen discutir o concepto da unidade da nación-estado. Lembremos o corpo presente. Forty years in the future, vai ser PLURINACIONAL o invento.

Haberá que ler máis sobre teoría política.

Son as nacións tamén inventos? Ou o son os Estados?  Ambos o son? Unhas máis que outros? Curiosa a cuestión de xénero lingüístico.

Que é a soberanía? Onde reside a soberanía? Nas institucións ou nos pobos? Quen lle da o poder a quen? 

Cando e como se pode considerar que un colectivo de persoas, vinculadas a un territorio ou non, cunha cultura común, unha historia común, poidan constituírse como un pobo soberano e decidir por si mesmas como queren organizarse politicamente?

As leis, todas as leis ou unha parte de elas, están por encima das persoas, consideradas individual ou colectivamente, ou están ao servizo das persoas?

Vou poder votar nas eleccións autonómicas murcianas? Ou nas andaluzas? Ou só nas galegas? A que comunidade política lle pode corresponder tomar decisións sobre outra comunidade política? 

Son cousas que posiblemente algunha mente preclara teña preclaro. Dos que van a piñón fixo. Eu sinceramente, non, nin lendo teoría política.

Pero podo optar. Decidir. Que me importa máis. Que poño por diante de outras cuestións. E que é o que me parece secundario.

Pois imos aló.

Quero saber que queren os cataláns, maioritariamente. E entendería que non queiran seguir sendo españois por imperativo legal. O sentiría ben. Preferiría que non marcharan. Non creo que haxa tres millóns de alienados cataláns máis de que haxa 20 de alienados españois. Mesmo con todo o traballo que andan a facer os mass merda nacional-katódicos.

O Estado non pode facer outra cousa que cumprir coa súa legalidade vixente. Un goberno, calquera, é o garante do seu cumprimento. Magoa que non sexa quen de facelo para outro feixe de cousas. Si que se pode mirar para outro lado segundo conveña.

Un feixe de xente que se toma a molestia de construír politicamente unha legalidade alternativa non vai escoitar o que lles diga quen non os escoita. Xa lle podes dar paus ao boi que non vai deixar a linde que pillou con tanto traballo. Pero mellor, evita os paus.

Unha clase política que non é quen de atopar unha solución dialogada a un conflito político non é quen de chamarse tal. Carné por puntos para os nosos representantes. E que non veñan outros que fagan bos a estes.....

E apúntome ao das fronteiras verticais de Silvia e ao da esquerda tricornio de Mauricio.

Vivo nun País, Galiza, que probablemente ten moitos máis argumentos históricos, políticos e económicos para pensar en ser independente. De quen? Quen realmente usurpa a soberanía dos pobos, do conxunto dos habitantes dun País, usufrutuarios da súa cultura, herdeiros da súa historia, partícipes do seu devir cotián, é un sistema de poder que pon por diante o beneficio de uns poucos sobre o ben colectivo. É evidente que  vivimos nun Estado, incluíndo esta autonosúa, que traballa para ese poder, especialmente pola acción dun espectro político determinado, pero tamén pola inacción dos que aceptan manter o status quo na esperanza de promover un cambio dende dentro. Pero sobre todo porque a sociedade civil non se significa como forza política. Vivimos para sobrevivir, manexando como podemos o medo a perder as migallas que nos van deixando caer. E temos que dicir que chove. Cada un no noso recuncho, na nosa burbulla tecnoilóxica, na pasividade moral, na inacción colectiva. Facendo activismo de sofá. De blogue. Este non é o futuro que quixera para os que veñen tras de min. Poida que no proxecto da Catalunya Lliure estean propoñendo outro. Xa se verá. De momento, volvemos ter exiliados políticos. E volve a exhibir testosterona o nacionalismo español. As hormonas fan medrar moito e rápido aos polos, pero acaban toleándolles o sentido. Pican no primeiro que pillan por diante e non hai quen lles dea posto o bozo.


Así que compre seguir insistindo no mesmo. A evolución político social debera levar ao aumento das soberanías compartidas á par do incremento da capacidade de decisión nos ámbitos máis pequenos. Máis sociedade civil e menos IBEX na guía de viaxe. Entender que as identidades múltiples existen no eido político e que cada un de nós decide, pode decidir, ten capacidade de decisión, sobre cales son as que adopta individual e colectivamente. O camiño para avanzar non é negar o conflito senón enfrontalo e aprender no proceso. A violencia, mesmo a verbal, non é, non pode ser, non debemos permitir que sexa, en ningún caso, unha forma de relación entre os seres humanos. A pasividade política, a negación da condición social do ser humano, convértenos en seres alienables, ignorantes, estúpidos e inútiles para a relación. A sobre-información, a sub-información, o maniqueísmo, a falta de práctica no análise crítico da realidade, adoita ser o mellor camiño para chegar aos fascismos. Non se resolven cuestións complexas cun tuit e non sempre as repostas máis complicadas son as mellores  para iniciar a solución dun problema. O sentido común non existe, é un constructio, un proceso permanente, unha comuñón de ideas que flutúa na medida en que novas formas de entender o que sucede van xurdindo. Pero necesitámolo. Logo temos que estar en disposición permanente de crealo, deixando o medo ao futuro imperfecto a un lado.

sábado, 21 de outubro de 2017

SEREMOS QUEN?


Pensaba poñerlle á publicación un título choqueiro. Algo estilo El Jueves. Pholítica Phorestal, por exemplo. Pero non cabe a risa. A desfeita dos montes incendiados foi total. E hai xente que está chorando aos que morreron por causa dos lumes. Non son ninguén, pero voume permitir dar o meu pésame a todas. Unha aperta.

Esta maña, pouco antes de toparme coa pintada sobre o cartel, escoitaba no Galicia por Diante a Edelmiro López Iglesias contestando a algunhas cuestións que os xornalistas lle facían sobre a vaga de lumes. E dixen para min, canta razón leva, pero non queremos escoitala. Non falou de tramas, falou de ordenación do territorio. Entre outras cousas.




O que di o profesor na entrevista tamén está recollido dalgún xeito nun artigo que publicou Sermos uns días atrás.

Casualmente hai uns días compartía nunha rede privada algo que tiña gardado na memoria fisiolóxica e na do disco duro externo: As actas das xornadas celebradas os días 7 e 8 de novembro de 2005 en Santiago de Compostela, tituladas



En que caixón de que despacho quedaría toda esa reflexión colectiva, para estar doce anos despois como estamos? Non me podo crer que a intelixencia desbote tanto traballo. Logo tería que concluír esa incompetencia sinalada na pintada. Pero sei que tampouco hai unha resposta simple para iso. Poida que unha pista para contestala sexa a aprobación no parlamento galego da nova "lei de depredación".

Quizais deberamos empezar a chamarlle ás cousas polo seu nome: cobiza en troques de rendibilidade.

E quizais resúltanos máis doado atopar alguén que cargue coas culpas que aceptar o compromiso colectivo de poñer todos os medios, mesmo renunciando a privilexios individuais, para conseguir o ben común.

Un desexo: que nunca máis teñamos que volver berrar nunca máis por isto.

Seremos quen?

mércores, 20 de setembro de 2017

A GREVEDADE DO TRANSPORTING

The Washington Post


A greve do transporte afectoume. En pasiva, fun afectado pola greve do transporte. Estou sendo afectado. Serei afectado.

En realidade, non, tráeme ao pairo.

Como me vai preocupar, sendo que non son usuario dos buses interurbanos, dos urbanos tampouco, nin teño fillas con dereito ao uso do transporte escolar.

O que si me resultou sorprendente, sentinme afectado logo, foi escoitar no arradio galego a unhas cantas usuarias regulares do interurbano que chegaron un dos días da convocatoria da greve á estación dautobuses e se levaron unha grande surprise. Anda! Oh! Dos madrileños que querían pillar o Alsa cabreados coas reivindicacións irmandiñas non. Non me sorprendeu digo. Xa sabemos que pensan que somos servizais, amables, agarimosos e produtores de marisco.

Non alcanzaba eu a entender que nesta marabilla de sociedade da información que temos houbera quen non tivera sabido da repetición do partido de martes e mércores. Ou non o deixaron ben clariño dende as organizacións que convocan ou non lle presto atención as informacións que deberan ser relevantes para a miña vida cotiá. Ou ambas.

Logo está o de sempre. Esas cousas que xa aburren. “Seguro que fan a folga por unha razón (?) pero sempre pagamos as mesmas as consecuencias”. Tás parva!? Que non somos xaponesas! Se non fas parar o sector, que carallo de folga e esa! Medias tintas. Como se tes que ir andando á praia. Que hostias é iso de poñer servizos mínimos! Quen decide o que é mínimo?! Pois está claro: un minimolisto. Ou unha minimalista.

E entón vai o señor queixo de untar de marca e solta o de que as empresas de transporte están utilizando aos nenos e ás nenas de reféns. Para empezar esquecendo que estabamos no mes LGTB e as letras que fagan falta. E despois facendo mención a algo que leva sucedendo dende tempos inmemoriais co transporte escolar no ensino público. Foron, eran, son, as empresas de transporte as que mandan na organización dos tempos escolares. Cando debera ser ao revés, non si? Pero claro, isto non é algo do que poder culpalas a elas. Quen deu pe a isto foi quen definiu un determinado modelo de transporte público para o País baseado en resultados económicos. Con criterios de xestión de empresa privada. Non dende a perspectiva de ser exactamente o que di o seu nome. Transporte Público.

Imos ver. Deseño territorial. Que País temos? Un que evolucionou, esta evolucionando, evolucionará, dende o rural ao urbano. Con concentracións de poboación de tamaño mediano pequeno. Non hai grandes urbes. Vigo, xa se nos fai dabondo grande. Pasamos das ubres ás urbes. Unha gracia. Gran dispersión da poboación en xeral. Casas, casiñas e casoplóns por doquier. Máis concentración da poboación e da actividade económica no eixo definido pola AP9 que non quere ser nosa. Deles si, que lista. Puntos illados de concentración nas capitais de provincia do interior e algún outro solto. Pirámide poboacional do tempo das pirámides exipcias, envellecida e sen trazas de engordar pola base. Infraestruturas do mundo rural das vacas e os carros, adaptadas como se puido aos novos tempos. Uso fundamental do vehículo particular para os desprazamentos, vespino, chimpín e planeadora incluídas. Engádelle un sector empresarial da cousa do transporte de pasaxeiros tamén fragmentadiño, con moita pequena mediana enterprise e un par máis potentes. Ben máis potentes.

Como fas un plan de transporte público integrado con estes vimbios?

Non contamos coa posibilidade de poder ter un medio alternativo de transporte colectivo entre núcleos de poboación, quitando o tren rápido no eixo atlántico. Poucas posibilidades de definir un tren de proximidade coas infraestruturas actuais.

Entón, como facemos? Primeiro definindo cal sería o ideal do transporte, centrándonos na mobilidade das persoas. Para as cousas xa será outro cantar, aínda que se puideran aproveitar sinerxías. Pero deixando as mercancías de momento e pensando nos seres humanos e algún que outro ser vivo. Eu penso na variabilidade, a adaptación e o cambio de paradigma. O transporte de pasaxeiros ten que estar coordinado no ámbito urbano e interurbano nececesariamente, para poder ofrecerse como alternativa ao particular. Ten que ter frecuencias de paso vinculadas ás necesidades dos usuarios, entendendo tamén que unha frecuencia alta é un incentivo natural para provocar o seu uso. Ten que ter un custe non disuasorio para un uso esporádico e claramente bonificado, mesmo no linde da gratuidade para o usuario habitual. Ten que estar adaptado as condicións físicas diversas, con acceso doado. Deber contar coas medidas de seguridade colectivas e individuais máximas, obrigatoriamente, especificamente no escolar, do que falarei máis adiante en concreto.

O paradigma tería que ser o seguinte: fomento do transporte público, penalización do particular. As vías de circulación, os custes de consumo e mantemento, as normativas xerais de tráfico teñen que decantarse polo transporte público. O uso de vehículos particulares para o transporte de persoas en traxectos urbanos debe estar casi prohibido, con todas as dificultades posibles, mesmo establecendo peaxe de acceso como xa está a facer en algunha cidade europea. Recuperando as concesións de aparcadoiros subterráneos ou de superficie de carácter privado nos núcleos de poboación. O seu paso a mans públicas sería o primeiro paso para retirar os vehículos particulares da superficie de circulación, ofrecendo as prazas dispoñibles para o seu estacionamento. Liberando así as rúas de prazas de estacionamento, habilitando e proporcionando facilidades para a circulación do transporte colectivo. Unha reordenación dos sentido circulatorios, cun plan formulado dende a perspectiva do uso para grandes e medianos vehículos colectivos. Un proceso amplo de peonalización da superficie combinado co anterior que facilitase a circulación en sistemas alternativos individuais, con base sustentable, bicicletas simples e combinadas, pequenos transportes eléctricos, patíns e monopatíns,... Establecer aparcadoiros disuasorios na contorna dos núcleos de poboación para quen aínda tivera necesidade de empregar o transporte particular. Conectados con liñas de transporte urbanos e asociados a estacións nodais onde se combinaran os distintos tipos de transporte. Liberalizar o sector do taxi, rematando coas concesións, definindo un transporte público de pasaxeiros individualizado de ámbito autonómico (eu diría nacional, claro...), personalizado, que dera cobertura a necesidades específicas cun sistema de atención centralizado e que recollera ás novas modalidades de uso compartido reguladas.

O uso de transporte particular en traxectos interurbanos debera esta suxeito a condicións determinadas de penalización. Coa condición xeral de que os combustibles para uso particular teñan un sobrecusto especial, e que se sancione a non ocupación de prazas nestes traxectos, economicamente, con perdida de puntos, con máis restricións ao uso.

Como dis? Que non temos competencias para facer tales cousas? Vaites!. Pois se quixeramos facelas así, teriamos que facernos con elas.


Mudar o chip non é cousa doada. A non ser que se vexa con claridade que non se para o mundo por ter que deixar de fumar dentro dos bares. Outra cousa é que queiras seguir fumando.

Logo está o do transporte escolar. Empezando polo principio. Dille ti ao rapas que cremos no transporte público levándoo e indo por el co Peugeot 7 portas. Igual pensabades que ía empezar polo de é un dereito de todo o alumnado do ensino obrigatorio, sen máis limitacións que a lóxica do uso, se miro o cole dende a fiestra da casa, ben vou andando, ben ven andando. Non vale aquí o de escoitar a serea dos recreos, que iso depende do vento. Ou pola posibilidade de definir un modelo específico de vehículo para este tipo de transporte, coma os ianquis, que os usan moi similares tamén para o transporte de reclusos, seica. Eu como nunca estiven alí, non che sei se é verdade. Ou por arredar as vías de comunicación de vehículos particulares e de mercancías dos centros de ensino. Ao revés está máis difícil facelo, teletransportar o cole aínda non está moi avanzado no estudo cuántico. Pero si que é ben doado incluílo na próxima lei de educación para a construción de novos centros. E o de sancionar aos que non ocupan todas as prazas no coche, pois estendelo aos que traen as crianzas ao cole no Clio, non che digo no Gran Scenic ou no Hummer. Pero é que é máis práctico! Pois non che sei, para quen? En calquera caso, eu estou con Carles: a maternidade, a paternidade, como práctica vai ser que non é. Unha grande responsabilidade, moito aprender e aprenderse, grandes esixencias, grandes satisfaccións, alghún desgusto,... pero práctica, o que se di práctica, pois vai ser que non.

Que cousa isto da conciliación. Facendo un inciso. Para deixalo claro dunha vez por todas: non a concibo como un sistema que facilite ás nais e pais poder seguir facendo o seu traballo dándolle solucións prácticas para que as súas fillas e fillos estean ocupadas e atendidas durante as horas laborais. A conciliación non debera consistir en adaptar a familia ao traballo, senón en todo o contrario. O traballo debera estar en función da familia, e debera permitir a nais e pais gozar e ser partícipes directos de todo o proceso de desenvolvemento das súas crianças nas primeiras etapas da súa vida e ate cando elas mesmas o considerasen. Conciliación significa máis tempo para estar en familia sen perder prestacións económicas nin ningunha outra. Iso si que sería unha boa campaña de natalidade. Pero non parece que as vontades empresariais e políticas vaian nesa liña. Eu dubido tamén de que as propias vontades familiares maioritariamente quixeran algo así.

E volvendo ao transporting. Si. Claro. Nalgúns eidos podería ser unha solución mesturar o escolar co xeral. Neste modelo que temos agora. No que estou formulando, non tería lugar. Os buses de liña e os trens de proximidade estarían petaos sempre. Os micros de enlace das pequenas poboacións coas liñas regulares de autobuses e tren, tamén. Os transportes públicos individuais estarían en continuo movemento enlazando ou ofrecendo os servizos personalizados que foran precisos. As estacións internodais, ben situadas nas aforas dos núcleos, facilitarían o paso dos sistemas interurbanos aos locais. Nas rúas poderíase camiñar, atentos ao paso permanente de buses e máis buses, as bicis, aos novos modelos de desprazamento urbano sustentábeis. O pequeno comercio dos núcleos revitalizaría co fluír de consumidores circulantes con facilidade. Xente que podería ler mentres se transporta. Ou facer faladoiros no bus sobre a repoboación forestal con especies autóctonas. Seguro que xurdirían novas figuras sociais. O amenizador de viaxes. O okupa de asento.

Os rapaces e as rapazas irían andando ao cole ou á escola, que máis mola, e volverían andando para a casa nos eidos urbanos. Ou en bici, patín, dron. Vale, paseime co do dron. E nos eidos rurais, onde as facilidades de comunicación contribuirían substancialmente á reconstrución demográfica, reabriríamos unitarias por todas partes, e os minibusiños axudarían a quen lle quedara máis lonxe.

Como ademais coa nova lei de educación que imos ter vanse recuperar as pequenas escolas máis preto da casa e reconverter os macro centros en espazos para os servizos xerais desa que chaman conciliación da vida familiar e laboral e en centros culturais sociais de uso común, pois aínda máis doado.

Va que si? Que habería moito que falar do tema? Socialmente, sen que sexan só uns poucos os que decidan ao respecto. Como en tantas outras cousas. Pero con isto xa estaría entrando no funcionamento das democracias representativas, a profundidade e anchura do tecido social -da sociedade civil-. Somos algúns, un poucos realmente, os que levamos un tempo indefinido pluscuamperfecto reclamando unha remuda nos procesos de decisión políticos, económicos, sociais. Pero segue a haber unha grande maioría que prefire o ordeno e mando. Séguese a escoitar o de “falta un que tome as decisións”. Nin tan sequera avanzamos no de mudar o “un” por “unha”. Persoa. Indistintamente. E cando entramos a trapo a debater unha cuestión que nos afecta directamente -lease: vainos ao peto ou impídenos ou dificúltanos facer uso dun privilexio- buscamos a imposición dunha idea, non a decisión compartida. Porque non sabemos, non temos práctica, e porque seguimos a ser primitivos e necesitados de liderado afectivo, en troques do ideolóxico. O das ideas e a lóxica.

A reflexión final, podería ser: é compatible un sistema de mobilidade baseado no uso de vehículos de uso individual cun transporte público xeral ben estruturado, funcional e útil? Nótese que non fago mención ao de ser economicamente viable.

Eu coido que dificilmente. Un autobús de tamaño regular ocupa o mesmo longo na estrada que 3 coches de 5 prazas, exagoneando. Mesmo se sempre foran ocupados a tope, aínda poderían ir 30 ou 40 persoas máis no autobús. A cantidade de enerxía e materias primas empregadas para construír un autobús ben sendo a metade de facer 6 coches. O consumo de combustibles tamén se podería dividir por 4 usando o transporte público. Coa correspondente redución de contaminación.

Iso sen ter en consideración que as novas tecnoloxías de propulsión xa teñen aplicación no transporte público con moita máis versatilidade que no privado. Un sector público de transportes potente poida que fixera diminuír as ventas de vehículos particulares. Está por ver. Os coches particulares continúan sendo un signo de status. E de seguro configuraríanse novas versións e modelos para o transporte individual que non quedará cuberto co sistema colectivo, pequenos traxectos, mini vehículos solares, bicicletas electrónicas con campo de forza para a choiva..... Os máis que posibles avances nos sistemas de condución autónoma levarían a que todos os vehículos, tamén os individuais, estarían conectados a un sistema de xestión do transporte xeral onde tamén se establecería a prioridade do público. Xa se verá.

Pero o que deben con claridade é que un sector do transporte público de persoas potente xeraría centos de postos de traballo directos, miles de indirectos. E facilitaría o desenvolvemento da economía produtiva en eidos non urbanos. Ademais de diminuír a contaminación, o estres xeral, os atascos... E quen sabe, poida que haxa máis xente que se namore nun autobús de liña. O roce fai o cariño, ás veces.

As necesidades poden crearse. Todo o mundo da publicidade e os medios está pensado para tal obxectivo. Logo tamén poderán destruírse e segundo Lavoisier, transformarse noutras. E se quixeramos crear a necesidade individual e colectiva do uso do transporte público? Que habería que facer? Teñen algo a ver estas preguntas coa seguinte? Que é a política?

Para que conste. Non piso o transporte público. Non lembro a última vez que collín un bus de liña. Vou no tren cando non me queda outra. Pero non son dos que van buscar o pan os domingos de maña en coche, parando enriba da beirarrúa ou en dobre fila mentres se provén de pincho e caña no Corner’s Bar. Mesmo hai temporadas que non movo o coche. Pero é o meu principal medio de transporte, individual e familiar. Moito facer de taxista paterno filial tamén. Pois eu quixera cambiar a necesidade de ter un coche pola de usar o transporte público. Axudaría moito un plan así. Non si?

xoves, 14 de setembro de 2017

CIDADÁNS


Resulta sorprendente como é que as administracións públicas relaciónanse coa cidadanía. Obviando a parte que corresponde ao burocrático, que ven sendo proporcional na súa dimensión ao tamaño do aparato funcionarial que soportan, pero sen deixar de pensar que sobra moito papel, moito dato, moita compulsa. Unha boa reforma destes procesos, tesoira en man, sería precisa sen dúbida a todos os niveis, e mesmo alguén podería calcular canto aforraríamos en euros contantes e soantes.

Pero máis que niso, estaba a pensar no que está a suceder coa cuestión do peche dos centros de ensino público. Seica dixo o Conselleiro correspondente que son traslados no peches. Entón, van seguir existindo os edificios, non haberá demolicións, pero os seus habitantes escolares e profesionais serán desafiuzados en calquera caso. Por certo, o argumento é o aforro, tamén. Outra vez. E seguimos sen aforrar nos concertos co ensino privado. Amarradiños ate o 2020. Que mágoa. Que intención tan clara.

Entón, resulta que ademais de erros substanciais na comunicación aos afectados, se hai quen crea o que di o máximo responsable da Consellería, hai un erro importante no momento elixido. Ou non? Eu vou afirmar que non tal. Cando mellor que nese momento, que xa estaba medio País coas maletas das vacacións medio feitas? Que intención tan clara. De ter avisado, con tempo, hai uns meses, para facilitar os procedementos de transición, xa levaríamos outros tantos (meses) repetindo que NON. E o NON, entraría pola orella esquerda do irresponsable e sairía pola orella dereita, xa neoliberalizado en non é rendible, aforrar, é necesario, hai que facelo.... Ou na versión de algún outro adlatere comisario político de “abrir un centro de primaria aquí pode supoñer ter que pechalo noutro sitio”.

Cal pode ser a razón para que a unha administración pública lle resulte tan doado pechar un centro de ensino público e tan difícil de considerar a idea de proxectar abrir un novo? Unha intención moi clara.

A realidade é que o problema vai moito máis aló disto. É comprensible que nun sistema político como o que temos, unha partitocracia entre outras cousas, os partidos que ostentan o poder procuren a defensa dos intereses dos seus grupos de presión correspondentes. A quen lle pode estrañar que nunha sociedade des-ideoloxizada, onde prima o interese particular sobre o colectivo, que busca a practicidade e a recompensa inmediata, sen obxectivos de desenvolverse a un estado superior individual e de grupo, mesmo de especie, e centrada no consumo, subliñadamente no consumo do tempo, a quen lle pode estrañar, digo, que os partidos políticos respondan na mesma medida.

Si, si, parece que estou sumándome aos de “son todos iguais”. Sei que non é así. O repito. Non todos son iguais. Uns, son máis iguais que outros.... Como distinguilos, xa é cuestión para diploma, nalgún caso, pero fundamentalmente eu o fago por dúas cuestións: o contido ideolóxico dos seus programas, propostas e campañas por oposición á afirmación dos medios centralizada nun liderado específico, a incoherencia histórica reflectida nas hemerotecas (na memoria histórica) e as fórmulas de relación escollidas coa cidadanía. E doutra banda por como están organizadas e como son de opacas as súas estruturas internas, dun xeito piramidal con núcleos de poder subsidiarios, caciquís ou clientelares primordialmente, ou ben con transversalidade, con sistemas participativos e decisorios da base aos órganos de dirección con claridade e transparencia nos seus debates internos. E aínda así, non ben sendo doado distinguir.

En calquera caso, o que non sería comprensible ao meu entender, é como nos tratan aos cidadáns particulares e ás organizacións sociais de base en xeral, as administracións públicas. Basicamente como se nós fósemos os seus servidores, cando resulta que é xusto o contrario.

Todas as administracións públicas e todo o seu persoal, designado politicamente ou ocupando un posto de traballo por méritos propios, e todo o aparato de cada administración, TRABALLAN PARA NÓS. É a nós a quen lle deben todo tipo de explicacións. Non ao revés. Son as nosas peticións, indicacións e suxestións as que deben ter prioritariamente en conta, pensando no ben común colectivo, por enriba do que o espectro político de quenda pretenda impoñer.

Partindo desa premisa, por suposto que sería perfecto tomar unha decisión que fora en beneficio da maioría. Claro que asumiríamos un sacrificio necesario para acadar un ben maior. E apuntariámosnos solidariamente a unha resposta individual e colectiva que puidera supoñer unha mellora para quen o precisara. Pero dende unha formulación de subordinación, nin auga.

Que canseira, ter que reclamar a un director, a unha concelleira ou a calquera outra caste de cargo político que explique, informe, argumente, en aberto, sen codificación.

Devén aburrido a esta alturas ter que indicarlle a un cargo de calquera nivel que as cousas non se fan impoñendo unha opinión. Que as decisións, de todo tipo, entre adultos, se teñen que tomar en colaboración e cooperación. E especialmente no eido educativo. Porque é ese o ideario que defendemos (os que o defendemos) e queremos que sexa transmitido ás nosas fillas e aos nosos fillos. Ou é só falar por falar?

Poida que o problema sexa que non temos práctica. Non sabemos como facelo. Mesmo temos resistencia a saír desa zona de comodidade onde un decide e os outros asumen a decisión. Seguimos a ser vós vasallos nun País onde non hai máis que un patético e triste Rei.

E non teño claro que a III República fora a mudar iso.

Quizais a Primeira Galega.

Co Depor, o Celta, o Racing, Lugo, Rápido, Somozas, Coruxo, Ourense, Compostela, Pontevedra, Boiro, Bergantiños,....

mércores, 3 de maio de 2017

A ECUACIÓN DO PATO

Manda truco! Seica agora é moda falar do pato da educación. No canto de recoñecer a cagada intencionada da lomce ou presumindo de recoñecer a bondade intrínseca do humanismo que cree na educación como instrumento de cambio social. Cambio social. E sería para ben ou para mal? Segundo quen? Hai alguén que pense aínda que a formulación da lomce non supoñía de feito dende o seu xeito de desenvolverse ate o seu contido completo, un proxecto de cambio social? Eu son dos que penso que máis ben un fornecemento do proceso de reprodución de modelos de comportamento que xa se estaba a producir por outras moitas canles.

De que falo entón cando xunto as palabras Educación e cambio? Falo dun concepto de Educación definido como o conxunto de accións individuais e colectivas estendidas no tempo que, xunto coa formación e a instrución, traballan na construción da personalidade individual de cada un de nós e na continúa actualización do sentir social colectivo. Falo dunha actividade construtiva que non está circunscrita a unha idade concreta, a un estamento social determinado, a unha organización ou institución específica. Que non se restrinxe só ao eido institucional, ás escolas e institutos, aos colexios, senón tamén ao eido familiar, núcleo inicial da relación social construtiva, e á rúa, aos medios, o comercio, as empresas, os partidos políticos e todas e cada unha das persoas que forman parte dese tramado social: as nenas e os nenos, as nais e os pais, os anciáns da tribo, o panadeiro, a policía, o vendedor do cupón, a enxeñeira de camiños, o futbolista grande e o futbolista pequeno, a presidenta do consello regulador, o zapateiro, a surfeira, a xerente da cooperativa láctea galega, o presidente do goberno, e a calquera filloa de veciño da condición que lle corresponda.

Todo educa. Todas educamos. E xa que logo, todas somos educadoras e educandos, en calquera momento e circunstancias da vida.

Falo dun xeito de entender a Educación que ten que ter necesariamente unha parte reprodutiva na medida que queremos que lle conte aos que entran nela como é que fomos facendo as cousas ate agora en tódolos eidos, que ten que transmitir os valores que asumimos como sociedade occidental, ligados á nosa historia colectiva, e que constitúen parte da nosa identidade de grupo e individual. Unha Educación que se ten que facer necesariamente para un futuro que descoñecemos como vai ser.

Abordar un pacto de Educación, tal e como o entendo, supón propoñer unha reflexión colectiva intensa e non piadosa sobre o modelo de sociedade que nos queremos dar. Entendendo que os espazos educativos están intrinsecamente relacionados coa sociedade na que vivimos e viceversa. A aspiración individual e colectiva de medrar como persoas e sociedade depende substancialmente de como se defina esa relación. É necesario que as novas xeracións tomen coñecemento de toda a tradición cultural histórica na que xurdiron, que a recoñezan como propia, constitutiva do seu propio ser. Na mesma medida na que debemos ofrecerlles a oportunidade de deconstruíla e reconstruíla, criticamente, sen paliativos. 

Falo de que a Educación é unha labor de toda a sociedade, pero unha sociedade avanzada precisa especificamente de sistemas institucionalizados de ensino regulados, que abranguen eses tres conceptos: educar, instruír e formar. Unha lei que pretenda regular o funcionamento desta institución deberá atender en consecuencia á definición dos valores que pretende transmitir, as capacidades que busca desenvolver e os coñecementos necesarios para á súa actividade. Con unha función social específica: a de igualar as condicións de partida e ofrecer os medios precisos as persoas en formación para propiciar a superación das diferencias de clase existentes. Un sistema de ensino público, democrático, inclusivo e de calidade, centrado no alumnado e no proceso de formación de persoas autónomas, críticas, positivas, responsables, con criterio propio, na procura dunha sociedade de cidadáns formados e con ferramentas para tratar a información. Un ensino que valore e atenda a diversidade, poñendo máis recursos especializados para o servizo de quen máis o precise. Un ensino que recoñeza, respecte e forneza a multi-culturalidade ao tempo que enxalze e fomente as culturas e linguas propias.

Partindo desta concepción básica do feito educativo, eu empezaría por derogar a lomce e propoñer os seguintes parámetros como definidores iniciais dun proxecto de Lei de Educación. Logo xa virán as rebaixas, así que vou por o listón alto.

Unha proposta de nova Lei de Educación que recolla esta formulación, partiría da necesaria modificación do texto constitucional e da concepción de que calquera outra lexislación colectiva ten que estar balanceada coa centralidade do feito educativo.

Xa que logo sería preciso:

Modificar o Artigo 27 da Constitución.
Incluíndo o deber de todos de participar no proceso educativo.
Eliminando o dereito dos pais a escoller formación relixiosa ou moral, porta xiratoria para obrigar ao Estado aos concertos educativos. Os titulares do dereito a recibir educación, neste caso, son os fillos e as fillas, non os pais. A formación relixiosa debe estar excluída dos sistemas públicos de ensino, máis aló do necesario coñecemento histórico. Nada de supersticións no ensino público. A formación moral no eido familiar correspóndelle a dita entidade social. Os criterios morais das institucións de ensino público deberán estar regulados pola lei para todos en condicións de igualdade e acordo colectivo.
O ensino público básico é obrigatorio e gratuíto dende os 0 anos ate os 18, en todos os seus aspectos e funcións.
O recoñecemento a creación de centros docentes por persoas física e xurídicas en ningún caso levara consigo o financiamento total ou parcial, directo ou indirecto, da súa actividade.
O profesorado e as familias, terán o control en condicións de igualdade sobre o funcionamento e xestión dos centros de ensino público. O alumnado no seu caso poderá participar nos termos que determine a lei e en calquera caso será escoitado antes da toma de decisión de acordos que lle afecten.
O profesorado terá o control sobre todos os aspectos relacionados coa práctica didáctica e pedagóxica da súa actividade, en acordo coa lei e co oportuno coñecemento dos órganos de participación.
Calquera outra modalidade de ensino non incluída no eido público, deberá someterse ás oportunas avaliacións correlativas aos programas definidos na lei para a obtención das titulacións pertinentes.
Os presupostos xerais do Estado e de cada unha das Comunidades Autónomas con competencias plenas en Educación, recollerán como mínimo unha partida anual do 7% sobre o PIB para o ensino público obrigatorio.

Ben neste artigo, ben como adicional, debera recollerse que calquera lei promulgada polo Estado, as Comunidades Autónomas, as entidades locais e calquera outro organismo lexislador deberán necesariamente recoller as oportunas indicacións relativas a atención aos proxectos educativos correspondentes, sendo sometidas á súa aprobación polos Consellos Escolares do nivel correspondente. Isto implicará que, sen esquecer a non retroactividade das leis, haberá que promover unha revisión, entre outras, das leis do mercado laboral, das leis tributarias, das leis de transporte, das leis de urbanismo e especificamente dos PXOUs, das leis relativas aos medios de comunicación,....

Correlativamente, cada Comunidade Autónoma debera considerar a revisión dos seus Estatutos de Autonomía nos mesmos termos.

En paralelo, articular o procedemento para que os centros concertados dos niveis de ensino obrigatorio devolvan en cómodos prazos o financiamento inversor prestado polas arcas públicas para o seu funcionamento nos últimos decenios ou ben ofrecendo a dación en pago de instalacións e estruturas para integralas na oferta de centros públicos. Tamén propoñendo a integración dos profesionais adscritos a estes centros como cadro de persoal laboral e posteriormente na función docente atendendo aos criterios de selección normativos.

A nova Lei de Educación que estaría fundamentada nestes principios e consideracións, podería definirse na práctica nos seguintes termos: (pillando de aquí e de alí...)

  1. Poñerá as bases para que a figura do docente no ensino público, e do colectivo profesional en xeral, sexa elevada substancialmente no status social. Modificando os plans xerais de formación do profesorado, cun sistema de selección que asegure á sociedade e aos propios candidatos, a idoneidade da súa elección profesional. Mantendo de xeito permanente un plan de formación profesional durante o tempo de exercicio docente. Ofrecendo a posibilidade de que os profesionais con máis experiencia poidan ser guías e mestres para as novas incorporacións ao colectivo. Revisando as condicións laborais ás que o colectivo está sometido, eliminando ou reducindo ao mínimo a súa función burocrática.
  2. Articulará un catálogo de centros agrupados por criterios poboacionais compensatorios, plenamente dotados de capital humano, materiais, equipamentos e infraestruturas de servizos, tamén para as prestacións vinculadas á conciliación da vida familiar e laboral. Propiciará o distrito único de adscrición. Ofrecerá un sistema de transporte baseado nos medios públicos inclusivos, tendente a eliminar a circulación rodada particular das contornas dos centros.
  3. Promoverá o deseño de didácticas avanzadas, baseadas en criterios pedagóxicos recoñecidos, onde as novas tecnoloxías ocupen a súa función como ferramentas de traballo. Traballará intensamente na recuperación das capacidades de lectura comprensiva e crítica, dándolle centralidade nos centros ás bibliotecas e os espazos e tempos para ler, na correspondente medida do nivel educativo. Desenvolverá capacidades matemáticas básicas para o uso cotián, como linguaxe universal do coñecemento científico. Capacitará ao alumnado na percepción estética en todos os seus aspectos.
  4. Practicará a educación para a sociedade civil e democrática, incluíndoa transversalmente nos currículos de todas as materias, recuperando un tempo nos horarios escolares para a reflexión crítica social, a filosofía, a ética. Apostando por educar para a igualdade e a para a paz, expresando curricularmente o valor das relacións persoais e sociais baseadas no rexeitamento á esquemas de dominación e de violencia. Aplicando o criterio de participación para todos os órganos de xestión de cada centro e cada comunidade, convertendo os Consellos Escolares en foros de decisión superiores, con equitativa representación.
  5. Establecerá a gratuidade de libros de consulta e material escolar para todos os niveis de ensino obrigatorio. Asemade definirá a elaboración de textos propios, de propiedade pública, para o uso no ensino público, adaptados ás Comunidades Autónomas específicas, con licencias abertas, e deseñados tanto para o uso impreso como dixital, cunha concepción enciclopédica, que define a liña dunha educación de acceso á información universal en diversos soportes sen centralidade duns manuais precociñados.
  6. Revisará á baixa todo o currículo dos distintos niveis, atendendo a criterios pedagóxicos, resaltando cales deben ser os coñecementos fundamentais a adquirir, co criterio de traballar máis nos procesos de capacitación do alumnado para o acceso ao coñecemento específico das materias e para o desenvolvemento persoal e profesional na realidade cotián.
  7. Promoverá un sistema educativo descentralizado procurando a diversidade cultural e lingüística que caracteriza á nosa sociedade, superando a tradicional perspectiva centralizadora para favorecer un modelo educativo que promova o ensino nas linguas propias das comunidades autónomas, incremente as súas competencias coa intención de achegar totalmente o ensino á súa realidade social, histórica, cultural e lingüística.
  8. Establecerá un sistema educativo público laico, na que as diversas confesións relixiosas non convertan os centros de ensino en centros de adoutrinamento, na que prevalezan os principios de liberdade de conciencia, independencia respecto das opcións relixiosas e neutralidade en todo os que afecte á esfera das crenzas ou conviccións persoais.
  9. Ofrecerá unha educación inclusiva e integradora en todos os niveis, onde prime a cooperación contra da competitividade, que entenda como un valor máximo a diferencia, e mesmo faga causa central dos procesos de ensino o recoñecemento e posta en valor do feito diferencial, tanto no individual como no colectivo.
  10. Propoñerá a revisión das bases de produción e consumo, dirixida á fomentar un novo xeito de entender as relacións no eido económico, a recoñecer o verdadeiro valor das cousas, a identificar e sancionar os comportamentos individuais e colectivos de consumismo e a analizar o valor da propiedade privada fronte ao ben público.
  11. Identificará ao ser humano e o seu proceso de construción persoal como o eixo da súa labor, á humanidade como o concepto de colectivo identitario superior no que aprender a relacionarse, descubrirse por contraste e participar cooperativamente, e recoñecerá a dito colectivo como un máis dos que forman parte do ecosistema vital do planeta.
12.... seguro que algunha cousa máis se podería engadir. 

Estaría ben?
Non o verán estas pupilas....

Non o verán, en primeiro lugar, porque nos foros onde se fala e debate de cuestións de educación, mesmo en aqueles dos que poderíamos agardar con máis expectativas un avance significativo nun acordo primario sobre como desenvolver este proceso de renovación social baseado nun empoderamento do feito educativo a nivel social, económico, político, hai fracaso na comunicación entre partes. Segue habendo unha resistencia brutal entre os distintos colectivos que forman parte da comunidade educativa no seu conxunto, para recoñecerse como interlocutores válidos e non coma posibles inimigos. Cando o inimigo común é claramente outro....Quitando as excepcións puntuais, que todas compartimos inmediatamente nos medios como algo marabilloso (e excepcional), de experiencias de colectivización e cooperación do feito educativo, desenvolvidas por particulares ou grupos illados, a tendencia xeral está máis na busca do enfrontamento, a crítica destrutiva, a incapacidade de auto-analizarse, cando non o insulto ou a vexación. Xa non nos percibimos, se é que en algún intre foi así, como un colectivo, no sentido social da expresión, que podería estar dotado dun sentido común. Prima o individuo e os seus dereitos individuais sobre as obrigas de convivencia e os dereitos sociais. E acabamos convertendo eses dereitos individuais nun xeito de privilexio fronte aos de todas as demais. Somos quen de expoñer a nosa privacidade sen límites pero pedimos a garantía de que ninguén poña en discusión como é que estamos a facer as cousas.

E en segundo lugar, porque hai un enorme poder económico detrás da definición dun modelo de ensino convertido nun sistema produtivo, que se poida balancear en termos numéricos e cuxos resultados poidan ser monetarizados. Despois da mini-revolución que supuxo a afirmación do feito educativo como un sistema de superación das diferenzas de clase, os mercados descubriron o inmenso potencial de beneficio dunha actividade que ten permanencia no tempo durante longos períodos, vinculada a necesidades de índole afectiva e que facilmente podería ser desrregulada. Hai grandes lobis detrás dos libros de texto, dos programas de educación, dos subministradores de materiais e compoñentes, das actividades extra-escolares, da formación do profesorado en activo,... e entidades mediáticas que fornecen ese modelo implicándose na súa visibilización en positivo. As poutas do poder económico entraron a saco no galiñeiro do ensino público e fixeron estragos. E non hai quen lle poña o axóuxere ao raposo, porque ese poder ten secuaces en todas partes, mesmo onde nin o imaxinaríamos.

O que si agardo poder ver é que chegue o AVE.

Que será máis difícil?

martes, 28 de febreiro de 2017

SENSACIÓNS


Ás veces unha sensación ofrécenos máis que un pensamento. Cando menos pode proporcionar ao proceso de aprendizaxe do mundo e da construción permanente da personalidade, datos dabondo como para substanciar unha liña de acción determinada. Neste último fin de ano, na azotea que mira xa ao amencer do ano dezasete, xuntei un lote de sensacións. Disque se perdes a capacidade de asombro das un paso firme ao estado toxo. Disque mantela ou recuperala, ven sendo coma ser novo de novo. Como ter eses ollos coma pratos da infancia nos que vai entrando coma unha fervenza cálida o río do coñecemento da vida. Insaciables. Pozo sen fondo do querer saber, máis, ser, máis, mellor. Vivir debe ser iso.

Non mal vivir, como o que nos obrigan a facer quen decide por nós sobre cuestións que acaban afectando á vida cotián, para mal, e das que no seu momento non temos a impresión inicial de que sexan tan importantes, son cousas dos políticos... dicímonos.

A orde que regula aquel servizo, desenvolvendo a lei xeral, que no seu momento foi aprobada alí, naquel curruncho, sen pena, gloria ou explicación. Cousa que tampouco pedimos ate que nos chega ao peto. 

Non mal vivir, deixando voluntariamente -acéptanse aspas- de lado ou no curruncho, aquelas cousas nas que si cremos, as que nos fan sentir de verdade felices enteiros, vivos, esquecendo o tempo que é para estar con quen queremos, con quen nos quere, mirando a outro lado cando a violencia, a inxustiza, a indecencia pasa ao noso carón.

Sensacións de ser voluntarios do abandono. Do individual e do colectivo. Seica agora xa non está de Ikea, perdón, de moda, pero canta falta nos fai a psicanálise. Non nas pautas ortodoxas de práctica de diván, pero cando menos no que suporía o auto-coñecemento psicolóxico. Non me analices!, escoitas dicir de cando en vez nas relacións. Como que non? Se é que nin entendemos minimamente como é que funcionan os resortes da personalidade que nos moven a escoller branco ou negro.

Escapamos minimamente do esquema da ética baseado no concepto do pecado e a culpa, pero seguimos a ser febles en canto a aceptación da comparación instrutiva. Temos medo a descubrir as nosas debilidades ante os demais. Os nosos medos, eivas, inseguridades. Basicamente porque asumimos a idea da perfección mediática do ser humano moderno. Sendo que non hai por onde collernos... E porque na competencia vital, todos queremos ser lobos e actuar como lobos. Pero claro que é un sistema de protección, para non saír danados na revelación nin danar a relación. Quitando os que simplemente non lles presta mirarse dentro, ou non teñen necesidade de facelo, claro está. E seguro que hai ámbitos onde non é posible facelo.

Pero en algúns, onde exista un certo grado de intimidade, entre iguais, non só é preciso para o propio coñecemento senón para o avance e crecemento da propia relación.

Non estou circunscribindo isto só a relación de parellas, por se alguén o está a pensar. Os grupos de relación social, que se constitúen por un interese común, poderíanse desenvolver nos mesmos termos. So que ate agora, entendemos o concepto de intimidade como algo individual ou dual. Excepcionalmente con outra cifras. Pero é que a intimidade compartida sucede a partir dun determinado momento  de relación, pero ten (ou pode ter) gradacións diversas. E na mesma gradación pódense establecer as reflexións compartidas. Unha dinámica así definida nun colectivo, pode desembocar en ruptura, cando as resistencias individuais non son quen de ser superadas polo obxectivo compartido.

Pero se avanzan, Eureka! Cohesión. Estabilidade. Fortaleza. Vínculos indestrutibles.

E ao tempo que se traballa interiormente en grupo, non deixas de practicar a análise da realidade que che tocou vivir. E aquí empezas a topar con todo tipo de cousas. E cunha soa. A realidade no mundo moderno actual ten múltiples caras. Na aparencia. Nas formas. Pero se o miras ben a fondo, todo son dialectos. Pequenas variantes dun mesmo modelo único. Só na esencia, cada vez máis en eidos marxinais, na gradación da globalización comercial, atopas verdadeiras identidades culturais, sociais, económicas.

Como a ese pensamento único resúltanlle molestas as diferencias, intenta a absorción de prácticas e a asimilación de conceptos, cos parámetros da consecución de resultados económicos, sen outro obxectivo que limpar de obstáculos a actividade capitalista. Sucede que unha identidade extraída do seu contexto deixa de ter vida e remata esmorecendo ate apodrecer. E cando non consigue o que busca con sistema Borg, entón usa o do exterminio. A invasión cultural, etnográfica, económica, política, militar. A colonización dos costumes. A aniquilación da historia. E finalmente, ou a un tempo, o esmagamento físico dos territorios e as persoas. En algúns casos de xeito sutil, estratexicamente sutil, cando se produce en sociedades do primeiro mundo onde aínda pode haber resistencia da sociedade civil, se é que existe, aló onde exista. Cando o proceso prodúcese en territorios que non pertence ao primeiro mundo, primeiro disparan e logo preguntan. Fogares rotos, familias desmembradas. Persoas feridas. Persoas mortas. Fin do posible problema.

Como mudar esas prácticas? Cal é dende a perspectiva dun individuo que vive a súa vida nunha vila calquera deste País, coas súas penas e alegrías, o xeito de contribuír a un cambio de modelo de relación? Se quere, ou lle apetece, claro. Eu diría que comezando polo coñecemento do medio. Estar vivo socialmente aquí. Recoñecer primeiro o que sucede en si mesmo. Logo nas relacións que establece cos membros do seu fogar vital, a familia. No portal. No barrio ou na parroquia. Nas agrupacións nas que lle corresponda unha parte, por motivos profesionais, económicos, culturais, educativos. Non todo o mundo poderá adicarlle tempo a cada unha desas cousas. Quizais sería cuestión de empezar por iso que chaman conciliación. Eu vouno definir como dereito a ter tempo teu. Algúns poida que o aproveitemos para estar tres horas diarias en silencio, como dis que fai a Verdú. Mirarse un pouco as tripas. Pensar en positivo en se precisamos unha ITV da personalidade. Das condutas, dos hábitos. Despois empezando a chamarlle ás cousas polo seu nome propio e apelidos, e recuperar conceptos que caeron en desuso. Identificar no mundo social as diferencias, as incoherencias, as inxustizas. Por exemplo, recoñecer que hai quen ten e hai quen non ten, para vivir digo. Pensar en se existe xustificación de que así sexa ou se o que hai no mundo debera ser para todas, sen paliativos nin escusas. Eu sigo crendo naquilo de a terra para quen a traballe. Agora que todo o mundo aceptou en silencio o capitalismo como única práctica económica válida, e a única que pode ofrecer resultados aceptables para unha maior cantidade de poboación, xa ninguén fala de clases sociais. Ou case que ninguén. E acúñase o de interclasismo. Confundimos o establecemento de relacións humanas coa posibilidade da superación da loita de clases. Agora víñaseme á cachola a película aquela, Grand Canyon.....

Seguen a existir clases sociais, en termos económicos con claridade. A distribución da riqueza que o mundo occidental gozou parcialmente durante os anos da posguerra mundial, tivo unha orixe posiblemente política nas teorías socialdemócratas, cheas de boa intención social, pero que foron elevadas como sentido común polo poder económico na procura da ampliación dunha base de clases medias, podentes relativamente, fornecidas masivamente por traballadores intelectuais que suplían aos industriais cada vez en maior medida, a xeito de facilitar a recuperación do comercio en termos interiores e sobre todo coñecedores de que a comodidade está moi próxima ao adormecemento social. A par desenvolvéronse condicións de estabilidade e apertura para ampliar progresivamente os nichos e os territorios de negocio económico. Mesmo inventando outros nichos. O obxectivo compartido era tamén a eliminación das alternativas económicas, tirando proveito da condición humana. A guerra fría gañouse economicamente, pero non so na grande economía, afogando Estados que poderían ter capacidade de desenvolverse individual e colectivamente noutro sistema. Tamén conseguindo que as súas poboacións cobizaran - envexaran- o que estaba doadamente ao alcance das outras. Conseguido isto, non habería resistencia cando fora chegada a hora de cambiar. Foi tan ben feito o traballo que algúns dos antigos países socialistas son agora o paradigma do capitalismo salvaxe. Non queda outra entón que asumir un mundo capitalista e supostamente democrático? Na teoría diría que non. Claro que hai alternativas. Na práctica, diría que si. No mundo que coñezo non hai necesidade de tal cousa. Non hai interese tampouco, entendido como a disposición á acción colectiva organizada a prol dun modelo social e económico diferente, con todas as renuncias e todos os esforzos necesarios para conseguilo. Noutros mundo non che sei, pero parecería que non se identifican as situacións de violencia, inxustiza e miseria cos intereses do mercado. Facemos guerras, pero contra falsos inimigos.

O futuro que soñabamos gozar neste século, non quere chegar. As tecnoloxías avanzan ofrecéndonos cada vez máis solucións a problemas que non tiñamos. En moitos casos supérannos, na nosa capacidade para manexalas, xa non falemos de entendelas. Pero as capacidades humanas non progresan na mesma medida. Seguimos a ter só cinco dedos en cada man, con sorte. Non damos pasado ao ollo composto para poder atender a varias pantallas a un tempo. E hai que comer, beber, caghar, mexar e durmir, aínda. Mesmo con drogas de deseño tipo licor café de garrafa non damos aumentado substancialmente a nosa capacidade de análise e comprensión do que somos e o que percibimos. Se houbera, como din algúns, a perspectiva de que o uso da tecnoloxía, non a tecnoloxía en si mesma, puidera ter a consecuencia de que algo sucedera no proceso de evolución das capacidades do cerebro humano, a xeito de O Cortador de Céspede, poida que chegaramos a algo máis e foramos quen de dar respostas prácticas as cuestións que agora non somos quen de resolver, no persoal e no colectivo. Sen contar con esa posibilidade, só intúo un camiño: educar doutro xeito ás novas xeracións. E para o presente, aprender a analizar, entender e construír pensamentos de xeito agrupado. Un concepto que debera empapar tamén o deseño de ese novo modelo de educación. Entón si que poderíamos recuperar ese concepto tan manido e recorrente para cando non atopamos outras respostas estruturadas, que chamamos sentido común.

Seica agora é moda falar diso do pacto educativo. Vou sinalar algo que debera ser obvio. Non son os políticos os que deberan levar a iniciativa nesta cuestión. Si que terán que participar, necesariamente, porque é o seu traballo e cometido xestionar o ben común, pero este pacto tería que ser de carácter social, e nel terían que ter a palabra principal os colectivos que forman parte fundamental da comunidade educativa: o profesorado, os teóricos da educación, as familias. As agrupacións profesionais de docentes e teóricos. As agrupacións representativas dos colectivos das familias, asociacións de nais e pais e de alumnado. En segundo plano os sindicatos e as empresas, as organizacións de consumidores, os medios de comunicación, os colexios profesionais varios, as entidades sociais, ONGs, colectivos medio-ambientais. Finalmente serían os lexisladores quen deberan recoller o que todo este conglomerado social indicase, para aplicalo nunha lei e nas correspondentes medidas para o seu desenvolvemento. Medidas que afectarían a tal cantidade de cuestións que suporían unha reconstrución da vida social.

Pero faltan arrestos para facelo. Unha poboación maioritariamente envellecida non adoita estar polo risco. Máis ben pola estabilidade e a -suposta- seguranza. Houbo unha primavera na que puido suceder, pero os froitos do verán murcháronse antes de seren recollidos da árbore. Non existe unha maioría social que reclame un proceso así, diría que nin unha minoría, diría que nin neste pequeno País. A tendencia do mundo mundial tampouco pinta ben nesa liña. Máis ben na de perder liberdades colectivas para protexer dereitos individuais. O escenario perfecto para quen non ten máis que un interese: o tanto por cento de beneficio.

Xa que logo, entramos a un 17 adolescente que prolongará a súa condición indefinidamente cando non sexa que volva a etapas máis de satisfacción oral. Quen estea por outras dinámicas, non lle vai quedar máis que xuntarse cos afíns, refocilarse na súa endogamia e intentar dar mostras vitais de outros xeitos de facer as cousas. Non, non estou sendo Schopenhauernista. Sigo a preferir o positivismo humanista de Bertrand. Entre outras cousas porque xa nos avisou. Mellor dito, explicou unha realidade nun tempo que parece que non foi para adiante en moitos eidos, especificamente no desenvolvemento humano, como individuos, como grupos.
Seguimos nos milnovecentos e pico.
Haberá que intentar vinteunear.


30/12/16