mércores, 3 de maio de 2017

A ECUACIÓN DO PATO

Manda truco! Seica agora é moda falar do pato da educación. No canto de recoñecer a cagada intencionada da lomce ou presumindo de recoñecer a bondade intrínseca do humanismo que cree na educación como instrumento de cambio social. Cambio social. E sería para ben ou para mal? Segundo quen? Hai alguén que pense aínda que a formulación da lomce non supoñía de feito dende o seu xeito de desenvolverse ate o seu contido completo, un proxecto de cambio social? Eu son dos que penso que máis ben un fornecemento do proceso de reprodución de modelos de comportamento que xa se estaba a producir por outras moitas canles.

De que falo entón cando xunto as palabras Educación e cambio? Falo dun concepto de Educación definido como o conxunto de accións individuais e colectivas estendidas no tempo que, xunto coa formación e a instrución, traballan na construción da personalidade individual de cada un de nós e na continúa actualización do sentir social colectivo. Falo dunha actividade construtiva que non está circunscrita a unha idade concreta, a un estamento social determinado, a unha organización ou institución específica. Que non se restrinxe só ao eido institucional, ás escolas e institutos, aos colexios, senón tamén ao eido familiar, núcleo inicial da relación social construtiva, e á rúa, aos medios, o comercio, as empresas, os partidos políticos e todas e cada unha das persoas que forman parte dese tramado social: as nenas e os nenos, as nais e os pais, os anciáns da tribo, o panadeiro, a policía, o vendedor do cupón, a enxeñeira de camiños, o futbolista grande e o futbolista pequeno, a presidenta do consello regulador, o zapateiro, a surfeira, a xerente da cooperativa láctea galega, o presidente do goberno, e a calquera filloa de veciño da condición que lle corresponda.

Todo educa. Todas educamos. E xa que logo, todas somos educadoras e educandos, en calquera momento e circunstancias da vida.

Falo dun xeito de entender a Educación que ten que ter necesariamente unha parte reprodutiva na medida que queremos que lle conte aos que entran nela como é que fomos facendo as cousas ate agora en tódolos eidos, que ten que transmitir os valores que asumimos como sociedade occidental, ligados á nosa historia colectiva, e que constitúen parte da nosa identidade de grupo e individual. Unha Educación que se ten que facer necesariamente para un futuro que descoñecemos como vai ser.

Abordar un pacto de Educación, tal e como o entendo, supón propoñer unha reflexión colectiva intensa e non piadosa sobre o modelo de sociedade que nos queremos dar. Entendendo que os espazos educativos están intrinsecamente relacionados coa sociedade na que vivimos e viceversa. A aspiración individual e colectiva de medrar como persoas e sociedade depende substancialmente de como se defina esa relación. É necesario que as novas xeracións tomen coñecemento de toda a tradición cultural histórica na que xurdiron, que a recoñezan como propia, constitutiva do seu propio ser. Na mesma medida na que debemos ofrecerlles a oportunidade de deconstruíla e reconstruíla, criticamente, sen paliativos. 

Falo de que a Educación é unha labor de toda a sociedade, pero unha sociedade avanzada precisa especificamente de sistemas institucionalizados de ensino regulados, que abranguen eses tres conceptos: educar, instruír e formar. Unha lei que pretenda regular o funcionamento desta institución deberá atender en consecuencia á definición dos valores que pretende transmitir, as capacidades que busca desenvolver e os coñecementos necesarios para á súa actividade. Con unha función social específica: a de igualar as condicións de partida e ofrecer os medios precisos as persoas en formación para propiciar a superación das diferencias de clase existentes. Un sistema de ensino público, democrático, inclusivo e de calidade, centrado no alumnado e no proceso de formación de persoas autónomas, críticas, positivas, responsables, con criterio propio, na procura dunha sociedade de cidadáns formados e con ferramentas para tratar a información. Un ensino que valore e atenda a diversidade, poñendo máis recursos especializados para o servizo de quen máis o precise. Un ensino que recoñeza, respecte e forneza a multi-culturalidade ao tempo que enxalze e fomente as culturas e linguas propias.

Partindo desta concepción básica do feito educativo, eu empezaría por derogar a lomce e propoñer os seguintes parámetros como definidores iniciais dun proxecto de Lei de Educación. Logo xa virán as rebaixas, así que vou por o listón alto.

Unha proposta de nova Lei de Educación que recolla esta formulación, partiría da necesaria modificación do texto constitucional e da concepción de que calquera outra lexislación colectiva ten que estar balanceada coa centralidade do feito educativo.

Xa que logo sería preciso:

Modificar o Artigo 27 da Constitución.
Incluíndo o deber de todos de participar no proceso educativo.
Eliminando o dereito dos pais a escoller formación relixiosa ou moral, porta xiratoria para obrigar ao Estado aos concertos educativos. Os titulares do dereito a recibir educación, neste caso, son os fillos e as fillas, non os pais. A formación relixiosa debe estar excluída dos sistemas públicos de ensino, máis aló do necesario coñecemento histórico. Nada de supersticións no ensino público. A formación moral no eido familiar correspóndelle a dita entidade social. Os criterios morais das institucións de ensino público deberán estar regulados pola lei para todos en condicións de igualdade e acordo colectivo.
O ensino público básico é obrigatorio e gratuíto dende os 0 anos ate os 18, en todos os seus aspectos e funcións.
O recoñecemento a creación de centros docentes por persoas física e xurídicas en ningún caso levara consigo o financiamento total ou parcial, directo ou indirecto, da súa actividade.
O profesorado e as familias, terán o control en condicións de igualdade sobre o funcionamento e xestión dos centros de ensino público. O alumnado no seu caso poderá participar nos termos que determine a lei e en calquera caso será escoitado antes da toma de decisión de acordos que lle afecten.
O profesorado terá o control sobre todos os aspectos relacionados coa práctica didáctica e pedagóxica da súa actividade, en acordo coa lei e co oportuno coñecemento dos órganos de participación.
Calquera outra modalidade de ensino non incluída no eido público, deberá someterse ás oportunas avaliacións correlativas aos programas definidos na lei para a obtención das titulacións pertinentes.
Os presupostos xerais do Estado e de cada unha das Comunidades Autónomas con competencias plenas en Educación, recollerán como mínimo unha partida anual do 7% sobre o PIB para o ensino público obrigatorio.

Ben neste artigo, ben como adicional, debera recollerse que calquera lei promulgada polo Estado, as Comunidades Autónomas, as entidades locais e calquera outro organismo lexislador deberán necesariamente recoller as oportunas indicacións relativas a atención aos proxectos educativos correspondentes, sendo sometidas á súa aprobación polos Consellos Escolares do nivel correspondente. Isto implicará que, sen esquecer a non retroactividade das leis, haberá que promover unha revisión, entre outras, das leis do mercado laboral, das leis tributarias, das leis de transporte, das leis de urbanismo e especificamente dos PXOUs, das leis relativas aos medios de comunicación,....

Correlativamente, cada Comunidade Autónoma debera considerar a revisión dos seus Estatutos de Autonomía nos mesmos termos.

En paralelo, articular o procedemento para que os centros concertados dos niveis de ensino obrigatorio devolvan en cómodos prazos o financiamento inversor prestado polas arcas públicas para o seu funcionamento nos últimos decenios ou ben ofrecendo a dación en pago de instalacións e estruturas para integralas na oferta de centros públicos. Tamén propoñendo a integración dos profesionais adscritos a estes centros como cadro de persoal laboral e posteriormente na función docente atendendo aos criterios de selección normativos.

A nova Lei de Educación que estaría fundamentada nestes principios e consideracións, podería definirse na práctica nos seguintes termos: (pillando de aquí e de alí...)

  1. Poñerá as bases para que a figura do docente no ensino público, e do colectivo profesional en xeral, sexa elevada substancialmente no status social. Modificando os plans xerais de formación do profesorado, cun sistema de selección que asegure á sociedade e aos propios candidatos, a idoneidade da súa elección profesional. Mantendo de xeito permanente un plan de formación profesional durante o tempo de exercicio docente. Ofrecendo a posibilidade de que os profesionais con máis experiencia poidan ser guías e mestres para as novas incorporacións ao colectivo. Revisando as condicións laborais ás que o colectivo está sometido, eliminando ou reducindo ao mínimo a súa función burocrática.
  2. Articulará un catálogo de centros agrupados por criterios poboacionais compensatorios, plenamente dotados de capital humano, materiais, equipamentos e infraestruturas de servizos, tamén para as prestacións vinculadas á conciliación da vida familiar e laboral. Propiciará o distrito único de adscrición. Ofrecerá un sistema de transporte baseado nos medios públicos inclusivos, tendente a eliminar a circulación rodada particular das contornas dos centros.
  3. Promoverá o deseño de didácticas avanzadas, baseadas en criterios pedagóxicos recoñecidos, onde as novas tecnoloxías ocupen a súa función como ferramentas de traballo. Traballará intensamente na recuperación das capacidades de lectura comprensiva e crítica, dándolle centralidade nos centros ás bibliotecas e os espazos e tempos para ler, na correspondente medida do nivel educativo. Desenvolverá capacidades matemáticas básicas para o uso cotián, como linguaxe universal do coñecemento científico. Capacitará ao alumnado na percepción estética en todos os seus aspectos.
  4. Practicará a educación para a sociedade civil e democrática, incluíndoa transversalmente nos currículos de todas as materias, recuperando un tempo nos horarios escolares para a reflexión crítica social, a filosofía, a ética. Apostando por educar para a igualdade e a para a paz, expresando curricularmente o valor das relacións persoais e sociais baseadas no rexeitamento á esquemas de dominación e de violencia. Aplicando o criterio de participación para todos os órganos de xestión de cada centro e cada comunidade, convertendo os Consellos Escolares en foros de decisión superiores, con equitativa representación.
  5. Establecerá a gratuidade de libros de consulta e material escolar para todos os niveis de ensino obrigatorio. Asemade definirá a elaboración de textos propios, de propiedade pública, para o uso no ensino público, adaptados ás Comunidades Autónomas específicas, con licencias abertas, e deseñados tanto para o uso impreso como dixital, cunha concepción enciclopédica, que define a liña dunha educación de acceso á información universal en diversos soportes sen centralidade duns manuais precociñados.
  6. Revisará á baixa todo o currículo dos distintos niveis, atendendo a criterios pedagóxicos, resaltando cales deben ser os coñecementos fundamentais a adquirir, co criterio de traballar máis nos procesos de capacitación do alumnado para o acceso ao coñecemento específico das materias e para o desenvolvemento persoal e profesional na realidade cotián.
  7. Promoverá un sistema educativo descentralizado procurando a diversidade cultural e lingüística que caracteriza á nosa sociedade, superando a tradicional perspectiva centralizadora para favorecer un modelo educativo que promova o ensino nas linguas propias das comunidades autónomas, incremente as súas competencias coa intención de achegar totalmente o ensino á súa realidade social, histórica, cultural e lingüística.
  8. Establecerá un sistema educativo público laico, na que as diversas confesións relixiosas non convertan os centros de ensino en centros de adoutrinamento, na que prevalezan os principios de liberdade de conciencia, independencia respecto das opcións relixiosas e neutralidade en todo os que afecte á esfera das crenzas ou conviccións persoais.
  9. Ofrecerá unha educación inclusiva e integradora en todos os niveis, onde prime a cooperación contra da competitividade, que entenda como un valor máximo a diferencia, e mesmo faga causa central dos procesos de ensino o recoñecemento e posta en valor do feito diferencial, tanto no individual como no colectivo.
  10. Propoñerá a revisión das bases de produción e consumo, dirixida á fomentar un novo xeito de entender as relacións no eido económico, a recoñecer o verdadeiro valor das cousas, a identificar e sancionar os comportamentos individuais e colectivos de consumismo e a analizar o valor da propiedade privada fronte ao ben público.
  11. Identificará ao ser humano e o seu proceso de construción persoal como o eixo da súa labor, á humanidade como o concepto de colectivo identitario superior no que aprender a relacionarse, descubrirse por contraste e participar cooperativamente, e recoñecerá a dito colectivo como un máis dos que forman parte do ecosistema vital do planeta.
12.... seguro que algunha cousa máis se podería engadir. 

Estaría ben?
Non o verán estas pupilas....

Non o verán, en primeiro lugar, porque nos foros onde se fala e debate de cuestións de educación, mesmo en aqueles dos que poderíamos agardar con máis expectativas un avance significativo nun acordo primario sobre como desenvolver este proceso de renovación social baseado nun empoderamento do feito educativo a nivel social, económico, político, hai fracaso na comunicación entre partes. Segue habendo unha resistencia brutal entre os distintos colectivos que forman parte da comunidade educativa no seu conxunto, para recoñecerse como interlocutores válidos e non coma posibles inimigos. Cando o inimigo común é claramente outro....Quitando as excepcións puntuais, que todas compartimos inmediatamente nos medios como algo marabilloso (e excepcional), de experiencias de colectivización e cooperación do feito educativo, desenvolvidas por particulares ou grupos illados, a tendencia xeral está máis na busca do enfrontamento, a crítica destrutiva, a incapacidade de auto-analizarse, cando non o insulto ou a vexación. Xa non nos percibimos, se é que en algún intre foi así, como un colectivo, no sentido social da expresión, que podería estar dotado dun sentido común. Prima o individuo e os seus dereitos individuais sobre as obrigas de convivencia e os dereitos sociais. E acabamos convertendo eses dereitos individuais nun xeito de privilexio fronte aos de todas as demais. Somos quen de expoñer a nosa privacidade sen límites pero pedimos a garantía de que ninguén poña en discusión como é que estamos a facer as cousas.

E en segundo lugar, porque hai un enorme poder económico detrás da definición dun modelo de ensino convertido nun sistema produtivo, que se poida balancear en termos numéricos e cuxos resultados poidan ser monetarizados. Despois da mini-revolución que supuxo a afirmación do feito educativo como un sistema de superación das diferenzas de clase, os mercados descubriron o inmenso potencial de beneficio dunha actividade que ten permanencia no tempo durante longos períodos, vinculada a necesidades de índole afectiva e que facilmente podería ser desrregulada. Hai grandes lobis detrás dos libros de texto, dos programas de educación, dos subministradores de materiais e compoñentes, das actividades extra-escolares, da formación do profesorado en activo,... e entidades mediáticas que fornecen ese modelo implicándose na súa visibilización en positivo. As poutas do poder económico entraron a saco no galiñeiro do ensino público e fixeron estragos. E non hai quen lle poña o axóuxere ao raposo, porque ese poder ten secuaces en todas partes, mesmo onde nin o imaxinaríamos.

O que si agardo poder ver é que chegue o AVE.

Que será máis difícil?

Ningún comentario:

Publicar un comentario