Calquera parecido coa realidade e tal que así. Para a narración non se empregaron nomes de persoas ningunha, pero son as que participaron no sucedido. Ningún animal non racional sufriu maltrato nesta narración. Rodada en Arteixo, A Coruña e Cee, como podía ter sido en calquera outras tres localizacións do País, pensa unha.
Todo empezou unha tarde tranquila de xuño. Nun centro de saúde. Ponte do Va.
Asisto á cita para consulta co médico de cabeceira para a data e hora indicada. Non podo asegurar estar exactamente ás 19:12 alí. Como poñía no papeliño. Pero segundo indica a propia cita, é horario aproximado. En calquera caso, des que cheguei, poñamos 19:20 h como moito, e tomei asento, estiven tele traballando dende o móbil, lendo páxinas e páxinas do libro negro ese da lingua galega,... nin unha soa vez chamou por min para atenderme. Para o caso, o profesional nin saíu á porta máis cunha vez a chamar por unha muller.
Despois de agardar pacientemente (non é un xogo de palabras), estando eu á vista do seu posto, coa porta aberta, mentres facía chamadas de atención telefónica e ver que non daba sinais de vida, chamei e preguntei cando me ia atender. Coido que sobre as 20:15 h. A resposta foi que pedira outra cita...non con moita empatía... que me chamou e non contestei... de momento non teño tanto problema de oír...
Entendo que teña un cota (que mal soa iso, en varios sentidos) e que terá a súa vida, pero eu tamén. As miñas horas son tan importantes como as súas.
Pido folla de reclamación e volvo á consulta para indicarlle antes de que marchara que a vou presentar. Vostede mesmo, penso que sería o máis próximo ao que me deu por contestación.
Pero me indican os administrativos do centro de saúde que o podo facer pola web. E así fixen, uns días despois.
Todo moi simple. Non é sorna.
Despois de explicar o que xa puxen aquí antes, case textual (sen o da empatía, para non dar pistas) solicitei unha desculpa formal por parte do profesional que me tiña que atender. E unha nova cita específica presencial, para atender á consulta que quería facer nese día. Unha consulta rutineira, levar uns apuntes sobre medicións de tensión, mirar o resultado dunha reso, pedir repetir análise...
Vou facer algo de anticipación, lle chaman espóiler? Nin contaba con ter resposta. Menos a desculpa. Dun profesional da medicina? Practicamente imposible se non é diante dun xuíz 😅. O de que xa me deran nova cita era para aproveitar e ver se había enchufe... pero sen esperanza ningunha. Ademais, iso será algo que eu teña que encaixar na miña axenda. Non ao revés, non si?
A resposta tardou. Imaxino que terán miles que responder, só neste area sanitaria. Iso é outro tema... Coruña con Cee? E non merecerán os cidadáns de ambas zonas ter areas propias? Non sei. Serán cousas da ferraxería.
Amable. Cordial. Educada. Penso que corta e pega. Non sei se mecánica. Sen sinatura de persoa responsable. So da sección. U.X. Web Buzón A.S. A Coruña:
En contestación ao seu escrito, lamentamos a incidencia co seu medico de cabeceira. Como sabe nos centros sanitarios está instalado o sistema de cita previa para establecer a orde de citación dos pacientes. Cando se producen retiráseos na hora de presentación dos pacientes, a obriga do facultativo é a de continuar coa axenda por orde de chamada, xa que non é posible anticipar as necesidades de cada un dos pacientes citados e as veces se producen atrasos e variacións sobre o horario previsto que impiden atender posteriormente aos pacientes ausentes no momento da chamada, polo que se re programa a súa cita para outro día co fin de levar a cabo unha atención personalizada e de calidade. Ademais, os facultativos responsables da atención en consulta, teñen por outra banda encomendadas distintas funcións, tanto de carácter asistencial como administrativo, o que ás veces repercute na actividade programada, ao xurdir imprevistos que impiden a realización da asistencia con total puntualidade.
Lamentamos que a atención recibida non responda ás súas expectativas e tomamos nota daqueles aspectos susceptibles de mellora.Atentamente
Tomamos nota daqueles aspectos susceptibles de mellora. E que aspectos poderían ser?
Para empezar sinalar que non se re programa a cita. Hai que volver a pedila. O cal como xa indiquei ten máis sentido que facelo como ao sistema lle conveña. Terá que ser como me conveña a min.
Un sistema de cita previa que puxera por diante ao paciente antes que ao propio sistema?
Unha axenda menos extensa para cada facultativo? Con máis marxe para poder aplicarse na atención ao paciente antes que na burocracia? Máis traballar de médicos, menos de administrativos?
Que imprevistos poderían acontecer para ter que aprazar a atención a pacientes? Unha urxencia sanitaria fóra do centro en concreto? Non habería que ter outro persoal para atender iso?
Penso que algo falla na organización do traballo. E non me creo que haxa tantas dificultades para atopar profesionais médicos que poidan traballar no sistema público de saúde. Pero sobre todas as cousas, penso que falla a filosofía da prestación do servizo. A filosofía que define a política do servizo.
Cando xa tes unha certa idade e pasaches por moitas experiencias sanitarias e médicas, non sei se a diferencia semántica é tan plausible como a min mo parece, decátaste de que un servizo sanitario público de calidade é unha conquista social fundamental para unha sociedade. Non só iso, un elemento de orgullo social, do que poder presumir como galegos, como sociedade. Algo do que non todo o mundo tiña conciencia, até que chegaron as duras da pandemia, sen ir máis lonxe.
Para os que antes xa pasaramos por urxencias varias, UCIs pediátricas, cirurxías, baixas médicas, tratamentos para enfermidades crónicas, revisións periódicas, medicamentos a prezos máis que alcanzábeis,... xa o tiñamos moi claro. O eixo fundamental desa prestación de servizo é a calidade profesional, pero sobre todo, a humana.
Que di o xuramento hipocrático? Que non é cousa das pelis só. Coas súas actualizacións
Un extracto da pacto de Louis Lasagna
Recordar que a medicina non só é ciencia, senón tamén arte, e que a calidade humana, a compaixón e a comprensión poden seren máis valiosas que o bisturí do cirurxián ou o medicamento do químico.
Ciencia, arte, calidade humana, compaixón, comprensión. Onde está iso na ferraxería Sergas?
Unha ferraxería é un negocio complicado de xestionar, ao meu parecer. Admírame como hai xente traballando nelas que é quen de atopar o que necesitas cunha descrición pouco menos que imposible de entender. Hai centos, miles de chintófanos, fusos e parafusos, produtos e ferramentas... e case sempre hai algo que pode solucionar aquilo que ti necesitas. Eu que visito con certa frecuencia as ferraxerías, diría que me gustan, as veces paseo por onde se pode para ver cousas que quizais algún día poida chegar a necesitar ou coller ideas para resolver problemas que xorden ou poidan xurdir na miña actividade persoal ou profesional, podo dicir que adoito sentir máis humanidade no trato nesas catedrais da diversidade chintofanística, que en algunha consulta da médica.
Despois daquela primeira contestación á miña queixa, volvín a reiterala, e desta vez pedindo tamén desculpas da U.X. Web Buzón. Rizando o rizo... xa que estaba. E me volveron a contestar dicindo que xa deran oportuna resposta á miña reclamación, máis/menos.
Agora pensaba en poñerlles deberes. A ver que vos parece.
Escribe cen veces no ordenador:
O primeiro é o paciente. A súa saúde. O seu benestar.
Todo o demais ten que ir a remolque.
Traballo para vostede, non vostede para min.
Todo o sistema traballa para vostede, non vostede para o sistema.
Non vos parece que a relación que temos co médico de familia, antes de cabeceira, é case persoal? Intima tamén. Podes contarlle cousas que nin a ti mesma te atreverías a dicirte diante dun espello. E que iso forma parte do paquete asistencial? O teu médico saudate pola rúa e ti a el, ou a ela, cada vez máis a ela. Como che vai? Todo ben?... consultas externas...
Un sistema público de saúde é complexo en extremo. Moito máis que unha ferraxería. En todos os sentidos. Hai miles de persoas implicadas no seu funcionamento. Para poder servir a millóns de persoas. Eu dou en pensar que todo está baixo un plan detallado. Todo o detallado posible. Que empeza pola definición política de como se quere desenvolver para que cumpra os seus obxectivos sociais. Pensando sempre en que si se quere, claro. Por exemplo, supoño que alguén decidirá se é mellor concentrar servizos en grandes centros ou dispersalos en pequenas unidades. Probablemente no noso País teña sentido o primeiro, precisamente pola grande dispersión da poboación. Non sei se sería asumible ter trescentas unidades de cirurxía torácica pediátrica, por poñer un exemplo. Nin por economía nin por loxística.
Pero un servizo de saúde público (esquecía, moi importante, e universal) ten que ser sobre todo preventivo. Non só e tamén por razóns económicas evidentes. E moito máis caro cambiarlle o motor ao coche que ir facéndolle as revisións periódicas que correspondan. E durará máis, con probabilidade.
Queremos iso, non si? Tamén que siga funcionando con certa operatividade. Non son para telo no garaxe.
A medicina preventiva é traballo que lle encargamos colectivamente á atención primaria. Sobre todo a ese chanzo do sistema público de saúde. Pechar centros de saúde ou reducir persoal, prestacións, horarios, non vai na liña correcta para poder facer iso que queremos que faga o sistema.
Ou non o queremos? Quizais haxa que facer mellores ofertas económicas e laborais ao persoal médico e sanitario para que queira vir á traballar á sanidade pública. E quitarlles de enriba todo o peso da burocracia. Xa sei que con dicilo non chega. Seguro que tamén na parte de xestión do sistema, mesmo na U.X. Web Buzón hai profesionais que traballan arreo para que todo funcione, pero sen un mandato político claro, baseado en algúns dos principios que apunto nesta historia e aplicado en términos de eficiencia, coordinación e profesionalidade, imos seguir na liña de diminución da calidade do servizo.
Non serei eu quen apunte a o obxectivo político/económico de ir contra do sistema de saúde pública. Doutores ten a igrexa. Pero só hai que pensar se coidar da saúde da xente pode ser un bo negocio para alguén. Así o parece, se miramos ao incremento da contratación de seguros privados e na subida progresiva das cotas deses seguros. Diría que cheira a podre en Dinamarca.
O mercado segue a ser o regulador de todo? A gran falacia. Pero hai doutrinas que son subsidiarias desa falacia. E que tamén lle dan de comer e a fan máis grande. O individuo por enriba de todo. Dereito a escoller. Pero, esquecemos que non todo o mundo ten a posibilidade de exercer ese dereito? Principalmente por causas económicas. E cando un dereito individual non pode ser exercido por todas as persoas en condicións de igualdade, en que se converte para os que si? Privilexio. Para os que non, exclusión.
Cada vez devén para min máis abraiante que haxa xente que defenda eses privilexios. Enchéndose a boca: estou no meu dereito. Dereito individual, meu, da miña propiedade. O meu dereito por enriba do que calquera outro, do conxunto dos de todas as demais persoas. Discurso que repiten moitos políticos tamén. E que miran de levar á práctica cando están no poder. Sigo pensando que esa concepción é incompatible con apostar pola sanidade pública. E sendo así, cando chegue a hora de votar, aquí ou acola, pois intentarei non darlle o meu voto a quen vai por aí, que se pode ver, aínda que digan outra cousa coa boca pequena. Eses si que son Anti-Sistema. Ti que pensas facer?

Ningún comentario:
Publicar un comentario