Amosando publicacións coa etiqueta Transporte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Transporte. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2020

COMUNICADOS

COMUNICADO 1
O Colectivo de Usuarias/os Non Habituais de Algunhas O-Rotondas*, CUNHAO, reuniuse na última semana no Pavillón de Mostras do Incio para falar sobre a problemática común a todas as persoas integrantes, que entendemos o será tamén do resto de condutoras e condutores, tanto non profesionais como si.

A primeira cuestión a debate, foi precisamente se era ben modificar os Estatutos da entidade para incluír neles unha referencia á profesionalidade. Para nós é evidente que para ser quen de tomar ben unha O-Rotonda, é preciso ter unha cualificación extraordinaria, que non é asimilable por defecto á ser titular dun simple carné de conducir que xa sabemos como vai iso agora: pagar por ter un permiso, sen que realmente se asegure a aptitude para o desenvolvemento da actividade.

Aplicar na nosa norma principal esa referencia, supoñería que no caso de conseguir a reivindicación da titulación específica legal para poder acceder ás O-Rotondas, todas as persoas asociadas deberían pasar polos procedementos precisos para a obtención do título. E no entanto, perderían a condición de socia. Os nosos cálculos apuntan a que entre un 35 e un 55 por cento das socias estarían afectadas pola nova definición estatutaria. Pero temos un plan. Comezar a formación necesaria para a posible obtención do título, de xeito gratuíto, con clases teóricas e prácticas simuladas. Claro, non imos arriscar nun espazo de circulación real un erro na proba que poida supoñer unha afectación importante do estado circulatorio xeral e xerar perigos físicos e materiais indesexábeis.

En segundo lugar, tratamos da elaboración dunha proposta de accións que traslade ás autoridades competentes, Departamento Central de Circulación da República e Órgano Xestor da Circulación do Estado Federal Galego, o que consideramos é imprescindible para poñer solución á problemática xeral da aplicación de O-Rotondas ás vías de circulación xerais e asemade unha batería de ideas para a súa implementación no curto e medio prazo.

Contamos para a definición xeral das medidas e o deseño da comunicación coa inestimable colaboración do Colexio de Primaria de Arquitectos Deseñadores de O-Rotondas, do Colectivo de Xeradores Alternos de Ideas Inespecíficas e da Entidade de Ilustradoras Galegas Vinculadas.

Dende que as O-Rotondas comezaron a aparecer en canta vía de circulación tiñamos no País, cando a xente empezou a falar nos medios sociais de intervención extra-terrestre, até o momento no que nos atopamos agora, no que todo o mundo entende da imprescinbilidade desta nova mecánica de distribución de vehículos rodantes, pasou xa un tempo. Nós aproveitamos para recompilar datos estatísticos a respecto do uso e abuso destas instalacións. Apuntamos algúns deles:

1. Existen O-Rotondas que interceptan até 17 vías de comunicación a un tempo. Sempre pensamos inicialmente que o número de vías que desembocaban ou saían dunha O-Rotonda debera ser par. Pero non é necesariamente así. Hai camiños que non teñen volta. A media Estatal é de 8 vías. Pero constatamos a existencia de algunha de 1 soa vía. Fin de traxecto.

2. A diario acceden ás O-Rotondas de toda a República 67.342.152 vehículos. A media de acceso por vehículo é de 1,72 veces. O tempo medio de uso da O-Rotonda é de 32 segundos. Un total de 65.724.008 vehículos saen de unha O-Rotonda cada día. A diferencia entre a cifra de acceso e saída correspóndese coa negativa a repetir (45%), avaría mecánica posterior (22%) e busca de alternativas de paso (11%). A porcentaxe restante son casuísticas que non chegan ao 10% e non imos recoller aquí.

3. Hai unha O-Rotonda por cada 37 kms de vías de comunicación. O traxecto máis longo se atopar ningunha é de 142 kms, na Autoestrada Vigo-Lugo. O máis curto é na estrada comarcal entre Pinto e Valdemoro, con 0,3 km de separación.

4. 5 de cada tres condutores/as confesan non ter claro cal é a práctica correcta de uso do cambio de marchas durante a circulación por unha O-Rotonda.

Diante desta situación, imos elevar ás autoridades as seguintes peticións.
  • Establecer un límite máximo de vías de acceso/saídas para as O-Rotondas por construír. Propoñemos 11.
  • Numerar as vías de acceso e saída de cada O-Rotonda en orde inverso ao movemento das agullas do reloxo. Deste xeito poderase verificar que todo o mundo sae da O-Rotonda por un número inferior ao que entrou.
  • Instalar un sistema de guía dirixida por láser para todos os vehículos comercializados a partir de agora, para o control de entrada e saída dunha O-Rotonda.
  • Implementar un sistema de pago de tránsito lento ou inadecuado nas O-Rotondas.
  • Aprobar a lexislación pertinente para a obtención do título de O-Rotondeiro/a habilitado e impedir o uso das O-Rotondas a quen non dispoña de tal habilitación.
  • Supresión inmediata das O-Rotondas a dous ou máis niveis. Non hai xustificación para unha discriminación semellante. Empezase por algo así e acábase poñendo gasolineiras para vehículos zurdos de depósito.
Acompañamos a estas peticións unha proposta de novos deseños para estes intercambiadores de circulación.

C-®otonda. Ou rotonda cadrada. Pensada fundamentalmente para núcleos urbanos estruturados.


T-®otonda. Ou Rotonda Triangular. Para comunicación de alta velocidade entre pequenos núcleos de poboación.



E por suposto, as L-®otondas, ou rotondas lineais, para o caso de que sexa preciso incluílas nalgún proxecto, pero sexan absolutamente innecesarias. Ideais para vías de alta capacidade.



Para rematar. Unha última suxestión. Entendendo que todo o mundo mundial acepta este sistema de organización da circulación rodada, segundo Facebook, pensamos que sería oportuno que a administración central da República elevase á Unión de Pobos Europeos unha proposta de análise en comisión para a implantación dun sistema similar en liñas ferroviarias, acceso a portos marítimos e fluviais e, a futuro, a construción de rotondas levitantes para o movemento de aeronaves e nabos espaciais. Seguro que será para ben.

*O-Rotonda, por definición é unha Rotonda Redonda (RR), ou cuxo deseño aproximase ou quere asemellarse á redondez, mesmo en estados avanzados das figuras xeométricas xerais (a partir de 5 lados incluídos).

COMUNICADO 2
Ante as continuas agresións á nosa condición de traballadoras, decidimos organizarnos no CORTEGADA, o Colectivo Radical de Teletraballadoras Galegas De Acotío.

Na primeira xuntanza virtual organizada na noite do mércores 27 de maio de 2020, entre as 21 e 24 hs, na que verificamos a identificación para participar de 1312 persoas do colectivo profesional, vinculadas a 73 empresas distintas, acordouse a constitución da entidade como sindicato profesional e encargouse a elaboración dos Estatutos da organización a un grupo de traballo con participación aberta. Asemade, tomouse a decisión de convocar unha nova xuntanza do colectivo, tamén por un sistema de conexión en liña, para o xoves, 28 de maio do 2020, ás 19 hs coa seguinte orde do día.
  1. Valoración do borrador de Estatutos.
  2. Elección das persoas que deben figurar na acta de constitución como equipo directivo da entidade.
  3. Proposta de creación de grupos de traballo para os seguintes puntos:
  • Nacionalización do sector de actividade de teletraballadoras.
  • Medidas de protección psico-sanitaria.
  • Parámetros de cálculo das compensacións por exceso de traballo.
  • Depuración de contidos dos protocolos de medición da rendibilidade dos tempos de traballo.
  • Etiqueta de atención, intimidade e espazos de traballo.
Celebrada a segunda reunión, co voto a prol da redacción do borrador de Estatutos propostos, a designación das persoas representantes do colectivo na directiva da entidade e a constitución dos grupos de traballo indicados na orde do día, delegouse na secretaría xeral do Sindicato a convocatoria da próxima xuntanza colectiva e o inicio do procedemento de legalización da entidade nos rexistros correspondentes.

A secretaria xeral, oídas as diversas propostas do colectivo e especificamente atendendo aos primeiros resultados dos debates nos grupos de traballo, acorda convocar ao colectivo ao completo para unha xuntanza telemática, a celebrar o 29 de maio de 2020, a partir das 19 hs.

Rematada esta sesión ás 05 hs do sábado 30 de maio, emitimos o seguinte comunicado dos acordos da reunión, que será enviado tanto ás direccións das empresas como ás administración públicas que atende á actividade.

1. Metédevos as cámaras de control polo cu. E logo lambédeas. Se vos parece que vos gusta repetide. E se vos gusta moito, vos podemos mandar tamén mostras de feces envasadas ao baleiro para que teñades a oportunidade de ir probando outros sabores.

2. Ao primeiro/a que se ocorra dicir que non estamos cumprindo o rateo de chamadas, lle faremos tragar vintecinco esponxas de auricular e outras tantas de micro, usadas, suadas, con caspa e esputos indetectábels.

3. Como haxa outra redución de persoal para equilibrar artificialmente o resultado de leads con chamadas, escolleremos alguén da dirección da empresa correspondente para que camiñe sen calzado nin calcetíns por un fío de liña telefónica engraxado tendido entre  dous edificios de 12 andares separados polo menos por 300 metros de distancia, espazo no que só haxa un enorme xardín de toxos bordeado por crocodilos lacoste.

4. Até que se produza a necesaria nacionalización do sector de actividade de teletraballo, continuaremos alternando sopapos dirixidos ao primeiro fodechinchos directivo masculino ou feminino que pense que ten algo que dicir sobre a calidade do noso traballo con botelliñas desas que levan dentro un tipo de combustible fósil refinado e un trapo colgando ao que se lle pode prender lume accidentalmente sen querer dirixidas a calquera despacho, vehículo de marca ou barquiño de pracer de titularidade fodechinchal que non estea sendo usado por persoa ou animal nese momento.

5. Imos seguir traballando con xeito e responsabilidade para atender a todo o que está baixo a nosa idem. Gústanos o estilo de folga ao xaponés, pero tamén o das que inventaron a guillotina. Nin unha soa parvada máis. Que conste.

Asina.
A secretaria xeral do sindicato.
En nome da directiva e das 1573 traballadoras representadas, das que non imos poñer nin nome nin apelidos nin dnis. Que carallo de protección de datos ia ser iso? Kona!

COMUNICADO 3
Transcrición da rolda de prensa da presentación do comunicado da COMEEMELHA, Confederación  Muy Española de Empresarios Muy Ejemplares donde Los Haya, na súa sede fiscal (Avenue Gaston Diderich, Belair 1420, Luxemburgo).

Comeza a rolda de prensa ás 20:05, hora local muy española.

Toma a palabra o presidente da Confederación, don Sebas Tian Amén, que se atopa acompañado na parada do autobús polo secretario don Sabe Loto Domingo e a tesoureira Carmen Canto Cartopillo.

Solicita das persoas asistentes gardar unha hora de silencio mentres atenden á súa disertación. Algúns se resisten e collen o primeiro autobús que pasa.

Pr.: Es nuestro deber y salvación, solicitar de las autoridades políticas de nuestro querido pais, grande y libre, la urgente toma de medidas para que nuestros ingresos vuelvan a la normalidad en el período más breve posible. Consideramos que la apuesta por medidas de regulación de empleo, préstamos para liquidez y fomento de la modernización de nuestras empresas, financiada con cargo al erario público, faltaría más, que para eso no pagamos nuestros impuestos, es una decisión. Podría no serlo, pero lo es. Pero no es suficiente. Queremos más. De todo. O de lo contrario nos veremos obligados y obligadas a seguir llevándonos nuestro dinero y nuestra dinera a donde más nos plazca.

Nuestros esclavos y nuestras esclavas laborales saben que de nuestros bolsillos siempre caen algunas monedas que desbordan de las plusvalías que les vamos sorbiendo hora a hora. Sabemos que están plenamente comprometidas y comprometidos a seguir aceptando su absoluta indignidad para merecer otra cosa que no sea someterse a nuestro sentido común patriótico empresarial ejemplar sumisamente.

Pero no es suficiente con que nos manifiesten asi su aprecio y cariño. Es preciso una contrareforma laboral si, que elimine de una vez por todas cuanto privilegio hayan ido adquiriendo durante estos últimos decenios de escandaloso contubernio nacionalcomunístico. El despido no tiene que ser libre, debe ser obligatorio a partir de las 5 semanas de contrato. Las vacaciones y los tiempos de descanso ya los podran disfrutar en el paro. Y si quieren estar seguros y sanos, que se queden en casa y no coman porquerías.

Exigimos por tanto al gobierno que elimine la obligación de cotización a la seguridad social y la presentación de declaraciones de ingresos. Si nos sobra algo, ya lo repartiremos nosotros u os donaremos algo para la sanidad o las escuelas publicas.

La necesidad de un pacto social es manifiesta. Pero no es suficiente. Pedimos por tanto a nuestros partidos políticos, nuestros bancos y nuestros medios de comunicación que se sienten a negociar como poder sacar más pasta del Estado sin tener que justificar nada. Y por otra parte, que sigan ofreciendo el espectáculo necesario para continuar manipulando a la opinión pública y creando en la población general cualquier tipo de necesidad para la que precisen financiación indefinida.

Pausa. Lingotazo.

En definitiva. Ofrecemos nuestra colaboración al gobierno para que todo siga siendo como era. Nosotros arriba, todas las demás abajo. Y como buen gallego, permítanme que termine mi alocución en mi dialecto vernáculo: mexamos por vós. Si.

Preguntas

Candido Iluso, de Un Pais, pregunta si está previsto que se poidan levar os restos dos pinchos que sobren, que el trouxo taper, e na casa ten nenas con fame.

A tesoureira indica que debido ás fortes restricións impostas sobre as condicións de salubridade nas paradas de autobús de Luxemburgo, nesta ocasión decidiuse non gastar un can en viño muy español nin viandas muy españolas.

Boa parte da concurrencia torce o xesto e marcha despois desta declaración.

Nonson Parvo, de Un Mundo, pregunta se a decisión de facer a declaración aquí e non no parque do Retiro, na capital muy española, foi debida ao alto nivel de contaxio pola epidemia de Covid-19 en Madrid.

O secretario contesta cun lacónico, qué epidemia?

O presidente diríxese ao secretario fóra de micro, aparentemente para ofrecerlle unha explicación en detalle durante 5 segundos. A continuación contesta.

Qué epidemia?

(Nota, só a tesoureira ten a súa residencia fixada en España, por temporadas. Tanto o secretario como o presidente viven nunha illa privada grega con control de acceso de seguridade privada)

Lis Terina, xornalista de The Sornal's Xabrón, pregunta en perfecto inglés autóctono, is really or an invention that the question here is how to pillar cacho all the posible for yours petos? and (e) do you really want you hurt me?

Ningún dos tres membros da mesa entenden nin papa de inglés así que contestan coa cabeza. Dous indicando si, si, si e un non, non, non.

Un membro do colectivo de traballadoras do metal da industria naval, que se atopa de casualidade, completa e absoluta, na parada de bus, colleume de camiño, seica dixo, saca o tiracroios de buxo e mételles a cada unha das tres amebas empresarias exemplares que okupan a mesa sendos bolazos de ferro, radio 23 mm, entre cella e cella. A continuación, outras dúas membros do colectivo de Kellis da industria turística das rías baixas, verten salfumán sobre dos corpos tirados no chan. Tres ou catro mariscadoras de a pe que andaban por alí esculcan coas suás ferramentas na entreperna e resto do corpo dos xa apachocados até que consiguen extraer pequenos anacos de algo semellante a sushi, especie por catalogar no ámbito marítimo pesqueiro. O tractor do Evaristo pasa sen querer por riba da mesa esnaquizando a instalación e patinando no que quedaba da masa corporal, pero sen facerlle un só rabuño á parada de autobús.

O presidente, o secretario e a tesoureira sorrín ao fondo mentres observan aos seus clons gozar do resultado das súas atinadas aseveracións.

Todo o mundo contento.
Cada quen para a súa casa.

mércores, 20 de setembro de 2017

A GREVEDADE DO TRANSPORTING

The Washington Post


A greve do transporte afectoume. En pasiva, fun afectado pola greve do transporte. Estou sendo afectado. Serei afectado.

En realidade, non, tráeme ao pairo.

Como me vai preocupar, sendo que non son usuario dos buses interurbanos, dos urbanos tampouco, nin teño fillas con dereito ao uso do transporte escolar.

O que si me resultou sorprendente, sentinme afectado logo, foi escoitar no arradio galego a unhas cantas usuarias regulares do interurbano que chegaron un dos días da convocatoria da greve á estación dautobuses e se levaron unha grande surprise. Anda! Oh! Dos madrileños que querían pillar o Alsa cabreados coas reivindicacións irmandiñas non. Non me sorprendeu digo. Xa sabemos que pensan que somos servizais, amables, agarimosos e produtores de marisco.

Non alcanzaba eu a entender que nesta marabilla de sociedade da información que temos houbera quen non tivera sabido da repetición do partido de martes e mércores. Ou non o deixaron ben clariño dende as organizacións que convocan ou non lle presto atención as informacións que deberan ser relevantes para a miña vida cotiá. Ou ambas.

Logo está o de sempre. Esas cousas que xa aburren. “Seguro que fan a folga por unha razón (?) pero sempre pagamos as mesmas as consecuencias”. Tás parva!? Que non somos xaponesas! Se non fas parar o sector, que carallo de folga e esa! Medias tintas. Como se tes que ir andando á praia. Que hostias é iso de poñer servizos mínimos! Quen decide o que é mínimo?! Pois está claro: un minimolisto. Ou unha minimalista.

E entón vai o señor queixo de untar de marca e solta o de que as empresas de transporte están utilizando aos nenos e ás nenas de reféns. Para empezar esquecendo que estabamos no mes LGTB e as letras que fagan falta. E despois facendo mención a algo que leva sucedendo dende tempos inmemoriais co transporte escolar no ensino público. Foron, eran, son, as empresas de transporte as que mandan na organización dos tempos escolares. Cando debera ser ao revés, non si? Pero claro, isto non é algo do que poder culpalas a elas. Quen deu pe a isto foi quen definiu un determinado modelo de transporte público para o País baseado en resultados económicos. Con criterios de xestión de empresa privada. Non dende a perspectiva de ser exactamente o que di o seu nome. Transporte Público.

Imos ver. Deseño territorial. Que País temos? Un que evolucionou, esta evolucionando, evolucionará, dende o rural ao urbano. Con concentracións de poboación de tamaño mediano pequeno. Non hai grandes urbes. Vigo, xa se nos fai dabondo grande. Pasamos das ubres ás urbes. Unha gracia. Gran dispersión da poboación en xeral. Casas, casiñas e casoplóns por doquier. Máis concentración da poboación e da actividade económica no eixo definido pola AP9 que non quere ser nosa. Deles si, que lista. Puntos illados de concentración nas capitais de provincia do interior e algún outro solto. Pirámide poboacional do tempo das pirámides exipcias, envellecida e sen trazas de engordar pola base. Infraestruturas do mundo rural das vacas e os carros, adaptadas como se puido aos novos tempos. Uso fundamental do vehículo particular para os desprazamentos, vespino, chimpín e planeadora incluídas. Engádelle un sector empresarial da cousa do transporte de pasaxeiros tamén fragmentadiño, con moita pequena mediana enterprise e un par máis potentes. Ben máis potentes.

Como fas un plan de transporte público integrado con estes vimbios?

Non contamos coa posibilidade de poder ter un medio alternativo de transporte colectivo entre núcleos de poboación, quitando o tren rápido no eixo atlántico. Poucas posibilidades de definir un tren de proximidade coas infraestruturas actuais.

Entón, como facemos? Primeiro definindo cal sería o ideal do transporte, centrándonos na mobilidade das persoas. Para as cousas xa será outro cantar, aínda que se puideran aproveitar sinerxías. Pero deixando as mercancías de momento e pensando nos seres humanos e algún que outro ser vivo. Eu penso na variabilidade, a adaptación e o cambio de paradigma. O transporte de pasaxeiros ten que estar coordinado no ámbito urbano e interurbano nececesariamente, para poder ofrecerse como alternativa ao particular. Ten que ter frecuencias de paso vinculadas ás necesidades dos usuarios, entendendo tamén que unha frecuencia alta é un incentivo natural para provocar o seu uso. Ten que ter un custe non disuasorio para un uso esporádico e claramente bonificado, mesmo no linde da gratuidade para o usuario habitual. Ten que estar adaptado as condicións físicas diversas, con acceso doado. Deber contar coas medidas de seguridade colectivas e individuais máximas, obrigatoriamente, especificamente no escolar, do que falarei máis adiante en concreto.

O paradigma tería que ser o seguinte: fomento do transporte público, penalización do particular. As vías de circulación, os custes de consumo e mantemento, as normativas xerais de tráfico teñen que decantarse polo transporte público. O uso de vehículos particulares para o transporte de persoas en traxectos urbanos debe estar casi prohibido, con todas as dificultades posibles, mesmo establecendo peaxe de acceso como xa está a facer en algunha cidade europea. Recuperando as concesións de aparcadoiros subterráneos ou de superficie de carácter privado nos núcleos de poboación. O seu paso a mans públicas sería o primeiro paso para retirar os vehículos particulares da superficie de circulación, ofrecendo as prazas dispoñibles para o seu estacionamento. Liberando así as rúas de prazas de estacionamento, habilitando e proporcionando facilidades para a circulación do transporte colectivo. Unha reordenación dos sentido circulatorios, cun plan formulado dende a perspectiva do uso para grandes e medianos vehículos colectivos. Un proceso amplo de peonalización da superficie combinado co anterior que facilitase a circulación en sistemas alternativos individuais, con base sustentable, bicicletas simples e combinadas, pequenos transportes eléctricos, patíns e monopatíns,... Establecer aparcadoiros disuasorios na contorna dos núcleos de poboación para quen aínda tivera necesidade de empregar o transporte particular. Conectados con liñas de transporte urbanos e asociados a estacións nodais onde se combinaran os distintos tipos de transporte. Liberalizar o sector do taxi, rematando coas concesións, definindo un transporte público de pasaxeiros individualizado de ámbito autonómico (eu diría nacional, claro...), personalizado, que dera cobertura a necesidades específicas cun sistema de atención centralizado e que recollera ás novas modalidades de uso compartido reguladas.

O uso de transporte particular en traxectos interurbanos debera esta suxeito a condicións determinadas de penalización. Coa condición xeral de que os combustibles para uso particular teñan un sobrecusto especial, e que se sancione a non ocupación de prazas nestes traxectos, economicamente, con perdida de puntos, con máis restricións ao uso.

Como dis? Que non temos competencias para facer tales cousas? Vaites!. Pois se quixeramos facelas así, teriamos que facernos con elas.


Mudar o chip non é cousa doada. A non ser que se vexa con claridade que non se para o mundo por ter que deixar de fumar dentro dos bares. Outra cousa é que queiras seguir fumando.

Logo está o do transporte escolar. Empezando polo principio. Dille ti ao rapas que cremos no transporte público levándoo e indo por el co Peugeot 7 portas. Igual pensabades que ía empezar polo de é un dereito de todo o alumnado do ensino obrigatorio, sen máis limitacións que a lóxica do uso, se miro o cole dende a fiestra da casa, ben vou andando, ben ven andando. Non vale aquí o de escoitar a serea dos recreos, que iso depende do vento. Ou pola posibilidade de definir un modelo específico de vehículo para este tipo de transporte, coma os ianquis, que os usan moi similares tamén para o transporte de reclusos, seica. Eu como nunca estiven alí, non che sei se é verdade. Ou por arredar as vías de comunicación de vehículos particulares e de mercancías dos centros de ensino. Ao revés está máis difícil facelo, teletransportar o cole aínda non está moi avanzado no estudo cuántico. Pero si que é ben doado incluílo na próxima lei de educación para a construción de novos centros. E o de sancionar aos que non ocupan todas as prazas no coche, pois estendelo aos que traen as crianzas ao cole no Clio, non che digo no Gran Scenic ou no Hummer. Pero é que é máis práctico! Pois non che sei, para quen? En calquera caso, eu estou con Carles: a maternidade, a paternidade, como práctica vai ser que non é. Unha grande responsabilidade, moito aprender e aprenderse, grandes esixencias, grandes satisfaccións, alghún desgusto,... pero práctica, o que se di práctica, pois vai ser que non.

Que cousa isto da conciliación. Facendo un inciso. Para deixalo claro dunha vez por todas: non a concibo como un sistema que facilite ás nais e pais poder seguir facendo o seu traballo dándolle solucións prácticas para que as súas fillas e fillos estean ocupadas e atendidas durante as horas laborais. A conciliación non debera consistir en adaptar a familia ao traballo, senón en todo o contrario. O traballo debera estar en función da familia, e debera permitir a nais e pais gozar e ser partícipes directos de todo o proceso de desenvolvemento das súas crianças nas primeiras etapas da súa vida e ate cando elas mesmas o considerasen. Conciliación significa máis tempo para estar en familia sen perder prestacións económicas nin ningunha outra. Iso si que sería unha boa campaña de natalidade. Pero non parece que as vontades empresariais e políticas vaian nesa liña. Eu dubido tamén de que as propias vontades familiares maioritariamente quixeran algo así.

E volvendo ao transporting. Si. Claro. Nalgúns eidos podería ser unha solución mesturar o escolar co xeral. Neste modelo que temos agora. No que estou formulando, non tería lugar. Os buses de liña e os trens de proximidade estarían petaos sempre. Os micros de enlace das pequenas poboacións coas liñas regulares de autobuses e tren, tamén. Os transportes públicos individuais estarían en continuo movemento enlazando ou ofrecendo os servizos personalizados que foran precisos. As estacións internodais, ben situadas nas aforas dos núcleos, facilitarían o paso dos sistemas interurbanos aos locais. Nas rúas poderíase camiñar, atentos ao paso permanente de buses e máis buses, as bicis, aos novos modelos de desprazamento urbano sustentábeis. O pequeno comercio dos núcleos revitalizaría co fluír de consumidores circulantes con facilidade. Xente que podería ler mentres se transporta. Ou facer faladoiros no bus sobre a repoboación forestal con especies autóctonas. Seguro que xurdirían novas figuras sociais. O amenizador de viaxes. O okupa de asento.

Os rapaces e as rapazas irían andando ao cole ou á escola, que máis mola, e volverían andando para a casa nos eidos urbanos. Ou en bici, patín, dron. Vale, paseime co do dron. E nos eidos rurais, onde as facilidades de comunicación contribuirían substancialmente á reconstrución demográfica, reabriríamos unitarias por todas partes, e os minibusiños axudarían a quen lle quedara máis lonxe.

Como ademais coa nova lei de educación que imos ter vanse recuperar as pequenas escolas máis preto da casa e reconverter os macro centros en espazos para os servizos xerais desa que chaman conciliación da vida familiar e laboral e en centros culturais sociais de uso común, pois aínda máis doado.

Va que si? Que habería moito que falar do tema? Socialmente, sen que sexan só uns poucos os que decidan ao respecto. Como en tantas outras cousas. Pero con isto xa estaría entrando no funcionamento das democracias representativas, a profundidade e anchura do tecido social -da sociedade civil-. Somos algúns, un poucos realmente, os que levamos un tempo indefinido pluscuamperfecto reclamando unha remuda nos procesos de decisión políticos, económicos, sociais. Pero segue a haber unha grande maioría que prefire o ordeno e mando. Séguese a escoitar o de “falta un que tome as decisións”. Nin tan sequera avanzamos no de mudar o “un” por “unha”. Persoa. Indistintamente. E cando entramos a trapo a debater unha cuestión que nos afecta directamente -lease: vainos ao peto ou impídenos ou dificúltanos facer uso dun privilexio- buscamos a imposición dunha idea, non a decisión compartida. Porque non sabemos, non temos práctica, e porque seguimos a ser primitivos e necesitados de liderado afectivo, en troques do ideolóxico. O das ideas e a lóxica.

A reflexión final, podería ser: é compatible un sistema de mobilidade baseado no uso de vehículos de uso individual cun transporte público xeral ben estruturado, funcional e útil? Nótese que non fago mención ao de ser economicamente viable.

Eu coido que dificilmente. Un autobús de tamaño regular ocupa o mesmo longo na estrada que 3 coches de 5 prazas, exagoneando. Mesmo se sempre foran ocupados a tope, aínda poderían ir 30 ou 40 persoas máis no autobús. A cantidade de enerxía e materias primas empregadas para construír un autobús ben sendo a metade de facer 6 coches. O consumo de combustibles tamén se podería dividir por 4 usando o transporte público. Coa correspondente redución de contaminación.

Iso sen ter en consideración que as novas tecnoloxías de propulsión xa teñen aplicación no transporte público con moita máis versatilidade que no privado. Un sector público de transportes potente poida que fixera diminuír as ventas de vehículos particulares. Está por ver. Os coches particulares continúan sendo un signo de status. E de seguro configuraríanse novas versións e modelos para o transporte individual que non quedará cuberto co sistema colectivo, pequenos traxectos, mini vehículos solares, bicicletas electrónicas con campo de forza para a choiva..... Os máis que posibles avances nos sistemas de condución autónoma levarían a que todos os vehículos, tamén os individuais, estarían conectados a un sistema de xestión do transporte xeral onde tamén se establecería a prioridade do público. Xa se verá.

Pero o que deben con claridade é que un sector do transporte público de persoas potente xeraría centos de postos de traballo directos, miles de indirectos. E facilitaría o desenvolvemento da economía produtiva en eidos non urbanos. Ademais de diminuír a contaminación, o estres xeral, os atascos... E quen sabe, poida que haxa máis xente que se namore nun autobús de liña. O roce fai o cariño, ás veces.

As necesidades poden crearse. Todo o mundo da publicidade e os medios está pensado para tal obxectivo. Logo tamén poderán destruírse e segundo Lavoisier, transformarse noutras. E se quixeramos crear a necesidade individual e colectiva do uso do transporte público? Que habería que facer? Teñen algo a ver estas preguntas coa seguinte? Que é a política?

Para que conste. Non piso o transporte público. Non lembro a última vez que collín un bus de liña. Vou no tren cando non me queda outra. Pero non son dos que van buscar o pan os domingos de maña en coche, parando enriba da beirarrúa ou en dobre fila mentres se provén de pincho e caña no Corner’s Bar. Mesmo hai temporadas que non movo o coche. Pero é o meu principal medio de transporte, individual e familiar. Moito facer de taxista paterno filial tamén. Pois eu quixera cambiar a necesidade de ter un coche pola de usar o transporte público. Axudaría moito un plan así. Non si?