Amosando publicacións coa etiqueta Normalización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Normalización. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de xuño de 2026

CANTO PESA UNHA PALABRA DE SETE LETRAS?




Non o vai facer. O PP digo, non vai facer nada para cambiar a dinámica no proceso de non normalización da lingua. Non é que sexa adiviña. Pero os síntomas son compatibles co diagnóstico da doenza. Só hai que ver ao conselleiro de Educación falando en castelán nun acto da súa consellaría sobre a FP. Ou ao propio presidente da Xunta usando tamén o castelán nunha visita á fábrica da Cocacola na Coruña. En ambos casos cunha ampla presenza de mocidade. Non teñen ningún compromiso coa lingua do País. Penso que nin persoal. Institucional é evidente que non.


En realidade, hai moi pouca institución que o teña, máis aló do que poida traducirse como quedar ben politicamente, con normativas e actos publicitarios. Pero despois, non se traduce en feitos. Palpables. Para quen se mova no mundo dixital, algúns apuntes. Institucións públicas que publican orixinalmente nas súas webs en castelán, e despois usan tradutores automáticos. Que non poñen por defecto o galego como primeira lingua de opción, nin na súa web nin nas súas comunicacións. Por exemplo na atención ao público. Porque hai que preguntar se queres escoller castelán ou galego? Por defecto en galego, se alguén o precisa en castelán, o pode así solicitar. Non vou a repetir o de que o problema de non entender a burocracia non é por ser en galego, como as matemáticas... Unha que adoita falar e escribir na comunicación, voz, mensaxes, correo... en galego, pode afirmar con rotundidade que os casos nos que hai que usar o castelán por unha dificultade extrema de comprensión son máis que mínimos. E se o caso é cun galego ou unha galega, non debera haber escusa. Será o meu/noso problema que non queiras entendelo? Soa moi radical?


Queda moi mono poñerlle o .gal ao dominio, pero despois vas mirar a lista de provincias para escoller nun formulario ou procedemento en liña no que só pode escribir alguén que teña residencia no País e aparecen todas as da Hespaña. E as veces, nin respectando a toponimia. Non podes escoller rúa, só calle. Non hai posibilidade de poñer baixo, ou bx, só bj. Preguntas en castrapo, ou de novo, a tradución automática. Encargo todo en castelán e despois xa nos fai a máquina a versión enxebre. Entrar nas tripas do deseño web pon a pel de galiña nese sentido.


Organismos públicos que din que son hipergaleguistas neno, que permiten publicacións de normativas só en castelán. Xa non vou dicir o de primeiro en castelán e despois en galego. Iso será por un obxectivo de captación de capital foráneo? Nunha convocatoria para que a xente da vila se apunte ao SAF? Ridículo? Patético?


Concellos que eliminan ou reducen ao mínimo os orzamentos para a normalización. Para que imos gastar cartos niso.


Carteles oficiais publicados só en castelán. Onde están os letreiros de Saída de Emerxencia? Habelos hainos. Centros de saúde do rural dirixindo mensaxes de aviso aos seus clientes habituais en perfecto castelán: No abra la puerta, que podría estar usted dentro en pelotas. Isto é algo como o do gato ese que está e non está?


Servizos de atención ao cliente de institucións públicas galegas contratados con CRMs que só atenden en castelán. Ou che din o de pulse 1 para catalá... 3 galego... e pasan os días...


Se isto é así como o estou pintando con brocha gorda, que lle imos pedir á empresa privada?


Pero volvendo. O PP non vai mudar nada a este respecto a súa postura. Como moito modulará o seu discurso de negación e contra da necesidade da inmersión, o couso ese da imposición, manda carallo. Repítome, a inmersión para a que si recoñecen valor e necesidade na aprendizaxe de outras linguas. Modularán un pouquiño antes das municipais. Despois seguirán no seu. O PSdG, pois quizais. Non se sabe, porque teñen xente importante nas súas filas que son moderados, como un que se levantou do mausoleo para protestar que o Depor puxera A Coruña no seu escudo. A única alternativa segura para un programa de inmersión lingüística é VOX. Non hai nada que explicar sobre isto.


Así que eu xa sei a quen teño que votar nas próximas eleccións todas. Para que haxa algunha posibilidade de que contemos con medidas públicas con trazas de éxito para empezar a normalizar por fin o uso da nosa lingua en todos os eidos. Calquera outra opción, vai ser que non. O temos claro? De verdade que quero que se poida vivir en galego = xa sei a quen non teño que votar. Ou en realidade non é que me importe tanto…


Medidas públicas, vou propoñer algunhas, xa que estou.


O primeiro de todo. Competencias fiscais plenas para o País. Como que non ten nada a ver?


Poñerlle un ive mínimo mínimo a todo o que se publique en galego. Só en galego. Xornais, libros, cómics, para quen os merque. Pero tamén para folletos e elementos publicitarios, por exemplo, para quen os encargue e pague. Dis ti, en canto non teñan axuda, volverán facelos só en castelán. Pois vai ti saber, se descobren que venden máis ou o mesmo, ou que vai a mesma cantidade de xente ou máis aos actos dos que fan promoción. Pero tamén está a cuestión de que o persoal se decate de que non hai ningunha dificultade en entender a información, que non esta en ruso. Outra vez o das matemáticas...


Ao resto dos libros que se publiquen en calquera outra lingua mundial, ive reducido, deixémolo así, que a lectura non lle custe a ninguén case nada. Os xornais que non se publiquen só en galego, pois que sigan co seu negocio habitual. E coa súa práctica de negación habitual, algúns.


Hai que axudarlles porque non lles dan as cifras para seguir facendo negocio? Pero non era que o mercado e quen de regularse só? Hai cabeceiras históricas que xa son parte da cultura popular galega? Algunhas a nivel máis local quizais. Vale. Pero algo terán que facer a prol da lingua, non si?


Por exemplo, non vale o de usar unha máquina para facer a versión web en galego. Xustifica que tes xente redactando en galego ou como pouco traducindo, xente con coñecemento e desempeño. Iso si, ningún control ideolóxico, nada de facer como coa CRTVG agora. Que opinen, mesmo editorialmente, o que queiran. E claro, como pouco hai que chegar a un 50 % en galego de todo o publicado, de todo, os especiais,  tamén a publicidade. Despois se fan a publicación integramente en galego o día das Letras pois xa é cousa súa.


¿Que tal se calquera campaña publicitaria en calquera medio, redes sociais incluídas, ademais de ter un ive reducido, tamén teñen unha liña de axudas específica? E uns premios anuais con gala con gaiteiros e moitos políticos presentes.


Bono Comercio Galego. Pois claro, como non o pensamos antes. Podes participar se todo o que fagas durante o ano enteiro para vender, fisicamente e en liña, está en galego. Acompañado doutras linguas mundiais se queres. E se o fas só en galego, o dobre de bono.


Vou pedir unhas axudas para pintar a casa. Pois vas ter o dobre de axuda se toda a documentación que presentes, proformas, memorias, permisos, informes... están en galego. Claro, aquí haberá moita empresa que quede fóra para poder optar a facer negocio, porque se negan a usar o galego para presentar ofertas. Ou non saben, ou non poden. Hai que crear unha axencia nacional para facilitar a adaptación de programas de xestión para que o fagan, o poidan facer, todo en galego. Vai ser un curro espeso. Facturas, nóminas, liquidacións, proxectos, bases de datos, follas de cálculo, webs, contabilidade xeral, fiscalidade, albarás, memorias,... E haberá que falar con Apple e con Windows para que inclúan o galego nos seus sistemas, pero en serio. Poñer xente tamén se non hai xa a traballar nos que son abertos.


E hai que poñer cartos públicos para tradución directa e inversa. Hai moita literatura mundial que traducir ao galego, non só dos clásicos, de calquera eido literario, cociña, ciencia ficción, manga, auto-axuda, eu que sei, e moita galega que traducir á mundial. Non sei, coller e presentar unha colección en alemán, inglés, ruso, chinés, francés, portugués, xaponés, árabe, de 100 obras históricas da nosa literatura polas feiras do libro de calquera punto do planeta que se nos antolle. E o que é de aplicación para a literatura, tamén o pode ser para as películas e as series, digo eu. Máis emprego. Para dobraxe persoal, nada de máquinas.


Que máis? Inditex. Veña dálle, ponlle a todo o seu nome en galego. Mira que ben lle vai a Ikea co seu. Empezando polas marcas xerais. Claro, haberá que darlle unha volta ao de Zara Home. Que tal Zara Meu Lar? Todo xunto case soa a sueco, Meular. Zanfona por Stradivarius. Medrando por Pull&Bear. Corpo por Oysho...  non sei, algo haberá que se adapte. E será por cartos! Se hai que botar unha man para o lanzamento da campaña de nova marca, aquí estamos todas para axudarvos. Que non se diga das galegas de ben cho shey.


Que máis dous. Inventar unha app como esas que hai para o de andar. Que che dea premios, para gastar no comercio local, por exemplo. Ou para sumarlle á tarxeta ouro de ir a eventos culturais. Para a de viaxar en transporte público. Para a de mercar Artesanía Galega, Tenreira Galega, Mel Galego, Peixe das Rías,... unha app que vaia contando a cantidade de veces que falas en galego, mesmo se non o falas polo libro, o caso e falar. Que mida tamén o uso da lingua nas redes sociais, guasá incluído. A céntimo por quilo. Canto pesa unha palabra de sete letras?


sábado, 22 de xuño de 2024

NORMALIZACIÓN



Asinei o manifesto de Queremos Galego. Non parece que avancemos na normalización. Máis ben diría que imos cara atrás. Non sei se sairá alguén da Xunta dicindo que a culpa é dos incendiarios. Con esa análise profunda que adoitan facer das situacións que teñen causas estruturais. Estou convencida de que é por dicir algo. Que realmente saben cales son as causas da perda de falantes e dos non avances na normalización, porque ten relación directa coas súas accións e coas súas inaccións políticas. E que para non ter que recoñecelo, porque si que estaría mal visto polo conxunto da cidadanía que dixeran a mi el gallego es que me da lo mismo, son ganas de complicar las cosas, pensamento afín á ideoloxía uniformadora neoliberal que define o partido que dirixe a Xunta. Descoidos comunicativos aparte, que cando se relaxan teñen menos coidado en que se lles vexa o coiro verdadeiro. Pero si han volvido a ganar con maioría absoluta. Si, certo, mesmo cun candidato á presidencia falando nun medio xornalístico de que temos dúas linguas propias no País. E nin foi noticia. Acontece que algo si deberon de decatarse do mal visto que estaría falar dese desinterese na única lingua propia. E imos ter unha Consellaría adicada a ela. Con xuventude tamén e non sei que máis.

Nos últimos tempos estoume formulando máis a pregunta do porque que a do para que. En distintos eidos. Pensar, e decidir, sobre porque queremos normalizar o uso do galego. Normalizar quere dicir que se poida empregar, en calquera lugar e tempo, para calquera cousa que unha queira. Na fala e na escrita. Iso xa sería para que, non si? Pero cando escoitas ao novo mandatario da Consellaría que se vai encargar do tema, dicir con toda a boca que o galego gañou falantes, e que non lle medre o fuciño ou estoupe por estar aguantando a risa interna, xa tes claro que explicarlle a este(s) a importancia, o porque, de ter unha lingua propia que empape do saber cultural do que emana e ao que axuda a construír, diferente das impostas, diversa e de identidade, o valor destes conceptos, a riqueza e valor engadido que leva consigo poder tela, viva e forte, para entender e explicar a realidade ao xeito propio, fuxindo do pensamento único das linguas únicas... de pouco vai servir. E ademais, falando marabillas do decreto do plurilingüismo ese, sabendo de onde é que viu e cal era (segue sendo) o seu obxectivo fundamental: desvalorizar a lingua propia opoñéndoa á falsa utilidade económica dunha allea que non fora a colonizadora recoñecida.

Por circunstancias profesionais vexo todos os días desleixos da lingua en distintos eidos. Por outras, persoais, relacionadas coa Sanidade, a Xustiza, o Ensino, a Publicidade, a Cultura dirixida,... sei que nin de lonxe estamos nun espazo nin nun tempo de lingua galega normalizada.

Eu que non tiven o galego como lingua de formación, materna e paterna era, pero as agachadas, aprendín a falar e escribir en castelán, e nun momento da miña vida descubrín o galego e decidín, primeiro empezar a usalo, despois seguir aprendéndoo - aínda sigo - teño unha certa sensibilidade para percibir cando a alguén lle proe que se use. Será iso que din das conversas, que se volven máis ortodoxas que as bautizadas. E durante os anos nos que estiven en relación co sector educativo, ensino público, palpei o absoluto desinterese dos adultos, ponlle 80-20, para non esaxerar, por promover e axudar a normalizar o uso do galego a todos os niveis. Sen esa compensación de inmersión, e que ademais puidera ser de calidade, o abuso do castelán en todos os medios externos, supoñía, e o segue facendo, unha inmersión lingüística de feito, nesa outra lingua. A estas alturas xa todo o mundo mundial debera ter ben claro que a educación xa non está en mans dos antigos dous actores principais, a familia e a escola. Nunca foron os únicos, mesmo entendendo a educación como o proceso da construción da personalidade, aprendizaxe e adquisición de hábitos, condutas, valores, principios, sempre houbo máis escenarios de intervención. Pero a partir da ebulición da comunicación por medios e especificamente da tecnolóxica, a variedade de modelos cos que poder facer mimese e identificarse, que son, esencialmente os que definen ese proceso, multiplicouse de xeito exponencial e sen ningún tipo de limitación, ou escaso control. E seguimos sendo primates imitadores, cuxos mecanismos de ensaio-erro responden, nas máis das veces, aos niveis de satisfacción ou insatisfacción orgánica producidos por unha acción. Nun outro nivel de desenvolvemento, máis aló do inicial, xa entran en xogo outros factores, sinaladamente culturais e sociais, pero hai que chegar alí para que teñan efecto. E o sistema, ao meu parecer, pouco propicia e axuda a esa adquisición superior. Porque non interesa.

Dito isto. Se realmente tes un compromiso con promover o uso da lingua, dende un punto de vista hexemónico, isto é, converter como principal o discurso de valor de ter lingua propia, tes que manifestalo poñéndoa por diante de calquera outra cuestión. Porque xa se encarga o conxunto dos outros elementos externos a esa decisión política, social, de ir contra ela. Por dinámicas comerciais e económicas globais principalmente, por intereses ideolóxicos, se é posible separalos dos anteriores. E importante recoñecer esa contra-acción. Entón, galego como lingua vehicular no ensino, dende niveis básicos. Fundamental de 0 a 3, o período onde xa sabemos que se definen as habilidades físicas, motrices, cognitivas, sociais, emocionais e lingüísticas básicas. Para as garderías públicas e privadas. Para o ensino primario e secundario, obrigatorio e non obrigatorio, para a formación profesional en todas as materias. E todo o apoio necesario para quen poida manifestar algunha eiva no coñecemento da lingua para axudarlle a superala. Co obxectivo de que todas as persoas que pasen polo sistema educativo saian del cun manexo superior do galego estandarizado. Non como agora, que temos varias xeracións xa que se poderían definir como analfabetos funcionais na lingua propia do País. Cousa que moitas de nós tamén fomos, digo persoas adultas que chegamos ao galego despois de non poder ter acceso á lingua máis que como forma folclórica. Mesmo criterio para o ensino de adultos, con máis reforzo se é posible para o apoio na aprendizaxe. Como xa teño falado moitas veces de ensino público vs ensino privado, cero axudas públicas para quen non aplique os mesmos criterios no sector privado.

A teoría liberal di que non se pode impoñer unha determinada dinámica con requisitos estritos para as actividades privadas. Que o que hai que facer e incentivar para que se sumen á idea. Se miramos como foron as cousas até agora, neste eido, pero tamén en outros, responsabilidade social empresarial por exemplo, respecto e protección do medio natural, igualdade de xénero,... pouco resultado se lle mira. O criterio fundamental para o emprendemento privado é primeiro sobrevivir, conseguir manter o proxecto, despois medrar, sacarlle máis cartos, xa aguantei cando empecei, despois hipermedrar, xa non hai persoas, só cifras de negocio, todo o demais e secundario, moito menos que secundario.

Xa que logo. Medios de comunicación impresos en galego, os únicos que reciban axudas para o seu funcionamento. Non medias tintas. Non vale sacar cousas puntuais en galego ou publicar a portada na lingua do País un día ao ano. Para o resto dos medios en outros eidos de difusión, mesmo criterio que para os impresos en adaptación ao tipo de emisións. Axudas públicas para poñer toda canta película e serie sexa emitida no País en calquera medio en VO con subtítulos en galego, e para a dobraxe tamén de todas elas, pensando non só na emisión en plataformas, tamén para as proxeccións en salas de cine. Tamén para a tradución e edición de libros en galego, que non sexan só os clásicos. Imaxínome ás grandes editoriais estatais e do resto do mundo facendo primeiras edicións dun novo best-séller tamén en galego. Estaría ben, non si? Libros, revistas, cómics,... E para todos os casos, con especial apoio para que existan millóns de cousas pensadas para as crianzas, a rapazada, a adolescencia e a mocidade. Máis Xabarín por favor!!!

Pensando sobre todo neste colectivo de persoas menores ou que empezan a ser adultas, medios dixitais en galego. Intervir neste terreo ten que ser un empeño comprometido de todas as administracións públicas para crear marcos dixitais na lingua propia. Que promovan e apoien iniciativas para que os diversos sistemas operativos, todos, se poidan usar en galego. E todo canto programa hai. En internet míranse cousas sorprendentes. A min sorpréndenme. Unha marabillosa web con contidos en galego, por defecto, tamén en castelán e inglés, pero que ten todos os menús e sub-menús só en castelán, ou en inglés.  Ou unha web institucional que ten como opcións as dúas linguas oficiais e aparecen como: gallego/español. Promovendo o uso do galego nas redes sociais, espazo comunicativo fundamental hoxe en día, non só da mocidade. Apostando por convencer á intelixencia artificial de ser, tamén, galega. Penso que isto último custará menos traballo que convencer á que non é artificial, non sendo quen de entender tal cuestión, poida que tampouco sexa intelixencia. Unha que non foi galego falante dende pequena, que tempos aqueles deberon ser de andar agochando as palabras para quen non podía falalas en público, si que tiven o galego como lingua materna no mundo dixital. En todos os eidos. Tanto é así que teño que esforzarme para escribirlle a alguén en outra lingua, no correo electrónico ou no whatsapp, por citar algúns espazos. A alguén máis lle pasa? Isto fala da parte contratante da primeira parte. Para que exista unha rede en galego, ten que haber navegantas en galego. Compromiso persoal tamén, ademais do social.

Pero non chega. Hai máis cousas que facer. Eu, ti, ela, podemos ter escusa para escribir e/ou falar con incorrección. Eu son consciente de que así é. Sigo a ser aprendiz da lingua. Pero as persoas representantes políticas todas, dende a concelleira do concello de dous mil habitantes até a presidenta da Xunta (chegará...), as xornalistas todas, as mestras e as profesoras, de todos os niveis educativos, e noutra medida, tamén as comediantas, as futbolistas, as videoblogueiras e as influenciadoras, as cociñeiras televisivas, as gardas civís e as doutoras en medicina... ben podían coidar un pouco esa calidade lingüística xeral, que son onde nos miramos todas como referentes públicos. Dáme non sei que escoitar que a muller do tempo da televisión, nativa de Segovia, fala ben mellor en galego que o noso querido presidente electo.  Hai que poñer máis EDLs a disposición de todos estes colectivos para axudalos en todo o que sexa posible. Un xa, con poderes, na Avd. da Prensa de Arteixo, por favor. Aínda que pensándoo ben, pouco traballo ía ter...

E empezar a revisar todas as cousas que aínda non están en galego por defecto. Vou empezar unha listaxe. Invito a ir actualizándoa no instagram... partindo dunha base científica: a maioría das cousas que non vas entender en galego, tampouco as entenderás en castelán. O teu fillo non suspendía as matemáticas porque as clases e os libros foran en galego... xa caíches da burra?

Empezo a lista:

Etiquetas dos produtos todos e tickets da compra, de calquera cousa, en tendas físicas, en tendas virtuais. Empezando polos de Amancio, estou segura que lle gustará dar exemplo, sempre na cresta da onda e innovando.

Manuais de instrucións de equipos, electrodomésticos, mobles,... incluídos os do Ikea.

Facturas e contratos todos, de compra, de reparacións, de servizos... B2B e B2C.

Receitas  e informes médicos, prospectos de medicamentos, historiais clínicos, radiografías... non parva... as radiografías non... pero as explicacións para como poñerse para facelas e do que sae nelas, si.

Autorizacións e consentimentos para probas, anestesias e operacións no eido da saúde. As colonoscopias son moito máis agradabeis se das permiso en galego. Asegúrocho.

Exames de galego, que si, dígoche eu que si, que teño visto algún en castelán. Pero tamén os de inglés, matemáticas, castelán (reconquistando...), zooloxía, psiquiatría,...

Letreiros de sinalización obrigatorios ou optativos, Saída, Perigo, Siga a frecha,... non metas os dedos, baixa a tapa, apaga a luz ao saír,... aténdese só con cita, volva mañá (si, mesmo este...).

Anuncios publicitarios impresos e audiovisuais. Rebaixas! 3x2! (anda, volve a lelo en galego...).

Multas de tráfico, notificacións de embargo. E aquí, se non están en galego, anuladas, sen máis. Que vai ser isto!

Contratos de traballo, nóminas, liquidacións, follas de axudas de custo.

Libros de texto (gratuítos e universais no ensino público)(aproveitando).

Contratos de alugueiro e compravenda de vivendas ou calquera outro elemento inmobiliario. Dos mobiliarios non teño nin idea. Ou si? Contratos de préstamos e hipotecas.

Pólizas de seguros. Sen exclusións, digo, sen excepcións.

Manuais de ioga e pilates. Menús de restaurantes de carta e de menú, dos de comida rápida ianquis, italianos, chineses, turcos,...

Atención telefónica. Non me deas a escoller que xa me enleo. E chamo para que me atendas, non para atenderte eu a ti. Máquina.

..... 


Unha última reflexión. Que vai máis aló da Galiza. Hai uns días falaba cun técnico de atención telefónica dunha compañía de hosting. Interesándome pola campaña de promoción do .gal cunha oferta vinculada á subscrición a medios galegos que publican só en galego. Os dominios hai que pagalos. Supoño que todo o mundo o sabe. Unha web en condicións costa cartos. Facela. Atendela ben na actualización en todos os sentidos. Os programas vinculados ao seu funcionamento cambian cada pouco. Sempre aparecen novas opcións. Tamén hai que atendela nos contidos propios. Traballo. Tempo. Se é unha tenda, xa non che conto. Pero cada vez se fan máis con visión comercial, como parece que xa se fai todo no mundo. Hai dominios .cat, .gal, .eus. O .cat ten máis de 110mil. O .eus case 15mil. O noso .gal pasou os 7mil xa. Pero no Estado, as webs de empresas de calquera tipo, usan ou escollen estes dominios? Coido que non. Máis ben .net, .es, .com,... E ves moitas con versións, máis ou menos traballadas, en castelán e en inglés, algunha en francés, alemán, portugués... pero non en castelán e galego, catalá, euskera... ou inglés, galego, catalá, euskera. Non coñezo ningunha así, ti si?. Estaría ben? Que algunha empresa do Estado español pensara máis, ou tanto, nos seus clientes en países do Estado con lingua propia que nos de outros estados con outras linguas? Non sei, dou ideas.