Amosando publicacións coa etiqueta Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galego. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de xuño de 2026

CANTO PESA UNHA PALABRA DE SETE LETRAS?




Non o vai facer. O PP digo, non vai facer nada para cambiar a dinámica no proceso de non normalización da lingua. Non é que sexa adiviña. Pero os síntomas son compatibles co diagnóstico da doenza. Só hai que ver ao conselleiro de Educación falando en castelán nun acto da súa consellaría sobre a FP. Ou ao propio presidente da Xunta usando tamén o castelán nunha visita á fábrica da Cocacola na Coruña. En ambos casos cunha ampla presenza de mocidade. Non teñen ningún compromiso coa lingua do País. Penso que nin persoal. Institucional é evidente que non.


En realidade, hai moi pouca institución que o teña, máis aló do que poida traducirse como quedar ben politicamente, con normativas e actos publicitarios. Pero despois, non se traduce en feitos. Palpables. Para quen se mova no mundo dixital, algúns apuntes. Institucións públicas que publican orixinalmente nas súas webs en castelán, e despois usan tradutores automáticos. Que non poñen por defecto o galego como primeira lingua de opción, nin na súa web nin nas súas comunicacións. Por exemplo na atención ao público. Porque hai que preguntar se queres escoller castelán ou galego? Por defecto en galego, se alguén o precisa en castelán, o pode así solicitar. Non vou a repetir o de que o problema de non entender a burocracia non é por ser en galego, como as matemáticas... Unha que adoita falar e escribir na comunicación, voz, mensaxes, correo... en galego, pode afirmar con rotundidade que os casos nos que hai que usar o castelán por unha dificultade extrema de comprensión son máis que mínimos. E se o caso é cun galego ou unha galega, non debera haber escusa. Será o meu/noso problema que non queiras entendelo? Soa moi radical?


Queda moi mono poñerlle o .gal ao dominio, pero despois vas mirar a lista de provincias para escoller nun formulario ou procedemento en liña no que só pode escribir alguén que teña residencia no País e aparecen todas as da Hespaña. E as veces, nin respectando a toponimia. Non podes escoller rúa, só calle. Non hai posibilidade de poñer baixo, ou bx, só bj. Preguntas en castrapo, ou de novo, a tradución automática. Encargo todo en castelán e despois xa nos fai a máquina a versión enxebre. Entrar nas tripas do deseño web pon a pel de galiña nese sentido.


Organismos públicos que din que son hipergaleguistas neno, que permiten publicacións de normativas só en castelán. Xa non vou dicir o de primeiro en castelán e despois en galego. Iso será por un obxectivo de captación de capital foráneo? Nunha convocatoria para que a xente da vila se apunte ao SAF? Ridículo? Patético?


Concellos que eliminan ou reducen ao mínimo os orzamentos para a normalización. Para que imos gastar cartos niso.


Carteles oficiais publicados só en castelán. Onde están os letreiros de Saída de Emerxencia? Habelos hainos. Centros de saúde do rural dirixindo mensaxes de aviso aos seus clientes habituais en perfecto castelán: No abra la puerta, que podría estar usted dentro en pelotas. Isto é algo como o do gato ese que está e non está?


Servizos de atención ao cliente de institucións públicas galegas contratados con CRMs que só atenden en castelán. Ou che din o de pulse 1 para catalá... 3 galego... e pasan os días...


Se isto é así como o estou pintando con brocha gorda, que lle imos pedir á empresa privada?


Pero volvendo. O PP non vai mudar nada a este respecto a súa postura. Como moito modulará o seu discurso de negación e contra da necesidade da inmersión, o couso ese da imposición, manda carallo. Repítome, a inmersión para a que si recoñecen valor e necesidade na aprendizaxe de outras linguas. Modularán un pouquiño antes das municipais. Despois seguirán no seu. O PSdG, pois quizais. Non se sabe, porque teñen xente importante nas súas filas que son moderados, como un que se levantou do mausoleo para protestar que o Depor puxera A Coruña no seu escudo. A única alternativa segura para un programa de inmersión lingüística é VOX. Non hai nada que explicar sobre isto.


Así que eu xa sei a quen teño que votar nas próximas eleccións todas. Para que haxa algunha posibilidade de que contemos con medidas públicas con trazas de éxito para empezar a normalizar por fin o uso da nosa lingua en todos os eidos. Calquera outra opción, vai ser que non. O temos claro? De verdade que quero que se poida vivir en galego = xa sei a quen non teño que votar. Ou en realidade non é que me importe tanto…


Medidas públicas, vou propoñer algunhas, xa que estou.


O primeiro de todo. Competencias fiscais plenas para o País. Como que non ten nada a ver?


Poñerlle un ive mínimo mínimo a todo o que se publique en galego. Só en galego. Xornais, libros, cómics, para quen os merque. Pero tamén para folletos e elementos publicitarios, por exemplo, para quen os encargue e pague. Dis ti, en canto non teñan axuda, volverán facelos só en castelán. Pois vai ti saber, se descobren que venden máis ou o mesmo, ou que vai a mesma cantidade de xente ou máis aos actos dos que fan promoción. Pero tamén está a cuestión de que o persoal se decate de que non hai ningunha dificultade en entender a información, que non esta en ruso. Outra vez o das matemáticas...


Ao resto dos libros que se publiquen en calquera outra lingua mundial, ive reducido, deixémolo así, que a lectura non lle custe a ninguén case nada. Os xornais que non se publiquen só en galego, pois que sigan co seu negocio habitual. E coa súa práctica de negación habitual, algúns.


Hai que axudarlles porque non lles dan as cifras para seguir facendo negocio? Pero non era que o mercado e quen de regularse só? Hai cabeceiras históricas que xa son parte da cultura popular galega? Algunhas a nivel máis local quizais. Vale. Pero algo terán que facer a prol da lingua, non si?


Por exemplo, non vale o de usar unha máquina para facer a versión web en galego. Xustifica que tes xente redactando en galego ou como pouco traducindo, xente con coñecemento e desempeño. Iso si, ningún control ideolóxico, nada de facer como coa CRTVG agora. Que opinen, mesmo editorialmente, o que queiran. E claro, como pouco hai que chegar a un 50 % en galego de todo o publicado, de todo, os especiais,  tamén a publicidade. Despois se fan a publicación integramente en galego o día das Letras pois xa é cousa súa.


¿Que tal se calquera campaña publicitaria en calquera medio, redes sociais incluídas, ademais de ter un ive reducido, tamén teñen unha liña de axudas específica? E uns premios anuais con gala con gaiteiros e moitos políticos presentes.


Bono Comercio Galego. Pois claro, como non o pensamos antes. Podes participar se todo o que fagas durante o ano enteiro para vender, fisicamente e en liña, está en galego. Acompañado doutras linguas mundiais se queres. E se o fas só en galego, o dobre de bono.


Vou pedir unhas axudas para pintar a casa. Pois vas ter o dobre de axuda se toda a documentación que presentes, proformas, memorias, permisos, informes... están en galego. Claro, aquí haberá moita empresa que quede fóra para poder optar a facer negocio, porque se negan a usar o galego para presentar ofertas. Ou non saben, ou non poden. Hai que crear unha axencia nacional para facilitar a adaptación de programas de xestión para que o fagan, o poidan facer, todo en galego. Vai ser un curro espeso. Facturas, nóminas, liquidacións, proxectos, bases de datos, follas de cálculo, webs, contabilidade xeral, fiscalidade, albarás, memorias,... E haberá que falar con Apple e con Windows para que inclúan o galego nos seus sistemas, pero en serio. Poñer xente tamén se non hai xa a traballar nos que son abertos.


E hai que poñer cartos públicos para tradución directa e inversa. Hai moita literatura mundial que traducir ao galego, non só dos clásicos, de calquera eido literario, cociña, ciencia ficción, manga, auto-axuda, eu que sei, e moita galega que traducir á mundial. Non sei, coller e presentar unha colección en alemán, inglés, ruso, chinés, francés, portugués, xaponés, árabe, de 100 obras históricas da nosa literatura polas feiras do libro de calquera punto do planeta que se nos antolle. E o que é de aplicación para a literatura, tamén o pode ser para as películas e as series, digo eu. Máis emprego. Para dobraxe persoal, nada de máquinas.


Que máis? Inditex. Veña dálle, ponlle a todo o seu nome en galego. Mira que ben lle vai a Ikea co seu. Empezando polas marcas xerais. Claro, haberá que darlle unha volta ao de Zara Home. Que tal Zara Meu Lar? Todo xunto case soa a sueco, Meular. Zanfona por Stradivarius. Medrando por Pull&Bear. Corpo por Oysho...  non sei, algo haberá que se adapte. E será por cartos! Se hai que botar unha man para o lanzamento da campaña de nova marca, aquí estamos todas para axudarvos. Que non se diga das galegas de ben cho shey.


Que máis dous. Inventar unha app como esas que hai para o de andar. Que che dea premios, para gastar no comercio local, por exemplo. Ou para sumarlle á tarxeta ouro de ir a eventos culturais. Para a de viaxar en transporte público. Para a de mercar Artesanía Galega, Tenreira Galega, Mel Galego, Peixe das Rías,... unha app que vaia contando a cantidade de veces que falas en galego, mesmo se non o falas polo libro, o caso e falar. Que mida tamén o uso da lingua nas redes sociais, guasá incluído. A céntimo por quilo. Canto pesa unha palabra de sete letras?


venres, 14 de maio de 2021

COMPLEXIDADE


Non teño unha soa razón para dubidar de que son unha privilexiada. Para ben ou para mal participo dun sistema xeral que me outorga unha vantaxe sobre outras que non están nel. Xente de aquí e acolá. Pero non son tan burra como para negar a evidencia á defensiva, creando, difundindo, apoiando ou ríndome de cantas manifestacións comunicativas vexatorias da outra parte do mundo de aquí e acolá que non está. Nin tan fata como para poñerme cilicios en forma de doazóns, manifestacións, caridade ou berros de dor por estar desta banda do muro.

Si que acepto que me tiren das orellas. O pode facer quen teña dereito á tirar a primeira pedra. Mentres tanto, vou seguir apuntándome a canta acción individual considere que pode sumar para conseguir unha cada vez máis ampla igualdade de oportunidades para calquera persoa do mundo para desenvolver a súa vida en condicións, sexa ou non con lacón con grelos.


Pero que teña a sensación de que vivo e exerzo a miña vida na parte do mundo máis favorecida, non quita que poida sinalar un par ou trescentas cousas do sistema que considero deberamos revisar. E, asemade, recoñecer como é de complicado conseguir que todo funcione. Cando digo todo, refírome a todo.


Por falar de algo concreto. Pasei uns cantos días sen teléfono móbil. O terminal que me acompañou neste últimos cinco anos deixou de ser operativo, bastante tempo despois de que a empresa que o fabricou morrera de inanición comercial. Un proxecto cántabro onde os haxa que non foi quen de superar a crise do seu sector de mercado. Poida que pasados uns decenios os seus modelos cheguen a ser vintage. Ou pezas de coleccionistas. Se hai quen se queira anticipar, aceptaría ofertas a partir dos 1.273 eur, gastos de envío incluídos. #23


O caso é que non tiven síndrome. Ben deita que tiña múltiples recursos alternativos de comunicación. Aínda existen as cabinas, que conste, en algúns sitios. E liñas fixas, sen IP nin gaitas. E mesmo neste Estado de Restricións, alarma xa pasou, pois podes falar coa xente que te atopes pola rúa, coa veciña pola fiestra, na casa no xantar, no curro coa rapaza aquela que sempre te mira sen que saibas moi ben porque.


Non notei falta de nada. E se non fora polo de que te avisan do Sergas para vacinarte, da ITV para vacinar o coche e da AEAT para unha transfusión, pois tampouco é que tivera necesidade de renovar. Vale si, xa case que tiña a todas as seguidoras nas redes botando fume pensando que me pasaría ou me deixaría de pasar, pero en seguida se distraen con outra cousa. Son os tempos que corren na fidelidade.


En calquera caso, tiven algo máis de tempo para pensar. En algo. Non cheguei  a máis. Inicialmente. Logo funme soltando, as neuronas liberáronse da twittermosis e empezaron a elaborar análises densos e estruturados. Algo máis. Tampouco nos pasemos.


Deume en pensar no da complicación. Nas sociedades complexas. Nas organizacións complexas.


Dunha banda no que foi pasar tan rápido dunha sociedade agrícola, cunha actividade regulada pola luz natural e as estacións, con escaso intercambio comercial, con pouca ou ningunha variedade de liñas de pensamento alternativas e xa que logo cun forte sentido común, unha pequena cantidade de normas ou leis que todo o mundo asumía, un arriba e un abaixo na escala social, sen intermedios, a unha sociedade industrial e xa postindustrial, tecnolóxica ou dixital, como vos pareza mellor nomeala, con tempos produtivos e vitais decididos, impostos ou escollidos, cun máis que intenso intercambio comercial, que crea mundos económicos intanxibles e relatos imaxinarios sobre o valor das cousas, con múltiples variantes de pensamento e culturas mesturadas a nivel da convivencia cotián, un sistema de normas estruturadas que cambian con rapidez, con lexislacións e parámetros que só é posible entender parcialmente cun elevado nivel de especialización, unha escala do social con estratos que poden ser intercambiados e ofrecen a posibilidade de saltar de un a outro status por diversos camiños, e a ausencia absoluta dun sentido común ao uso.


Dirás ti que tan rápido non foi. Un par de séculos é moito? Na escala da presencia social do ser humano no planeta, non. Máis ben pouco. Aínda que parece que somos moi adaptables, xa hai quen anda pensando en habitar Marte, que igual chegamos e descubrimos que xa estivemos e o fodemos todo e así está. Paréntese. Pero estas cabeciñas e estes corpos non responden tanto ben a esas mudas, paréceme a min. Individualmente. Digo eu que seguimos precisando un contacto co medio natural para estar ben. Que vai ligado á condición de que somos seres orgánicos xurdidos dun ecosistema específico. Seica hai pouco descubriron a bondade de pasear por zonas boscosas. Incluso se son montes eucaliptados até o límite máximo. Iso si, sen fumar.


Pero colectivamente, mi madriña, canto nos falta aínda para adaptarnos a esa evolución.


E non é que non teñamos ferramentas. Son das que intúe que a potencia cerebral da que dispoñemos e non usamos aínda, hanos dar a posibilidade de poñer outro dedo na man para atender mellor aos teclados se é preciso. Ou un enchufe dixital natural. Tipo Avatar, salvando as distancias de cor e estilo. E posiblemente conectar a niveis neurónicos cos outros seres que habitan o planeta, en especial cos que son do nosa mesma especie, o que nos permitirá salvar as distancias sociais que agora mesmo impiden chegar a un entendemento común.


Doutra banda, matinei na complexidade de calquera actividade humana colectiva e de todo o que está vinculada con ela. Cando abro unha billa no lavabo pola mañá, a auga ben dun depósito elevado, por un sistema de vasos comunicantes, depósito que antes tivo que encherse coa auga do encoro que ocupa as terras que antes eran de cultivo de alguén ou onde tiña a súa casa, por un montón de canalizacións. E cando sae, vai por outro camiño distinto, se xunta con outros centos de litros de outros miles de lavabos, bidés, cisternas, duchas, pías, lavadoras, lavalouzas,... para acabar nun sistema de depuración e ás veces re-utilización. Onde tamén van parar todas as toneladas de augas utilizadas por esta e aquela empresa para os seus procesos produtivos, con outro tratamento e un sistema diferenciado de xestión.


Hai millóns de posibilidades de que haxa fugas no sistema, e se perdan infinidade de metros cúbicos de auga. Centos de personas implicadas na definición de espazos para construír encoros, nos procedementos legais para poder dispoñer deses terreos, na tramitación dos permisos, o pago xusto das expropiacións, a propia construción dos encoros, o seu posterior mantemento, a verificación periódica da calidade da auga, o estudo topográfico para as redes de distribución e saneamento, a elección dos materiais, a licitación do proxecto, a súa construción e revisión no tempo, a fabricación de mecanismos para a organizar a distribución, os depósitos, a facturación dos custes, o envío da información, o control do consumo, a vixilancia dos malos usos ou dos usos excesivos, as plantas de depuración, os plans de aforro, a renovación dos sistemas internos de servizo nos distintos espazos. E diría eu que só percibimos a auga que sae da billa. Ou quizás o obviamos, o damos por sentado. Si, pode ser. Pero non deixa de ser extremadamente complexo.


O da auga corrente é un exemplo, coido que dos máis sinxelos. Como sistema de organización dun servizo social básico pensado para atender as necesidades de todas. Claro que podemos debater sobre os custes repercutidos, por exemplo. Sobre a calidade do servizo. Mesmo sobre a calidade da auga. Pero entendo que si hai un acordo en que é un sistema que podería ser catalogado como ben común. No sentido de que chegue alí onde sexa necesario. Aínda que haxa que pagar algo por el, cada vez máis probablemente se non deixamos de dilapidar a auga potable, para axudar ao seu mantemento. Xa empeza a cotizar en bolsa...


Sei que hai exemplos moito máis complexos. A sanidade por exemplo. A educación. A vivenda. O traballo. O ocio. A mobilidade. O acceso ás novas tecnoloxías de comunicación. Sempre pensando dende unha óptica de prestación social acordada para o uso común das persoas que constituímos a sociedade. Non interpretada como un dereito individual senón colectivo. Xuntamos os nosos poderes para conseguir un ben común, que chegue a cantas máis persoas sexa posible, mesmo se hai quen non teña posibilidades de aportar poder propio para sumar ao esforzo colectivo. Igual xa o fixo noutra ocasión, con toda a enerxía que puido. Ou o fará no futuro. Pero incluso se nunca puidera facelo tamén tería acceso a ese ben común. Se é que non quere, non quixo ou nunca ha de querer, xa é outro conto. E a quen lle sobre enerxía, que a gaste no que lle máis pete.


Non parece tan difícil, pero habelas hainas moita xente que pensa que é mellor que cada un se busque a vida por separado. Que quere facer valer o seu privilexio individual. Primeiro eu, despois as demais. Poida que isto sexa unha resposta tipo calquera tempo pasado era mellor. Nas sociedades agrícolas preindustriais a vida permitía tomar este tipo de decisións. Vou facendo como sempre fixen e xa me apañarei. Até que viña alguén a pasar pola pedra a quen se poñía por diante. Ou levaba todo o que tiñamos gardado do traballo diario para o resto do ano. Ou morríamos cunha peste respiratoria sen nome nin ano tirados no chan da choza. Ou ardía todo o que tiñamos por unha chispa dun lostrego. Pero sempre podía dicir que eu facía o que me petaba da miña vida. E irme tomar unhas cañas despois dun duro día de traballo coas colegas á terraza da Pousada do Moucho.


Sei que son reincidente. Pero non reincidenta, nin reincidento. Dáme tanto noxo escoitar segundo que cousas que teño que trousar. E menos mal que nos queda Portugal e a revolución dos caraveis. Non é que desguste do País no que vivo, máis ben au contraire,  mon amour, pero si que padezo de insomnio na sesta por ter que ver como deixa que o invadan as malas herbas foráneas. Estou segura de que tratamos con respecto e dignidade a canta xente ven, de visita ou para quedarse, quitando aos fode-chinchos, claro. Pero igualmente sinto mágoa porque nos deixamos levar polos usos culturais de proliferación internacional rexeitando os nosos. Cando temos unha cultura de nós capaz de interpretar todo o que sucede no mundo cunha mirada propia. Salvo o orgullo Gadista, non parece que nos recoñezamos como poderosas colectivamente. E as decisións e as prácticas políticas non parece que axuden. O digo polo do ben común.


Poderíamos acordar sen discrepancias radicais que a nosa cultura no seu conxunto e dentro dela, especificamente a nosa lingua, son un ben común? Sendo que si, como se mira a análise que a RAG ven de publicar sobre o nivel lingüístico da mocidade galega. En galego, claro. Servidora leva un tempo dicindo a quen quere escoitarme, dende a experiencia de representación no eido educativo público, que estamos titulando persoas analfabetas funcionais en galego, dende a súa máis tenra infancia. Grazas fundamentalmente ás políticas educativas do liberal agrícola partido no poder autonómico, pero tamén, e sinaladamente polo desleixe dos seus votantes nais e pais a respecto da importancia e do valor de ter unha lingua propia. Valor engadido, mesmo medible economicamente. Así que temos os políticos que nos merecemos, certamente. O País que nos merecemos. E o mundo que decidimos ter, visto coa ollada de outros, que saben ben o que é mellor para nós. Tamén o merecemos, probablemente.


Isto tamén é complexo? (Que ben que haxa palabras con varias acepcións...)