Asinei o manifesto de Queremos Galego. Non parece que avancemos na normalización. Máis ben diría que imos cara atrás. Non sei se sairá alguén da Xunta dicindo que a culpa é dos incendiarios. Con esa análise profunda que adoitan facer das situacións que teñen causas estruturais. Estou convencida de que é por dicir algo. Que realmente saben cales son as causas da perda de falantes e dos non avances na normalización, porque ten relación directa coas súas accións e coas súas inaccións políticas. E que para non ter que recoñecelo, porque si que estaría mal visto polo conxunto da cidadanía que dixeran a mi el gallego es que me da lo mismo, son ganas de complicar las cosas, pensamento afín á ideoloxía uniformadora neoliberal que define o partido que dirixe a Xunta. Descoidos comunicativos aparte, que cando se relaxan teñen menos coidado en que se lles vexa o coiro verdadeiro. Pero si han volvido a ganar con maioría absoluta. Si, certo, mesmo cun candidato á presidencia falando nun medio xornalístico de que temos dúas linguas propias no País. E nin foi noticia. Acontece que algo si deberon de decatarse do mal visto que estaría falar dese desinterese na única lingua propia. E imos ter unha Consellaría adicada a ela. Con xuventude tamén e non sei que máis.
Nos últimos tempos estoume formulando máis a pregunta do porque que a do para que. En distintos eidos. Pensar, e decidir, sobre porque queremos normalizar o uso do galego. Normalizar quere dicir que se poida empregar, en calquera lugar e tempo, para calquera cousa que unha queira. Na fala e na escrita. Iso xa sería para que, non si? Pero cando escoitas ao novo mandatario da Consellaría que se vai encargar do tema, dicir con toda a boca que o galego gañou falantes, e que non lle medre o fuciño ou estoupe por estar aguantando a risa interna, xa tes claro que explicarlle a este(s) a importancia, o porque, de ter unha lingua propia que empape do saber cultural do que emana e ao que axuda a construír, diferente das impostas, diversa e de identidade, o valor destes conceptos, a riqueza e valor engadido que leva consigo poder tela, viva e forte, para entender e explicar a realidade ao xeito propio, fuxindo do pensamento único das linguas únicas... de pouco vai servir. E ademais, falando marabillas do decreto do plurilingüismo ese, sabendo de onde é que viu e cal era (segue sendo) o seu obxectivo fundamental: desvalorizar a lingua propia opoñéndoa á falsa utilidade económica dunha allea que non fora a colonizadora recoñecida.
Por circunstancias profesionais vexo todos os días desleixos da lingua en distintos eidos. Por outras, persoais, relacionadas coa Sanidade, a Xustiza, o Ensino, a Publicidade, a Cultura dirixida,... sei que nin de lonxe estamos nun espazo nin nun tempo de lingua galega normalizada.
Eu que non tiven o galego como lingua de formación, materna e paterna era, pero as agachadas, aprendín a falar e escribir en castelán, e nun momento da miña vida descubrín o galego e decidín, primeiro empezar a usalo, despois seguir aprendéndoo - aínda sigo - teño unha certa sensibilidade para percibir cando a alguén lle proe que se use. Será iso que din das conversas, que se volven máis ortodoxas que as bautizadas. E durante os anos nos que estiven en relación co sector educativo, ensino público, palpei o absoluto desinterese dos adultos, ponlle 80-20, para non esaxerar, por promover e axudar a normalizar o uso do galego a todos os niveis. Sen esa compensación de inmersión, e que ademais puidera ser de calidade, o abuso do castelán en todos os medios externos, supoñía, e o segue facendo, unha inmersión lingüística de feito, nesa outra lingua. A estas alturas xa todo o mundo mundial debera ter ben claro que a educación xa non está en mans dos antigos dous actores principais, a familia e a escola. Nunca foron os únicos, mesmo entendendo a educación como o proceso da construción da personalidade, aprendizaxe e adquisición de hábitos, condutas, valores, principios, sempre houbo máis escenarios de intervención. Pero a partir da ebulición da comunicación por medios e especificamente da tecnolóxica, a variedade de modelos cos que poder facer mimese e identificarse, que son, esencialmente os que definen ese proceso, multiplicouse de xeito exponencial e sen ningún tipo de limitación, ou escaso control. E seguimos sendo primates imitadores, cuxos mecanismos de ensaio-erro responden, nas máis das veces, aos niveis de satisfacción ou insatisfacción orgánica producidos por unha acción. Nun outro nivel de desenvolvemento, máis aló do inicial, xa entran en xogo outros factores, sinaladamente culturais e sociais, pero hai que chegar alí para que teñan efecto. E o sistema, ao meu parecer, pouco propicia e axuda a esa adquisición superior. Porque non interesa.
Dito isto. Se realmente tes un compromiso con promover o uso da lingua, dende un punto de vista hexemónico, isto é, converter como principal o discurso de valor de ter lingua propia, tes que manifestalo poñéndoa por diante de calquera outra cuestión. Porque xa se encarga o conxunto dos outros elementos externos a esa decisión política, social, de ir contra ela. Por dinámicas comerciais e económicas globais principalmente, por intereses ideolóxicos, se é posible separalos dos anteriores. E importante recoñecer esa contra-acción. Entón, galego como lingua vehicular no ensino, dende niveis básicos. Fundamental de 0 a 3, o período onde xa sabemos que se definen as habilidades físicas, motrices, cognitivas, sociais, emocionais e lingüísticas básicas. Para as garderías públicas e privadas. Para o ensino primario e secundario, obrigatorio e non obrigatorio, para a formación profesional en todas as materias. E todo o apoio necesario para quen poida manifestar algunha eiva no coñecemento da lingua para axudarlle a superala. Co obxectivo de que todas as persoas que pasen polo sistema educativo saian del cun manexo superior do galego estandarizado. Non como agora, que temos varias xeracións xa que se poderían definir como analfabetos funcionais na lingua propia do País. Cousa que moitas de nós tamén fomos, digo persoas adultas que chegamos ao galego despois de non poder ter acceso á lingua máis que como forma folclórica. Mesmo criterio para o ensino de adultos, con máis reforzo se é posible para o apoio na aprendizaxe. Como xa teño falado moitas veces de ensino público vs ensino privado, cero axudas públicas para quen non aplique os mesmos criterios no sector privado.
A teoría liberal di que non se pode impoñer unha determinada dinámica con requisitos estritos para as actividades privadas. Que o que hai que facer e incentivar para que se sumen á idea. Se miramos como foron as cousas até agora, neste eido, pero tamén en outros, responsabilidade social empresarial por exemplo, respecto e protección do medio natural, igualdade de xénero,... pouco resultado se lle mira. O criterio fundamental para o emprendemento privado é primeiro sobrevivir, conseguir manter o proxecto, despois medrar, sacarlle máis cartos, xa aguantei cando empecei, despois hipermedrar, xa non hai persoas, só cifras de negocio, todo o demais e secundario, moito menos que secundario.
Xa que logo. Medios de comunicación impresos en galego, os únicos que reciban axudas para o seu funcionamento. Non medias tintas. Non vale sacar cousas puntuais en galego ou publicar a portada na lingua do País un día ao ano. Para o resto dos medios en outros eidos de difusión, mesmo criterio que para os impresos en adaptación ao tipo de emisións. Axudas públicas para poñer toda canta película e serie sexa emitida no País en calquera medio en VO con subtítulos en galego, e para a dobraxe tamén de todas elas, pensando non só na emisión en plataformas, tamén para as proxeccións en salas de cine. Tamén para a tradución e edición de libros en galego, que non sexan só os clásicos. Imaxínome ás grandes editoriais estatais e do resto do mundo facendo primeiras edicións dun novo best-séller tamén en galego. Estaría ben, non si? Libros, revistas, cómics,... E para todos os casos, con especial apoio para que existan millóns de cousas pensadas para as crianzas, a rapazada, a adolescencia e a mocidade. Máis Xabarín por favor!!!
Pensando sobre todo neste colectivo de persoas menores ou que empezan a ser adultas, medios dixitais en galego. Intervir neste terreo ten que ser un empeño comprometido de todas as administracións públicas para crear marcos dixitais na lingua propia. Que promovan e apoien iniciativas para que os diversos sistemas operativos, todos, se poidan usar en galego. E todo canto programa hai. En internet míranse cousas sorprendentes. A min sorpréndenme. Unha marabillosa web con contidos en galego, por defecto, tamén en castelán e inglés, pero que ten todos os menús e sub-menús só en castelán, ou en inglés. Ou unha web institucional que ten como opcións as dúas linguas oficiais e aparecen como: gallego/español. Promovendo o uso do galego nas redes sociais, espazo comunicativo fundamental hoxe en día, non só da mocidade. Apostando por convencer á intelixencia artificial de ser, tamén, galega. Penso que isto último custará menos traballo que convencer á que non é artificial, non sendo quen de entender tal cuestión, poida que tampouco sexa intelixencia. Unha que non foi galego falante dende pequena, que tempos aqueles deberon ser de andar agochando as palabras para quen non podía falalas en público, si que tiven o galego como lingua materna no mundo dixital. En todos os eidos. Tanto é así que teño que esforzarme para escribirlle a alguén en outra lingua, no correo electrónico ou no whatsapp, por citar algúns espazos. A alguén máis lle pasa? Isto fala da parte contratante da primeira parte. Para que exista unha rede en galego, ten que haber navegantas en galego. Compromiso persoal tamén, ademais do social.
Pero non chega. Hai máis cousas que facer. Eu, ti, ela, podemos ter escusa para escribir e/ou falar con incorrección. Eu son consciente de que así é. Sigo a ser aprendiz da lingua. Pero as persoas representantes políticas todas, dende a concelleira do concello de dous mil habitantes até a presidenta da Xunta (chegará...), as xornalistas todas, as mestras e as profesoras, de todos os niveis educativos, e noutra medida, tamén as comediantas, as futbolistas, as videoblogueiras e as influenciadoras, as cociñeiras televisivas, as gardas civís e as doutoras en medicina... ben podían coidar un pouco esa calidade lingüística xeral, que son onde nos miramos todas como referentes públicos. Dáme non sei que escoitar que a muller do tempo da televisión, nativa de Segovia, fala ben mellor en galego que o noso querido presidente electo. Hai que poñer máis EDLs a disposición de todos estes colectivos para axudalos en todo o que sexa posible. Un xa, con poderes, na Avd. da Prensa de Arteixo, por favor. Aínda que pensándoo ben, pouco traballo ía ter...
E empezar a revisar todas as cousas que aínda non están en galego por defecto. Vou empezar unha listaxe. Invito a ir actualizándoa no instagram... partindo dunha base científica: a maioría das cousas que non vas entender en galego, tampouco as entenderás en castelán. O teu fillo non suspendía as matemáticas porque as clases e os libros foran en galego... xa caíches da burra?
Empezo a lista:
Etiquetas dos produtos todos e tickets da compra, de calquera cousa, en tendas físicas, en tendas virtuais. Empezando polos de Amancio, estou segura que lle gustará dar exemplo, sempre na cresta da onda e innovando.
Manuais de instrucións de equipos, electrodomésticos, mobles,... incluídos os do Ikea.
Facturas e contratos todos, de compra, de reparacións, de servizos... B2B e B2C.
Receitas e informes médicos, prospectos de medicamentos, historiais clínicos, radiografías... non parva... as radiografías non... pero as explicacións para como poñerse para facelas e do que sae nelas, si.
Autorizacións e consentimentos para probas, anestesias e operacións no eido da saúde. As colonoscopias son moito máis agradabeis se das permiso en galego. Asegúrocho.
Exames de galego, que si, dígoche eu que si, que teño visto algún en castelán. Pero tamén os de inglés, matemáticas, castelán (reconquistando...), zooloxía, psiquiatría,...
Letreiros de sinalización obrigatorios ou optativos, Saída, Perigo, Siga a frecha,... non metas os dedos, baixa a tapa, apaga a luz ao saír,... aténdese só con cita, volva mañá (si, mesmo este...).
Anuncios publicitarios impresos e audiovisuais. Rebaixas! 3x2! (anda, volve a lelo en galego...).
Multas de tráfico, notificacións de embargo. E aquí, se non están en galego, anuladas, sen máis. Que vai ser isto!
Contratos de traballo, nóminas, liquidacións, follas de axudas de custo.
Libros de texto (gratuítos e universais no ensino público)(aproveitando).
Contratos de alugueiro e compravenda de vivendas ou calquera outro elemento inmobiliario. Dos mobiliarios non teño nin idea. Ou si? Contratos de préstamos e hipotecas.
Pólizas de seguros. Sen exclusións, digo, sen excepcións.
Manuais de ioga e pilates. Menús de restaurantes de carta e de menú, dos de comida rápida ianquis, italianos, chineses, turcos,...
Atención telefónica. Non me deas a escoller que xa me enleo. E chamo para que me atendas, non para atenderte eu a ti. Máquina.
.....
Unha última reflexión. Que vai máis aló da Galiza. Hai uns días falaba cun técnico de atención telefónica dunha compañía de hosting. Interesándome pola campaña de promoción do .gal cunha oferta vinculada á subscrición a medios galegos que publican só en galego. Os dominios hai que pagalos. Supoño que todo o mundo o sabe. Unha web en condicións costa cartos. Facela. Atendela ben na actualización en todos os sentidos. Os programas vinculados ao seu funcionamento cambian cada pouco. Sempre aparecen novas opcións. Tamén hai que atendela nos contidos propios. Traballo. Tempo. Se é unha tenda, xa non che conto. Pero cada vez se fan máis con visión comercial, como parece que xa se fai todo no mundo. Hai dominios .cat, .gal, .eus. O .cat ten máis de 110mil. O .eus case 15mil. O noso .gal pasou os 7mil xa. Pero no Estado, as webs de empresas de calquera tipo, usan ou escollen estes dominios? Coido que non. Máis ben .net, .es, .com,... E ves moitas con versións, máis ou menos traballadas, en castelán e en inglés, algunha en francés, alemán, portugués... pero non en castelán e galego, catalá, euskera... ou inglés, galego, catalá, euskera. Non coñezo ningunha así, ti si?. Estaría ben? Que algunha empresa do Estado español pensara máis, ou tanto, nos seus clientes en países do Estado con lingua propia que nos de outros estados con outras linguas? Non sei, dou ideas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario