Non o vai facer. O PP digo, non vai facer nada para cambiar a dinámica no proceso de non normalización da lingua. Non é que sexa adiviña. Pero os síntomas son compatibles co diagnóstico da doenza. Só hai que ver ao conselleiro de Educación falando en castelán nun acto da súa consellaría sobre a FP. Ou ao propio presidente da Xunta usando tamén o castelán nunha visita á fábrica da Cocacola na Coruña. En ambos casos cunha ampla presenza de mocidade. Non teñen ningún compromiso coa lingua do País. Penso que nin persoal. Institucional é evidente que non.
En realidade, hai moi pouca institución que o teña, máis aló do que poida traducirse como quedar ben politicamente, con normativas e actos publicitarios. Pero despois, non se traduce en feitos. Palpables. Para quen se mova no mundo dixital, algúns apuntes. Institucións públicas que publican orixinalmente nas súas webs en castelán, e despois usan tradutores automáticos. Que non poñen por defecto o galego como primeira lingua de opción, nin na súa web nin nas súas comunicacións. Por exemplo na atención ao público. Porque hai que preguntar se queres escoller castelán ou galego? Por defecto en galego, se alguén o precisa en castelán, o pode así solicitar. Non vou a repetir o de que o problema de non entender a burocracia non é por ser en galego, como as matemáticas... Unha que adoita falar e escribir na comunicación, voz, mensaxes, correo... en galego, pode afirmar con rotundidade que os casos nos que hai que usar o castelán por unha dificultade extrema de comprensión son máis que mínimos. E se o caso é cun galego ou unha galega, non debera haber escusa. Será o meu/noso problema que non queiras entendelo? Soa moi radical?
Queda moi mono poñerlle o .gal ao dominio, pero despois vas mirar a lista de provincias para escoller nun formulario ou procedemento en liña no que só pode escribir alguén que teña residencia no País e aparecen todas as da Hespaña. E as veces, nin respectando a toponimia. Non podes escoller rúa, só calle. Non hai posibilidade de poñer baixo, ou bx, só bj. Preguntas en castrapo, ou de novo, a tradución automática. Encargo todo en castelán e despois xa nos fai a máquina a versión enxebre. Entrar nas tripas do deseño web pon a pel de galiña nese sentido.
Organismos públicos que din que son hipergaleguistas neno, que permiten publicacións de normativas só en castelán. Xa non vou dicir o de primeiro en castelán e despois en galego. Iso será por un obxectivo de captación de capital foráneo? Nunha convocatoria para que a xente da vila se apunte ao SAF? Ridículo? Patético?
Concellos que eliminan ou reducen ao mínimo os orzamentos para a normalización. Para que imos gastar cartos niso.
Carteles oficiais publicados só en castelán. Onde están os letreiros de Saída de Emerxencia? Habelos hainos. Centros de saúde do rural dirixindo mensaxes de aviso aos seus clientes habituais en perfecto castelán: No abra la puerta, que podría estar usted dentro en pelotas. Isto é algo como o do gato ese que está e non está?
Servizos de atención ao cliente de institucións públicas galegas contratados con CRMs que só atenden en castelán. Ou che din o de pulse 1 para catalá... 3 galego... e pasan os días...
Se isto é así como o estou pintando con brocha gorda, que lle imos pedir á empresa privada?
Pero volvendo. O PP non vai mudar nada a este respecto a súa postura. Como moito modulará o seu discurso de negación e contra da necesidade da inmersión, o couso ese da imposición, manda carallo. Repítome, a inmersión para a que si recoñecen valor e necesidade na aprendizaxe de outras linguas. Modularán un pouquiño antes das municipais. Despois seguirán no seu. O PSdG, pois quizais. Non se sabe, porque teñen xente importante nas súas filas que son moderados, como un que se levantou do mausoleo para protestar que o Depor puxera A Coruña no seu escudo. A única alternativa segura para un programa de inmersión lingüística é VOX. Non hai nada que explicar sobre isto.
Así que eu xa sei a quen teño que votar nas próximas eleccións todas. Para que haxa algunha posibilidade de que contemos con medidas públicas con trazas de éxito para empezar a normalizar por fin o uso da nosa lingua en todos os eidos. Calquera outra opción, vai ser que non. O temos claro? De verdade que quero que se poida vivir en galego = xa sei a quen non teño que votar. Ou en realidade non é que me importe tanto…
Medidas públicas, vou propoñer algunhas, xa que estou.
O primeiro de todo. Competencias fiscais plenas para o País. Como que non ten nada a ver?
Poñerlle un ive mínimo mínimo a todo o que se publique en galego. Só en galego. Xornais, libros, cómics, para quen os merque. Pero tamén para folletos e elementos publicitarios, por exemplo, para quen os encargue e pague. Dis ti, en canto non teñan axuda, volverán facelos só en castelán. Pois vai ti saber, se descobren que venden máis ou o mesmo, ou que vai a mesma cantidade de xente ou máis aos actos dos que fan promoción. Pero tamén está a cuestión de que o persoal se decate de que non hai ningunha dificultade en entender a información, que non esta en ruso. Outra vez o das matemáticas...
Ao resto dos libros que se publiquen en calquera outra lingua mundial, ive reducido, deixémolo así, que a lectura non lle custe a ninguén case nada. Os xornais que non se publiquen só en galego, pois que sigan co seu negocio habitual. E coa súa práctica de negación habitual, algúns.
Hai que axudarlles porque non lles dan as cifras para seguir facendo negocio? Pero non era que o mercado e quen de regularse só? Hai cabeceiras históricas que xa son parte da cultura popular galega? Algunhas a nivel máis local quizais. Vale. Pero algo terán que facer a prol da lingua, non si?
Por exemplo, non vale o de usar unha máquina para facer a versión web en galego. Xustifica que tes xente redactando en galego ou como pouco traducindo, xente con coñecemento e desempeño. Iso si, ningún control ideolóxico, nada de facer como coa CRTVG agora. Que opinen, mesmo editorialmente, o que queiran. E claro, como pouco hai que chegar a un 50 % en galego de todo o publicado, de todo, os especiais, tamén a publicidade. Despois se fan a publicación integramente en galego o día das Letras pois xa é cousa súa.
¿Que tal se calquera campaña publicitaria en calquera medio, redes sociais incluídas, ademais de ter un ive reducido, tamén teñen unha liña de axudas específica? E uns premios anuais con gala con gaiteiros e moitos políticos presentes.
Bono Comercio Galego. Pois claro, como non o pensamos antes. Podes participar se todo o que fagas durante o ano enteiro para vender, fisicamente e en liña, está en galego. Acompañado doutras linguas mundiais se queres. E se o fas só en galego, o dobre de bono.
Vou pedir unhas axudas para pintar a casa. Pois vas ter o dobre de axuda se toda a documentación que presentes, proformas, memorias, permisos, informes... están en galego. Claro, aquí haberá moita empresa que quede fóra para poder optar a facer negocio, porque se negan a usar o galego para presentar ofertas. Ou non saben, ou non poden. Hai que crear unha axencia nacional para facilitar a adaptación de programas de xestión para que o fagan, o poidan facer, todo en galego. Vai ser un curro espeso. Facturas, nóminas, liquidacións, proxectos, bases de datos, follas de cálculo, webs, contabilidade xeral, fiscalidade, albarás, memorias,... E haberá que falar con Apple e con Windows para que inclúan o galego nos seus sistemas, pero en serio. Poñer xente tamén se non hai xa a traballar nos que son abertos.
E hai que poñer cartos públicos para tradución directa e inversa. Hai moita literatura mundial que traducir ao galego, non só dos clásicos, de calquera eido literario, cociña, ciencia ficción, manga, auto-axuda, eu que sei, e moita galega que traducir á mundial. Non sei, coller e presentar unha colección en alemán, inglés, ruso, chinés, francés, portugués, xaponés, árabe, de 100 obras históricas da nosa literatura polas feiras do libro de calquera punto do planeta que se nos antolle. E o que é de aplicación para a literatura, tamén o pode ser para as películas e as series, digo eu. Máis emprego. Para dobraxe persoal, nada de máquinas.
Que máis? Inditex. Veña dálle, ponlle a todo o seu nome en galego. Mira que ben lle vai a Ikea co seu. Empezando polas marcas xerais. Claro, haberá que darlle unha volta ao de Zara Home. Que tal Zara Meu Lar? Todo xunto case soa a sueco, Meular. Zanfona por Stradivarius. Medrando por Pull&Bear. Corpo por Oysho... non sei, algo haberá que se adapte. E será por cartos! Se hai que botar unha man para o lanzamento da campaña de nova marca, aquí estamos todas para axudarvos. Que non se diga das galegas de ben cho shey.
Que máis dous. Inventar unha app como esas que hai para o de andar. Que che dea premios, para gastar no comercio local, por exemplo. Ou para sumarlle á tarxeta ouro de ir a eventos culturais. Para a de viaxar en transporte público. Para a de mercar Artesanía Galega, Tenreira Galega, Mel Galego, Peixe das Rías,... unha app que vaia contando a cantidade de veces que falas en galego, mesmo se non o falas polo libro, o caso e falar. Que mida tamén o uso da lingua nas redes sociais, guasá incluído. A céntimo por quilo. Canto pesa unha palabra de sete letras?

Ningún comentario:
Publicar un comentario