martes, 16 de xuño de 2026

CANTO PESA UNHA PALABRA DE SETE LETRAS?




Non o vai facer. O PP digo, non vai facer nada para cambiar a dinámica no proceso de non normalización da lingua. Non é que sexa adiviña. Pero os síntomas son compatibles co diagnóstico da doenza. Só hai que ver ao conselleiro de Educación falando en castelán nun acto da súa consellaría sobre a FP. Ou ao propio presidente da Xunta usando tamén o castelán nunha visita á fábrica da Cocacola na Coruña. En ambos casos cunha ampla presenza de mocidade. Non teñen ningún compromiso coa lingua do País. Penso que nin persoal. Institucional é evidente que non.


En realidade, hai moi pouca institución que o teña, máis aló do que poida traducirse como quedar ben politicamente, con normativas e actos publicitarios. Pero despois, non se traduce en feitos. Palpables. Para quen se mova no mundo dixital, algúns apuntes. Institucións públicas que publican orixinalmente nas súas webs en castelán, e despois usan tradutores automáticos. Que non poñen por defecto o galego como primeira lingua de opción, nin na súa web nin nas súas comunicacións. Por exemplo na atención ao público. Porque hai que preguntar se queres escoller castelán ou galego? Por defecto en galego, se alguén o precisa en castelán, o pode así solicitar. Non vou a repetir o de que o problema de non entender a burocracia non é por ser en galego, como as matemáticas... Unha que adoita falar e escribir na comunicación, voz, mensaxes, correo... en galego, pode afirmar con rotundidade que os casos nos que hai que usar o castelán por unha dificultade extrema de comprensión son máis que mínimos. E se o caso é cun galego ou unha galega, non debera haber escusa. Será o meu/noso problema que non queiras entendelo? Soa moi radical?


Queda moi mono poñerlle o .gal ao dominio, pero despois vas mirar a lista de provincias para escoller nun formulario ou procedemento en liña no que só pode escribir alguén que teña residencia no País e aparecen todas as da Hespaña. E as veces, nin respectando a toponimia. Non podes escoller rúa, só calle. Non hai posibilidade de poñer baixo, ou bx, só bj. Preguntas en castrapo, ou de novo, a tradución automática. Encargo todo en castelán e despois xa nos fai a máquina a versión enxebre. Entrar nas tripas do deseño web pon a pel de galiña nese sentido.


Organismos públicos que din que son hipergaleguistas neno, que permiten publicacións de normativas só en castelán. Xa non vou dicir o de primeiro en castelán e despois en galego. Iso será por un obxectivo de captación de capital foráneo? Nunha convocatoria para que a xente da vila se apunte ao SAF? Ridículo? Patético?


Concellos que eliminan ou reducen ao mínimo os orzamentos para a normalización. Para que imos gastar cartos niso.


Carteles oficiais publicados só en castelán. Onde están os letreiros de Saída de Emerxencia? Habelos hainos. Centros de saúde do rural dirixindo mensaxes de aviso aos seus clientes habituais en perfecto castelán: No abra la puerta, que podría estar usted dentro en pelotas. Isto é algo como o do gato ese que está e non está?


Servizos de atención ao cliente de institucións públicas galegas contratados con CRMs que só atenden en castelán. Ou che din o de pulse 1 para catalá... 3 galego... e pasan os días...


Se isto é así como o estou pintando con brocha gorda, que lle imos pedir á empresa privada?


Pero volvendo. O PP non vai mudar nada a este respecto a súa postura. Como moito modulará o seu discurso de negación e contra da necesidade da inmersión, o couso ese da imposición, manda carallo. Repítome, a inmersión para a que si recoñecen valor e necesidade na aprendizaxe de outras linguas. Modularán un pouquiño antes das municipais. Despois seguirán no seu. O PSdG, pois quizais. Non se sabe, porque teñen xente importante nas súas filas que son moderados, como un que se levantou do mausoleo para protestar que o Depor puxera A Coruña no seu escudo. A única alternativa segura para un programa de inmersión lingüística é VOX. Non hai nada que explicar sobre isto.


Así que eu xa sei a quen teño que votar nas próximas eleccións todas. Para que haxa algunha posibilidade de que contemos con medidas públicas con trazas de éxito para empezar a normalizar por fin o uso da nosa lingua en todos os eidos. Calquera outra opción, vai ser que non. O temos claro? De verdade que quero que se poida vivir en galego = xa sei a quen non teño que votar. Ou en realidade non é que me importe tanto…


Medidas públicas, vou propoñer algunhas, xa que estou.


O primeiro de todo. Competencias fiscais plenas para o País. Como que non ten nada a ver?


Poñerlle un ive mínimo mínimo a todo o que se publique en galego. Só en galego. Xornais, libros, cómics, para quen os merque. Pero tamén para folletos e elementos publicitarios, por exemplo, para quen os encargue e pague. Dis ti, en canto non teñan axuda, volverán facelos só en castelán. Pois vai ti saber, se descobren que venden máis ou o mesmo, ou que vai a mesma cantidade de xente ou máis aos actos dos que fan promoción. Pero tamén está a cuestión de que o persoal se decate de que non hai ningunha dificultade en entender a información, que non esta en ruso. Outra vez o das matemáticas...


Ao resto dos libros que se publiquen en calquera outra lingua mundial, ive reducido, deixémolo así, que a lectura non lle custe a ninguén case nada. Os xornais que non se publiquen só en galego, pois que sigan co seu negocio habitual. E coa súa práctica de negación habitual, algúns.


Hai que axudarlles porque non lles dan as cifras para seguir facendo negocio? Pero non era que o mercado e quen de regularse só? Hai cabeceiras históricas que xa son parte da cultura popular galega? Algunhas a nivel máis local quizais. Vale. Pero algo terán que facer a prol da lingua, non si?


Por exemplo, non vale o de usar unha máquina para facer a versión web en galego. Xustifica que tes xente redactando en galego ou como pouco traducindo, xente con coñecemento e desempeño. Iso si, ningún control ideolóxico, nada de facer como coa CRTVG agora. Que opinen, mesmo editorialmente, o que queiran. E claro, como pouco hai que chegar a un 50 % en galego de todo o publicado, de todo, os especiais,  tamén a publicidade. Despois se fan a publicación integramente en galego o día das Letras pois xa é cousa súa.


¿Que tal se calquera campaña publicitaria en calquera medio, redes sociais incluídas, ademais de ter un ive reducido, tamén teñen unha liña de axudas específica? E uns premios anuais con gala con gaiteiros e moitos políticos presentes.


Bono Comercio Galego. Pois claro, como non o pensamos antes. Podes participar se todo o que fagas durante o ano enteiro para vender, fisicamente e en liña, está en galego. Acompañado doutras linguas mundiais se queres. E se o fas só en galego, o dobre de bono.


Vou pedir unhas axudas para pintar a casa. Pois vas ter o dobre de axuda se toda a documentación que presentes, proformas, memorias, permisos, informes... están en galego. Claro, aquí haberá moita empresa que quede fóra para poder optar a facer negocio, porque se negan a usar o galego para presentar ofertas. Ou non saben, ou non poden. Hai que crear unha axencia nacional para facilitar a adaptación de programas de xestión para que o fagan, o poidan facer, todo en galego. Vai ser un curro espeso. Facturas, nóminas, liquidacións, proxectos, bases de datos, follas de cálculo, webs, contabilidade xeral, fiscalidade, albarás, memorias,... E haberá que falar con Apple e con Windows para que inclúan o galego nos seus sistemas, pero en serio. Poñer xente tamén se non hai xa a traballar nos que son abertos.


E hai que poñer cartos públicos para tradución directa e inversa. Hai moita literatura mundial que traducir ao galego, non só dos clásicos, de calquera eido literario, cociña, ciencia ficción, manga, auto-axuda, eu que sei, e moita galega que traducir á mundial. Non sei, coller e presentar unha colección en alemán, inglés, ruso, chinés, francés, portugués, xaponés, árabe, de 100 obras históricas da nosa literatura polas feiras do libro de calquera punto do planeta que se nos antolle. E o que é de aplicación para a literatura, tamén o pode ser para as películas e as series, digo eu. Máis emprego. Para dobraxe persoal, nada de máquinas.


Que máis? Inditex. Veña dálle, ponlle a todo o seu nome en galego. Mira que ben lle vai a Ikea co seu. Empezando polas marcas xerais. Claro, haberá que darlle unha volta ao de Zara Home. Que tal Zara Meu Lar? Todo xunto case soa a sueco, Meular. Zanfona por Stradivarius. Medrando por Pull&Bear. Corpo por Oysho...  non sei, algo haberá que se adapte. E será por cartos! Se hai que botar unha man para o lanzamento da campaña de nova marca, aquí estamos todas para axudarvos. Que non se diga das galegas de ben cho shey.


Que máis dous. Inventar unha app como esas que hai para o de andar. Que che dea premios, para gastar no comercio local, por exemplo. Ou para sumarlle á tarxeta ouro de ir a eventos culturais. Para a de viaxar en transporte público. Para a de mercar Artesanía Galega, Tenreira Galega, Mel Galego, Peixe das Rías,... unha app que vaia contando a cantidade de veces que falas en galego, mesmo se non o falas polo libro, o caso e falar. Que mida tamén o uso da lingua nas redes sociais, guasá incluído. A céntimo por quilo. Canto pesa unha palabra de sete letras?


mércores, 25 de xuño de 2025

EDUCACIÓN VITAL



Levo máis de 40 anos conducindo. E no tráfico rodado teño visto situacións moi diversas, divertidas algunhas, arrepiantes outras. Simples infraccións de normas que mesmo poderían achacarse a despistes, sen máis. Arriscadas manobras, prácticas temerarias de condución, excesos brutais de confianza. Eu mesma non estou libre desas accións, que recoñecín case ao instante. Estou segura de que noutras ocasións debeu ser o ollo alleo a que as percibira, e non o propio.

Adoito empregar exemplos relativos á regulación do tráfico rodado nos meus escritos, ensaios breves, diría alguén. Pero este sucedido, teño que contalo directamente. E preguntarme.

Unha rúa ancha, maps di que ten uns 17 metros. Dun lado, onde non hai vaos ou elementos de mobiliario urbano, aparcamento en batería. Do outro coa mesma indicación de limitacións, máis unha terraza (non lembro se das do Covid ou non), aparcamento en paralelo. Dous carrís de circulación, un para cada sentido. Acceso regulado por unha entrada por un semáforo na avenida perpendicular e un para os peóns. Da outra entrada, que corta outra rúa en perpendicular, só un paso de peóns. Tamén ten un acceso único de dobre sentido de circulación a unha praza sen outra saída. 

Unha rúa de curto percorrido. Segundo maps non chega aos 90 metros. Non é unha rúa comercial, máis ben de paso, conexión de outras vías de circulación e de acceso para a praza sen saída. Pero hai algúns negocios, ademais do de restauración. Sinaladamente un despacho de pan, que ten sona en toda a contorna. Pan de Carral entre outros, unha referencia. Dos bos pans que hai, moitos, no noso País. Un negocio que se non lembro mal abre en horario de mañá, e no que a determinadas horas, sobre todo cando se vai achegando a hora de xantar, ten ringleiras de xente pola beirarrúa agardando quenda para levar bo pan.

Nesta rúa adoita haber moito vehículo estacionado en dobre fila ou mal estacionado, por exemplo de fuciños diante dos contedores do lixo, con todo o cu por fóra, invadindo o espazo de circulación.

14:32 h dun deste días. Vou circulando por alí, de camiño á casa. Diante de min circula un vehículo dunha autoescola, cun só ocupante, conducindo claro. Pouco antes de chegar ao semáforo de acceso á avenida prende as luces de emerxencia e para, tapando a saída a un par de vehículos aparcados en batería, moi preto. A persoa que conducía o coche baixa, pecha, cruza a rúa por alí mesmo, nada de perder tempo indo a un dos pasos de peóns... e se pon na ringleira do despacho, de cuarta ou quinta. Supoño que para coller bo pan. Outros dous coches en dobre fila do outro lado. Un para apenas para deixar baixar a alguén. O outro... alí quedaba tamén. Manobro para adiantar ao coche de autoescola invadindo parte do carril contrario. Agardo por paso verde no semáforo para incorporarme á avenida e seguir o meu camiño.

Posibilidades. A persoa que conducía ese vehículo de autoescola roubouno para ir facer uns recados. Prestoullo a dona da autoescola, a un familiar que o necesitaba. Ou era un alumno avantaxado e lle deixaron o coche para que o usara ao seu criterio un rato. Era unha das persoas socias cooperativistas ou de sociedade limitada da autoescola facendo uso particular dun dos seus vehículos. Ou podía ser unha das persoas mestras da autoescola... en itinere, fóra dos seus horarios de traballo, empregando o vehículo profesional. Seguro que hai máis posibilidades.

Pero se o estaba usando unha das persoas propietarias da autoescola, ¿sería correcto propoñela para unha sanción? Por manifesto incumprimento das normas de tráfico, varias. Sanción como empresa digo. E no caso de ser unha persoa mestre de autoescola, ¿sería correcto quitarlle a capacitación para seguir exercendo de por vida? ¿Estou sendo radical de máis? ¿Ou estaría ben que empezáramos a esixir a quen explica e ensina normas que tamén as cumpra?

Non é cabreo, non é por clamar contra a inxustiza. A min múltanme por non levar luces acesas nun tramo no que apareceu a néboa de socato e todos os días vexo xente circulando por vías de sentido contrario, por unha regulación temporal por obras, sen levar as luces postas e a eses nada... non quero policías en cada esquina. Non quero cámaras de vixilancia até nos cagadoiros. Non é por sentido común, que non existe, hai tempo. Non fun a aparcar ben para poder baixarme, ir andando de volta e chamarlle a atención a aquela persoa, sinalándolle a súa condición especial para que se sentira obrigada socialmente a dar exemplo en todas as súas accións relacionadas co tráfico rodado. ¿A temos? ¿Esa obriga social? En cada un dos nosos eidos de vida profesional. Poida que tamén no resto da nosa vida cotián.

Ou poida quen non sexa unha obriga. Un compromiso. Como o das persoas doutoras en medicina, co do xuramento hipocrático. Os códigos de responsabilidade. Pero non sendo unha obriga, porque haberíamos de cumprilos? A non ser que cada unha de nós aceptaramos esos códigos, esas normas colectivas, como un deber individual. Non sei...

Tampouco é que morrera alguén como consecuencia dunha decisión puntual. A non ser que mentres esa persoa estaba na ringleira, un dos dous-tres coches que non podía saír dos que estaban xusto tapados polo da autoescola en dobre fila, non puidera saír, tivera que agardar, xa estou case para entrar, un momento, vou pagar, perdón, perdón, e o especialista en cirurxía torácica condutor dese vehículo impedido, por fin puido saír, pero non chegou a tempo para operar a un home que necesitaba dun procedemento simple para salvarlle a vida que nese momento só podía facer el porque os demais especialistas estaban atendendo outras urxencias. Por poñer un caso.

¿Ou non importan moito calquera das posibles consecuencias directas ou indirectas que unha acción determinada teña? Claro que non. Todos os días tomamos decisións sen pensar en que afectarán a outras persoas, aquí a carón ou en calquera parte do mundo. Pequenas decisións. Sendo conscientes ou non, de como todo o que acontece no universo está irremediablemente interrelacionado. Pero non podemos pararnos a pensar niso. Ou si? Provocaría unha parálise xeral na actividade social. Ou sería a fórmula definitiva para tomar conciencia da condición social, histórica, científica, matemática, que define en boa medida iso que chamamos ser humanos. Quizais haxa un punto medio. Sen ter que pensar moito, que cansa. E non hai práctica. Poida que ser coherentes cuns principios elementais, nas nosas accións cotiáns. Unhas ideas básicas que todo o mundo puidera aceptar. Case un imposible. Pero unha delas podería ser a de que unha persoa a quen colectivamente lle outorgamos unha responsabilidade como a de ensinar unhas normas e unha forma de levalas á práctica ten que ser cumpridora delas, estritamente cumpridora, na súa vida cotián, sexa no eido que sexa, profesional ou persoal. Estaría ben, non si?

venres, 16 de maio de 2025

XOGANDO



Non me resisto a publicala enteira. 

Digo a tradución dun par de páxinas do libro que citei na anterior publicación.


Sempre haberá alguén que saiba expresar mellor ca unha mesma o que unha mesma pensa. Alguén con máis práctica, ou máis coñecemento, ou máis sabedoría, ou máis especializado en filosofía e ensaio. Ou todo xunto. O que unha mesma sente tamén. Quen era quen dicía o de a vida e soño... quizais é teatro, representación, xogo.

Hai un feixe de anos unha empresa coa que levaba uns cantos traballando decidiu despedirme, mellor dito, romper o contrato de axencia, digamos que era unha autónoma falsa exemplar, porque fun sincera con eles (eles e elas) nun escrito nos que lles explicaba cal fora a miña forma de enfrontarme ao traballo até un meses atrás. Como se estivera xogando. Con máis compromiso cos obxectivos da entidade probablemente do que o traballador medio podería ter en calquera outra actividade, pero xogando. Tampouco era un traballo como para tomalo moi en serio. Aínda que tiña unha faceta de promover a aprendizaxe e a formación para períodos vitais das persoas nas que necesitarían moitísimo máis nesa liña, que supoñía un alicerce importante para poder implicarse. Pero cando formularon que querían máis resultados cuantificables, máis negocio, e lles respondín que podería ser explicándolles como e porque, deberon pensar que até entón lles estiver tomando o pelo. Non se portaron mal en calquera caso. E eu aínda soño algunha vez con que non dou chegado a tempo a onde tiña que ir ou que non dou chegado á cifra do que tiña que chegar cada mes. Xa ves.

E como tamén fixen teatro, nalgún tempo, e gusto de seguir interpretando papeis, na vida real, na imaxinaria, na dixital, na profesional (que non se decaten, por favor... non vaia ser o demo outra vez), pois algunha idea sobre o momento da transformación, o de poñer a máscara, no que di Valdecantos (se poño Antonio, parecería que o coñecera persoalmente) que se atopa probablemente o encontro entre a verdade e a liberdade, nun medido espazo tempo. Pareceume entender...

Pois como son xenio, son chusma, son exquisita, son turista, son folgada, son súbdita, son oficinista a ratos... e teño moita, moita melancolía existencial... tiña que sentirme identificada. Vela ai vai:

[Cando actúa o xenio, o máis probable é que estea ao servizo dun mecenas que lle regalou toda a liberdade de mundo e que quizá lle prohibiu declarar que o estás vendo a el, aínda que se trate tan só do servizo do seu bo nome ou do seu prestixio social. Afirmar que un non está a servizo de nada nin de ninguén é unha verdadeira boubería que con frecuencia quedará desmentida, de modo irónico, sen necesidade de esperar moito tempo. Poñerse en mans de alguén non é, de seu, un acto de indignidade, de vasalaxe ou de prostitución, senón algo que debería recoñecerse como cousa que acontece varias decenas de veces ao día, e certamente nas mellores familias. A idea de que as máis altas obras que pode executar un ser humano son aquelas nas que este entrégase a un fin determinado pola súa propia vontade e libre de calquera outra interferencia é, sen dúbida ningunha, un verdadeiro mito. No caso de que a algún humano lle sexa dado levar a cabo algo en verdade memorable, esa actuación será o resultado de movementos determinados por causas moi incertas pero na seu maior parte espurias, e coincidentes cos propósitos duns cantos mortais anodinamente mediocres entre os que sempre atopará algún loubán abominable. Un serve a toda esa caterva para poder subsistir ou, cousa peor, por favores que lles debe, pola preguiza que lle causa repudialos ou polos afectos que adquiriu en relación con algúns dos seus membros. Un ten máis ou menos éxito a ollos de toda esa chusma (a miúdo unha chusma exquisita) e, sen que a verdade do levado a cabo teña ningunha relación co anterior, executa unha actuación memorable. Esta e non outra é a verdadeira liberdade e a única posible.

En primeira instancia, o xogo ten o seu lugar no lecer, e o afirmar tal cousa constitúe case unha tautoloxía, porque probablemente a noción do lecer non podería definirse, e nin sequera recoñecerse, se non se acudise á do xogo. Os mortais pasan os seus leceres pensando nos seus negocios, pero entreténdose coa idea de que están libres deles, o cal esixe tomalos como obxecto de xogo. O súbdito deixa de traballar e entrégase aos espectáculos, ás consumicións, ás compras, aos galanteos e, sobre todo, ás viaxes, un conxunto de tarefas en verdade hiperactivas que non poderían atenderse se non se tomasen como o máis importante da vida. O lecer absorbe, sen dúbida, moitísimas máis enerxías que o negocio, e o fai esixindo unha constante sobreactuación, pois o súbdito non só comparece na escena durante o tempo libre senón que debe persuadirse custe o que custe de que está nela e non noutro sitio, e iso esíxelle actuar como o faría un comediante histriónico e destemperado. Para gozar do lecer e non ter ningunha dúbida sobre o feito de que aquilo é lecer, teño que mostralo compulsivamente e ser visto como alguén que está a gozar, sen dúbida, do tempo libre, en particular fronte a outros que non o fan. É certo que os súbditos modernos adoitan gozar do seu lecer co maior gregarismo formando disciplinados rabaños de xente folgada (o cal ocorre nas viaxes de maneira particularmente danosa á vista, aínda que non só neles) e que o tempo do lecer ocúpase, por conseguinte, no trato con xentes que tamén están folgadas, pero quizais resulte imprescindible para que haxa lecer a exhibición deste afortunado estado ante outros que non gozan del, e cos que o súbdito folgado non soportaría ser confundido.

Naturalmente, o medio máis a man para lograr esta sobreactuación é a roupa, e así o desventurado súbdito disfrazarase de turista, de deportista, de esmoleiro ou do que sexa con tal de non ser confundido con alguén que vai traballar. Este homiño cre vestir roupa cómoda, libre de ataduras e convencións, e cre estar a batuxar no elemento do auténtico, pero a súa indumentaria (case sempre grotesca e conducente a perda absoluta de calquera clase de dignidade) é un xenuíno disfrace e, con frecuencia, un uniforme. Todo neste súbdito é representación, desde os xestos, perfectamente aprendidos, que pon mentres xoga ao tenis ou mentres toma o sol, ata o modo de espantar aos mosquitos ou de preparar a grellada, por non mencionar as ridículas poses fotográficas que ocupan a maior parte do seu tempo. Todo isto, en efecto, é teatro e é xogo, aínda que nas súas formas menos memorables. A melancolía deste súbdito non só xorde da expectativa de ter que regresar ao traballo, senón da consciencia, case sempre lúcida pero sistematicamente reprimida, de que a obra que está a representar non é interesante para ninguén, e de que ninguén daría nada para ser espectador seu. Ensinar fotografías ou vídeos dos lugares visitados nas distintas vacacións e escapadas (o uso turístico desta última palabra inventouse buscando ecos de xogo transgresor, pero converteuse pronto nun relambido retrouso kitsch, que só causa vergoña allea) foi unha práctica frecuente, certamente abominable, cando o turismo non era tan compulsivo como chegou a selo. Hoxe en día, en efecto, ninguén se atrevería a mostrar ningún documento da viaxe emprendida, porque se sabe de certo, aínda que resulte inconfesable, que aquilo non tería interese para ninguén. O resultado, como é natural, é que o autor da viaxe perda tamén todo interese polo relato do seu lecer e, de feito, polo lecer mesmo, o cal se volveu un espectáculo desganado e revellido. O súbdito folgado buscaba librarse do escravo finximento esixido polos seus negocios, pero o que atopou é un espectáculo compulsivo que non ten ningunha das virtudes dos espectáculos. O lecer, que se inventou para ser un tempo encantado, non pasou a ser o reino da melancolía (como lles ocorría ao sabio e ao príncipe en épocas pasadas), senón o da impostación permanente, algo que produce como resultado certa clase de melancolía de consumo barato, ao alcance de todos os oficinistas.]

Seino, si. Sacar un texto do seu contexto non sempre facilita poder entendelo en toda a súa esencia. Pero é que mesmo lendo o libro enteiro poida que tampouco. Eu polo menos. En algúns casos. O de Zaratustra tiven que lelo varias. E aínda así... Noutros ven sendo igual sacar que poñer. Parecen feitos de anacos que se poderían intercambiar para distintas versións.

Pero é que non chega con citar brevemente tampouco. Menos poñendo a cita asociada a alguén que o dixo. Alguén que teña un nome recoñecido. Por poñer un exemplo: ser ou non ser, esa é a cuestión, como dixo Shakespeare. A expresión, fóra de contexto pódese interpretar de moitas maneiras, non si?. Pero ten valor en si mesma? Independentemente de quen a dixera? De cando ou onde? Penso que si. Vou buscar outro exemplo, máis próximo: mexan por nós e temos que dicir que chove. Que segue sendo de aplicación mesmo hoxe en día. Se non digo quen foi o que plasmou a expresión nun dos seus debuxos... ten menos valor ou consistencia? Necesita ter o apoio de quen o dixo. Ou do libro onde apareceu recollido. É importante quen di que? Ou importa máis o que se di. O contido do que se di.



Ven a conto isto, de novo, no de que non somos quen de diferenciar o valor das cousas en por si. Alguén lles ten que poñer prezo. E nos tempos que vivimos... 

merda, marchou a luz! Outra vez enchufamos máis cousas das que nos da o empalme... vou ver se re-conecto. Vaites, se non hai en todo o barrio. Que pasaría. A ver se din algo no móbil. O que? Tampouco hai internet. Os rusos. Seguro. Invadindo. A tele... nada, claro tampouco vai. E non sei onde carallo metín o transistor vello. Ola veciña, estamos sen luz. Si, non sei, dis que está ardendo non sei que. Mira para alí canto fume. Vou baixar ao bar a ver se saben algo. Ola Pepe. Que foi? Nada, din na radio que marchou a luz en toda Europa. Os rusos, seguro. Invadindo. Pois xa levamos unha hora e vánseme quentar as cervexas. Pois... oferta de 3x2 e che axudamos a consumilas. Veña, dálle... sete horas despois... xa dixo Rueda que non preocuparse, que todo e culpa do de sempre. E o de sempre, que di? Non sei que de até as últimas consecuencias. En Burela disque que xa empezou a vir. Aquí... vai ti saber. Veña, vou ir pechando, que xa non queda cervexas. Cada un para a casa. Faime un bocata home. Pan tampouco. E que carallo fago agora na casa sen luz. Pois unha cena romántica fría con velas machiño. E a durmila...

xa volveu, ben¡

... que vivimos, parece que lle damos máis valor a quen di algo que ao que di. Na publicidade usase moito iso do presentador de televisión ou a actriz anunciando compañías de telefonía ou sitios de xogos en liña. Nas redes, hai influenciadores/as, xa con nome profesional, neno. E imos confiando no que nos contan. Digo eu que sen pararnos moito a analizar ben os contidos dos que transmiten en si mesmos. Eu non me fío, por defecto. Non vou a mercar nada que publicite ou comunique alguén que teña categoría de persoa pública recoñecida, nun eido ou noutro. Non vou a ter en conta nada do que diga alguén así tampouco en términos políticos, económicos, relixiosos, filosóficos, lingüísticos. Sendo que non sexa a súa especialidade profesional ou científica, claro. Entón, algo si que haberá que telos en conta. Porque sen dúbida falarán do que coñecen. Despois haberá que estudar se no que din hai nesgo, do tipo que sexa. Cousa que non é doada de recoñecer, se non hai práctica ou non temos unhas pautas básicas para poder facer esa valoración.

De quen te fías entón? De Pepe para a hora. O ten moi controlado. Os autónomos individuais é o que teñen, sempre contando os minutos. Da miña veciña para o tempo atmosférico. Sobre sistemas de emerxencia na petroquímicas non ten nin idea, pero acerta 99 de cada cen veces co tempo que vai facer pola tarde e un pouco menos co que vai facer mañá.

Da radio, depende. No caso da CRTVG en nada que teña a ver co ben que o fai ou o mal que o deixa de facer a Xunta ou o PP. Ao revés para os outros partidos políticos. Para o caso, tanto ten a TVG. Ou a Voz, incluso menos aínda. Dos medios de comunicación estatais, con sucursal no País, sexan públicos ou privados, non me fío nada do que falan ben dos seus e mal dos outros. Que non o din, abertamente, o de quen son os seus e quen non, pero non é moi difícil de saber. En todos os casos, da información directa, sen comentarios, sen opinións, sen especulacións, non vou dicir que me fío completamente, pero si a podo ter en consideración para contrastala con fontes diversas. Non sempre é fácil, pero se queres achar sobre a fiabilidade dunha información podes pasar tempo investigando para atopar a orixe certa de algo.

Dun tenista profesional, fiaríame da explicación de como facer un saque liftado, pero non de como definir o PXOM de Manacor. Da CIG fiaríame no análise das condicións de traballo no sector da automoción, ou na hostalaría, na sanidade... pero non en como abordar unha estratexia empresarial para o desenvolvemento da industria das armas galega. De meu pai debín terme fiado hai moito tempo pero agora é el o que se está a fiar de min. Dun trilero, na rúa ou nas cortes xerais, non me fiaría en ningún caso se hai naipes, cartos, cargos ou cotas de poder de por medio. Dunha trilera tampouco, e a verdade é que nestes tempos, nesa especialidade xa non parece haber diferencias de xénero, sinaladamente na política central. Outra conquista.

Pois digo eu que con esa práctica estou sendo boa cidadá. Se aceptamos que a democracia non se basea en confiar. En desconfiar si. Pero ollo, desconfiar non é pensar mal de alguén. Non consiste en partir da idea de que aqueles que fan cousas para o conxunto da poboación na súa representación están niso para aproveitarse. Que si, que as políticas e os políticos profesionais non veñen de Marte. Son produto da sociedade na que viven, en todos os seus términos. Se aceptamos que vivimos nunha na que boa parte da xente vai tentar saltarse a cola, eludir os radares, cobrar en B, mentir sobre a súa situación laboral, mangar no super, contestarlle aos castelán falantes en castrapo,... pois teremos que concluír que boa parte dese colectivo profesional tamén serán así. Pero tamén haberá dos que non, como na outra parte da poboación. A non ser que pensemos que van alí os e as mellores de cada casa (sorna) pensando que é terreo apropiado para as súas prácticas vitais. En calquera caso, tamén da moito traballo distinguir unhas de outros nese campo social. Desconfiar manifestaríase entón en termos de non entregar todo o meu poder a alguén, persoa ou institución, o meu poder popular digo. En termos de que non hai unha única forma de facer as cousas para que teñan o resultado desexado, pero si uns parámetros que hai que respectar: os dereitos colectivos e os deberes individuais. Un dereito colectivo é poder contar cun sistema de saúde para toda a poboación sen discriminación por condicións persoais nos eidos laborais, económicos, xeográficos, editarios... pero é o meu deber individual non facer parvadas que afecten á miña saúde e poidan afectar á dos demais. Como desconfío, vou a pedir ter capacidade para consultar as decisións que se toman en calquera eido da vida social, publicidade aberta. Non sirve de nada poñer no BOP que hai unha proposta para modificar unha ordenanza municipal sobre a recollida do lixo se non podo acceder a ela con facilidade para lela e comentala, e no seu caso presentar alegacións. Intervención aberta, en todos os procesos de decisión, para quen queira facelo. Claro, sempre o podes delegar tamén en alguén, persoa ou entidade, un partido, unha agrupación, unha plataforma... pero tamén haberá que practicar a desconfianza con esas organizacións. Xa sei, moito traballo do noso señor. Pero haberá que facelo... ou confiamos sen paliativos?

Cando lin o anaco do texto do libro de Valdecantos (traizoándome a min mesma...) que fala da chusma, pensei no meu paso polas Asociacións. Con papeis de máis ou menos responsabilidade orgánica. En como funcionan estas organizacións. E na aplicación dese principio de desconfianza.

Hai que ir, ás Asembleas digo. Sempre. Mesmo aínda que penses que non che afecta o que alí se vai tratar. O mesmiño que pensas dos grandes parlamentos ás veces. Erro importante. O que se decide no parlamento europeo e o que se acorda no pleno do teu concello vaiche afectar, mesmo ao peto, coidadiño. En algún momento. Ti verás. Pero volvendo ás Asembleas. Hai que preguntar, de boa fe sempre. Con boas formas sempre. Gardando o debido respecto a quen se pon á fronte das organizacións para poder facer algo de ben para o conxunto das persoas asociadas e máis aló dese límite. Mesmo hai que pensar en empregar os mecanismos orgánicos para facer propostas e suxestións, que poidan ser tratadas polo conxunto da Asemblea. Desconfiando.

Porén o que adoita acontecer é que hai xente que vai a esas celebracións colectivas para ter o seu minuto de gloria, para montar rifa, como van aos partidos de furgol alevín. Para falar do seu libro e que lle solucionen o seu. Polos seus intereses ou necesidades persoais, individuais. Non polos colectivos. Como consecuencia deste funcionamento interno, cada vez é máis difícil atopar quen queira estar nas directivas dos colectivos. E as Asociacións que manteñen a súa actividade o fan porque son ferramentas para darlle solución a necesidades individuais que non se resolven por outros medios ou porque teñen unha función cultural ou social concreta que responde a un interese individual plural que coincide nun tempo e nun espazo concreto. E nestes casos, a fórmula é confiar. Non necesito explicacións, necesito que cumpras a túa función como xestor para solucionarme algo da miña vida particular.

Dirás ti que pode ser falta de práctica. Que nas escolas de infantil non se ensina. Que está por ver se hai necesidade de tanta participación. Sociedade civil, para que? Cultura da cooperación para que? Compitamos, unhas con outras. Aproveitemos as ocasións que se nos presenten, sempre que poidamos, para tirar proveito propio delas. Aproximémonos máis ao apocalipse social. Que sexa a lei que non é lei de quen pode máis a que mande. Fagamos prácticas para a eutanasia do estado de dereito desregulando cousas. Voto por empezar polo tráfico rodado. Case sempre tiro bos exemplos disto. Imos cruzar as estradas de dobre sentido de circulación con densidade de tráfico por onde nos pete. Hai quen anda falando agora, post-apagada, de se seguen a ser necesarios os semáforos. Metamos tamén os pasos de peón. Pero non nos formulemos a seguinte pregunta: ¿se eu decido, en aplicación do meu dereito individual, cruzar a estrada por onde me pete, mirando o móbil ou de fronte, un que veña cun camión de reparto de Amazon, poñamos por caso, pode decidir en aplicación do seu dereito individual, circular pola esquerda nos minutos impares. Ou non parar nos pasos de peóns cun número de raias pares. Ou non parar cando me vexa cruzando por onde me peta, en aplicación do meu dereito individual? Se vivira noutro país usado quizais podería formularme o mesmo falando do uso das armas de fogo. Quizais. Non sei.

Eu vou seguir mirando aos dous lados antes de poñerme a cruzar en verde para os peóns o paso regulado por semáforo para ir á Asemblea anual. Non sexa o demo neoliberal...

xoves, 24 de abril de 2025

PERDEDORAS


Non sei moi ben como dicir isto. Coido que temos a guerra perdida. A loita. A batalla. Como prefirades chamala. Refírome ao intento de que o ser humano evolucione máis aló do que podería facer unha besta calquera que fora quen de falar. Falar con sentido. Ter unha fala. Unha ferramenta construída para poder comunicar, identificar o que hai no seu arredor, poder transmitir a información relativa sobre calquera cousa a outras bestas. Unha fala con capacidade de medrar, en cantidade e calidade, e de reproducirse. Un ser vivo. Que chega a ser independente pero que ao mesmo tempo, realimenta ás súas creadoras construíndo unha visión da realidade. Unha fala, logo unha escrita. Que mesmo establece as súas propias pautas para plasmarse. Unha ferramenta con formulacións diversas que xurde dun primeiro recoñecemento da propia existencia física e temporal. Diferénciaa da de outra existencias. E que cada vez que se usa, fornece máis ese recoñecemento do que unha é, o altera, o modifica, ofrecendo unha interpretación de cada cousa e do todo que tamén a altera e modifica.

Estoutro si que sei como dicilo. Afirmo. Nunca antes se falou tanto. En todas as linguas. Con todas e cantas fórmulas de expresión podamos imaxinar. Por tantas canles diversas. O outro día seica dicía Youtube que xa tiñan mil millóns mensuais de seguidores de podcasts. Eu aínda non teño claro que ven sendo iso, quedeime no dos blogues, pero mil millóns si que sei canto é: 1.000.000.000. Dez elevado a nove. Se mos deran en euros non lles dicía que non. Algo podería facer con iso. Mal ou ben. O conto é que para que haxa tanto seguidor, tamén haberá moitísima xente que faga os podcasts eses, digo eu. De calquera tema que unha se poida imaxinar e de moitos que nin pensaramos.

Pero tal e como indican algúns analistas, a primacía son os vídeo podcasts, mais aló de consideracións sobre a obriga de facelos nas condicións técnicas que quere a empresa titular do espazo. Imaxes fixas ou en movemento, con textos falados, e xa con custos de produción que empezan a ser elevados en algúns casos. Non vou entrar no debate de substancia. Ou calidade dos contidos. Si sinalar que como xa sabemos hai tempo, recibir información por múltiples canles sensoriais a un tempo, mellora a captación dos contidos. Sobre o que non ten ningún efecto é en axudar a poder facer unha análise de contraste do que nos están transmitindo. Algo que saben ben, ambas cousas, os especialistas en publicidade. Publicidade comercial, relixiosa, política.

Todo o que digo é un parecer. Dinlle opinión. Non é información. Se puxera a ligazón á noticia dos mil millóns, si que contería información, pero non necesariamente tería porque ser de fiúza. Nin mudaría en nada que o resto segue a ser opinión.

Pois opino, polo que vexo e padezo ao meu redor, nos distintos eidos vitais nos que me desenvolvo, que temos unha poboación, hai quen lle diría cidadanía, que non ten formación para poder facer unha análise crítica do que se lle transmite. De calquera cousa que lle conten. Igual se o fai un veciño que o presidente da Xunta. Si presidente con minúscula, Xunta con maiúscula. Tampouco é que unha se poida parar a dubidar cientificamente de todo canto circula. Con método científico quero dicir. Poderíamos facelo con algunhas cousas, si, as que foran máis do noso interese. Pero adoitamos facelo, e non sempre ben, case sempre regular, moitas das veces mal, co que nos vai ao sensible. Ao peto. Logo tampouco é que teñamos moito interese en facer esa análise crítica. Que inventen outros! De novo falla a educación... pero fallará algo máis, digo eu. Falla un mundo, en xeral, definido para promover a competencia e o beneficio individual, en troques da colaboración e o beneficio colectivo. Cando unha só se ten que preocupar do seu, en concorrencia competitiva con calquera outra, gasto o tempo e as enerxías niso. Se unha nova normativa, unha nova guerra, unha nova catástrofe lle afecta ao seu patrimonio ou ás súas fontes económicas, vaise interesar. Se coincide que hai máis xente á que lle afecte dun xeito similar, vaise xuntar con eles, única e exclusivamente até que arranxe o seu... despois, volverá ao seu poste. Iso si, despois será solidaria, con canta causa xusta apareza no horizonte das redes sociais. E mesmo terá unha actuación heroica nun momento puntual, se as circunstancias así o propician. Para volver rapidamente á súa fortaleza individual. Comportamentos estes dous últimos que reforzan aínda máis se cadra os fundamentos nos que se basea a defensa do propio contra dos outros propios. Fixen algo excepcional. Hai que estar preparado para todo! Ninguén vai vir a defender o teu! Bunkerización.

Se dou por certo o que sinalo no anterior parágrafo, teño que considerarme perdedora. E pensar que colectivamente somos perdedoras. Porque ese comportamento contradí o que a evolución e a historia din a respecto do avance das especies. Os seres humanos conseguimos ser dominadores como especie porque colaboramos entre nós para conseguilo. Con distintos niveis de responsabilidade en cada consecución histórica, pero xuntos. Non vou entrar en se ese dominio estase mostrando como bo ou non tan bo, para o resto das especies e o conxunto do planeta. Se esa capacidade de colaborar para conseguir obxectivos comúns vai desaparecendo... xa non é que perdamos unha das principais características que nos definen como especie, senón que acabaremos morrendo de noxo, contra doutras especies, biolóxicas ou tecnolóxicas, contra da natureza, contra do tempo.

E non teño ningunha esperanza en que esa tendencia ao individualismo inhumano poida ir a menos. É unha versión da cidadanía máis doada de manexar, moito menos conflitiva. As autoridades só teñen que  procurar non danar os intereses particulares dos individuos, facelo minimamente, compensalos con outros beneficios e sobre todo informar do xeito preciso para que cada quen siga pensando que o seu está a salvo e que o perigo son os outros, calquera outros. Con información manipulada, tanto en sentido positivo como negativo, que produza un efecto similar ao de que non existe a verdade, non existe a diferencia entre o que é bo e o que non o é para cada quen e para o conxunto da sociedade. E facilitando todo tipo de válvulas de escape para que cada persoa poida seguir mantendo a súa percepción de que o único importante é ela mesma.

Empecei a escribir isto vai para unhas semanas xa... e estando a ler un dos últimos libros que chegou ás miñas mans, Verdad, juego y libertad de Antonio Valdecantos, atopeime cuns textos que falan en parte sobre esas válvulas de escape:

^Os mortais pasan os seus leceres pensando nos seus negocios, pero entreténdose coa idea de que están libres deles, o cal esixe tomalos como obxecto de xogo. O súbdito deixa de traballar e entrégase aos espectáculos, ás consumicións, ás compras, aos galanteos e, sobre todo, ás viaxes, un conxunto de tarefas en verdade hiperactivas que non poderían atenderse se non se tomasen como o máis importante da vida. O lecer absorbe, sen dúbida, moitísimas máis enerxías que o negocio, e o fai esixindo unha constante sobreactuación, pois o súbdito non só comparece na escena durante o tempo libre senón que debe persuadirse custe o que custe de que está nela e non noutro sitio, e iso esíxelle actuar como o faría un comediante histriónico e destemperado. Para gozar do lecer e non ter ningunha dúbida sobre o feito de que aquilo é lecer, teño que mostralo compulsivamente e ser visto como alguén que está a gozar, sen dúbida, do tempo libre, en particular fronte a outros que non o fan. É certo que os súbditos modernos adoitan gozar do seu lecer co maior gregarismo formando disciplinados rabaños de xente folgada (o cal ocorre nas viaxes de maneira particularmente danosa á vista, aínda que non só neles) e que o tempo do lecer ocúpase, por conseguinte, no trato con xentes que tamén están folgadas, pero quizais resulte imprescindible para que haxa lecer a exhibición deste afortunado estado ante outros que non gozan del, e cos que o súbdito folgado non soportaría ser confundido.^

Agora que hai tanto debate sobre a masificación do turismo, aínda ben máis a conto falar destas cousas. Pero é que unha análise como a deste texto, apunta tamén non só ás válvulas de escape, senón ao feito de que mesmo cando andamos lonxe daquilo do que poderíamos considerar como obriga para saír adiante, o traballo, as ocupacións profesionais, a necesidade de poñer as nosas individualidades por riba das dos demais, maniféstanse repetidamente. Podo dar constancia dese comportamento gregal do turista típico, que se comporta como se o resto dos seres humanos ocupados ao seu arredor non foran nin persoas. Eu. Eu. Eu. Nunca nós.

Con esa forma de entender e practicar a vida social, que imos gañar? Imos ser perdedoras, en todas e cada un das frontes nas que poidamos pelexar. Sinaladamente na de recuperar a nosa lingua para as futuras xeracións. Perdida case xa para as actuais. Tal e como teño comentado en diversas ocasións noutros escritos... mesmo ben antes de que os informes estatísticos saíran á luz. Usar o galego non é percibido como un beneficio particular por case ninguén. Falar e escribir en galego non ten valor económico percibido por parte de persoas físicas, que dicir das xurídicas. Non se recoñece o valor engadido de vender e mercar en galego. En inglés si. Mirade a ver cantas webs comerciais están feitas en galego primeiro e despois traducidas ao castelán, inglés... Investigade se tendes tempo, canto influencer hai que emita en galego, fóra dos que poderíamos etiquetar como enxebres ou folclóricos. En comparación digo, coa invasión de parvadas en castelán and in English. E como tampouco hai verdadeiro interese político do partido dirixente en poñer a lingua propia como eixo principal da acción cultural, social, económica, empresarial, educativa!... de xeito imperativo, pois seguiremos perdendo, tamén a lingua. Irá quedando para uns poucos, a falta, tamén nisto, de relevo xeracional. E sen lingua viva, seguiremos sendo nós?

Sei que estou sendo moi negativa. Moi pesimista. Perdedora. Pero vexo cousas todos os días que non me dan pe agora mesmo a pensar e sentir doutro xeito. Vexo e non vexo. Non vexo, dende hai moito tempo, rapazada falando en galego entre eles. Nin en presencia nin a distancia. E agora, sobre todo a relación é a distancia, a comunicación tamén. Non escoito xente falando en galego nos buses. Nos trens. Unha emisora de tv e unha de radio que emiten en galego, daquela maneira, algún programiño en galego nas ducias de outras canles radiofónicas e televisivas. Xornais... para que insistir. Non só é que non se publiquen na nosa lingua. E que fan todo o posible para minorala e inferiorizala. Abondar na auto-vergoña polo propio. Reafirmala e redefinila. Xente que segue abandonando o galego para falar con quen se lle dirixe en castelán, sexa no super ou no centro de saúde. Mala educación, diría eu que é, no sentido de non ter respecto por unha mesma, principalmente. Conferencias e presentacións, mesmo de organismos financiados con cartos públicos que renegan de usar o galego por defecto. Toponimia negada, fóra do País, pero tamén dentro. Xente que contesta enquisas profesionais emitidas en galego, en perfecto castelán. Medo a escribir mal en galego, cando o fan fatal tamén en castelán e non lles preocupa nadiña. Non vexo publicidade en galego. Véndense coches, alúganse pisos (escasos), ofrécese xente para traballar, anúncianse cans perdidos,... en castelán, en galego non. Non vexo necrolóxicas en galego. A que se publique algún día para comunicar a súa desaparición, tamén será en castelán probablemente. Así que si, síntome perdedora. Pero vou seguir sentíndome galega, sen necesidade de facer ningunha declaración expresa, máis que falando e escribindo, sempre que me sexa posible, na nosa lingua, que por ser nosa, tamén é miña.

Estou tamén convencida de que no partido gobernante na Xunta, o PP de G, hai xente que gustaría doutra perspectiva sobre a defensa (ter que falar de defender...) da lingua propia. Pero van topar sempre co ideario estatal das súas bases, agora mesmo manifestado abertamente por algunha que outra líder. Un ideario de unidade nacional que ten como símbolo principal a primacía da lingua imperial sobre todas as demais. Porque para poder desenvolver dende as institucións unha liña de acción de normalización real do galego, aceptando o acordo constitucional de que as linguas están vinculadas aos territorios, habería que propoñer accións de discriminación positiva en términos de progresión xeométrica, xa non aritmética... en termos de aceptar como se fai para o aprendizaxe doutras linguas, a inmersión lingüística como única ferramenta de capacitación. O fai, a Consellería de Educación a respecto do inglés, por exemplo, nas súas convocatorias habituais. Recoñecer a inmersión como fórmula esencial. Como xa teño dito noutras ocasións, se queres algún tipo de axuda, do eido que sexa, o galego ten que ser de uso obrigatorio. Pechar a billa para os negacionistas, negacionistas de facto e ideolóxicos, incluídos e especialmente os medios de comunicación... e chegando ao punto maior, cambiar o Estatuto de Autonomía, por exemplo para que poña algo así:

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galiza é o galego e xa que logo é tamén o seu idioma oficial.
2. As persoas galegas teñen o deber de coñecela e o dereito de usala a todos os efectos en calquera parte do territorio da nación.
3. A lingua castelá ten na Galiza o carácter de cooficial.
4. As persoas galegas teñen o dereito a coñecer e usar o castelán como segunda lingua.
5. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial da lingua galega e potenciarán o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

E xa postos... tamén a Constitución, veña!

Artigo 3
1. O castelán é a lingua oficial do Estado. Todas as persoas españolas teñen o deber de coñecelo e o dereito a usalo.
2. O castelán terá a consideración de lingua cooficial naquelas nacións con lingua propia que así o recollan nos seus estatutos.
3. Todas as persoas cidadás das nacións con lingua propia teñen o deber de coñecer a súa lingua e o dereito de usala no seu territorio.
4. As nacións terán a obriga de garantir o dereito ao uso da súa lingua propia e a protexer o uso do castelán como segunda lingua.
5. O Estado promoverá o coñecemento das distintas linguas nacionais, tanto nos territorios propios de ditas linguas como en calquera outra parte do territorio estatal.

Son soños, seino... pero é tan fermoso soñar, para non sentirme perdedora, ou menos. E mesmo se poderían poñer aranceis a quen usara o castelán para contestarlle a alguén que lle está falando en galego. Por mal educada. Sendo ambos do País, claro. Se a cousa está entre un catalán e un galego... pois temos como entendernos, mesmo sen necesidade de tirar da lingua común, que lle din. E se hai viño e polbo polo medio, máis mellor aínda. Outras alternativas varias... habelas hainas.

Hai se foramos quen de conseguir ese pacto social! O preámbulo tería que ser o que nos agasallou Manuel María

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

E con tres premisas fundamentais:

1. Ser radicais na aposta pola lingua propia dende as administracións públicas. Na liña do que apunto neses borradores de reforma dos textos estatutarios e constitucionais. Sen medias tintas na aplicación radical da lei para as entidades, empresas e institucións en xeral.

2. Ser auto-esixentes pero moderados no trato entre as persoas físicas a respecto do uso cotián da lingua propia, procurando coidar cada vez máis a calidade no seu uso na fala e na escrita. Pero partindo de que para facelo regular, coma min, con aspiracións de chegar a ben, o primeiro sempre é empezar, mesmo agatuñando. E sempre, sempre, sempre, con ese obxectivo de darlle a volta socialmente a esa idea da mala educación...

3. Ser moi cordiais, non sei se mesmo condescendentes en parte, con toda a xentiña que veña de fóra do País a visitarnos. No problem, we know to speak in your language. Sabendo xaponés, ruso, zulú... adaptando. E sendo castelán, pois con máis razón, que o coñecemos case mellor que en Burgos, por poñer un exemplo. Agás cos que veñan de fodechinchos. Sei que ao presi lle parece un termo ofensivo, ou de mal gusto, non lembro moi ben como dixo, pero iso non creo que o dixera se algunha vez houbera estado traballando de camareira de piso ou de camareiro de bar facendo horas sen cobrar en quendas esgotadoras nun deses negocios exemplares da costa emérita na temporada alta do verán. Prepotencia e abuso, mesturada coa ignorancia cultural máis absoluta e a incapacidade mental de decatarse de tal falta de coñecemento. Quédalles ben fodechinchos.

Así, recuperando o fío da mención ao lecer dos súbditos.

Esquecía... perdón, ALTRI NON!

sábado, 22 de xuño de 2024

NORMALIZACIÓN



Asinei o manifesto de Queremos Galego. Non parece que avancemos na normalización. Máis ben diría que imos cara atrás. Non sei se sairá alguén da Xunta dicindo que a culpa é dos incendiarios. Con esa análise profunda que adoitan facer das situacións que teñen causas estruturais. Estou convencida de que é por dicir algo. Que realmente saben cales son as causas da perda de falantes e dos non avances na normalización, porque ten relación directa coas súas accións e coas súas inaccións políticas. E que para non ter que recoñecelo, porque si que estaría mal visto polo conxunto da cidadanía que dixeran a mi el gallego es que me da lo mismo, son ganas de complicar las cosas, pensamento afín á ideoloxía uniformadora neoliberal que define o partido que dirixe a Xunta. Descoidos comunicativos aparte, que cando se relaxan teñen menos coidado en que se lles vexa o coiro verdadeiro. Pero si han volvido a ganar con maioría absoluta. Si, certo, mesmo cun candidato á presidencia falando nun medio xornalístico de que temos dúas linguas propias no País. E nin foi noticia. Acontece que algo si deberon de decatarse do mal visto que estaría falar dese desinterese na única lingua propia. E imos ter unha Consellaría adicada a ela. Con xuventude tamén e non sei que máis.

Nos últimos tempos estoume formulando máis a pregunta do porque que a do para que. En distintos eidos. Pensar, e decidir, sobre porque queremos normalizar o uso do galego. Normalizar quere dicir que se poida empregar, en calquera lugar e tempo, para calquera cousa que unha queira. Na fala e na escrita. Iso xa sería para que, non si? Pero cando escoitas ao novo mandatario da Consellaría que se vai encargar do tema, dicir con toda a boca que o galego gañou falantes, e que non lle medre o fuciño ou estoupe por estar aguantando a risa interna, xa tes claro que explicarlle a este(s) a importancia, o porque, de ter unha lingua propia que empape do saber cultural do que emana e ao que axuda a construír, diferente das impostas, diversa e de identidade, o valor destes conceptos, a riqueza e valor engadido que leva consigo poder tela, viva e forte, para entender e explicar a realidade ao xeito propio, fuxindo do pensamento único das linguas únicas... de pouco vai servir. E ademais, falando marabillas do decreto do plurilingüismo ese, sabendo de onde é que viu e cal era (segue sendo) o seu obxectivo fundamental: desvalorizar a lingua propia opoñéndoa á falsa utilidade económica dunha allea que non fora a colonizadora recoñecida.

Por circunstancias profesionais vexo todos os días desleixos da lingua en distintos eidos. Por outras, persoais, relacionadas coa Sanidade, a Xustiza, o Ensino, a Publicidade, a Cultura dirixida,... sei que nin de lonxe estamos nun espazo nin nun tempo de lingua galega normalizada.

Eu que non tiven o galego como lingua de formación, materna e paterna era, pero as agachadas, aprendín a falar e escribir en castelán, e nun momento da miña vida descubrín o galego e decidín, primeiro empezar a usalo, despois seguir aprendéndoo - aínda sigo - teño unha certa sensibilidade para percibir cando a alguén lle proe que se use. Será iso que din das conversas, que se volven máis ortodoxas que as bautizadas. E durante os anos nos que estiven en relación co sector educativo, ensino público, palpei o absoluto desinterese dos adultos, ponlle 80-20, para non esaxerar, por promover e axudar a normalizar o uso do galego a todos os niveis. Sen esa compensación de inmersión, e que ademais puidera ser de calidade, o abuso do castelán en todos os medios externos, supoñía, e o segue facendo, unha inmersión lingüística de feito, nesa outra lingua. A estas alturas xa todo o mundo mundial debera ter ben claro que a educación xa non está en mans dos antigos dous actores principais, a familia e a escola. Nunca foron os únicos, mesmo entendendo a educación como o proceso da construción da personalidade, aprendizaxe e adquisición de hábitos, condutas, valores, principios, sempre houbo máis escenarios de intervención. Pero a partir da ebulición da comunicación por medios e especificamente da tecnolóxica, a variedade de modelos cos que poder facer mimese e identificarse, que son, esencialmente os que definen ese proceso, multiplicouse de xeito exponencial e sen ningún tipo de limitación, ou escaso control. E seguimos sendo primates imitadores, cuxos mecanismos de ensaio-erro responden, nas máis das veces, aos niveis de satisfacción ou insatisfacción orgánica producidos por unha acción. Nun outro nivel de desenvolvemento, máis aló do inicial, xa entran en xogo outros factores, sinaladamente culturais e sociais, pero hai que chegar alí para que teñan efecto. E o sistema, ao meu parecer, pouco propicia e axuda a esa adquisición superior. Porque non interesa.

Dito isto. Se realmente tes un compromiso con promover o uso da lingua, dende un punto de vista hexemónico, isto é, converter como principal o discurso de valor de ter lingua propia, tes que manifestalo poñéndoa por diante de calquera outra cuestión. Porque xa se encarga o conxunto dos outros elementos externos a esa decisión política, social, de ir contra ela. Por dinámicas comerciais e económicas globais principalmente, por intereses ideolóxicos, se é posible separalos dos anteriores. E importante recoñecer esa contra-acción. Entón, galego como lingua vehicular no ensino, dende niveis básicos. Fundamental de 0 a 3, o período onde xa sabemos que se definen as habilidades físicas, motrices, cognitivas, sociais, emocionais e lingüísticas básicas. Para as garderías públicas e privadas. Para o ensino primario e secundario, obrigatorio e non obrigatorio, para a formación profesional en todas as materias. E todo o apoio necesario para quen poida manifestar algunha eiva no coñecemento da lingua para axudarlle a superala. Co obxectivo de que todas as persoas que pasen polo sistema educativo saian del cun manexo superior do galego estandarizado. Non como agora, que temos varias xeracións xa que se poderían definir como analfabetos funcionais na lingua propia do País. Cousa que moitas de nós tamén fomos, digo persoas adultas que chegamos ao galego despois de non poder ter acceso á lingua máis que como forma folclórica. Mesmo criterio para o ensino de adultos, con máis reforzo se é posible para o apoio na aprendizaxe. Como xa teño falado moitas veces de ensino público vs ensino privado, cero axudas públicas para quen non aplique os mesmos criterios no sector privado.

A teoría liberal di que non se pode impoñer unha determinada dinámica con requisitos estritos para as actividades privadas. Que o que hai que facer e incentivar para que se sumen á idea. Se miramos como foron as cousas até agora, neste eido, pero tamén en outros, responsabilidade social empresarial por exemplo, respecto e protección do medio natural, igualdade de xénero,... pouco resultado se lle mira. O criterio fundamental para o emprendemento privado é primeiro sobrevivir, conseguir manter o proxecto, despois medrar, sacarlle máis cartos, xa aguantei cando empecei, despois hipermedrar, xa non hai persoas, só cifras de negocio, todo o demais e secundario, moito menos que secundario.

Xa que logo. Medios de comunicación impresos en galego, os únicos que reciban axudas para o seu funcionamento. Non medias tintas. Non vale sacar cousas puntuais en galego ou publicar a portada na lingua do País un día ao ano. Para o resto dos medios en outros eidos de difusión, mesmo criterio que para os impresos en adaptación ao tipo de emisións. Axudas públicas para poñer toda canta película e serie sexa emitida no País en calquera medio en VO con subtítulos en galego, e para a dobraxe tamén de todas elas, pensando non só na emisión en plataformas, tamén para as proxeccións en salas de cine. Tamén para a tradución e edición de libros en galego, que non sexan só os clásicos. Imaxínome ás grandes editoriais estatais e do resto do mundo facendo primeiras edicións dun novo best-séller tamén en galego. Estaría ben, non si? Libros, revistas, cómics,... E para todos os casos, con especial apoio para que existan millóns de cousas pensadas para as crianzas, a rapazada, a adolescencia e a mocidade. Máis Xabarín por favor!!!

Pensando sobre todo neste colectivo de persoas menores ou que empezan a ser adultas, medios dixitais en galego. Intervir neste terreo ten que ser un empeño comprometido de todas as administracións públicas para crear marcos dixitais na lingua propia. Que promovan e apoien iniciativas para que os diversos sistemas operativos, todos, se poidan usar en galego. E todo canto programa hai. En internet míranse cousas sorprendentes. A min sorpréndenme. Unha marabillosa web con contidos en galego, por defecto, tamén en castelán e inglés, pero que ten todos os menús e sub-menús só en castelán, ou en inglés.  Ou unha web institucional que ten como opcións as dúas linguas oficiais e aparecen como: gallego/español. Promovendo o uso do galego nas redes sociais, espazo comunicativo fundamental hoxe en día, non só da mocidade. Apostando por convencer á intelixencia artificial de ser, tamén, galega. Penso que isto último custará menos traballo que convencer á que non é artificial, non sendo quen de entender tal cuestión, poida que tampouco sexa intelixencia. Unha que non foi galego falante dende pequena, que tempos aqueles deberon ser de andar agochando as palabras para quen non podía falalas en público, si que tiven o galego como lingua materna no mundo dixital. En todos os eidos. Tanto é así que teño que esforzarme para escribirlle a alguén en outra lingua, no correo electrónico ou no whatsapp, por citar algúns espazos. A alguén máis lle pasa? Isto fala da parte contratante da primeira parte. Para que exista unha rede en galego, ten que haber navegantas en galego. Compromiso persoal tamén, ademais do social.

Pero non chega. Hai máis cousas que facer. Eu, ti, ela, podemos ter escusa para escribir e/ou falar con incorrección. Eu son consciente de que así é. Sigo a ser aprendiz da lingua. Pero as persoas representantes políticas todas, dende a concelleira do concello de dous mil habitantes até a presidenta da Xunta (chegará...), as xornalistas todas, as mestras e as profesoras, de todos os niveis educativos, e noutra medida, tamén as comediantas, as futbolistas, as videoblogueiras e as influenciadoras, as cociñeiras televisivas, as gardas civís e as doutoras en medicina... ben podían coidar un pouco esa calidade lingüística xeral, que son onde nos miramos todas como referentes públicos. Dáme non sei que escoitar que a muller do tempo da televisión, nativa de Segovia, fala ben mellor en galego que o noso querido presidente electo.  Hai que poñer máis EDLs a disposición de todos estes colectivos para axudalos en todo o que sexa posible. Un xa, con poderes, na Avd. da Prensa de Arteixo, por favor. Aínda que pensándoo ben, pouco traballo ía ter...

E empezar a revisar todas as cousas que aínda non están en galego por defecto. Vou empezar unha listaxe. Invito a ir actualizándoa no instagram... partindo dunha base científica: a maioría das cousas que non vas entender en galego, tampouco as entenderás en castelán. O teu fillo non suspendía as matemáticas porque as clases e os libros foran en galego... xa caíches da burra?

Empezo a lista:

Etiquetas dos produtos todos e tickets da compra, de calquera cousa, en tendas físicas, en tendas virtuais. Empezando polos de Amancio, estou segura que lle gustará dar exemplo, sempre na cresta da onda e innovando.

Manuais de instrucións de equipos, electrodomésticos, mobles,... incluídos os do Ikea.

Facturas e contratos todos, de compra, de reparacións, de servizos... B2B e B2C.

Receitas  e informes médicos, prospectos de medicamentos, historiais clínicos, radiografías... non parva... as radiografías non... pero as explicacións para como poñerse para facelas e do que sae nelas, si.

Autorizacións e consentimentos para probas, anestesias e operacións no eido da saúde. As colonoscopias son moito máis agradabeis se das permiso en galego. Asegúrocho.

Exames de galego, que si, dígoche eu que si, que teño visto algún en castelán. Pero tamén os de inglés, matemáticas, castelán (reconquistando...), zooloxía, psiquiatría,...

Letreiros de sinalización obrigatorios ou optativos, Saída, Perigo, Siga a frecha,... non metas os dedos, baixa a tapa, apaga a luz ao saír,... aténdese só con cita, volva mañá (si, mesmo este...).

Anuncios publicitarios impresos e audiovisuais. Rebaixas! 3x2! (anda, volve a lelo en galego...).

Multas de tráfico, notificacións de embargo. E aquí, se non están en galego, anuladas, sen máis. Que vai ser isto!

Contratos de traballo, nóminas, liquidacións, follas de axudas de custo.

Libros de texto (gratuítos e universais no ensino público)(aproveitando).

Contratos de alugueiro e compravenda de vivendas ou calquera outro elemento inmobiliario. Dos mobiliarios non teño nin idea. Ou si? Contratos de préstamos e hipotecas.

Pólizas de seguros. Sen exclusións, digo, sen excepcións.

Manuais de ioga e pilates. Menús de restaurantes de carta e de menú, dos de comida rápida ianquis, italianos, chineses, turcos,...

Atención telefónica. Non me deas a escoller que xa me enleo. E chamo para que me atendas, non para atenderte eu a ti. Máquina.

..... 


Unha última reflexión. Que vai máis aló da Galiza. Hai uns días falaba cun técnico de atención telefónica dunha compañía de hosting. Interesándome pola campaña de promoción do .gal cunha oferta vinculada á subscrición a medios galegos que publican só en galego. Os dominios hai que pagalos. Supoño que todo o mundo o sabe. Unha web en condicións costa cartos. Facela. Atendela ben na actualización en todos os sentidos. Os programas vinculados ao seu funcionamento cambian cada pouco. Sempre aparecen novas opcións. Tamén hai que atendela nos contidos propios. Traballo. Tempo. Se é unha tenda, xa non che conto. Pero cada vez se fan máis con visión comercial, como parece que xa se fai todo no mundo. Hai dominios .cat, .gal, .eus. O .cat ten máis de 110mil. O .eus case 15mil. O noso .gal pasou os 7mil xa. Pero no Estado, as webs de empresas de calquera tipo, usan ou escollen estes dominios? Coido que non. Máis ben .net, .es, .com,... E ves moitas con versións, máis ou menos traballadas, en castelán e en inglés, algunha en francés, alemán, portugués... pero non en castelán e galego, catalá, euskera... ou inglés, galego, catalá, euskera. Non coñezo ningunha así, ti si?. Estaría ben? Que algunha empresa do Estado español pensara máis, ou tanto, nos seus clientes en países do Estado con lingua propia que nos de outros estados con outras linguas? Non sei, dou ideas.