Amosando publicacións coa etiqueta Dúbidas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dúbidas. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de maio de 2020

BALEIROS

Estamos pechadas nos nosos mundos máis que nunca. Coa ilusión da conexión virtual. Dou en supoñer que haberá quen se decate do baleiro na vida. Da ausencia de valor. Da ausencia de verdade. Da ausencia de vida. Cando volvamos a iso que chamamos normalidade, atoparemos moitos baleiros. Para quen nesta Peste perdeu a algún ser querido, non hai que explicar nada a este respecto. Eu non vou ser das que fan carnaza das mortes. Putos Voitres. Poida que sexa un bo intre para que alguén tome a iniciativa de comezar a render homenaxe ás que marcharon, sen monumentos, cun simple adeus, con nome e apelidos e unhas flores vivas, quizais unhas verbas sentidas, unha canción, un bico e unha aperta,... e o firme propósito de emenda de lembralas para sempre. E nesa lembranza, actuar consecuentemente.

Invítovos a un pequeno exercicio de imaxinación. Hoxe, 1 de maio de 2020, 215.216 casos confirmados na España. Toda a xentiña de Cartaxena enteira. Ou de Xerez da Fronteira. Ou Sabadell, Santa Cruz de Tenerife, Móstoles. Ou Pamplona, Almería, San Sebastián… De Ourense e Lugo xuntos. Toda a xente das provincias de Teruel e Soria xuntas.

24.824 persoas mortas. Como se desaparecera do mapa Marín enteiro. Ou Calahorra. Ou Erandio. Altea. Ponteareas. Barbate. Calatayud. Lalín. O Porriño. Moaña.

3.090.445 casos confirmados a nivel global. Case a poboación enteira de Madrid capital. Probablemente chegue nuns días a selo. Todas as persoas que habitamos a Galiza e máis case todas as de León.

217.769 persoas mortas por esta pandemia en todo o mundo. Toda a xente da provincia de Ávila ou de Cuenca. Todo Oviedo. Compostela, Pontevedra e Arteixo xuntas.

E son cifras oficiais, que xa hai quen está a falar de que son moi moderadas. Poñer as bandeiras a medio mastro ou saír ás fiestras a asubiar poida que sexa un xesto de boa vontade, pero non é dabondo. Non debera selo.

Neste Pais hai tempo que nunha situación de alarma colectiva que toda a xentiña sentiu nas carnes dun xeito ou doutro, xurdiu un berro que saia da gorxa social: Nunca Máis. Para min que nin a respecto daquel caso nin a respecto deste vai ser posible que así sexa. Nunca é unha palabra final. De imposibles para o ser humano nas súas circunstancias. E cando falamos de situacións que teñen a ver cos propios sistemas que a vida ten para reproducirse, alterarse ou facer limpa, probablemente sempre ande un paso por diante do noso saber científico e tecnolóxico.

Somos, como entidade biolóxica no planeta, parte dun ecosistema vital. Afectados por similares condicións no individual ao que lles acontece a outros seres vivos. Iso si podería ser lei de vida, e non a do darwinismo económico. Pero temos capacidades diferenciais, que nos ofrecen dende a racionalidade a posibilidade de enfrontar doutro xeito as circunstancias excepcionais, no eido individual si, pero sobre todo no colectivo. Non falo da civilización, que non sei se é unha conceptualización que trouxo máis mal que ben ou ao revés. Somos seres sociais na historia. Recoñecémonos así? Interdependentes de xeito ineludible. Antes o eramos a nivel barrio, vila, País. Agora poida que empecemos a entender que somos unha especie social planetaria.

Isto obrigaríanos a aprender a decidir entre moitas. Poida que a impoñer o principio do ben común planetario sobre dos intereses dos individuos particulares, das entidades particulares, dos colectivos particulares. Pero non é tan doado, verdade? Ten a simple e primeira complicación do paradigma da liberdade: a túa remata onde empeza a miña. Dos dereitos básicos do individuo fronte ao interese xeral. Das diferencias radicais na concepción da existencia que cada unha de nós ten. E tantas outras cuestións. E tantas outras resistencias do privilexio. Poida que sexa este o principal problema para dar o salto evolutivo social que precisamos. Renuncia ao teu para o ben común: ti primeiro, neno!

Pensemos dunha banda nas verdadeiras (íntimas, poida que non conscientes) razóns que nos levaron a aceptar unhas restricións como as que se estiveron a desenvolver nestas semanas. E pensemos doutra banda en toda esa xente que decidiu que podía saltarse as normas de confinamento durante este tempo. Máis de 700.000 actas de infracción por incumprimento das condicións de restrición. Rebeldía adolescente, medo infantil, descoñecemento científico, incapacidade de adaptación, falta de vínculos coa realidade, imposibilidade de diferenciar o verdadeiro do falso, posta en valor do superficial, falta de ética, inexistencia de principios estruturados, pasotismo social, ineptitude emocional, crítica destrutiva, ausencia de racionalidade,…  ou é que o fodechinchismo tamén se converteu en pandemia?

Quizais non sexa importante. Evidentemente para o obxectivo da conservación dos niveis de atención sanitaria necesarios, o cumprimento das medidas de confinamento non perde valor porque se faga por unha razón ou outra. E poida que nos teña evitado unha boa cantidade de mortes. Pero se asumimos que unha gran parte da poboación se meteu na casa por medo non haberá ningún cambio no futuro próximo no eido social. Se pola contra realmente cumprimos coas medidas indicadas por que entendemos que facelo era un ben para o conxunto da sociedade, mesmo pagando un costo físico, afectivo, económico por ter que facelo, entón habería unha esperanza para este futuro humano. Eu dubido que sexa así. E por iso penso que nada vai mudar substancialmente.

Pero sendo esta unha situación excepcional, podería recuperar aquel antigo escrito da Punta Crinse, para reflexionar sobre a quen e como lle importa o que está a pasar. E quizais apuntar uns cantos outros baleiros que nos imos atopar, moito menos importantes que os que cada persoa morta vai deixar, pero que se significarán no inmediato da volta á esa suposta normalidade.

Poida que haxa un gran baleiro nas relacións persoais. Neste tempo houbo un Gran Hermano familiar con emisión en vivo e en directo en rede privada e con transmisión as redes públicas persoais. E houbo un profundo distanciamento físico coas persoas coas que antes tiñamos relacións máis cotiáns.

O primeiro supuxo probablemente para moitas familias aprenderse mellor, nunha convivencia forzada permanente na que os comportamentos individuais quedan expostos sen ningunha válvula de escape. Se o experimento foi para ben ou para mal, verémolo máis adiante. Reforzáronse os vínculos? Descubriuse a inconsistencia da relación? En calquera caso, cando xa non teñamos que estar xuntas por necesidade, teremos interese en volver facelo por vontade propia? Xa que logo, se a cousa rachou, vai deixar un gran baleiro. E se nos prestou, xa non imos poder facelo con esa intensidade, logo tamén haberá un baleiro importante.

A respecto do segundo. Aquí unha que non é moi dada a relacionarse á mantenta, pregúntase como é que imos entender a importancia nas nosas vidas da xente coa que antes tiñamos unha relación externa á familia, por traballo por exemplo. Ou as colegas da calceta. Os compañeiros de barra de bar. As da asociación de defensa do ourizo cacho. E como están as amizades coas que compartimos un xeito de ver a vida ou unha parte dela. Empecemos por pensar que os costumes de contacto van mudar, sexa por precaución auto-imposta ou condicións do uso dos espazos comúns de relación. Saudar cos cóbados, falar a distancia (sen móbil, que todo hai que explicalo, xesús!), aprender a bicarse con condón, levar sempre luvas e máscaras re-utilizables no peto (que nicho de negocio, masclinex), empezar a facer como os xaponeses deixando os zapatos fóra. Eu lembro á miña avoa deixar as zocas na porta e entrar coas zapatillas que levaba por dentro, tampouco é tanto invento.

E poida que haxa quen deixe de ser tan importante tan importante como antes e pase a un segundo plano. Ou poida que de repente descubramos canta importancia ten apertar, chuchar e bicar a alguén que queres ben. Sen importar o risco e tendo en conta o risco. Moita importancia repetida e como se come iso último? Ciencia. Veracidade. Valor. É tan difícil entender que se che entra o virus por unha ferida aberta vas ter unha infección de carallo? Que se estás nun espazo onde haxa un alto nivel de contaminación vírica tes bastantes máis posibilidades de contaxiarte que se tocas unha vez coa man dereita a barra dun carro da compra que se limpa despois de cada uso? Á miña avoa de 80 anos lle vai supoñer unha diferencia de recoñecemento afectivo que lle fale á cara a berros dicíndolle que a quero tanto tanto tanto como se a vou visitar sempre que poida coa máscara e as luvas postas? Non será esta última posibilidade unha moito super máis enorme mostra de canto a quero?

Imos notar baleiros nos costumes e nos tratamentos. Tamén probablemente de relacións que antes estaban presentes con certa intensidade nas nosas vidas e agora pasaran a un segundo ou terceiro plano. E se non é así, e recuperamos e intensificamos todas elas, o baleiro será o tempo perdido de antes de, no que nunca nos decatamos do que realmente pagaba a pena. Sen importar o risco. Ogallá que en calquera dos casos, sexa sempre para ben.

Hai outros moitos eidos nos que coido atoparemos baleiros vitais. Na Educación. No mundo laboral. Na política. E si, claro, na economía. Pero iso quedará para outra historia...

venres, 18 de setembro de 2015

A CASA COMÚN

Na miña casa mando eu. Seica é o que dixo Neus, a do 5ºC, antes de proclamar na reunión no portal a intención da súa familia de declararse Piso Independente a todos os efectos. E os dos resto dos pisos, que lles pareceu? Os inquilinos, que están de prestado, de paso polo edificio segundo din, pois que no é cousa deles. Salvo o do 3ºB, que leva xa 15 anos apoquinando o alugueiro e non entende nin se formula para que se pode querer a independencia total. Está no edificio, cumpre coas normas, participa nas cotas e nas derramas na parte que lle di o propietario, pero non se sinte un máis. Fala de que era moito máis doado antes, cando cada un vivía no seu alpendre, cedido polo amo e baixo o seu mandato único, e todos eramos máis libres (?). Entre os propietarios puros, quitando os do saínte con miradoiro, onde todos somos ben recibidos, sempre tan amables eles e con ese acento tan agarimoso, e os dos áticos, que teñen unha visión máis etnograficamente elevada e un foro especial por aquilo do ph do tellado, o resto divídese en dous grupos principais: os que din que onde carallo di nos Estatutos do edificio que unha das vivendas poida ter nin tan sequera a opción para pedir a autorización para desvincularse da comunidade e os que din que teñen todo o dereito a decidir o que queren facer e que mesmo está recoñecido por leis superiores aos Estatutos da comunidade.

No patio non se fala doutra cousa. Que porque se quererán marchar, se sempre se lles deu o que pediron, mesmo houbo iniciativas para axudar á familia cando os dous proxenitores quedaron sen curro. E a verdade é que así foi. Era raro o día no que alguén non lles subía unha bolsa do super con cousas de comer e de hixiene. E anda que non se remexeron armarios para pasarlles roupa e calzado aos pequenos cando o precisaron. Sen ningún chamamento especial. Sempre foron de aquí, que todos lembremos, sempre contribuíron co que lles correspondía, e as veces mesmo con máis. Pere lle ten atopado ocupación laboral a máis de un no edificio e sen sobres de por medio. E sempre fixeron cousas das que toda a comunidade nos sentíamos orgullosos. Mesmo falaban especialmente ben deles, citando tamén a todo o resto, nos outros edificios da contorna. Os rapaces do 1ºA din que viron na internete que había xente que os poñía de exemplo como familia en edificios de outros continentes, perdón, concellos. Lembrades cando coa importantísima participación dos seus fillos maiores, gañamos o concurso mundial de chapas? E as festas que fan! Eu aínda non esquecín aquela do 92. Anda que non estivo ben montada! Pero todo mudou cando lles empezaron a ir mal as cousas con isto da punta crise. E como se deixaran de percibir que non eran os únicos que o estaban a pasar mal no edificio, e que xuntos poderíamos saír mellor e antes da desfeita na que nos meteron. Eu coido que sobre todo, deixaron de ter a sensación de que tiñan un recoñecemento especial por parte de todos, como unha familia avanzada, un exemplo a seguir, orgullosos de ser como eran, distintos en tantas cousas e tan parecidos en outras, e que tiñan capacidade para tomar as súa propias decisións, mesmo a risco de que aos demais non nos convenceran, ou de que puideran equivocarse. Agora, con tanto cruce de desinformacións, tanto ruxe ruxe, tantos intereses ocultos, xa non imos saber se é realmente o que quere a familia enteira (ou a maioría que pode decidir) ou simplemente non aturan que non confiemos en eles para tomar unha decisión como familia responsable, e tiran para o monte. Non sei, non estou na súa pel como para poder sabelo, pero, e se foramos nós?