sábado, 22 de xuño de 2024

NORMALIZACIÓN



Asinei o manifesto de Queremos Galego. Non parece que avancemos na normalización. Máis ben diría que imos cara atrás. Non sei se sairá alguén da Xunta dicindo que a culpa é dos incendiarios. Con esa análise profunda que adoitan facer das situacións que teñen causas estruturais. Estou convencida de que é por dicir algo. Que realmente saben cales son as causas da perda de falantes e dos non avances na normalización, porque ten relación directa coas súas accións e coas súas inaccións políticas. E que para non ter que recoñecelo, porque si que estaría mal visto polo conxunto da cidadanía que dixeran a mi el gallego es que me da lo mismo, son ganas de complicar las cosas, pensamento afín á ideoloxía uniformadora neoliberal que define o partido que dirixe a Xunta. Descoidos comunicativos aparte, que cando se relaxan teñen menos coidado en que se lles vexa o coiro verdadeiro. Pero si han volvido a ganar con maioría absoluta. Si, certo, mesmo cun candidato á presidencia falando nun medio xornalístico de que temos dúas linguas propias no País. E nin foi noticia. Acontece que algo si deberon de decatarse do mal visto que estaría falar dese desinterese na única lingua propia. E imos ter unha Consellaría adicada a ela. Con xuventude tamén e non sei que máis.

Nos últimos tempos estoume formulando máis a pregunta do porque que a do para que. En distintos eidos. Pensar, e decidir, sobre porque queremos normalizar o uso do galego. Normalizar quere dicir que se poida empregar, en calquera lugar e tempo, para calquera cousa que unha queira. Na fala e na escrita. Iso xa sería para que, non si? Pero cando escoitas ao novo mandatario da Consellaría que se vai encargar do tema, dicir con toda a boca que o galego gañou falantes, e que non lle medre o fuciño ou estoupe por estar aguantando a risa interna, xa tes claro que explicarlle a este(s) a importancia, o porque, de ter unha lingua propia que empape do saber cultural do que emana e ao que axuda a construír, diferente das impostas, diversa e de identidade, o valor destes conceptos, a riqueza e valor engadido que leva consigo poder tela, viva e forte, para entender e explicar a realidade ao xeito propio, fuxindo do pensamento único das linguas únicas... de pouco vai servir. E ademais, falando marabillas do decreto do plurilingüismo ese, sabendo de onde é que viu e cal era (segue sendo) o seu obxectivo fundamental: desvalorizar a lingua propia opoñéndoa á falsa utilidade económica dunha allea que non fora a colonizadora recoñecida.

Por circunstancias profesionais vexo todos os días desleixos da lingua en distintos eidos. Por outras, persoais, relacionadas coa Sanidade, a Xustiza, o Ensino, a Publicidade, a Cultura dirixida,... sei que nin de lonxe estamos nun espazo nin nun tempo de lingua galega normalizada.

Eu que non tiven o galego como lingua de formación, materna e paterna era, pero as agachadas, aprendín a falar e escribir en castelán, e nun momento da miña vida descubrín o galego e decidín, primeiro empezar a usalo, despois seguir aprendéndoo - aínda sigo - teño unha certa sensibilidade para percibir cando a alguén lle proe que se use. Será iso que din das conversas, que se volven máis ortodoxas que as bautizadas. E durante os anos nos que estiven en relación co sector educativo, ensino público, palpei o absoluto desinterese dos adultos, ponlle 80-20, para non esaxerar, por promover e axudar a normalizar o uso do galego a todos os niveis. Sen esa compensación de inmersión, e que ademais puidera ser de calidade, o abuso do castelán en todos os medios externos, supoñía, e o segue facendo, unha inmersión lingüística de feito, nesa outra lingua. A estas alturas xa todo o mundo mundial debera ter ben claro que a educación xa non está en mans dos antigos dous actores principais, a familia e a escola. Nunca foron os únicos, mesmo entendendo a educación como o proceso da construción da personalidade, aprendizaxe e adquisición de hábitos, condutas, valores, principios, sempre houbo máis escenarios de intervención. Pero a partir da ebulición da comunicación por medios e especificamente da tecnolóxica, a variedade de modelos cos que poder facer mimese e identificarse, que son, esencialmente os que definen ese proceso, multiplicouse de xeito exponencial e sen ningún tipo de limitación, ou escaso control. E seguimos sendo primates imitadores, cuxos mecanismos de ensaio-erro responden, nas máis das veces, aos niveis de satisfacción ou insatisfacción orgánica producidos por unha acción. Nun outro nivel de desenvolvemento, máis aló do inicial, xa entran en xogo outros factores, sinaladamente culturais e sociais, pero hai que chegar alí para que teñan efecto. E o sistema, ao meu parecer, pouco propicia e axuda a esa adquisición superior. Porque non interesa.

Dito isto. Se realmente tes un compromiso con promover o uso da lingua, dende un punto de vista hexemónico, isto é, converter como principal o discurso de valor de ter lingua propia, tes que manifestalo poñéndoa por diante de calquera outra cuestión. Porque xa se encarga o conxunto dos outros elementos externos a esa decisión política, social, de ir contra ela. Por dinámicas comerciais e económicas globais principalmente, por intereses ideolóxicos, se é posible separalos dos anteriores. E importante recoñecer esa contra-acción. Entón, galego como lingua vehicular no ensino, dende niveis básicos. Fundamental de 0 a 3, o período onde xa sabemos que se definen as habilidades físicas, motrices, cognitivas, sociais, emocionais e lingüísticas básicas. Para as garderías públicas e privadas. Para o ensino primario e secundario, obrigatorio e non obrigatorio, para a formación profesional en todas as materias. E todo o apoio necesario para quen poida manifestar algunha eiva no coñecemento da lingua para axudarlle a superala. Co obxectivo de que todas as persoas que pasen polo sistema educativo saian del cun manexo superior do galego estandarizado. Non como agora, que temos varias xeracións xa que se poderían definir como analfabetos funcionais na lingua propia do País. Cousa que moitas de nós tamén fomos, digo persoas adultas que chegamos ao galego despois de non poder ter acceso á lingua máis que como forma folclórica. Mesmo criterio para o ensino de adultos, con máis reforzo se é posible para o apoio na aprendizaxe. Como xa teño falado moitas veces de ensino público vs ensino privado, cero axudas públicas para quen non aplique os mesmos criterios no sector privado.

A teoría liberal di que non se pode impoñer unha determinada dinámica con requisitos estritos para as actividades privadas. Que o que hai que facer e incentivar para que se sumen á idea. Se miramos como foron as cousas até agora, neste eido, pero tamén en outros, responsabilidade social empresarial por exemplo, respecto e protección do medio natural, igualdade de xénero,... pouco resultado se lle mira. O criterio fundamental para o emprendemento privado é primeiro sobrevivir, conseguir manter o proxecto, despois medrar, sacarlle máis cartos, xa aguantei cando empecei, despois hipermedrar, xa non hai persoas, só cifras de negocio, todo o demais e secundario, moito menos que secundario.

Xa que logo. Medios de comunicación impresos en galego, os únicos que reciban axudas para o seu funcionamento. Non medias tintas. Non vale sacar cousas puntuais en galego ou publicar a portada na lingua do País un día ao ano. Para o resto dos medios en outros eidos de difusión, mesmo criterio que para os impresos en adaptación ao tipo de emisións. Axudas públicas para poñer toda canta película e serie sexa emitida no País en calquera medio en VO con subtítulos en galego, e para a dobraxe tamén de todas elas, pensando non só na emisión en plataformas, tamén para as proxeccións en salas de cine. Tamén para a tradución e edición de libros en galego, que non sexan só os clásicos. Imaxínome ás grandes editoriais estatais e do resto do mundo facendo primeiras edicións dun novo best-séller tamén en galego. Estaría ben, non si? Libros, revistas, cómics,... E para todos os casos, con especial apoio para que existan millóns de cousas pensadas para as crianzas, a rapazada, a adolescencia e a mocidade. Máis Xabarín por favor!!!

Pensando sobre todo neste colectivo de persoas menores ou que empezan a ser adultas, medios dixitais en galego. Intervir neste terreo ten que ser un empeño comprometido de todas as administracións públicas para crear marcos dixitais na lingua propia. Que promovan e apoien iniciativas para que os diversos sistemas operativos, todos, se poidan usar en galego. E todo canto programa hai. En internet míranse cousas sorprendentes. A min sorpréndenme. Unha marabillosa web con contidos en galego, por defecto, tamén en castelán e inglés, pero que ten todos os menús e sub-menús só en castelán, ou en inglés.  Ou unha web institucional que ten como opcións as dúas linguas oficiais e aparecen como: gallego/español. Promovendo o uso do galego nas redes sociais, espazo comunicativo fundamental hoxe en día, non só da mocidade. Apostando por convencer á intelixencia artificial de ser, tamén, galega. Penso que isto último custará menos traballo que convencer á que non é artificial, non sendo quen de entender tal cuestión, poida que tampouco sexa intelixencia. Unha que non foi galego falante dende pequena, que tempos aqueles deberon ser de andar agochando as palabras para quen non podía falalas en público, si que tiven o galego como lingua materna no mundo dixital. En todos os eidos. Tanto é así que teño que esforzarme para escribirlle a alguén en outra lingua, no correo electrónico ou no whatsapp, por citar algúns espazos. A alguén máis lle pasa? Isto fala da parte contratante da primeira parte. Para que exista unha rede en galego, ten que haber navegantas en galego. Compromiso persoal tamén, ademais do social.

Pero non chega. Hai máis cousas que facer. Eu, ti, ela, podemos ter escusa para escribir e/ou falar con incorrección. Eu son consciente de que así é. Sigo a ser aprendiz da lingua. Pero as persoas representantes políticas todas, dende a concelleira do concello de dous mil habitantes até a presidenta da Xunta (chegará...), as xornalistas todas, as mestras e as profesoras, de todos os niveis educativos, e noutra medida, tamén as comediantas, as futbolistas, as videoblogueiras e as influenciadoras, as cociñeiras televisivas, as gardas civís e as doutoras en medicina... ben podían coidar un pouco esa calidade lingüística xeral, que son onde nos miramos todas como referentes públicos. Dáme non sei que escoitar que a muller do tempo da televisión, nativa de Segovia, fala ben mellor en galego que o noso querido presidente electo.  Hai que poñer máis EDLs a disposición de todos estes colectivos para axudalos en todo o que sexa posible. Un xa, con poderes, na Avd. da Prensa de Arteixo, por favor. Aínda que pensándoo ben, pouco traballo ía ter...

E empezar a revisar todas as cousas que aínda non están en galego por defecto. Vou empezar unha listaxe. Invito a ir actualizándoa no instagram... partindo dunha base científica: a maioría das cousas que non vas entender en galego, tampouco as entenderás en castelán. O teu fillo non suspendía as matemáticas porque as clases e os libros foran en galego... xa caíches da burra?

Empezo a lista:

Etiquetas dos produtos todos e tickets da compra, de calquera cousa, en tendas físicas, en tendas virtuais. Empezando polos de Amancio, estou segura que lle gustará dar exemplo, sempre na cresta da onda e innovando.

Manuais de instrucións de equipos, electrodomésticos, mobles,... incluídos os do Ikea.

Facturas e contratos todos, de compra, de reparacións, de servizos... B2B e B2C.

Receitas  e informes médicos, prospectos de medicamentos, historiais clínicos, radiografías... non parva... as radiografías non... pero as explicacións para como poñerse para facelas e do que sae nelas, si.

Autorizacións e consentimentos para probas, anestesias e operacións no eido da saúde. As colonoscopias son moito máis agradabeis se das permiso en galego. Asegúrocho.

Exames de galego, que si, dígoche eu que si, que teño visto algún en castelán. Pero tamén os de inglés, matemáticas, castelán (reconquistando...), zooloxía, psiquiatría,...

Letreiros de sinalización obrigatorios ou optativos, Saída, Perigo, Siga a frecha,... non metas os dedos, baixa a tapa, apaga a luz ao saír,... aténdese só con cita, volva mañá (si, mesmo este...).

Anuncios publicitarios impresos e audiovisuais. Rebaixas! 3x2! (anda, volve a lelo en galego...).

Multas de tráfico, notificacións de embargo. E aquí, se non están en galego, anuladas, sen máis. Que vai ser isto!

Contratos de traballo, nóminas, liquidacións, follas de axudas de custo.

Libros de texto (gratuítos e universais no ensino público)(aproveitando).

Contratos de alugueiro e compravenda de vivendas ou calquera outro elemento inmobiliario. Dos mobiliarios non teño nin idea. Ou si? Contratos de préstamos e hipotecas.

Pólizas de seguros. Sen exclusións, digo, sen excepcións.

Manuais de ioga e pilates. Menús de restaurantes de carta e de menú, dos de comida rápida ianquis, italianos, chineses, turcos,...

Atención telefónica. Non me deas a escoller que xa me enleo. E chamo para que me atendas, non para atenderte eu a ti. Máquina.

..... 


Unha última reflexión. Que vai máis aló da Galiza. Hai uns días falaba cun técnico de atención telefónica dunha compañía de hosting. Interesándome pola campaña de promoción do .gal cunha oferta vinculada á subscrición a medios galegos que publican só en galego. Os dominios hai que pagalos. Supoño que todo o mundo o sabe. Unha web en condicións costa cartos. Facela. Atendela ben na actualización en todos os sentidos. Os programas vinculados ao seu funcionamento cambian cada pouco. Sempre aparecen novas opcións. Tamén hai que atendela nos contidos propios. Traballo. Tempo. Se é unha tenda, xa non che conto. Pero cada vez se fan máis con visión comercial, como parece que xa se fai todo no mundo. Hai dominios .cat, .gal, .eus. O .cat ten máis de 110mil. O .eus case 15mil. O noso .gal pasou os 7mil xa. Pero no Estado, as webs de empresas de calquera tipo, usan ou escollen estes dominios? Coido que non. Máis ben .net, .es, .com,... E ves moitas con versións, máis ou menos traballadas, en castelán e en inglés, algunha en francés, alemán, portugués... pero non en castelán e galego, catalá, euskera... ou inglés, galego, catalá, euskera. Non coñezo ningunha así, ti si?. Estaría ben? Que algunha empresa do Estado español pensara máis, ou tanto, nos seus clientes en países do Estado con lingua propia que nos de outros estados con outras linguas? Non sei, dou ideas.

martes, 21 de maio de 2024

NON HAI


Coido que é a segunda vez que vou a un acto de difusión da cultura en Afundación, A Coruña, e vai ser a segunda vez que vou a escribir algo sobre o acto manifestando o meu desencanto. Desta vez foi coa iniciativa Noraydeideas. Xa me dirás ti...

Si escoitei informacións, opinións e sucedidos que cualifico abertamente como de interese, algúns mesmo divertidos, e case todos, todos que carallo, que viñan da mesma persoa, a que era a figura relevante deste evento, Juan Luis Arsuaga Ferreras, a quen só coñecía por referencias mediáticas. Non lle merquei o libro nunca. Como a tantas e tantos outros, todo sexa dito.

Normal que foran as súas intervencións as que lle deron algo de substancia ao acto. Hai unha sabedoría que vai máis aló do coñecemento profesional das materias, que ven da experiencia da vida, que se foi quen de levala como el mesmo formula, como un neno curioso, un científico subversivo (redundante), un homo sapiens sapiens simbólico, cultural e en permanente estado de evolución e aprendizaxe, necesariamente devén en SABER máis aló do habitual. A que se transmitía nas súas palabras, mesmo sen poder recoñecelo como un comunicador ao estilo. Alguén con que gustaría de sentarme a tomar un café unha tarde e falar, sen máis. Sen presa.

Non podo por desgracia dicir o mesmo do resto do persoal, e xa vai un cualificativo menor, que interveu no relatorio. O comunicador telecinquero, outro cualificativo menor, con preguntas que non tiñan na maioría dos casos ningún interese e unha formulación de informativo amarelo, rosa quizais. Non o coñecía até agora, ou quizais non o identificaba porque o seu uniforme mediático non me deixaba ver quen había debaixo.

Os que interviñeron antes de empezar, case me quedo durmida. Si, claro, discurso institucional, moita formalidade, pero falso, simbolicamente falso.

Unha universidade galega, financiada en parte con cartos galegos, supoño, unha fundación galega, vinculada a unha entidade bancaria supostamente galega, pagada con cartos galegos historicamente, recuperada con cartos galegos para ser regalada ao mellor-único puxador, e nin unha soa palabra na lingua do País. Ou é que na Coruña non se entende o galego? Pero es que esto es para que lo vean en todo el mundo, neno. Por lo del Noray, neno, non Norai, que coido ben podía ser así, en algún dicionario naval o teño visto, neno. Non aprendemos nada. A escasos metros do monumento a Curros, na cidade onde se atopa a Real Academia da Lingua. Se as Irmandades levantaran a cabeza...Temos unha simboloxía propia expresada a través da nosa lingua que nos permite explicarlle ao mundo como é que o entendemos e que o entendemos todo. Que todo se pode entender, en galego como en calquera lingua, nestes tempos que xa chegamos de tanta intelixencia, artificial. Porque a propia, biolóxica, social, escasea, escasea moito.

Vergoña allea. Que despois cando chegou a quenda de preguntas, de novo, como a última vez, volvín sentir, en todas, pero sinaladamente nunha figura que debera ser representativa do nivel de comprensión científica, coñecemento cultural e social, como a dun dos representantes da UDC presentes no acto. Que mágoa. E que cara se lle debeu quedar ao pobre. Ou non, porque quen non ten non sinte. E non teño datos dabondo para afirmar se ten ou non, que conste.

Agás unha pregunta dunha rapaza, dunha rapaza claro, sobre o intrusionismo empresarial na investigación científica. Que ao meu pouco entender, ben merecía unha outra resposta máis subversiva. Dirixir os traballos dos equipos universitarios, e as bolseiras e bolseiros, a obxectivos de negocio cando podería, (debería?) ser face aos intereses xerais e as necesidades reais, cotiáns, pero tamén posibles, do conxunto da sociedade, tería que dar noxo. Pero cando non hai pasta, pública, colectiva, para apoiar esas investigacións, ¿como se vai a negar unha universidade a cartos privados, para outras cousas, que quizais despois poidan ter algunha repercusión en outros eidos colectivos?

E eu, que son parva, e adoito ter tamén vergoña propia, para formular cuestións e preguntas, quedei con gañas de formular unha. Antes non me pasaba. E coido que non é por medo ao ridículo, do que seguro si sería consciente, non como outras persoas. Por percibir a inutilidade de facela nun foro concreto. Claro, porque cando as fago, non son para saber máis eu, que me respondan a min. Para iso, mandaríalle un correo. (Que idea!). É por compartir a sabedoría implícita nas miñas dúbidas en termos de curiosidade científica co conxunto das persoas coas que comparto o relatorio. E non me parecía a min...

Lémbrome daquela ocasión en Compostela falando de arquitectura. Ou no Ézaro. Pero nesta mestura de xente que descoñeces e cuxos intereses e necesidades descoñeces, é como preguntar nunha rede social. Cero utilidade.

Que cal era a pregunta?

Se non entendín mal, os seres humanos especializámonos, como o fixeron os golfiños en nadar e as aguias en voar, simplificando, no uso dixital, o dedo prénsil e as capacidades de manipulación que permiten, manipulación, de man, asociado ás capacidades cognitivas, non só o cerebro, pero sinaladamente. E a evolución en marcha, non de X-Men, devagar, que tamén ten unha explicación cultural, no sentido de que a interacción dos seres humanos co medio vai esixindo novos retos psico-motores, máis desenvolvemento cognitivo, máis especialización, tamén na expresión simbólica. Se a conclusión disto puidera ser que a evolución da especie humana necesita da interacción social, de non manterse esta, activa, práctica, non a distancia, non cada un ao seu e eu vou apañándome no meu poste, interacción social entendida como intercambio cognitivo e práctico, cooperación, creación conxunta, ciencia común, non cada unha polo seu lado, máis filosofía, como vai funcionar a ciencia ben sen ética, pois... sen esa evolución social, a individual parará papá? Parará Pachín. Máis aló do que poida ser ter un dedo menos na man, que para manexar os móbiles e os coches autónomos pouco falta van facer máis de tres, digo eu.

E levo agardando a publicación do podcast ou vídeo ou o que sexa que ían publicar da gravación da sesión, así o indicaron, dende ese mesmo día, 11 de abril. Para poder acompañalo con este parrafeo crítico... pero non aparece. Así que, imos aló.

domingo, 17 de marzo de 2024

PRIMOS



As matemáticas non menten. Non poden. Mentir é unha capacidade principal da condición humana. Fundamental para a supervivencia.


Pero iso si, os humanos podemos mentir con matemáticas. Usándoas, pervertendo o seu ser, para modelar a realidade ao noso antollo e manipular.


Feliz ano novo. 2024 digo. O número que representa cada un dos anos pódese descompoñer en números primos. Non hai números sobriños, nin númeras primas. Nin tías nin pais. Números primos, do N, naturais, entre o cero e o vaitisabercantascifras poden ser para adiante (non para atrás, que xa serían Z) todos os que nunha división enteira, só son divisibles polo número 1 e eles mesmos. Puideron chamarlles egocéntricos. Pero non. 2, 3, 5, 7, 11, 13, 17, 19, 23, 29,....


Hai todos os que queiras e máis. Isto pode ser difícil de explicar. Ou de entender. Hai infinitos números. É hai tamén infinitos números primos. Infinito é o que é. Estou por apostar que chegado un punto, entre dous números primos moi grandes moi grandes, tamén habería infinitos números non primos. Infinito é cando cansas de contar... por poñelo en prata. Para Susana igual chegando a 317. Eu igual dou chegado a centos de miles. Ou uso potencias de dez e me quedo tan ancha.


Pero ao que vou. 2024 descomponse (cando come algo que lle senta mal) en 2,2,2,11 e 23. Poderíamos poñelo así, 2221123, por exemplo, sendo que o acordaramos. Só as cifras primas, sen repetir, 21123. 231123 poñendo o dous elevado ao cubo,2x2x2, como unha cifra máis, un 3 (normalmente iría elevado e pequeno, pero da máis xogo así). Ou sendo que dous ao cubo, 2x2x2, é oito, así, 81123. A min gústame máis este, por razóns persoais que agora non veñen a conto.


2023 sería. 71717, só 717, 7172 (sete por dezasete ao cadrado expresado) ou ben 7289 (calculado).


2022 o poñeríamos... 23337. Non hai potencias. Dous por tres e por trescentos trinta e sete. Pero esa expresión, 23337, tamén é unha das que poderíamos usar para o ano 1998.


Probade con outros. Como que non é divertido? Non é máis que un xogo.





Pero con uns números así e un pouco de imaxinación, alguén pode definir unha teoría do caos, unha mitoloxía ou un novo orde mundial.


Por exemplo. Evaristo Fuentes, líder da seita solidificadora, oposta ao estado líquido social, cultural e relixioso, conclúe que estas combinacións expresan por unha banda como van a ser os anos a respecto dos conflitos sociais, a meteoroloxía e a economía en base ao análise de como foron os anteriores todos. Afirma que canto máis longa sexa a combinación numérica xeral, a que repite todos as cifras nas que se descompón o numeral do ano, peor será o nivel de conflito a nivel político, podendo chegar a violencia e enfrontamentos armados. Mirade 1936, di. Tamén asevera que as persoas nacidas en anos cuxa táboa teña números pares e impares na expresión, serán máis equilibradas na súa personalidade. Que calquera expresión que non remate nunha cifra par suporá un ano inestable. Alimentando o seu interese... porque agás o dous, todos os números primos nos que se pode descompoñer outro número calquera son impares... el sabeo, pero como digo, interésalle a inestabilidade.


Pero analizar anos non é dabondo, así que a seita, ou sexa, Evaristo, decide crear un equipo, para o que consigue financiamento privado, o mecenado está ben tratado fiscalmente, e axudas públicas para I+D+I, porque ten a categoría de Asociación sen ánimo de lucro e con fins sociais, e porque vai a usar IA na investigación, que estude o mesmo para as datas de nacemento, horas, minutos e segundos incluídos en numeración decimal.


Antía naceu oficialmente, que é o que vale para isto, ás 16:23:15 do sete de abril de 1996. Antía é en realidade a Reverenda Antía, primeira concubina do actual líder da Seita, Evaristo Fuentes. Antía era filla única dun coñecido industrial madrileño do sector da construción, que despois de pasar por distintas clínicas de desintoxicación por adición ao consumo de novas tecnoloxías, recalou na seita solidificadora onde abandonou todo tipo de vicios, grazas, entre outras cousas a que no lugar onde ten a súa sede central, Casas de Rueda (Teruel), non hai ningún tipo de cobertura, nin por satélite.


A seita conta cunha biografía detallada de Antía e de todo a súa árbore xenealóxica até cinco xeracións atrás. A IA incorporou toda esa información e a cruzou con eventos e feitos históricos. E con datos relativos a psicoloxía, filosofía, economía e política. Partindo da súa expresión numérica completa: 5899507041996. A descomposición daría o seguinte resultado: 2,2,3,3,1733,94561567. Con estas posibles expresións: 2233173394561567, 23173394561567, 2232173394561567, 49173394561567.





Unha oportunidade que nin Evaristo nin a seita podían deixar pasar. Algo tiña que significar una combinación con esa variedade e lonxitude. Cun número primo final de oito (8) cifras. Oito!


A Reverenda Antía pasou a ser o centro de todas as formulacións ideolóxicas da seita. En base aos resultados e conclusións teóricas que produciron os algoritmos da IA a respecto da súa expresión numérica en relación á súa vida e historia,  a Asemblea (chámalle X) da seita acordou crear un partido político para presentarse ás seguintes eleccións autonómicas con eses fundamentos. Despois foron as xerais e europeas. En todas arrasou, deixando aos antigos partidos de esquerdas e dereitas, moi esquerdas e moi dereitas, agás un na Galiza, sitio distinto, claro, con presenza testemuñal en todas partes.


E na maioría dos países do mundo, de arriba e abaixo, a nova ideoloxía foi implantándose a todos os niveis. Os últimos en sumarse foron os suecos, non por nada en especial, só por facerse o que son. O planeta entrou nunha etapa de equilibrio. As relixións todas pasaron a un segundo plano. Entre outras cousas porque tamén se fixo unha análise numérica dos seus contidos. A investigación xa pasara a outro nivel. Calquera texto, dende a Biblia até o Quixote se converteu en números primos. A intelixencia artificial analizaba, descompoñía e resolvía numericamente un millón de textos nunha hora. E os resultados foron tan sorprendentes, mesmo para a cúpula científica que asumira o control da seita, onde quedou Evaristo… que cando llos presentaron á Reverenda Antía, esta si, pouco sabía ela…, baixouse do seu altar de ouro e mármore do Porriño e nunca máis volveu a subirse. Dixo, marcho que teño que marchar e foise a vivir a unha comuna nas Seychelles. Hai axencias de viaxes organizando peregrinacións para ir saudala, non se pode facer máis ca iso, nin falarlle, que non quere, calculando con algoritmos cales son os mellores momentos para facer cada etapa e con que medios.


A economía de mercado desapareceu. A produción sistematizouse matematicamente para xerar os bens primarios suficientes para poder darlle a cada un dos seres humanos o básico. Nin máis nin menos. Despois había opcións para poder conseguir máis, pero dentro duns límites, atendendo fundamentalmente ao que indicaba a teoría numérica a respecto do que cada ten tiña por necesidade e do que poderían ser os seus intereses para desenvolverse persoalmente e así aportar algo substancial ao conxunto da humanidade.


Houbo algunha guerra aínda mentres a cousa se foi asentando. Unha pequena nuclear incluso. Pequena porque foi moi limitada no tempo e no espazo. O que quedaba dos Estados Unidos que nunha arroutada, e xa sen saber a quen máis botarlle a culpa da súa auto-desfeita social, decidiron tirarlle uns foguetes a Canadá. Pero non pasou diso. Os ianquis enseguida se arrepentiron, e os canadenses, pois como os sitios nos que caeron as pequenas bombas atómicas xa os tiñan máis de medio abandonados, era sitio para facer vulto, pois tampouco se cabrearon moito. De feito, acabaron todos xuntos dende Alaska até México nun único País.


Mesmo se empezaron a recuperar desertos. Que si. Sacaban a area en camións eléctricos e facían praias. Por todo o bordo de África. Agora podes ir paseando pola area e mirando as ondas dando toda a volta ao continente. Hai quen xa o fixo, por certo. E de onde ían quitando a area ían poñendo plantas para fixar o linde aos poucos. En dez anos o Sáhara perdeu un trinta por cento da súa extensión. E dis que queren seguir, pero só até un límite. Dixeron os algoritmos da IA que tamén tiñan a súa funcións, eses espazos cubertos de area, a nivel ecolóxico planetario.


Si claro. Todo isto é unha ficción distópica. Despótica cando empezou, pero despois cambiou. Cunha visión optimista da dialéctica histórica da humanidade. Moi optimista. Pero, estamos moi lonxe de algo así?


Unha humanidade globalizada, necesitada de algo inmaterial no que acreditar para poder seguir adiante colectivamente. Os procesos de descomposición política e social nas sociedades do primeiro mundo, a agravación dos conflitos endémicos de base imperialista, as rebelións violentas afirmadas en teoloxías que supoñemos benévolas e pacíficas, o incremento das diferencias de clase entre os distintos mundos dentro deste mundo, as ansias por parecer ser e ter máis do que calquera poida ter medrando en progresión xeométrica… son caldo de cultivo para a destrución completa ou para un re-equilibrio mundial baseado en principios acreditables cientificamente pero que cheguen ao órgano do instinto primario do ser humano dun xeito simple. Coa capacidade de espallamento dun virus, que dadas as circunstancias tiqtoqueiras e asimilables e ben doado de conseguir.


Porque sabemos que os datos todos para poder facer a maxia de que todo coincida cunha fórmula preestablecida xa están en mans de compañías e organizacións diversas, non si? Ningún misterio niso.


E cada vez hai menos capacidade individual de análise crítico da realidade e menos lugares ou moito máis difíciles de atopar na barafunda de suposta información, como para ofrecer resistencia, razoable resistencia, a como se está a modelar a realidade. Cada vez máis cerca da visión de Huxley. A pequena e a gran escala.


En concreto, este pequeno ensaio, está cheo de opinións e teorías. Aínda que aparecen cifras e explicacións, non poden ser consideradas como constitutivas de datos informativos. Agás estas ligazóns á wiki e á unir non hai ningunha información de reforzo, que poida ser contrastada e verificada. Está claro que é un artigo de opinión. Cando escoito emisoras, miro televisións, leo xornais… cústame moito traballo distinguir entre unha cousa e outra. E nos máis dos casos… mestura sen distinción, coa intención encuberta de confundir á mantenta, de intentar que se perciban as opinións como informacións. E iso mesmo sabendo que uns son dunha cor e outros doutra. Non, non é posible a obxectividade nin o purismo informativo, pero quen ten a responsabilidade de informar, falo dos medios de comunicación en xeral, deberan cando menos ser pulcros nesa diferenciación. Pero… a quen se deben? Ollo. Non falo das persoas, falo dos medios. Aínda que nalgún caso, hai cans de presa aos que habería que darlles de comer aparte, e por desgracia teñen nome e apelidos moi recoñecidos e valorados socialmente.




Nota: A bandeira e a foto son de onde anda Antía recollida. Sacadas da wiki tamén.