sábado, 28 de marzo de 2020

CIRCO



Decepción.
E xa choveu, pero esa podería ser a expresión máis aquelada para o penúltimo faladoiro para docentes no que me colei. Grazas a quen corresponde.

Marcelo Castelo desenvolveu durante unha hora e pico o seu monólogo participado, co encaixe previsto e dentro dos lindes preestablecidos. Sorprendeume que unha persoa con tal desenvolvemento, na sede da Fundación ABANCA, en pleno centro da cidade da Coruña, Irmandade´s City, carallo como cambiou o conto, noroeste peninsular, disertara practicamente os 100 minutos nun perfecto galego. Pero evidentemente non foi a única, sorpresa digo.



Xa para antes de empezar a disertación, a presentadora educativa falounos do interese fundamental da organización fundacional bancaria en evadir impostos no fomento da educación avanzada como fundamento para o desenvolvemento dunha sociedade democrática, ou algo así. Sobra algo? Seguro que si. Faltou cando menos a indicación de educación pública, que non era preciso quizais amentar sendo que a BANCA que financia, tamén anda pensando seriamente nunha universidade privada, co meneo vertical primate da cachola dos feijoos e blancos de quenda con baba caendo pola comisura dos beizos.


Pero para que queren a pasta que rouban se non é para gastala nos seus?


Hai pouco tiven a ocasión tamén de escoitar unha conversa, e isto é un inciso parcial, na que dúas adultas burguesas asombrábanse do marabilloso que está a ser o mundo laboral para a nosa mocidade. E eu poñendo a man na boca para non trousar… A ignorancia frijolita da realidade é inocente, pero non deixa de ser culpable.


Non era un inciso total, porque unha ten a ver coa outra….. é un parecer meu. Hai unha parte da poboación que vive nunhas condicións e nun mundo cuxa condición condiciona 😅 como perciben a realidade. Filtran a información para desbotar o que non encaixe no seu mundo disnei. Quitando as onegeadas, claro, que son moi progres para deixalas pasar.


Volvendo ao tema. Que nos contan nun relatorio titulado Profes que cativan e inspiran? Pois iso, o conto de como é que se pensa que deberan ser os profes para mellorar o proceso educativo. Que levanten a man os que pensen que tiveron tantos mestres que lles cambiaron a vida. Dos que din que deixan pegada. Que levanten a man as que nunca fixeron isto. Convictos. Erros mentais. Mira que curioso. Empeza a ser un pouco repetido o de converter calquera faladoiro nun circo youtubeiro. Sexamos simpáticos. Provoquemos a emoción para conseguir a fixación de ideas. Os mesmiños mecanismos de inserción de necesidades ficticias que emprega a publicidade, pero o fin xustifica os medios, non si? 


E para nota, os agudos comentarios e preguntas dalgunha das asistentes oitenta por cento pareceume a min do sector profesional educativo. Esta non sería para puntuar, xa sabedes o de que para cobrar quinquenios hai que asistir a cursiños, pero tiña un chamado especial de mola ir a este sitio a escoitar alguén que dis que está trendin. E algho terei que facer para aparentar que me interesa isto no que traballo. Coidadiño! que neste sentido hai tanto que apuntar polo lado profesional como polo afeccionado.


Pois con todo isto zumbando, saín de alí coa sensación de que agora calquera pode montar un furancho de auto-axuda educativa poñendo orde e enlazando ideas do eido das ciencias da educación e dalgunha outra relacionada coa psicoloxía e a socioloxía, si, tamén coa neurociencia, que se non a cito non vou estar á moda, e vender a moto. E non son máis que fundamentos educativos que xa se coñecen hai un lote da anos pero que nunca se levaron á práctica de xeito sistémico. Mérito ten, non vou dicir que non. Un dos compoñentes dese mérito e darlle a papilliña masticadiña a calquera para que non teña que facer un mínimiño esforziño en asimilar a conceptualización ou formularse o meta-coñecemento.


O caso é que xa enlacei na neurona a idea aquela que tiña de pararme a pensar niso que din os expertos (que expertos?!!) sobre a prolongación da duración da adolescencia nas sociedades modernas. Claro que hai quen o discute, pero é que o discute todo… E entón empecei a pensar: e non será que vivimos instalados nunha sociedade adolescente? 

Recapitulando.


Cales son as características que definen o período da adolescencia?


Será porque non hai estudos que falan disto. Poñamos que son estas.


Actitude distante e menos afectuosa coa familia.
Impulso para modificar as normas á súa conveniencia.
Propensión a poñerse absorto do entorno.
Culto á auto-imaxe e valorización polos outros.
Tendencia a fuxir das responsabilidades impostas.
Actitude agresiva cara os outros no seu entorno e a si mesmo/a.
Máis interese pola xente allea á súa familia e grupo.
Toma de decisións baixo os seus únicos criterios.
Perdida xeral ou específica de motivación.
Grandes cambios emocionais mesmo de xeito brusco.


Pois vou intentar trasladar algunhas destas condicións ao eido social xeral e ver se hai situacións nas que se manifesten dalgún xeito. Serei quen?


Continuará… ou non.

Ningún comentario:

Publicar un comentario