sábado, 25 de xuño de 2016

O VOTO DA PRIMITIVA



E que pasaría si...? Como sería se todas decidiramos votar o domingo o mesmo que votamos en decembro? E que se algunha non vai poder, polo que sexa, haxa outra que adopte o seu voto circunstancialmente. E as que non foron que non vaian tampouco, claro. Seica que para as que cumpriron os anos precisos no intervalo custaríalles non ir, polo da novidade máis que nada, pero poderían sumarse ao da adopción e así non alteramos nada.

E entón, quen lle estaría dando unha segunda oportunidade a quen? De quen mandamos aos que teñen que exercer o noso mandato, e non ao revés, como seica toca agora.

Xa sei, isto non forma parte do ideario político de ningunha formación. Pero tampouco do imaxinario político da poboación en xeral. As primeiras porque o seu interese principal é gañar para poder administrar a aplicación dun determinado dogma que só poden desenvolver dende a distancia orgánica e burocrática. Os segundos, o corpo votante, porque poida que non vexamos na política unha forma de relación social pertinente que precisa de atención (e cariño) continuada, senón como un espazo para patexar, un lugar de enfrontamento, unha contenda en termos futbolísticos, un gran reality show, un vídeo de bar, un programa da teletenda.

No meu pequeno recuncho de opinión, como parte inmersa nesa masa con dereito a voto, recoñézome ignaro, indeciso, manipulable, tendencioso, previsible, alienable. Especialmente cando boto a vista colectiva atrás no tempo. E cada vez cústame máis traballo manifestar publicamente que un voto ten algún valor, se non somos quen de convertelo nun compromiso persoal entre individuo e grupo para traballar acotío na procura dunha sociedade mellor.

E na mesma medida, exceptuando aquilo que supera o límite de lesa humanidade, como en tantos outros dos pequenos ensaios sociais que sigo compartindo, non son quen de sinalar, estigmatizar ou excluír a un individuo polas súas decisións, opinións ou votos. O que me proe é o comportamento colectivo. Que sexamos tan parvos para renunciar ao poder poñéndoo en mans de intermediarios sen ningún control. Nos tempos nos que estamos, onde a posibilidade definida polos medios tecnolóxicos de ser capaces de participar en tempo real, non a empregamos para converter a participación nas decisións políticas en cuestión cotián, pero si convertemos decote decisións menores en valoracións fundamentais.

Cal é a experiencia histórica que temos sobre o cumprimento das cuestións programáticas da maioría das formacións políticas? Que un partido que gaña as eleccións modifique o que tiña pensado facer ao chegar ao poder, pode ter múltiples explicacións. Entre elas, podería ser unha a de que exercen como posuidores e non como usufrutuarios do mandato político? Se así fora, tería isto que ver máis coas súas propias estruturas internas  de poder ou máis con que son organizacións que xorden dunha sociedade determinada e reproducen os esquemas de funcionamento social?

A que é debido que unha vez e outra, nas sucesivas convocatorias, escoitemos repetidas as mesmas argumentacións sobre cuestións de base do funcionamento democrático por parte da maioría das formacións políticas? Por exemplo: a discusión sobre o de deixar gobernar ao partido máis votado. Que tipo de sistema electoral nos deron aló polo 75? Escollemos unha persoa para gobernar ou escollemos moitas representantes para que decidan entre elas quen gobernará? Votamos sendo conscientes desta cuestión? Outro exemplo: o emprego do medo como ferramenta de acumulación de votos. Que ben podería ser asimilable a calquera outra emoción potente. Como cualificariamos a calquera persoa que intentase conseguir algo de nós, no bis a bis, utilizando o medo a unha consecuencia funesta? No ámbito da educación, e no entorno familiar especificamente, recoñecemos a chantaxe emocional e o acoso como usos subrepticios do medo na relación. Como é que non somos quen de valoralo igual en termos políticos?

Condenamos a calquera que manifeste publicamente que se equivocou en algo, etiquetando a esa persoa como non fiable, incapaz de asumir responsabilidades. O facemos acotío, mesmo con xente que temos preto de nós emocionalmente. A perda de confianza nos ámbitos persoais, parella, fillos, amizades, é un factor considerable da ruptura de relacións. Como é que seguimos mantendo a confianza en persoas públicas das que sabemos que mentiron plausibelmente? Ou quizais é que non existe a verdade, ou é unha entelequia, ou é subxectiva. Dependerá o que percibimos e como o percibimos de canto nos teñamos que arredar da nosa zona de seguridade vital? Será que a información que asumimos como verdadeira é aquela que confirma as nosas expectativas ou os nosos prexuízos?

Púxenme a escribir isto sabendo que s.c.f.m. o domingo irei votar. E sabendo a formación á que lle vou dar o meu voto dende hai un tempo xa. Porque o meu escepticismo social non pode superar o positivismo vital. Entendo o funcionamento democrático no que teño a oportunidade de participar, como parcial e limitado. Un camiño longo por recorrer para conseguir chegar a algo máis. Pero non podo esquecer que antes que nós un lote de xente de ben pelexou - e mesmo puxo a súa vida na pelexa - por conseguir un dereito social ao que non deberamos renunciar por non comparecencia. Votarei por min e por todas. E tamén in memoriam.


E ao día seguinte, a seguir dando caña....

Ningún comentario:

Publicar un comentario