venres, 22 de maio de 2020

DÁNDOLLE VOLTAS



Isto que vou dicir é un pouco místico. Son consciente. Cando despois dun tempo sinto as gañas de pórme a pensar coas teclas, sempre dou no mesmo antes de. Para que? Dunha banda non teño ningunha aspiración a crear un estado de opinión. Non creo na teoría de que se escribes necesariamente é para que alguén o lea. Non importa. Non uso os mecanismos comúns para posicionar este espazo en ningún sentido. Coido que fundamentalmente ten un obxectivo de ser unha memoria da miña propia racionalidade e dos meus instintos. O dano colateral pode ser que alguén se lle ocorra fiarse o máis mínimo do que vou contando. Pero sei que vai ser un dano minúsculo. Anecdótico. Como me gustan algunhas palabras. Máis que outras digo.

E coa cantidade de tinta en bits e en papel que vai circular falando desta Peste e das súas consecuencias, o que eu poida apuntar vai ser unha desas agullas. Pero aínda así, a válvula da pota a presión corporal pídeme marcha. Dende o cerebro até as zonas máis animais que aínda teño en funcionamento.

A primeira cuestión que se me pasa pola cabeza é a da máscara. E as pantallas faciais. Agora xa non se me fai tan estraña a imaxe do can co funil plástico enganchado ao pescozo para evitar que se rabuñe na ferida aberta. Seica lle chaman colar isabelino. Non estou facendo unha brincadeira. Paréceme manifestamente clarificador de cal é a nosa condición de control sobre das cousas que facemos ou deixamos de facer. Mandado: Non te toques a cara, os....! E unha explicación científica detallada das vías de transmisión e contaxio da maioría dos virus respiratorios (e outros, claro) feita con gráficos, infografía, vídeos en youtube e pausados e educados chamamentos reflexivos en canto medio de comunicación hai. Do verbo: imos ver!

Pois seica nun día calquera, unha persoa calquera se toca a cara unhas centenas de veces de media mentres está esperta. Nunha hora pois veñen sendo unhas 24, botade contas. Segundo os últimos estudos, unha persoa calquera, non ten porque ser a mesma de antes, conste, se toca a pantalla facial arredor de un 20% máis de veces ao día de media (inventado totalmente). E non engado o de mentres está desperta, porque non pode ser. Ou hai quen a poña tamén para durmir?

Non somos quen de controlar un impulso simple? Non. Cousa por certo da que tiran proveito con certa asiduidade e sen ningún pudor dende colacoca até Haple. Entre other things because non somos conscientes de que o facemos. Temos unha serie de procesos físicos automáticos. E un feixe de costumes ou hábitos automatizados, moitos deles absolutamente inconscientes.

O único xeito de evitar o costume de tocarse a cara e creando o costume de non tocarse a cara. E, como se fai iso? Que partes do meu cerebro interveñen nese proceso? Canto tempo é preciso para modificalo ou mudar un polo outro? E se me ato as mans as costas, non acabarei antes? Cala Paulov!

Entón. Algo tan simple resulta que é tan complexo? Como imos ser quen de saber cal é o sentido da vida? Xa non digo entender o final de Juego de Tronos...
Non puxen máscara aínda. Non saín moito, pero nalgún espazo pechado onde había 20 ou 21 persoas estiven. Por exemplo no super. Ultimamente xa hai moita xente que a leva. Mal posta, diría que un 30 por cento. Inadecuada poida que un 20. Imaxino que todas elas sentiranse protexidas (viv la France!) ou/e pensarán que están protexendo aos demais. Eu voto pola segunda. Pero entre elas, un que a leva posta no queixo mentres vai tusindo enriba do carro da compra, de fronte, nos andeis,… A rapaza que a baixa para preguntarlle á peixeira. E entre os que non a levamos, un berrándolle a outra por onde están os botes de callos, a que ven de facer deporte emitindo calor, o que paga en canta moeda e billete leva no peto,… hai tantas casuísticas como persoas, tantas como costumes temos cada unha. Non sirve que nos expliquen ben as cousas, cientificamente, con datos concretos de fontes fidedignas. Todo o interpretamos. Absolutamente todo. Salvo que o dardo se dirixa á función de comprensión básica e a indicación sexa asumible para ser cumplida sen precisar dun esforzo de vontade superior. Individual. Tamén colectiva. Entendemos agora o éxito das propostas populistas? Pero eu vou seguir dicindo que o fin non xustifica os medios.

É evidente que toda esta situación vai propoñer unha revisión de pautas de conduta e funcionamento en practicamente todos os eidos da actividade humana. Pero para que o que está a suceder supoña algún cambio esencial, no eido social sinaladamente, debemos mudar os medios. E a percepción que temos da realidade e da nosa propia existencia. Teremos que tomar consciencia en primeiro lugar do que somos e como somos, como individuos. En niveis cada vez máis complexos. Máis aló do eu son como son e non vas vir ti agora a cambiarme que xa non teño idade bla bla ou do se non aturas as bromas marcha do pobo, que temos a pel moi fina bla bla bla. Non me analices que non es o meu psiquiatra. Cal é o problema, se vivimos coma reis! E o recurso ao sentido común, que algunhas xa descubrimos hai tempo que non existe.

Falo de Neurociencia. De espazos e tempos para a meditación. De reconstruir aquela intuición que tiñamos da dualidade físico-sentitiva do ser humano pero pensando xa na multiplicidade de espectros vitais que nos constitúe. Entender que somos maleables e moldeables, a calquera idade, e repito, que ben o saben os gurús do mercado e como o aplican para os seus obxectivos. Se no tomamos consciencia desa darkweb da persona, pouco imos poder avanzar. Mesmo pouco imos poder aportar a unha existencia común, porque seremos copias, máis ou menos estandarizadas dun patrón de costumes, hábitos e comportamentos. Nada artesanais.
Despois, e a un tempo, haberá que recuperar a visión histórica e cultural da humanidade. Esquecer os posicionamentos finalistas e mecanicistas. Recuperar a Filosofía, en todos os seus sentidos. A interdisciplinariedade das Ciencias, volvendo a poñer ás Matemáticas a carón da Literatura, á Química xunto ás Artes Plásticas, a Psicoloxía á par da Mecánica Cuántica. E que a Economía sexa unha disciplina máis, non o centro do universo.

Que doado se pon isto no papel, non si? Só hai un camiño para que iso mude. Todo ten que centrarse en aprender. E co aprendido, seguir aprendendo na práctica. E coa práctica rectificar o que xa aprendimos. Xa que logo, a grande revolución planetaria que podería comezar cunha Peste coma esta, ten que empezar pola Educación.

Hai centos de tratados e ensaios a respecto de que facer nese eido. Moita teoría e moita aplicación práctica. Con máis ou menos éxito. Os educadores profesioanis adoitan facer programacións didácticas, para aproximarse teoricamente ao que pretenden conseguir no proceso de aprendizaxe. Quizais haxa que facer unha análise simple de conxunto para intentar establecer uns parámetros básicos a partir dos que desenvolver a nova Educación.

Para que? Para axudar a recoñecernos e coñecernos. Entender como funcionamos, en todos os eidos vitais. Para axudar a coñecer aos demais e ao mundo no que convivimos. A quen temos a carón e a quen vive na outra punta do mundo. A quen comparte as nosas vivencias e costumes e quen ten outras diferentes e diversas. Para ser quen de entender o fundamental da diferencia e poñela en valor.

Como? Vivindo. Que pode ser ler, pero ten que ser escribir. Escoitar, pero tamén falar. Compartir, pero tamén ter. Palpar a realidade é probablemente o único xeito de chegar a interiorizar a súa esencia. Pero aprender a abstraerse dela e fundamental para que a personalidade exprese a súa diversidade creando.

Con que? Case mellor, con quen. As ferramentas tecnolóxicas non fracasan. Os libros foron e seguirán sendo unha TIC fundamental na historia da humanidade, pero por si mesmos non constituén a sabiduría. Internet ten que ser a fonte enciclopédica de acceso universal en condicións de igualdade, pero non pode ser o substituto de pasear mirando cadros nunha galería, pisar a herba nun concerto, practicar sexo na praia, cheirar o arrecendo do polbo á feira na idem. A percepción no mundo físico é imprescindible. Con quen? Pois con todas as demais. Non hai mestras, non hai alumnas. Hai persoas aprendendo xuntas.

Que? O coñecemento non pode seguir sendo curricular. Acumular información é unha tolemia nun tempo de bits coma este. Ou intentalo, porque encher os tempos de ensino de materias inanimadas para a persoa que as ten que asimilar, tradúcese nun xeito de aprendizaxe burocrático. Por non poñerlle as dúas erres xuntas onde se pode. Aprendo isto para poder cubrir o impreso de verificación. E despois faigho sitio na mamoría RAM. Aprender algo ten que supoñer pracer íntimo. Especificamente o da ansia por coñecer máis, cada vez máis, daquilo que enche a nosa existencia e nos da enerxia para vivir. Xa que logo, o fundamental é aprender a aprender. Desenvolver as capacidades, hábitos e métodos para poder achegarnos a calquera coñecemento que interesemos na nosa vida.

Onde? Pois en todas partes. Na casa e na rúa. Na praia e na fábrica. Na tribuna ou no escenario e na platea. Na vida líquida en xeral. Esa que xa nunca máis vai ser estática e monolítica, senon fluinte. Para poder facer isto é preciso mudar dunha banda a concepción urbanística e a ordenación do territorio, cara a cidades/vilas/pobos educativos, como doutra o concepto de conciliación da vida familiar e laboral. Tanto unha cuestión como a outra deben propoñer a adaptación de todo o demais ao proceso de construcción educativa. 

Pero teño que entrar aquí nunha cauística particular. A estandarización e organización da aprendizaxe no ensino. Que até agora se definiu coa disposición de espazos físicos pechados e limitados para o seu desenvolvemento. Pois haberá que eliminar a palabra rateo do discurso, porque haberá que eliminar o concepto tradicional de aula. E consecuentemente o de centro de ensino. Porque calquera espazo terá que ser un lugar de aprendizaxe. Teremos que tirar moita parede e probablemente adicar enormes mamotretos de cemento e cristais que se caen, as veces, a espazos comunais de recreo e actividades diversas, e empezar a poñer barracóns educativos espallados por todas partes, que logo iremos substituíndo por construccións que non poida derribar a loba soprando e soprando, nin a intransixencia, nin o medo, nin a iñorancia, onde todo se poida facer aos poucos e amodo, pero con enerxía e constancia. As masificacións irán ben para facer pan, pero para o de ensinar vai ser que non.

E vai ser precisa unha manda de boa e xenerosa xente especialista en aprenderse e axudar a aprender. Niño de emprego (nicho valerá para o mercado, pero para isto…).

Que bonito, que bonito, que bonito. Será por reincidir e insistir! Será por non estar calada.

Pouca esperanza hai nesta que escribe na consecución dun modelo semellante. Non se percibe esa necesidade. Porque realmente non nos deixaron parar. Ocuparon as nosas mentes e sentidos durante este estado de alarma excepcional. Con debates, hiperinformación, contradebates, canles abertos en emisión continua e máis datos gratis no móbil. Acceso á drogha legal garantido (donuts, patacas fritidas e papel do cu especificamente). E maioritariamente picamos. Os medios sociais botaron fume. Exactamente iso. Fume. O da leña esa que ti xa sabes. Pero todo vai a volver ao rego de producir e consumir en menos que canta un galo. Se non pode ser pola vía presencial, amazoneando. Que non haxa tempo para pensar un pouco máis aló da primeira fachada que nos construímos para a nosa seguridade.

But, don´t take my opinion seriously. Probably I’m very tola de máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario