venres, 8 de maio de 2020

HEROÍNAS


https://medium.com/personal-growth/this-is-what-a-prisoner-knows-about-life-f88f33713f1

Cal é a definición de heroína? No dicionario da RAG, Republican Academy of Galician, di que é unha persoa que actúa cun valor e unha coraxe fóra do normal nunha guerra, nunha situación difícil etc.

Xa que logo, si que habería que afirmar con rotundidade que unha enorme cantidade de profesionais que neste tempo de emerxencia coidaron do resto da poboación e mantiveron o funcionamento de instancias e servizos vitais para unha sociedade estruturada, actuaron como tales.



As visibles e as invisibles. Entre as primeiras moitas das que sempre están á vista, sempre tiveron algún tipo de recoñecemento social. As segundas, nunca existiron para case que ninguén e será probable que sigan sen ser vistas.


Esta que escribe non saíu á fiestra nin unha soa vez a aplaudir nestes días. Normalmente tampouco o fago, a ningunha hora, que conste. Mesmo cóstame traballo facelo en espectáculos ou eventos, sobre todo cando hai moita xente. Neste caso teño unha razón de peso, duns 35 kg, por unha alerxia traumática dunha das co-habitantes aos aplausos, asubíos e en xeral ruídos estentóreos ou estridentes. Pero non foi a razón principal, máis ben a escusa, para non terme sumado a dita manifestación colectiva.

Con toda seguridade, especificamente o colectivo das profesionais sanitarias que traballaron a eito contra desta penúltima Peste, en ocasións segundo nos contan con falta de medios e con risco manifesto para as súas vidas, constatado por desgracia con persoas mortas con nome e apelidos, merecen o máis enérxico recoñecemento social. No plano colectivo e no individual.

Como deberamos facer ese recoñecemento? Si, os aplausos están ben. Non digo que non. Mesmo sabendo que quen aplaude necesita tanto dese reforzo afectivo para seguir enfrontando os seus medos vitais como as receptoras precisan de sentir o apoio en tempo real de toda a sociedade á que están servindo. Os xestos teñen a súa importancia. Un sorriso case sempre consegue máis que unha labazada. Sobre todo se vai acompañado do compromiso de entender, empatizar, analizar, recoñecer o valor engadido de algo e aplicarse en ser consecuente para mantelo e incrementalo.

Ou eu estou moi errada ou quen evitou que a peste se estendera en progresión xeométrica foi o sistema de saúde pública fundamentalmente, e fundamentalmente con todas as súas profesionais, permanentes ou temporais. Vou a afirmar que nesta situación especialmente, con máis relevancia dende os niveis inferiores da estrutura profesional, as técnicas sanitarias, ás enfermeiras, e toda canta persoa traballadora hai no sistema. Unha boa parte delas, invisibles. Celadoras, limpadoras, persoal de servizos en xeral. Seguimos sen saber cantas destas últimas morreron tamén por causa desta epidemia, por certo.

Se son consistente coa miña apreciación debo sinalar dúas cuestións agora mesmo. A primeira, Sanidade Pública. Non pode ser doutra maneira. Non pode ser un mercado. É patético ver como os produtores de medicamentos e os fabricantes de material sanitario intentan facer o agosto con esta situación. Tamén sen ela, claro. Ridículo que uns Estados lles rouben as compras a outros. Vergoñento que as comunidades teñan que estar mendigando o material que precisan. Nacionalización non, Inter-Nacionalización. E a tomar polo santo graal as farmacéuticas que non se aveñan a producir os medicamentos necesarios para o conxunto da poboación mundial a prezo de custo. Que carallo vai ser isto!? Bla, bla, bla que si a propiedade privada e os accionistas. Poida que esta sexa a pedra angular inicial de unha revolta ao sistema actual. Colectivizar os medios de produción das necesidades esenciais para a cobertura da saúde do conxunto dos seres humanos.

E entre eses medios de produción estarían tamén os centros profesionais onde se practica o coidado da saúde? Si. Non ten porque ser de repente, que a todo se ten que adaptar un. Digamos nun par de días.

Entre moitas das persoas que si sairon a aplaudir as fiestras, probablemente haxa quen non estea de acordo con isto. Imaxino que mesmo algunhas terán apoiado nas súas comunidades respectivas a opcións políticas que foron desmantelando algúns destes servizos de saúde pública aos poucos, e traspasándolles aos seus amighetes para tirarlle uns cartos á aspirina. Pois quizais haxa xente recalcitrante nesta idea. Logo haberá que facer excepcións. Se queres un servizo privado de saúde, págao, con todas as consecuencias. Pero non dos cartos que son de todas. Nin con profesionais que tiran dunha teta e da outra. Mesmo que sacan leite dunha para encher a outra. E non para vir despois rebotados ao sistema público cando o seguro xa non che dea para máis.

Que conste que non teño unha boa apreciación do colectivo médico. Mesmo contando con algún que outro familiar nel. Arrepíame a actitude vital que adoitan manifestar no seu trato profesional. Estou xeneralizando, si. Teño atopado nas miñas propias experiencias vitais quen non é así. Pero todas as demais… Non o fan mal, tecnicamente falando, por que adoitan saber, preparámolas e preparáronse para iso, e actualízanse, intercambian información mesmo en tempo real con casuísticas inmediatas, que será o que ten esta muller, a ti que che parece, padecen cando non atopan a explicación ou a cura, cando perden contra a enfermidade ou a morte. Pero non adoitan practicar a empatía. E esta é unha menciña que cura moitos males. Coido que esa actitude pode ser un anticorpo contra desa dor que a fatalidade pode traerlles cando se achegan moito ás persoas ás que atenden. Pero ten que existir unha resposta alternativa.


E non entendo porque unha persoa que exerce unha profesión ten que ter unha remuneración maior en función do cargo que ocupe nun clasificación profesional. Isto, enténdase, aplicable a calquera profesión. Non me vale o de que tamén ten máis responsabilidade, porque é a súa elección. Se non o é ou non o foi, non serve de xustificación, e en todo caso debera indicarlle que algo non está ben na súa vida. Non creo que todas as ocupacións teñan que ser vocacionais, pero esta poida das que sexan do 95% esixible. Non me valen os anos de estudo, necesarios e coñecidos previamente, que se de xeito maioritario foron na universidade pública, estiveron ademais financiados en boa medida colectivamente.

Ese conto do tipo que sabe cal parafuso apertar para arranxar  algo e por iso hai que pagarlle unha burrada de cartos, e xustamente iso. Un conto. Moi propicio para darlle a razón a quen di que unha enfermeira non ten que gañar tanto como unha doutora en medicina, pola mesma cantidade de horas traballadas. Ou e que o tempo dunha, que é o que realmente vendemos, vale máis que o da outra? Quizais agora que o propio tempo económico parou parcialmente, alguén reflexione sobre o valor do da vida de cada unha de nós.

Porque se facemos memoria, nos últimos cento e pico anos, século 20 e o que vai de 21, non houbo ningún período no que houbese un parada social coma neste. Na primeira e na segunda mundial, probablemente houbo incluso máis actividade, aínda que foran tamén unhas condicións excepcionais, pero as máquinas non pararían de producir a non ser que lles caeran enriba os edificios bombardeados. Non son tan vella, pero hai moita información sobre iso. Poida que o máis próximo a esta situación, en canto ao de levantar o pe do acelerador da produción, dende o punto de vista da cantidade de persoas que non teñen actividade produtiva económica, fora o crack do 29. Nesta ocasión, sen escaseza, hai centos de miles de persoas separadas da súa actividade profesional habitual ou exercéndoa a distancia. Seguro que non haberá de entre todas elas quen diga para que carallo vou volver a esa merda de vida? Ou, que utilidade ten o que fago? Ou, que tipo de satisfacción me trae o meu traballo? Os cartos? En que estou a gastar o meu tempo vital e a cambio de que?



Unha reflexión individual así, pode alterar o equilibrio de calquera. Unha reflexión colectiva neses términos, podería revolucionar o mundo. O laboral por suposto, pero tamén o da economía, da educación, do ocio, da política. Sei que me repito.


A segunda cuestión, ben a conto de todo o anterior. O recoñecemento social xa o teñen gañado. Ninguén esquecerá o que neste tempo fixeron. Pero quizais deberan ser elas, cada unha delas as que indiquen de que maneira sería posible compensalas, gratificalas ou bendicilas individualmente. Hai centos de posibilidades, e non creo que todas optaran por unha simple nómina extra, que xa podería ser por defecto automática, considerando todas as horas nas que estiveron traballando durante o tempo da pandemia como tales (extras) e que as cotizacións dese período (para todas as prestacións) se multipliquen automaticamente en función da consideración de actividade de risco especial. 

Pero podería ser tempo para facer o que lles petara, coa correspondente substitución de persoal, non ao estilo patada no cu de algunha gobernanta modernísima. Ou empeza a facerme caso dunha p.v. que eu son quen sabe como é traballar a pe de obra e ti estás sentada no despacho a 10 pisos de altura e 70 ou 700 km. Ou poñéndolle nomes e apelidos de cada unha delas a canta habitación de canto hospital haxa para sempre. Eu que sei, algo se lles ocorrerá… seguro. Ás visibles e ás invisibles. Por certo, lembrade a partir de agora, saudar á limpadora dos corredores e darlle as grazas polo que fai. E ao varredor. A camareira de piso. O repoñedor do super. A repartidora de comida a domicilio. O transportista. A teleoperadora. Seguide vós, que de seguro empezaredes a ver aparecer xente que antes era habitualmente translucida como pouco. Tamén son as miñas heroínas, nesta situación e sempre, e nunca saín a aplaudir por elas a ningunha fiestra. Prefiro practicar o de miralas aos ollos e que sintan o importantes que realmente son.

Ningún comentario:

Publicar un comentario