mércores, 21 de outubro de 2015

VINTEDE

Nu

As coincidencias son importantes. Des que coincidiu que acadei a maioría de idade co feito de que un sistema de democracia representativa se instaurou na España, non deixei de votar nunhas eleccións nunca, con unha excepción circunstancial por causas sobrevidas, tamén por coincidencia. Agora a coincidencia do 20D obrigarame con toda probabilidade a emitir por primeira vez na miña vida o voto por correo. Postal, digo. Non entendo moi ben como é que podo ir selar a papeleta do paro co dedo dixital redundante a distancia, a calquera distancia, e non temos aínda un sistema seguro para poder votar, mesmo allende los mares, por medios electrónicos.

Isto dos calendarios electorais, éche un pouco así. Poida que estivera ben, para a próxima lexislatura, poñer en liña todas as administracións públicas que teñen a obriga de padecer o trastorno de ser sometidos a eleccións periódicas e deixarse de tanta ponte política na xestión. Pero somos o País de Países das pontes. A de Cádiz incluída, claro.

Pero o caso é que non sei como vou poder construír unha decisión de voto con tanto tempo de anticipación. Sinto como se me roubaran a mellor parte da campaña electoral, que incrementa o seu nivel segundo a data da celebración vaise aproximando. Debe ser ese outro costume español de deixalo todo para o final. Vou votar e vou botar a faltar eses debates transcendentes, ideolóxicos, centrados en cuestións importantes, con grandes oradores, ben formados intelectualmente, dese amplo grupo de políticos profesionais co que nos fomos dotando nestes anos de democracia.

Por poñer uns poucos exemplos, sabendo que son temas substancialmente decisorios para escoller aos nosos futuros representantes vou citar só algúns dos que sei que non vou poder recoller todas as opinións dos candidatos e das candidatas para facerme unha idea cabal do que nos agarda para the next four years.

1. Debe ser emitido o fútbol en aberto, cando menos a primeira división e as competicións internacionais, en horarios de prime time, primando aos equipos que teñen máis aficionados declarados? Lei de Nacionalización das emisións deportivas de masas (LANAEDEMA). Beneficios fiscais para os equipos profesionais de fútbol. Exención de multas de tráfico para xogadores de primeiro nivel. Construción de aeroportos en cidades con equipos en primeira e segunda división nacional. Inclusión da materia de admiración ao deportista de elite nos niveis correspondentes de educación primaria.

2. Cales debería ser os criterios de selección da indumentaria da raíña electa polo seu rei nos actos públicos de representación? Creación da comisión consultiva de expertos profesionais escollidos entre ex deputadas/os e senadoras/es. Presuposto restrinxido ás necesidades definidas polos gustos decididos pola súa M. Control da toma e reprodución de imaxes: Lei de aprobación supeditada para a publicación (LASPP). Apertura de contas sen fondos nas principais cadeas de roupa: Primark, Outlet Zara, ChinoAntonio,... Inclusión da materia de estilismo alleo, crítica de marcas e análise de tecidos básicos no ensino primario.

3. Implantación da obrigatoriedade de ter un móbil máis intelixente cada ano. Máis intelixente que quen? Modelos de comunicación colectiva de masas de pizza. Bonificacións horarias para os usuarios de redes sociais no traballo. Aumento de puntos no carné por uso indiscriminado de tecnoloxía durante a condución. Descontos na piscina, nos supermercados, nas librarías, museos, concertos, igrexas parroquiais, residencias de anciáns, aparcadoiros hospitalarios,.... polo uso de aplicacións avanzadas. Materia de dominio avanzado de medios tecnolóxicos móbiles nas aulas. Lei de Gratuidade Solidaria de Smartfons (LGSS)(NokiaSS)(MotoSS).....

4. E suficiente o horario de apertura dos grandes centros comerciais no Estado Español? Hai suficientes centros comerciais por habitante? Obxectivo: converterse en primeira potencia europea no ranking de metro cadrado de centro comercial por habitante e na cantidade de horas de apertura por habitante. Lei de liberación de horarios, para facilitar a apertura destas instalacións 24 hs ao día, 7 días á semana. Construción de espazos de pernoctare unisex asociados aos centros comerciais, para facilitar a necesaria reposición de persoal cada 12 horas. Liberalización da lei de solo e montes para a construción de novos centros. Financiamento FODER para o desgaxe de pequenos comercios illados, a fondo perdido, cun período de carencia de sentido. Prioridade das obras de infraestruturas de accesos aos recintos comerciais (ou xa o fixemos?). Inclusión da materia de programación e gamificación de visitas a CCs no ensino primario e secundario. 

5. Deberamos unificar os diversos sistemas de loterías -públicos e privados- nun só? Inclusión de cota de participación obrigatoria nas nóminas dos traballadores e perceptores de pensións públicas de calquera tipo. Sorteo puro, público, dirixido e múltiple, cada hora, vinculado ao número da seguridade social ou DNI. Retención de renta obrigatoria sobre o importe total a descontar das cotas de participación. Pago aprazado en cómodas mensualidades. Normativa para o incremento de participación individual por criterios de saúde, necesidade ou gusto. Comunicación pública dos afortunados. Cesión da xestión do xogo a entidades privadas. Materia de teoría básica de xogos, técnicas e trucos básicos, a partir de Educación Infantil, nos niveis de ensino obrigatorio.

6. Facemos suficientes grandes obras por parroquia? Apertura de prazo de presentación de propostas a través do departamento de participación cidadá. Parametrización do impacto visual en campaña da obra construída. Baremación por nu mérito de votos. Distribución territorial inversamente proporcional á cantidade de poboación afectada. Estudo de impacto no ambiente da relación entre os veciños beneficiados pola expropiación e os non beneficiados. Recuperación e integración de sendas de paseillo. Acceso restrinxido a cans e vacas leiteiras. Comisión de estudo para a incorporación no ensino secundario da materia de construcións megalíticas na historia do celtismo (e do deportivismo, claro).

7. Cal debera ser a tipoloxía do gobernante máximo? Pelo curto, coleta, traxe, gabán, barba, calvo, moreno, piqué, aplausos, pitos, estoume perdendo, ollos azuis, uñas pintadas, saia, sombreiro, moño, cociñeiro, nadador, contracorrente, artista, cantante, bo cantante, calculador ou calculadora, ordenado ou ordenador, alto, máis alto, alto aí, quen vai, vai ti saber? Creación da comisión de estudo científico para a definición do cálculo de probabilidades de acertar ou equivocar na elección por sorteo dunha presidenta de calquera tipo, en función duns parámetros estruturalmente definidos. Proposta de Gran Irmán de candidatos á presidencia do goberno. 24 hs en aberto. E como é o sétimo, deixemos descansar aos estudantes.


Seica me deixo algúns outros temas importantes tamén. Nun espazo tan corto, non caben todos. E a reflexión á que me vou ver obrigado neste corto tempo de elección entre tanta proposta interesante, precisa da máxima concentración. Dáme a min que este sorteo do Nadal anticipado en dous días, non vai ter un só afortunado. Máis ben ten pinta que vai estar repartido.... Estamos confesados? Porque o que non acabo de ter claro é se vai ser bo para uns poucos ou para uns poucos máis recentemente chegados. Que sexa bo para todos, aparte dun bo desexo das datas nas que se celebraran os comicios, de que dependerá? De quen dependerá?

Ningún comentario:

Publicar un comentario