martes, 6 de xuño de 2023

ELECCIÓNS. 2ª PARTE


Era imposible que soubera que don Sánchez xa tivera previsto convocar comicios xerais sendo que os resultados non lle foran favorables ao seu partido nestas municipais e autonómicas. Pero é ben certo que ten todo o sentido político de non perder máis. Se cadra pensa que canto máis tempo estea compartindo goberno nunha situación de debilidade, tendo que pactar cada cousa con amigos desexados e non tanto, pois máis puntos vai perder. Ou de verdade cree o de que teñen que ser os votantes quen poña a cada quen no seu sitio, visto o visto.

Pero non me sorprendeu.

Quizais agora era ben, neste interludio entre unhas eleccións e outras, que se puxeran de acordo estes e aqueles para mudar algunha cousiña no sistema electoral. E que empezáramos a preguntarlles aos distintos partidos para as xerais se estarían dispostos a abordar unha reforma substancial na lexislatura que siga.

En que términos?

Pois eu, que non son economista, nin xurista, nin político, pero que non son aeconomista, nin axurídica, nin apolítica, porque é imposible que o sexa, vou opinar e propoñer. Isto tamén é sociedade civil? Opinar só, poida. Propoñer, diría que si. As dúas cousas xuntas, mentres non sexa no facebook (que manía lle collín, si) digo eu que máis aínda.

Que Kona e iso de ter catrocentos procesos electorais un cada semana aquí ou acola. Como os festivos. E xa aproveito. Menos mal que o xoves e o venres santos (os outros non son?) caen ben, para que ninguén diga que son anticlericala. Prohibidos os festivos que non coincidan en venres ou luns, ou pegados e continuados. Fin das pontes e os acuedutos. Se queremos ter máis días libres, apuntarnos ao sindicato e que o pelexen nos convenios colectivos. Nin para as festas locais nin hostias! Se che cae o santo en martes a festa a fas o sábado, o domingo ou como moito o venres ou o luns. Sen distincións. Nin Santiago nin as Letras. Nin a Constitución nin os Reis (Magos).

Eleccións ás comunidades autónomas, cabidos e cidades colonia. Todas na mesma convocatoria. Poñédevos dacordo. Que si que somos moi peculiares as históricas e todo iso. Pero que se vexa en máis federalismo e menos en complicar procesos. Se somos tan peculiares, pouco van poder facer os que non son dos respectivos países para cambiar vontades. Ou somos parvas as votantes? (Ups, igual...)

Pero non a un tempo das municipais. Que para moitas comunidades levan parella a de como se conforman as Deputacións. Elixir á alcalde dun concello, que a elixen os veciños que son alcaldes para escoller as veciñas... ten unha particularidade. Unha diferenciación clara a respecto das cuestións que tratan e poden atender. Unha percepción distinta por parte do electorado, para unha acción que é percibida como moito máis preto da súa vida cotián. Pouco ou nada a ver coas autonómicas. Agás polos xogos de poder partidarios.

Eleccións xerais. Ten a potestade de convocala quen lle vai ben gobernando ou quen lle vai mal... pois hai que mudar iso. Non podemos estar con voltas e máis voltas. Catro anos para gobernar e cada catro anos revisión. Vale, si, meses arriba ou abaixo. E a data da convocatoria ten que ser a referencia para os outros procesos electorais.

Poñamos por caso. Xerais en xullo do 2023. Autonómicas entre xuño e agosto do 2024. Municipais entre maio e setembro do 2025. E nada de máis eleccións, agás o que haxa que repetir, até o 2027, que tocarían, de novo, as xerais. Se as municipais foran finalmente en maio, pois entre abril e xuño. E volta a empezar. Todas en domingo. Sempre. Sen fútbol, que distrae.

Esquecía as Europeas. Pero é que son tan fofas. Explícome. Parlamento Europeo, que con Lisboa aínda gañou algo como cámara de representación. Órgano consultivo? Quen ben sendo quen manda na Unión? A comisión. O Consello. E quen elixe á xente na comisión? Quen forma parte do Consello? Eu non. Ti tampouco. Os que saen nas xerais de aquí. Terán que coincidir. Paréceme. Que ademais… non é que se fale do que se vai facer en Europa nesas campañas. Ou pouco. Máis ben do que lle vai servir a cada Estado. Pois poñelas a un tempo das xerais. Como que iso o decide Europa? E logo nos non somos? Europa digo. Déficit Democrático?

Por outra banda. Temos unhas Cortes Xerais que coxean dunha pata fundamental. Ao meu entender. A cámara alta acabou sendo secundaria. Sendo como é a única nominal para a elección, propicia para colocar a xente de partido. Que non sabes que facer con ela ou como fórmula interna de agradecemento pola labor prestada. E senadoras designadas polas autonomías. Igual era ben darlle unha volta. Constitucional digo.

Fagámola cámara territorial, de verdade, aproximando ao federalismo, con capacidade real de decisión ao nivel da baixa. As persoas senadoras todas designadas polos parlamentos autonómicos, mira ben o que votas. Ou escollidas en paralelo a esa elección autonómica. En liña coa función que van a asumir, como representantes dun País ou Comunidade Autónoma. Para que representen e defendan os intereses dos distintos territorios. Con dereito a veto por parte de calquera representación autonómica a un acordo da outra parte do parlamento xeral. Poñamos que cun límite de 4 vetos por lexislatura. Poida que con esa fórmula, non houberan sido o sector labrego, gandeiro e pesqueiro da Galiza, os grandes damnificados da entrada da España mediterránea na Unión Europea. Cousa que aínda non demos corrixido, todo hai que dicilo. E igual tiñamos autoestrada nosa, autovía nova e alta velocidade con velocidade (no 2010, non no 2025...). Cada un fala da feira como lle vai nela. Si.

Perdemos democracia... falso, sendo que se atendan a outras cuestións tamén... empezando por reiterar o de votar. Votar, vótase todos os días. A democracia existe se as cidadáns non se limitan a un acto sexual cada catro anos (para cada orxía) e lle dan cariño e roce todos os p. días. Isto tamén e sociedade civil?

Non chega con mudar o senado. Imos con outras cuestións. O outro día alguén comentaba nunha parola amistosa despois dun xantar pracenteiro o da lei D'Hondt. Un invento? Non está nada mal pensada, ao meu entender. Pero quizais necesitaríamos máis. Dou unha idea. Non tería sentido a porcentaxe de votantes vinculada ao eido territorial para poder ter representación no parlamento estatal, transformando o Senado no que apuntei. Agora si, porque senón as pequenas minorías territoriais non terían tanta voz, nin tanto voto, nese estamento. E as minorías son importantes. A menor das minorías, un eu, é importante. Non si? Entón, representación directa e proporcional. Contabilizada en todo o Estado. E un mecanismo dobre para que nunca ningún partido puidera ter unha maioría absoluta e para que o partido máis votado fora o que formara goberno. Con outros se quixer, sempre e cando nunca deran como resultado ter maioría absoluta conxunta, pero el só tamén sen que ninguén o puidera impedir. Levando á práctica política o principio de ter que traballar en común, acordar, colaborar e non esmagar ideoloxicamente, competir polo poder e impedir os acordos polo ben común. Xa sei, un cambio radical de filosofía. Que na sociedade civil habería que practicar tamén. E como haxa contubernio... que o pode vixiar o Constitucional, por exemplo, por exemplo de órgano democrático... ou unha sociedade civil activa... pasade para a casa, castigados sen sobremesa e que pase a seguinte.

Por exemplo. O PP gaña as eleccións xerais co 38% dos votos. PSOE co 30,85%. VOX co 8%. SUMA co 6%. ERC co 2%. EH co 1,43%..... outros pequeniños, con 1% e menos do 1%...

350 escanos na baixa. 133 para o PP. 108 para o PSOE. 28 para VOX. 21 para SUMA. 7 para ERC. 5 para EH. 4 para o BNG. O resto para todos os demais até completar os 350, por orde. Aínda quedarían ben 44 escanos. Sen límites de porcentaxe até chegar aos 350. Pero por cada un que entre cun só escano, sumarlle un escano máis a cada un dos partidos con máis representación, na orde de porcentaxes, por enriba do 1%. Sen que o maior deles puidera nunca chegar aos 176. As maiorías teñen que ter máis capacidade de decisión pero non até o punto de eliminar a posibilidade de participación do resto dos pareceres representados.

PP 133+1+1+1

PSOE 108+1+1+1

VOX 28+1+1+1

SUMA 21+1+1+1

ERC 7+1+1

EH 5+1+1

BNG 4+1

JxC 3

PNV 2

PODEMOS 2

CS 2

QUEN 1

CALQUERA 1

OUTRO 1

VEÑA 1

PEC 1

PAN 1

CYL 1

SUC 1

CUS 1

USC 1

GATICIA CEIBE 1

NON 1

FORZA DEPOR 1

AFROUXA 1

BISCA 1

ANDAMOS 1

SIMPÁTICAS 1

EMPÁTICAS 1

Igual son poucas votantes 100.000 para ter un escano de representación. Pero se eu son unha delas, gustaríame que a tiveran. E ademais sabería que van ter que escoitala. Necesariamente. Para a próxima xa verei. E ademais beneficio tamén aos que teñen menos representación dos que máis teñen... 1 máis para 4 e moito en comparación con tres máis para 133.

Pero isto non facilita a gobernabilidade! Non, ao vello estilo non. Festivamente. Moito que aprender. Teremos que escoller xente con resiliencia.

Aplicando isto aos concellos. Que deberan volver a ser iso. Concellos. Espazos onde a xente, indirectamente, seguindo co de escoller partidos, decida a respecto das cousas do pobo, a vila ou a cidade. Pero escollamos directamente a quen vai a ter a representación do Concello. A alcalde presidenta. Que é o que coido adoitamos facer neste eido municipal. Indirectamente. De non ser así, é inexplicable que algunhas propostas programáticas estean gobernando concellos no País (isto é unha maldade...). Modifiquemos o proceso para escoller a quen leve o bastón de mando. Sen dúas voltas. Co mesmo modelo das xerais. Nunca maiorías absolutas. Que se entendan. Pero quen teña a maior cantidade de votos ten a alcaldía. Non teño claro se acumular concelleiras e concelleiros. Mesmo estaría ben que despois cada formación puidera designar persoas para formar parte de grupos e comisións de traballo. De traballo. Non para quentar a cadeira. Que figuraran previamente nunha lista que acompañase á de quen se presente para alcalde.

Pero ademais... recuperar a celebración de concellos, agora lles chaman plenos, públicos, en horarios nos que a cidadanía poda participar. Onde ademais de cidadáns particulares houbera representantes das organizacións cidadáns, de veciños, culturais, comerciais, de familias, de colectivos minorizados, todas elas con voz. Máis sociedade civil? Quizais habería que facer eses plenos, con temas máis de decisión colectiva, deixando as cousas de administración e burocracia para outros grupos de traballo,  e facelos en sitios máis grandes... compartindo previamente a información publicamente.

Un apunte aquí. Hai que regular para toda a xente que entra na política activa e chega a formar parte dun órgano colexiado, unhas condicións económicas básicas. Decentes. Non indecentes. Que permitan a quen se adique profesionalmente a tal encomenda poder vivir dese traballo. Como calquera outra persoa traballadora. Ou que se deran de alta como autónomos e facturaran horas de traballo, cunha tarifa establecida. Dietas aparte, si. Pero as mesmas que para calquera outra actividade. Que non sexa a remuneración nin unha escusa para non meterse en política nin un obxectivo financeiro para meterse. E eliminar o das pensións vitalicias posteriores. A todos os niveis. Iso si, algo que se podería facer extensible tamén á xente que se meta no sarillo de asumir directivas de Asociacións sen ánimo de lucro, aplicarlles un coeficiente redutor para a xubilación. Para poder anticipala e/ou ter un beneficio específico. E logo... crear un consello de maiores. Necesitamos dos saberes acumulados.

Quen ten o bastón manda, representa e pon orde en todo o que atinxe ao Concello (lugar e entidade). Pero non manda máis que o conxunto do Concello (órgano decisorio). E como te pases da raia, para casa sen sobremesa e que entre a seguinte no número de votos.

Logo está o das Deputacións. Hai quen di que non teñen moito sentido nunha organización territorial autonómica. Eu non o teño tan claro. Quitando que a nosa organización territorial do País ben podía ter outra estrutura máis equilibradora e máis adaptada á realidade propia e non ás raias provinciais... Quizais precisamente por ser como somos territorialmente precisamos dun organismo intermedio como o das Deputacións. Xestoras de servizos agrupados aos que os concellos individuais non dan chegado ou non poden asumir por distintas razóns. Para accións que están máis aló das competencias territoriais dun Concello determinado pero non chegan a ser de ámbito autonómico. Algunhas funcionan ben, outras non tanto. Pero aquí tamén teríamos que intervir. Quizais reconvertelas. En entidades supra-municipais de xestión. Sen necesidade de ter que elixir ou designar representantes. Porque o que acontece agora é que co sistema de elección indirecta, coa asignación de electos en función da cantidade de votos que ten cada partido nunha provincia, son outro espazo de confrontación partidaria co obxectivo de facer oposición en ocasións aos gobernos autonómicos ou mesmo a Concellos capitais ou de gran poboación.

Pero de mantelas, hai que ir a elección directa, en paralelo ás municipais e coas mesmas consideracións que para o resto dos procesos electorais. Nada de maiorías absolutas. Que pesada, así non vai funcionar! Alguén ten que mandar! Xa... vimos diso. Moito tempo. Sen apenas práctica para aprender a facelo doutro xeito, sen que ninguén interviñera nos sistemas educativos para mudar esa dinámica, internamente para empezar, sen que ningún medio de comunicación promovera este tipo de xestión, sen que a poboación o acepte como modelo para organizarse colectivamente, en contraposición ao de enfrontamento, competencia e liderado.

Quizais vai sendo tempo de que nos miremos a democracia. Se descubrimos que ten algún mal endémico incrustado, extirpalo. Adoptar unha dieta baixa en pensar só nunha mesma, con máis equilibrio emocional e pouco especiada en querer o poder. E exercitar os órganos democráticos todos os días. En cada cousa que fagamos. O que din que hai que facer para manter o corazón orgánico en bo estado, poida que sexa a receita tamén para os órganos democráticos.

Igual estou equivocada. Ou non. Ti dirás. Como o ves? (Practicando).

Ningún comentario:

Publicar un comentario