venres, 2 de xuño de 2023

ELECCIÓNS. 1ª PARTE


As veces penso que me paso de coidadosa. Escribindo o que penso a respecto dalgunhas cousas. Non me parece ben escribir sobre determinados temas cando están en proceso.

Agora que xa pasou... aínda que o que vou comentar é probable que se poida estender a próximas convocatorias, apetéceme soltar algunha idea. Ao aire. Democracia e eleccións. Sociedade Civil.

Esta mañá escoitando a galega, que é a única que me ofrece inmersión lingüística, factor esencial, nun entorno asoballado polo castelán en calquera lugar, alguén falaba da importancia do voto. No sentido da participación democrática. Que cada voto vale e todo o argumentativo estándar ao respecto. Todo isto, ao fío do que estaba a acontecer en África co voto por correo para as eleccións municipais e autonómicas. Nunha parte pequena de África que aínda está baixo o status de colonia española. Moi pequena. O caso é que as melillesas seguro que se sinte españolas, españolas, españolas e quen lles vai dicir que non. Tendo parentes na outra pequena colonia, pois algo entendo de como é a cousa. Lembro andar por alí hai un lote de anos. A verdade, non notei diferencia de estar aquí ou alí, no que a sentirme máis ou menos galega, española, europea, ser humana... puidera atinxir. Iso si, sabía que estaba en África, xeograficamente falando.

Pero ao que vou.

Fraude electoral, para o que, como ben dicía un dos comentaristas, alguén tivo que poñer a pasta. 200 eur por voto, por 5.000 votos, xa che son cartos. Pois un millón. 167 dos das pesetas, que sigo facendo os cálculos así. Como din os polis anticorrupción das series... segue os cartos. Que supoño será no que estean os corpos de seguridade que descubriron o artificio. Porque tamén supoño que a ninguén que estivera na oficina de correos nese momento lle estranou ver a alguén baleirando unha saca de papeletas de voto por correo nunha mesa para mandalos. Menos mal que agora os selos postais son mecánicos, poucos quedan xa de apeghar. Imaxino a funcionaria (seguen sendo funcionarias?) de correos repoñendo o empapador 40 veces. E indo máis atrás no tempo... poñendo a lingua a remollo unha semana. Porque seica noutro sitio polo Sur da península si que houbo quen puxo en coñecemento da policía o intento de compra do voto. Aquí alguén seguro que vai pensar que non lle ofreceron cartos dabondo. Pois que saibas que si, que aínda hai xente que ten algo que se podería chamar conciencia democrática. Ética en xeral. Sociedade civil?

Eu, que son mala, mala pensadora digo, pois penso no que as que combaten o tráfico de drogas comentan cando falan sen cancelas. De cada alixo que pillan outros 10 como mínimo que pasan... De cada caso que descubrimos na compra de votos, outros 100 haberá. Moitos máis si. A maior ou menor escala. Aínda que non falemos de cartos como pago directo. O voto cativo, non é compra?. E diso aquí no País sabemos tamén. Xa non só para os que veñen de fóra, voando ou navegando. Non só nos eidos rurais, coa intervención do cacique local de cada lugar, deste ou do outro partido. Nas vilas e cidades tamén. Con métodos máis sutís e máis, moito máis difíciles de detectar e perseguir.

Non estou afirmando con isto que non teñamos un sistema de votación fiable. Penso que si o é. Con garantías tamén. Pero ademais das físgoas legais hai malas vontades que intentan manipular unha parte do voto. Cousa que segundo onde, pode alterar un resultado. Unha ducia de votos dirixidos nun lugar onde votamos 30.000 persoas, por poñer un exemplo... pouco efecto van ter. Malo é igual que sexa así en calquera caso. Pero nun concello de 2.000 votantes, que habelos hainos e de menos no País, 50 votos xa poden facer mudar unha cadeira no concello dun lado a outro.

Pois estaría ben que os partidos todos, e anda que non hai, se comprometeran a renunciar e denunciar esas prácticas. Que as cidadás tamén se comprometeran a ambas cousas. E que non houber xente no mundo que pasara fame...

O caso é que por definición, as organizacións políticas teñen tendencia a tocar todos os ámbitos da actividade da sociedade. Os que veñen dunha base social, máis que de elites, por natureza van a intentar estar presentes nas organizacións da sociedade civil, mesmo promovelas e axudalas. Pero os partidos que non parten desa sociedade civil, construídos desde as cúpulas de poder, tamén buscan facer metástase nas organizacións de base, non para promover a súa acción social, senón para controlala e dirixila a prol dos seus intereses. Isto adoita pasar cos partidos políticos máis integrados nas burocracias, máis afíns ao poder, canto máis grande con máis afección, e máis próximos ao capital é as grandes empresas. E como os extremos adoitan tocarse, tamén ocorre coas pequenas formacións que nacen para pillar cacho do que sexa e onde sexa. No medio andan os que por definición sempre están dispostos a poñerse diante da cidadanía para explicar o que sexa preciso. Entre estes, os que necesitan dunha sociedade civil forte, que escoitan o que esta ten que dicir, para poder defender conxuntamente o mellor para a maioría da poboación e que non se inmiscen nas súas decisións, mesmo cando non encaixan no ideario político da formación. Máis difícil de facer, máis fiables no sentido político e social. Habelas hainas.

Pero aínda que nun arrebato de inspiración e claridade, decidíramos poñer a estas organizacións do medio ao mando da xestión da cousa pública, sería imposible que fixeran cousas que a sociedade no seu conxunto non aceptase, porque sería esa rede social civil activa a que realmente exercería o poder para quitar e poñer. Non como agora, que votas e marchas para a casa. Total van facer o que lles pete... xa lles pasarei factura dentro de catro anos. Sofá e Netflix.

Unha que ten participado nesas organizacións de base, que ten sido membro de mesas electorais en algún proceso, interventora en algún outro, votante en todas, todas, todas, non percibe que a cousa esa de ter unha sociedade civil potente mellore no seu estado de saúde. Máis ben o contrario.

E claro, os responsables de atender ao noso mandato cidadán nun ou noutro eido, perderon co tempo o costume de contestar e dar explicacións. De dalas por defecto ou cando se lles pregunte por algo. Falo da xente que nos representa e da que traballa para nós, corpos xerais do funcionariado por exemplo, mestras, doutoras, enfermeiras, policías, concelleiras, xuízas,... presidentas do goberno. En calquera nivel ou escala. Non meto aquí os empresarios exemplares, que terían moito que explicar tamén, e probablemente en relación ao tema ese de andar movendo votos do que falaba antes, pero e que non queren ser sociedade. Os exemplares, digo. Pero, centrándonos no ámbito público. Do conxunto das servidoras públicas. As que, en primeiro lugar é debido recoñecerlles a importancia e responsabilidade do seu traballo, para o que as escollemos por distintos procedementos, a cal máis selectivo. E tratalas ben. Faltaría máis. En todos os sentidos. Para empezar de ti a ti. Eu persoalmente non podo aceptar que unha alcalde ou unha xuíz me traten de vostede. E viceversa tampouco. Como cidadáns que somos todas e co respecto debido. Pois partindo desa idea vou contar un sucedido. De farois e pancartas electorais.

Un día de maio camiñando pola beirarrúa camiño do portal da casa, a pouco máis levo por diante un ollo cun pau dunha desas bandeirolas que colgan nos farois para darlle bombo a quen se presenta as eleccións. O farol... eu diría que non cumpre coa media de altura para estas cousas. Mesmo coido que o candidato do cartel de pasar por alí tamén lle había de rabuñar unha orella como pouco. Ademais, nunha beirarrúa de pouco máis dun metro de ancho co farol enriba. Deses de bola arriba.

Non, non o publiquei no Facebook. Vale, non teño, pero aínda que o tivera... de isto ía o comentario inicial en parte.

Mandeille un correo á policía local, ao enderezo electrónico que figura na web do concello policialocal@..... Isto foi o mesmo día. Nesta data de publicar, aínda non tiven resposta, nin para ben nin para menos ben. E só era para preguntar sobre a normativa e suxerir que igual era ben cambiala de sitio.

Busquei se en algún sitio aparecía algunha normativa ao respecto da colocación destes elementos. Pescudei cousas, como o de que reparten as farois entre os partidos en función da representación que teñan xa. Mal pensado, penso eu. Para que houbera equidade, mesmo debera ser ao revés. Pero agás algunha cousa específica en algún concello, normativas locais, xerais, de que non poden interromper a circulación de vehículos e persoas... pois non din con máis.

Escribinlle a xunta electoral local, collendo un enderezo electrónico que figuraba no directorio da web da central. Preguntando pola normativa. Contestaron, que xa manda c. coa lea que debían ter nesas datas. E fomos conversando. Eu en galego, quen fora que contestaba, en castelán. Normalidade civil. Que sen saber onde... (non lles puxera a localización como á PM). Pois tal que aquí. Diríxete a xunta electoral de zona. Pero é que non aparece o enderezo electrónico na web. Pois e este. Ups non, puxen un punto de máis. Grazas mil.

Pois a mandarlle o mesmo a de zona. Claro, isto foi xa o venres ou sábado da semana das eleccións. Non sei nin si lles chegou. Ningunha contestación. Ningunha presunción ao respecto. Unha que traballa moito co correo electrónico sabe ben que en ocasións deixas atrás as cousas que nese momento non son tan importantes. Pero o caso é que quedei sen saber como e a normativa esa*. E tendo que lembrarme cada vez que ia pasar por onde a pancarta de non arrimarme moito e coidado co vento.

Todo isto de preguntar como cidadá, ven sendo facer sociedade civil? O de berrar nas redes sei que non. Iso é máis ben como o de berrarlle cousas, indecentes ou non, ás árbitras de fútbol nos partidos de infantil. Descargar frustracións?

Eu ai tempo que teño o costume de preguntar. E de agardar que me conten as cousas, mesmo antes de ter que preguntar. Con acritude cero. Por pensar que é o meu dereito como cidadá o de saber como é que se fan as cousas que delego en quen corresponda.

E sei que non existen os mundos perfectos. Pero algo podíamos facer para ir mellorando o que está ben e eliminando ou corrixindo o que funciona mal. Empezando por pedir o carné no momento de presentar un voto na oficina de correos... 

Falando do que tamén vin a falar, todo o sistema electoral e as estruturas de representación (continuará...)

*E volvín a reiterar a pregunta despois do 28M, por certo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario