Vivo sen vivir en min

Escribo, logo existo. Logo, tipo. E se son tipo, logo insisto. Descríbome escribindo sobre o que me peta (na cabeza, nos intestinos, na pel de galiña). Nada orixinal, nada con copirrait. Leva o que che preste. Non facemos envios a contrareembolso. Apertas a todas.

venres, 19 de agosto de 2016

CULTURA DE LECTURA

Parece que no verán hai moitas máis novas relacionadas co sector educativo que no resto do ano. Ou máis densidade. Será que se vai recollendo todo o que pasou durante o curso escolar, non sei.

En concreto, o puñeteiro programa de gratuidade solidaria como a serpe do verán chega de novo ás miñas redes.

Desque rematou o curso, aló por xuño, fun anotando algunhas cousas que chegaban aos meus sentidos. Inmediatamente despois, libros de texto mercados ou de vale, lanzados con saña ao lume purificador da noite máxica. Xente preguntando como facerse coas axudas ou apuntarse nos bancos, mesmo fora do prazo establecido. Un contedor amarelo rebordado de bolsas nunha rúa capitalina e por riba, máis libros de texto usados e aínda sen desplastificar. E no faiado, algúns dos meus libros de primaria, daquela EXB, gardados como reliquia en pano. Que lembranzas. E mentres levantaban as persianas as casetas da feira do libro coruñesa unha nai redondelá contábame como dos cento e pico euros do vale para a ESO, no podía usar nin a metade do valor, polo da claúsula de rescisión dos libros non reutilizables. Dicíame da mentira que nos conta a Consellería sobre iso da gratuidade solidaria, que por certo, reitero unha vez máis a pregunta, quen discorrería semellante denominación? Ou é redundante ou é contraditoria. Eu pensaba en indicarlle cal é a postura que as organizacións de nais e pais que molan en galego, en Galiza, levan xa tempo proclamando. Mesmo no Change.org, modernos que son/somos. Volver ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto e material escolar para todo o alumnado do ensino público obrigatorio. O demais, milongas e contos de vella. Logo, ou no entanto, xa haberá tempo para facer a reflexión colectiva sobre que pintan os libros de texto tal e como son agora - en papel ou electrónicos- nun modelo avanzado de educación.

En calquera caso, toda a reflexión e recordatorio anteriores, feito a xeito de pensar en alto, viñan ao seguinte: que lles estamos transmitindo aos rapaces e as rapazas sobre a lectura e os libros con este modelo de uso dos de texto? O meu pensamento é que os seres humanos moderniños respondemos cada vez máis - nos sei se menos sería mellor ou peor - por impulsos simples, non sempre conscientes nin na súa orixe nin no seu efecto. E que nos aprenden a responder automaticamente en base á repetición insistente de modelos de comportamento, por terra, mar e aire.

Os máis novos son aínda máis susceptibles a este xeito de programación, en boa medida porque nin nas escolas nin nas familias podemos, sabemos ou queremos traballar para compensar esa tendencia. E o que rematan asimilando é que a lectura so é boa para conseguir un resultado medible, e que os libros son obxectos de consumo, de usar e tirar. Caca neno!

Eu son un amante dos libros. En parte foron eles os que me descubriron o mundo, me ensinaron a entenderme e a entender o que sucede. Fixéronme rir e chorar. Préstame apertalos e bicalos, de cando en vez. E teñen manchas, algúns, de chocolate ou de chourizo. Son compañeiros na viaxe do agasallo da vida que nos toca facer a cotío.

E gustaríame que os meus fillos e as vosas fillas e fillos tamén o sentiran así. Sería este un bo obxectivo común? Que deberiamos facer para conseguilo? En que aspectos e eidos deberiamos incidir máis para logralo? Como poderíamos controlar que progresamos nesa dirección? Coido que de tantas preguntas (e máis que poderíamos facérmonos, seguro) xurde xa unha resposta: non é algo que poida facer un só. Necesítase traballo colectivo constante. E permitídeme que tome esta aseveración como un dos principios básicos dos valores comúns que temos que reconstruír entre todas.

Agora, vou seguir lendo un rato.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixate de Nics nen@! Ah!, que es Nicasio. Eu son Heriberto. Cantando.