xoves, 24 de abril de 2025

PERDEDORAS


Non sei moi ben como dicir isto. Coido que temos a guerra perdida. A loita. A batalla. Como prefirades chamala. Refírome ao intento de que o ser humano evolucione máis aló do que podería facer unha besta calquera que fora quen de falar. Falar con sentido. Ter unha fala. Unha ferramenta construída para poder comunicar, identificar o que hai no seu arredor, poder transmitir a información relativa sobre calquera cousa a outras bestas. Unha fala con capacidade de medrar, en cantidade e calidade, e de reproducirse. Un ser vivo. Que chega a ser independente pero que ao mesmo tempo, realimenta ás súas creadoras construíndo unha visión da realidade. Unha fala, logo unha escrita. Que mesmo establece as súas propias pautas para plasmarse. Unha ferramenta con formulacións diversas que xurde dun primeiro recoñecemento da propia existencia física e temporal. Diferénciaa da de outra existencias. E que cada vez que se usa, fornece máis ese recoñecemento do que unha é, o altera, o modifica, ofrecendo unha interpretación de cada cousa e do todo que tamén a altera e modifica.

Estoutro si que sei como dicilo. Afirmo. Nunca antes se falou tanto. En todas as linguas. Con todas e cantas fórmulas de expresión podamos imaxinar. Por tantas canles diversas. O outro día seica dicía Youtube que xa tiñan mil millóns mensuais de seguidores de podcasts. Eu aínda non teño claro que ven sendo iso, quedeime no dos blogues, pero mil millóns si que sei canto é: 1.000.000.000. Dez elevado a nove. Se mos deran en euros non lles dicía que non. Algo podería facer con iso. Mal ou ben. O conto é que para que haxa tanto seguidor, tamén haberá moitísima xente que faga os podcasts eses, digo eu. De calquera tema que unha se poida imaxinar e de moitos que nin pensaramos.

Pero tal e como indican algúns analistas, a primacía son os vídeo podcasts, mais aló de consideracións sobre a obriga de facelos nas condicións técnicas que quere a empresa titular do espazo. Imaxes fixas ou en movemento, con textos falados, e xa con custos de produción que empezan a ser elevados en algúns casos. Non vou entrar no debate de substancia. Ou calidade dos contidos. Si sinalar que como xa sabemos hai tempo, recibir información por múltiples canles sensoriais a un tempo, mellora a captación dos contidos. Sobre o que non ten ningún efecto é en axudar a poder facer unha análise de contraste do que nos están transmitindo. Algo que saben ben, ambas cousas, os especialistas en publicidade. Publicidade comercial, relixiosa, política.

Todo o que digo é un parecer. Dinlle opinión. Non é información. Se puxera a ligazón á noticia dos mil millóns, si que contería información, pero non necesariamente tería porque ser de fiúza. Nin mudaría en nada que o resto segue a ser opinión.

Pois opino, polo que vexo e padezo ao meu redor, nos distintos eidos vitais nos que me desenvolvo, que temos unha poboación, hai quen lle diría cidadanía, que non ten formación para poder facer unha análise crítica do que se lle transmite. De calquera cousa que lle conten. Igual se o fai un veciño que o presidente da Xunta. Si presidente con minúscula, Xunta con maiúscula. Tampouco é que unha se poida parar a dubidar cientificamente de todo canto circula. Con método científico quero dicir. Poderíamos facelo con algunhas cousas, si, as que foran máis do noso interese. Pero adoitamos facelo, e non sempre ben, case sempre regular, moitas das veces mal, co que nos vai ao sensible. Ao peto. Logo tampouco é que teñamos moito interese en facer esa análise crítica. Que inventen outros! De novo falla a educación... pero fallará algo máis, digo eu. Falla un mundo, en xeral, definido para promover a competencia e o beneficio individual, en troques da colaboración e o beneficio colectivo. Cando unha só se ten que preocupar do seu, en concorrencia competitiva con calquera outra, gasto o tempo e as enerxías niso. Se unha nova normativa, unha nova guerra, unha nova catástrofe lle afecta ao seu patrimonio ou ás súas fontes económicas, vaise interesar. Se coincide que hai máis xente á que lle afecte dun xeito similar, vaise xuntar con eles, única e exclusivamente até que arranxe o seu... despois, volverá ao seu poste. Iso si, despois será solidaria, con canta causa xusta apareza no horizonte das redes sociais. E mesmo terá unha actuación heroica nun momento puntual, se as circunstancias así o propician. Para volver rapidamente á súa fortaleza individual. Comportamentos estes dous últimos que reforzan aínda máis se cadra os fundamentos nos que se basea a defensa do propio contra dos outros propios. Fixen algo excepcional. Hai que estar preparado para todo! Ninguén vai vir a defender o teu! Bunkerización.

Se dou por certo o que sinalo no anterior parágrafo, teño que considerarme perdedora. E pensar que colectivamente somos perdedoras. Porque ese comportamento contradí o que a evolución e a historia din a respecto do avance das especies. Os seres humanos conseguimos ser dominadores como especie porque colaboramos entre nós para conseguilo. Con distintos niveis de responsabilidade en cada consecución histórica, pero xuntos. Non vou entrar en se ese dominio estase mostrando como bo ou non tan bo, para o resto das especies e o conxunto do planeta. Se esa capacidade de colaborar para conseguir obxectivos comúns vai desaparecendo... xa non é que perdamos unha das principais características que nos definen como especie, senón que acabaremos morrendo de noxo, contra doutras especies, biolóxicas ou tecnolóxicas, contra da natureza, contra do tempo.

E non teño ningunha esperanza en que esa tendencia ao individualismo inhumano poida ir a menos. É unha versión da cidadanía máis doada de manexar, moito menos conflitiva. As autoridades só teñen que  procurar non danar os intereses particulares dos individuos, facelo minimamente, compensalos con outros beneficios e sobre todo informar do xeito preciso para que cada quen siga pensando que o seu está a salvo e que o perigo son os outros, calquera outros. Con información manipulada, tanto en sentido positivo como negativo, que produza un efecto similar ao de que non existe a verdade, non existe a diferencia entre o que é bo e o que non o é para cada quen e para o conxunto da sociedade. E facilitando todo tipo de válvulas de escape para que cada persoa poida seguir mantendo a súa percepción de que o único importante é ela mesma.

Empecei a escribir isto vai para unhas semanas xa... e estando a ler un dos últimos libros que chegou ás miñas mans, Verdad, juego y libertad de Antonio Valdecantos, atopeime cuns textos que falan en parte sobre esas válvulas de escape:

^Os mortais pasan os seus leceres pensando nos seus negocios, pero entreténdose coa idea de que están libres deles, o cal esixe tomalos como obxecto de xogo. O súbdito deixa de traballar e entrégase aos espectáculos, ás consumicións, ás compras, aos galanteos e, sobre todo, ás viaxes, un conxunto de tarefas en verdade hiperactivas que non poderían atenderse se non se tomasen como o máis importante da vida. O lecer absorbe, sen dúbida, moitísimas máis enerxías que o negocio, e o fai esixindo unha constante sobreactuación, pois o súbdito non só comparece na escena durante o tempo libre senón que debe persuadirse custe o que custe de que está nela e non noutro sitio, e iso esíxelle actuar como o faría un comediante histriónico e destemperado. Para gozar do lecer e non ter ningunha dúbida sobre o feito de que aquilo é lecer, teño que mostralo compulsivamente e ser visto como alguén que está a gozar, sen dúbida, do tempo libre, en particular fronte a outros que non o fan. É certo que os súbditos modernos adoitan gozar do seu lecer co maior gregarismo formando disciplinados rabaños de xente folgada (o cal ocorre nas viaxes de maneira particularmente danosa á vista, aínda que non só neles) e que o tempo do lecer ocúpase, por conseguinte, no trato con xentes que tamén están folgadas, pero quizais resulte imprescindible para que haxa lecer a exhibición deste afortunado estado ante outros que non gozan del, e cos que o súbdito folgado non soportaría ser confundido.^

Agora que hai tanto debate sobre a masificación do turismo, aínda ben máis a conto falar destas cousas. Pero é que unha análise como a deste texto, apunta tamén non só ás válvulas de escape, senón ao feito de que mesmo cando andamos lonxe daquilo do que poderíamos considerar como obriga para saír adiante, o traballo, as ocupacións profesionais, a necesidade de poñer as nosas individualidades por riba das dos demais, maniféstanse repetidamente. Podo dar constancia dese comportamento gregal do turista típico, que se comporta como se o resto dos seres humanos ocupados ao seu arredor non foran nin persoas. Eu. Eu. Eu. Nunca nós.

Con esa forma de entender e practicar a vida social, que imos gañar? Imos ser perdedoras, en todas e cada un das frontes nas que poidamos pelexar. Sinaladamente na de recuperar a nosa lingua para as futuras xeracións. Perdida case xa para as actuais. Tal e como teño comentado en diversas ocasións noutros escritos... mesmo ben antes de que os informes estatísticos saíran á luz. Usar o galego non é percibido como un beneficio particular por case ninguén. Falar e escribir en galego non ten valor económico percibido por parte de persoas físicas, que dicir das xurídicas. Non se recoñece o valor engadido de vender e mercar en galego. En inglés si. Mirade a ver cantas webs comerciais están feitas en galego primeiro e despois traducidas ao castelán, inglés... Investigade se tendes tempo, canto influencer hai que emita en galego, fóra dos que poderíamos etiquetar como enxebres ou folclóricos. En comparación digo, coa invasión de parvadas en castelán and in English. E como tampouco hai verdadeiro interese político do partido dirixente en poñer a lingua propia como eixo principal da acción cultural, social, económica, empresarial, educativa!... de xeito imperativo, pois seguiremos perdendo, tamén a lingua. Irá quedando para uns poucos, a falta, tamén nisto, de relevo xeracional. E sen lingua viva, seguiremos sendo nós?

Sei que estou sendo moi negativa. Moi pesimista. Perdedora. Pero vexo cousas todos os días que non me dan pe agora mesmo a pensar e sentir doutro xeito. Vexo e non vexo. Non vexo, dende hai moito tempo, rapazada falando en galego entre eles. Nin en presencia nin a distancia. E agora, sobre todo a relación é a distancia, a comunicación tamén. Non escoito xente falando en galego nos buses. Nos trens. Unha emisora de tv e unha de radio que emiten en galego, daquela maneira, algún programiño en galego nas ducias de outras canles radiofónicas e televisivas. Xornais... para que insistir. Non só é que non se publiquen na nosa lingua. E que fan todo o posible para minorala e inferiorizala. Abondar na auto-vergoña polo propio. Reafirmala e redefinila. Xente que segue abandonando o galego para falar con quen se lle dirixe en castelán, sexa no super ou no centro de saúde. Mala educación, diría eu que é, no sentido de non ter respecto por unha mesma, principalmente. Conferencias e presentacións, mesmo de organismos financiados con cartos públicos que renegan de usar o galego por defecto. Toponimia negada, fóra do País, pero tamén dentro. Xente que contesta enquisas profesionais emitidas en galego, en perfecto castelán. Medo a escribir mal en galego, cando o fan fatal tamén en castelán e non lles preocupa nadiña. Non vexo publicidade en galego. Véndense coches, alúganse pisos (escasos), ofrécese xente para traballar, anúncianse cans perdidos,... en castelán, en galego non. Non vexo necrolóxicas en galego. A que se publique algún día para comunicar a súa desaparición, tamén será en castelán probablemente. Así que si, síntome perdedora. Pero vou seguir sentíndome galega, sen necesidade de facer ningunha declaración expresa, máis que falando e escribindo, sempre que me sexa posible, na nosa lingua, que por ser nosa, tamén é miña.

Estou tamén convencida de que no partido gobernante na Xunta, o PP de G, hai xente que gustaría doutra perspectiva sobre a defensa (ter que falar de defender...) da lingua propia. Pero van topar sempre co ideario estatal das súas bases, agora mesmo manifestado abertamente por algunha que outra líder. Un ideario de unidade nacional que ten como símbolo principal a primacía da lingua imperial sobre todas as demais. Porque para poder desenvolver dende as institucións unha liña de acción de normalización real do galego, aceptando o acordo constitucional de que as linguas están vinculadas aos territorios, habería que propoñer accións de discriminación positiva en términos de progresión xeométrica, xa non aritmética... en termos de aceptar como se fai para o aprendizaxe doutras linguas, a inmersión lingüística como única ferramenta de capacitación. O fai, a Consellería de Educación a respecto do inglés, por exemplo, nas súas convocatorias habituais. Recoñecer a inmersión como fórmula esencial. Como xa teño dito noutras ocasións, se queres algún tipo de axuda, do eido que sexa, o galego ten que ser de uso obrigatorio. Pechar a billa para os negacionistas, negacionistas de facto e ideolóxicos, incluídos e especialmente os medios de comunicación... e chegando ao punto maior, cambiar o Estatuto de Autonomía, por exemplo para que poña algo así:

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galiza é o galego e xa que logo é tamén o seu idioma oficial.
2. As persoas galegas teñen o deber de coñecela e o dereito de usala a todos os efectos en calquera parte do territorio da nación.
3. A lingua castelá ten na Galiza o carácter de cooficial.
4. As persoas galegas teñen o dereito a coñecer e usar o castelán como segunda lingua.
5. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial da lingua galega e potenciarán o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

E xa postos... tamén a Constitución, veña!

Artigo 3
1. O castelán é a lingua oficial do Estado. Todas as persoas españolas teñen o deber de coñecelo e o dereito a usalo.
2. O castelán terá a consideración de lingua cooficial naquelas nacións con lingua propia que así o recollan nos seus estatutos.
3. Todas as persoas cidadás das nacións con lingua propia teñen o deber de coñecer a súa lingua e o dereito de usala no seu territorio.
4. As nacións terán a obriga de garantir o dereito ao uso da súa lingua propia e a protexer o uso do castelán como segunda lingua.
5. O Estado promoverá o coñecemento das distintas linguas nacionais, tanto nos territorios propios de ditas linguas como en calquera outra parte do territorio estatal.

Son soños, seino... pero é tan fermoso soñar, para non sentirme perdedora, ou menos. E mesmo se poderían poñer aranceis a quen usara o castelán para contestarlle a alguén que lle está falando en galego. Por mal educada. Sendo ambos do País, claro. Se a cousa está entre un catalán e un galego... pois temos como entendernos, mesmo sen necesidade de tirar da lingua común, que lle din. E se hai viño e polbo polo medio, máis mellor aínda. Outras alternativas varias... habelas hainas.

Hai se foramos quen de conseguir ese pacto social! O preámbulo tería que ser o que nos agasallou Manuel María

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

E con tres premisas fundamentais:

1. Ser radicais na aposta pola lingua propia dende as administracións públicas. Na liña do que apunto neses borradores de reforma dos textos estatutarios e constitucionais. Sen medias tintas na aplicación radical da lei para as entidades, empresas e institucións en xeral.

2. Ser auto-esixentes pero moderados no trato entre as persoas físicas a respecto do uso cotián da lingua propia, procurando coidar cada vez máis a calidade no seu uso na fala e na escrita. Pero partindo de que para facelo regular, coma min, con aspiracións de chegar a ben, o primeiro sempre é empezar, mesmo agatuñando. E sempre, sempre, sempre, con ese obxectivo de darlle a volta socialmente a esa idea da mala educación...

3. Ser moi cordiais, non sei se mesmo condescendentes en parte, con toda a xentiña que veña de fóra do País a visitarnos. No problem, we know to speak in your language. Sabendo xaponés, ruso, zulú... adaptando. E sendo castelán, pois con máis razón, que o coñecemos case mellor que en Burgos, por poñer un exemplo. Agás cos que veñan de fodechinchos. Sei que ao presi lle parece un termo ofensivo, ou de mal gusto, non lembro moi ben como dixo, pero iso non creo que o dixera se algunha vez houbera estado traballando de camareira de piso ou de camareiro de bar facendo horas sen cobrar en quendas esgotadoras nun deses negocios exemplares da costa emérita na temporada alta do verán. Prepotencia e abuso, mesturada coa ignorancia cultural máis absoluta e a incapacidade mental de decatarse de tal falta de coñecemento. Quédalles ben fodechinchos.

Así, recuperando o fío da mención ao lecer dos súbditos.

Esquecía... perdón, ALTRI NON!