martes, 21 de maio de 2024

NON HAI


Coido que é a segunda vez que vou a un acto de difusión da cultura en Afundación, A Coruña, e vai ser a segunda vez que vou a escribir algo sobre o acto manifestando o meu desencanto. Desta vez foi coa iniciativa Noraydeideas. Xa me dirás ti...

Si escoitei informacións, opinións e sucedidos que cualifico abertamente como de interese, algúns mesmo divertidos, e case todos, todos que carallo, que viñan da mesma persoa, a que era a figura relevante deste evento, Juan Luis Arsuaga Ferreras, a quen só coñecía por referencias mediáticas. Non lle merquei o libro nunca. Como a tantas e tantos outros, todo sexa dito.

Normal que foran as súas intervencións as que lle deron algo de substancia ao acto. Hai unha sabedoría que vai máis aló do coñecemento profesional das materias, que ven da experiencia da vida, que se foi quen de levala como el mesmo formula, como un neno curioso, un científico subversivo (redundante), un homo sapiens sapiens simbólico, cultural e en permanente estado de evolución e aprendizaxe, necesariamente devén en SABER máis aló do habitual. A que se transmitía nas súas palabras, mesmo sen poder recoñecelo como un comunicador ao estilo. Alguén con que gustaría de sentarme a tomar un café unha tarde e falar, sen máis. Sen presa.

Non podo por desgracia dicir o mesmo do resto do persoal, e xa vai un cualificativo menor, que interveu no relatorio. O comunicador telecinquero, outro cualificativo menor, con preguntas que non tiñan na maioría dos casos ningún interese e unha formulación de informativo amarelo, rosa quizais. Non o coñecía até agora, ou quizais non o identificaba porque o seu uniforme mediático non me deixaba ver quen había debaixo.

Os que interviñeron antes de empezar, case me quedo durmida. Si, claro, discurso institucional, moita formalidade, pero falso, simbolicamente falso.

Unha universidade galega, financiada en parte con cartos galegos, supoño, unha fundación galega, vinculada a unha entidade bancaria supostamente galega, pagada con cartos galegos historicamente, recuperada con cartos galegos para ser regalada ao mellor-único puxador, e nin unha soa palabra na lingua do País. Ou é que na Coruña non se entende o galego? Pero es que esto es para que lo vean en todo el mundo, neno. Por lo del Noray, neno, non Norai, que coido ben podía ser así, en algún dicionario naval o teño visto, neno. Non aprendemos nada. A escasos metros do monumento a Curros, na cidade onde se atopa a Real Academia da Lingua. Se as Irmandades levantaran a cabeza...Temos unha simboloxía propia expresada a través da nosa lingua que nos permite explicarlle ao mundo como é que o entendemos e que o entendemos todo. Que todo se pode entender, en galego como en calquera lingua, nestes tempos que xa chegamos de tanta intelixencia, artificial. Porque a propia, biolóxica, social, escasea, escasea moito.

Vergoña allea. Que despois cando chegou a quenda de preguntas, de novo, como a última vez, volvín sentir, en todas, pero sinaladamente nunha figura que debera ser representativa do nivel de comprensión científica, coñecemento cultural e social, como a dun dos representantes da UDC presentes no acto. Que mágoa. E que cara se lle debeu quedar ao pobre. Ou non, porque quen non ten non sinte. E non teño datos dabondo para afirmar se ten ou non, que conste.

Agás unha pregunta dunha rapaza, dunha rapaza claro, sobre o intrusionismo empresarial na investigación científica. Que ao meu pouco entender, ben merecía unha outra resposta máis subversiva. Dirixir os traballos dos equipos universitarios, e as bolseiras e bolseiros, a obxectivos de negocio cando podería, (debería?) ser face aos intereses xerais e as necesidades reais, cotiáns, pero tamén posibles, do conxunto da sociedade, tería que dar noxo. Pero cando non hai pasta, pública, colectiva, para apoiar esas investigacións, ¿como se vai a negar unha universidade a cartos privados, para outras cousas, que quizais despois poidan ter algunha repercusión en outros eidos colectivos?

E eu, que son parva, e adoito ter tamén vergoña propia, para formular cuestións e preguntas, quedei con gañas de formular unha. Antes non me pasaba. E coido que non é por medo ao ridículo, do que seguro si sería consciente, non como outras persoas. Por percibir a inutilidade de facela nun foro concreto. Claro, porque cando as fago, non son para saber máis eu, que me respondan a min. Para iso, mandaríalle un correo. (Que idea!). É por compartir a sabedoría implícita nas miñas dúbidas en termos de curiosidade científica co conxunto das persoas coas que comparto o relatorio. E non me parecía a min...

Lémbrome daquela ocasión en Compostela falando de arquitectura. Ou no Ézaro. Pero nesta mestura de xente que descoñeces e cuxos intereses e necesidades descoñeces, é como preguntar nunha rede social. Cero utilidade.

Que cal era a pregunta?

Se non entendín mal, os seres humanos especializámonos, como o fixeron os golfiños en nadar e as aguias en voar, simplificando, no uso dixital, o dedo prénsil e as capacidades de manipulación que permiten, manipulación, de man, asociado ás capacidades cognitivas, non só o cerebro, pero sinaladamente. E a evolución en marcha, non de X-Men, devagar, que tamén ten unha explicación cultural, no sentido de que a interacción dos seres humanos co medio vai esixindo novos retos psico-motores, máis desenvolvemento cognitivo, máis especialización, tamén na expresión simbólica. Se a conclusión disto puidera ser que a evolución da especie humana necesita da interacción social, de non manterse esta, activa, práctica, non a distancia, non cada un ao seu e eu vou apañándome no meu poste, interacción social entendida como intercambio cognitivo e práctico, cooperación, creación conxunta, ciencia común, non cada unha polo seu lado, máis filosofía, como vai funcionar a ciencia ben sen ética, pois... sen esa evolución social, a individual parará papá? Parará Pachín. Máis aló do que poida ser ter un dedo menos na man, que para manexar os móbiles e os coches autónomos pouco falta van facer máis de tres, digo eu.

E levo agardando a publicación do podcast ou vídeo ou o que sexa que ían publicar da gravación da sesión, así o indicaron, dende ese mesmo día, 11 de abril. Para poder acompañalo con este parrafeo crítico... pero non aparece. Así que, imos aló.