Vivo sen vivir en min

Escribo, logo existo. Logo, tipo. E se son tipo, logo insisto. Descríbome escribindo sobre o que me peta (na cabeza, nos intestinos, na pel de galiña). Nada orixinal, nada con copirrait. Leva o que che preste. Non facemos envios a contrareembolso. Apertas a todas.

martes, 15 de setembro de 2015

A ESCOLA NUDISTA

Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Ou a realidade supera a ficción (e viceversa). O que prefirades.

Unha amiga bolseira que anda no pais dos volcáns, fíxome chegar un artigo na publicación danesa BERLINGSKE (Islandia foi territorio danés ate 1918*) e facilitoume a primeira tradución ao inglés (grazas Sabela!), da que me tomei a liberdade nacionalista de pasalo ao galego. Non só en Finlandia cocen fabes ben no eido da educación. Tamén en Islandia.

(Os comentarios con asterisco son meus*)

[“Jytte Sorensen, Gunvar Paulsen”. Ritzau Agency.

Hai uns anos, un grupo de familias da localidade de Borgarnes http://www.west.is/en/west-iceland-regions/borgarnes (na parte que eles denominan Oeste*) decidiu promover unha iniciativa para financiar e organizar unha escola infantil nudista, para nenas e nenos de 3 a 6 anos. As primeiras reaccións dentro da Comunidade Educativa no seu conxunto, dende as instancias oficiais políticas do Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura http://eng.menntamalaraduneyti.is/ ate a Agrupación de Familias de Escolas Públicas (en Islandia case o 95% da escolarización é pública, non hai concertación como aquí e moi poucas iniciativas privadas*) cando a noticia saltou aos medios de comunicación foron dende o asombro ate o absoluto rexeitamento. Un dos membros do órgano directivo da AFEP, hoxe desaparecido da vida pública, comentou nun xornal de tirada nacional: ‘Nenas e nenos espidos aprendendo matemáticas? Como van a atender as explicacións da mestra se están mirando uns para os outros? Ou para a propia mestra, que tamén vai estar espida! Ate onde imos chegar?’.

Efectivamente, a proposta, despois dos primeiros pasos, xa definiu que non tiña ningún sentido que os menores asistiran sen roupa ás clases e os profesionais educativos non. Tamén o persoal de mantemento e limpeza, e o sanitario. Coa excepción dos traballos requiridos no exterior da instalación, en xeral, e especificamente para o persoal de mantemento e o de xardinaría. Cando comezaron a lanzar a proposta de emprego, non lles sorprendeu que houbera ate un 2.000% de solicitudes para algunha praza. E ao mesmo tempo fóronse sumando novas familias ao proxecto. Mesmo nalgún caso, trasladaron a súa residencia a Borgarnes para poder incluír aos seus fillos nesta escola.

Sigríour Jonsdóttir, nai de dous nenos de 3 e 5 anos e unha nena de 9, ensínanos o que comentou no Facebook da organización: `Nos viviamos a 250 km de aquí. Cando soubemos da idea, puxémonos en contacto inmediatamente co grupo que comezou a desenvolvela para interesármonos pola proposta. Despois de falalo na familia en profundidade, fomos a coñecer o pobo e cando se tomou a decisión de ampliar o proxecto ás idades do seguinte ciclo, de 6 a 15, xa non o dubidamos. As empresas onde traballabamos ambos déronnos todo tipo de facilidades para o cambio e en tres meses eramos xa borgarneses. Toda a vida andando espidos pola casa, non podiamos desaproveitar esta ocasión!’

Ese entusiasmo que transmite Sigríour, compartido co seu home e a prole que nos acompañan na parte da entrevista que fixemos na súa casa (xa en Borgarnes) practicando o seu ideario naturista, se reproduciu en todas partes do País. Esta foi unha das razóns que levou á organización a ampliar  aos seguintes ciclos o proxecto, que agora mesmo, inclúe xa todo o período da educación obrigatoria (en Islandia, o sistema educativo obrigatorio comeza con grunnskóli ou educación básica dos 6 ate os 15 anos,  dividido en: barnaskóli de 6 a 13 y gaggó dos 14 ate os 16*), e que dunha pequena construción pensada para albergar 25 menores como máximo, pasara a aceptar 415 entre todos os niveis, máis un cadro de persoal de 67 persoas adultas.

A edificación foi outra das cuestións que se someteron a estudo con rigorosidade dende o colectivo. Con dúas premisas fundamentais, ofrecer un espazo amplo, distanciado e separado das vías públicas de tránsito, e por unha xestión enerxética a custe cero, aproveitando o uso da enerxía xeotérmica propia do país, incluso para a xeración de electricidade. O estudo ao que se lle encargou o deseño da edificación, Arkitektar, recibiu o premio a edificabilidade sostible do Instituto Oficial de Arquitectura e Enxeñería de Islandia, dotado con 150.000 coroas (uns 1.050 euros ao cambio*). As dúas arquitectas socias principais do estudo, decidiron doar o premio para o financiamento da iniciativa e asemade integráronse no colectivo, aínda que ningunha delas tiña aínda descendencia.

A máis grande dificultade que tiveron que afrontar ás familias implicadas, foi conseguir a autorización legal para o inicio da actividade, que estivo moi vinculada á adaptación dos contidos curriculares de determinadas materias á condición específica de non levar roupa no interior das instalacións. Nas areas de Educación Física, Educación Vial e Educación Artística (en concreto nos contidos de arte dramático). Foi o equipo de pedagogos e o resto de profesionais educativos quen conseguiu definir os parámetros nos que se ían desenvolver os distintos eidos do ensino, recollendo xa que logo a inspiración naturista coa que se formulou a iniciativa.

A directora do centro, Hildur Atladóttir, nai pertencente ao colectivo e mestra de profesión, no acto de inauguración do centro, no inicio do curso 13-14, fixo a seguinte aseveración: ‘Estamos convencidas, as familias que aquí nos integramos e os profesionais que nos acompañan, que as primeiras xeracións de novas e novas que saian deste centro, comezarán a mudar o rumbo da sociedade na que nos integramos, dende a perspectiva experimentada de non ter nada que esconderlle aos demais. E iso será revolucionario en todos os aspectos da súa vida’

Na visita que se nos autorizou a facer ás instalacións, xa en funcionamento, puidemos comprobar que ninguén nos prestaba especial atención, pese a ir vestidas e calzadas, e puidemos verificar o funcionamento normalizado, como en calquera outra escola non naturista. Unha das nenas máis pequenas, dirixiuse a nós sinalando co seu dedo anular e comentando: ‘que babecas, non tendes calor?. Que bonito o chapeu (sinalando a cabeza da miña compañeira)’. Pero, temos que dicir que si hai un espazo onde todo o mundo usa unha prenda de roupa. A sección de cociña e o comedor, onde tanto o persoal como as menores usuarias colocan un peto que cubre toda a parte frontal, como prevención para salpicaduras de sustancias en altas temperaturas especialmente.

Finalizamos a visita acompañando no xantar á primeira quenda de menores, e alí foi onde a directora nos invitou a apuntármonos a ambas á lista de agarda para matricular aos nosos fillos no centro, que xa ten un período de espera de dous anos. Está claro o éxito da iniciativa.

Borgarnes, 16/xuño/2015.]


http://www.b.dk/familie-og-boern/foerende-familiekspert-saadan-bliver-i-en-lykkelig-familie

1 comentario:

  1. o día nove, na xuntanza coa profesora de miña filla, saía na charla o tema do mandilón e dicía que non era unha obriga pero si aconsellable e que incluso o mais cómodo era o chandal para tódolos días e non so para sicomotricidade. Uns días antes, no parque, achegáronse varias nais cos fillos e fillas e estes se preguntaban quen ía levar o uniforme e daquel grupo niguén. Un pai achegouse a min e preguntoume como estaba o tema do uniforme e que para él o mais cómodo era o chandal. Comenteille que xa houbera unha intentona co chandal e que senón me equivoca aínda había algúns no local da anpa. Tamén díxenlle que este era un colexio público sen uniforme e cunhas normas concretas en referimento á vestimenta polo que se quería falar con outros pais nais e xuntarse para que os seus fillos e fillas foxen de chandal estaba no seu dereito, que o que prevalece son as normas do colexio e que ningún grupo de pais nais podía nin obrigar nin impoñer ningún tipo de vestimenta. Voltando ao tema da escola nudista so podo dicir ¡¡¡¡olé!!!!. Comodidade e aforro. Para todo o demais mastercard. Non hai que preocuparse de si é sexista polo de as nenas falda o pantalón; non hai que preocuparse de si vai valer para dentro duns anos; non hai que preocuparse de facer un banco de uniformes; non creo quen ninguén leve un lacoste (a non ser tatuado); ou sexa, todo son ventaxas...o único sería dispor dunha boa calefacción e unha boa hixiene. PD. xa estás no feisbuk, xa tes un blogue, para cando o libro? (Angel)

    ResponderEliminar

Deixate de Nics nen@! Ah!, que es Nicasio. Eu son Heriberto. Cantando.