Vivo sen vivir en min

Escribo, logo existo. Logo, tipo. E se son tipo, logo insisto. Descríbome escribindo sobre o que me peta (na cabeza, nos intestinos, na pel de galiña). Nada orixinal, nada con copirrait. Leva o que che preste. Non facemos envios a contrareembolso. Apertas a todas.

venres, 3 de novembro de 2017

FUTURO IMPERFECTO


Nada do que eu poda dicir vai mudar algo do que está a suceder, con toda probabilidade. Non ten ningunha importancia especial. Pero vou escribilo igual.

A min non me parece mal que o Parlament declare a República Catalá. Aínda que aparente ser en plan Pepe Gotera e Otilio, os personaxes creados por unha mente preclara catalá do mundo da ilustración de apelido ben español, español, español. Personaxes que poden ser ao meu entender un bo reflexo de como son/somos -topicazo- os españoliños legais de á pe.

Pero eu son, ademais de español, incluído o por imperativo legal, galego de nacemento e decisión, e europeo de adopción. Tampouco me parecería mal que no Hórreo declarásemos a República Galaika. Balalaika. Xa non digamos o que alucinaría a tope se as Cortes Xerais declararan a Terceira.

E claro, claro que gustaría de que aquí e alí/aquí o fixeramos a xeito. Non digo polo rego, que non é posible en ningún caso. Ninguén nos seus cabais estaría disposto a aceptar unha situación na que tivera que canibalizarse a si mesmo, irse amputando as partes (sen segundas) ou queimarse ao bonzo pola liberte, fraternite, independencite.

Eu estiven presente cando se aprobou a Constitución, aínda que acababa de estrear a neurona política. Había outro que levaba xa un tempo de corpo presente tamén, pero non o parecía. E a verdade é que co desenfreo da febre democratizadora, ninguén se decatou. Eu entre os que non. O que os Repais da Repatria fixeron naqueles días foi o que se podía facer. Para poder asomar o pescozo dentro da incipiente Europa Centro Comercial. Ou era CEE? Coidadiño, que ninguén lles quite o mérito nin o esforzo intelectual. Unha parte das múltiples Españas que estivera escondida, que fora abusada, maltratada, asasinada, que se convertera na clandestinidade nunha esperanza de futuro pactou cun réxime de poder establecido, por unha saída pacífica, de progreso e europeísta para o conxunto de todas as Españas posibles. Os cataláns, burgueses ou non, estiveron tamén nesas. E todas fomos votar a Borbónica con entusiasmo. Eu non puiden, que conste, non din chegado. Pero tocoume pasar polo funil da materia de Filosofía todo o proxecto constitucional naquel COU de encerros, manifas e festas gastronómicas. Aprobei con dificultade aquela materia da profesora que rañaba no apertador diante de todos nós e nunca chegamos a saber porque. E aproveitei para triturar polo miúdo todo o texto da que hoxe e a espada láser de Rajoycles.

Agora escoito de cando en vez o mantra de eu non a votei. Pois teñen razón. Eu quero votala. Ou botala. Unha de dúas. Pasaron ben anos como para que entre todas lle deamos unha volta a todo o que alí pon. Haberá que empezar por lela. Enteira. Coma o Sempre en Galiza, que todas dicimos que si, que si, e logo non sabemos nin que era a Insula Barataria. Porque seguro que ten cousas ben boas, se nos deu tanto xogo para estes 40 anos de paz.....

A min gústame especialmente o de inventar palabras. Deixo varias probas neste texto. Unha que me gustou foi a de NACIONALIDADES. Como recoñecer a peculiaridade das nacións integradas no Estado sen discutir o concepto da unidade da nación-estado. Lembremos o corpo presente. Forty years in the future, vai ser PLURINACIONAL o invento.

Haberá que ler máis sobre teoría política.

Son as nacións tamén inventos? Ou o son os Estados?  Ambos o son? Unhas máis que outros? Curiosa a cuestión de xénero lingüístico.

Que é a soberanía? Onde reside a soberanía? Nas institucións ou nos pobos? Quen lle da o poder a quen? 

Cando e como se pode considerar que un colectivo de persoas, vinculadas a un territorio ou non, cunha cultura común, unha historia común, poidan constituírse como un pobo soberano e decidir por si mesmas como queren organizarse politicamente?

As leis, todas as leis ou unha parte de elas, están por encima das persoas, consideradas individual ou colectivamente, ou están ao servizo das persoas?

Vou poder votar nas eleccións autonómicas murcianas? Ou nas andaluzas? Ou só nas galegas? A que comunidade política lle pode corresponder tomar decisións sobre outra comunidade política? 

Son cousas que posiblemente algunha mente preclara teña preclaro. Dos que van a piñón fixo. Eu sinceramente, non, nin lendo teoría política.

Pero podo optar. Decidir. Que me importa máis. Que poño por diante de outras cuestións. E que é o que me parece secundario.

Pois imos aló.

Quero saber que queren os cataláns, maioritariamente. E entendería que non queiran seguir sendo españois por imperativo legal. O sentiría ben. Preferiría que non marcharan. Non creo que haxa tres millóns de alienados cataláns máis de que haxa 20 de alienados españois. Mesmo con todo o traballo que andan a facer os mass merda nacional-katódicos.

O Estado non pode facer outra cousa que cumprir coa súa legalidade vixente. Un goberno, calquera, é o garante do seu cumprimento. Magoa que non sexa quen de facelo para outro feixe de cousas. Si que se pode mirar para outro lado segundo conveña.

Un feixe de xente que se toma a molestia de construír politicamente unha legalidade alternativa non vai escoitar o que lles diga quen non os escoita. Xa lle podes dar paus ao boi que non vai deixar a linde que pillou con tanto traballo. Pero mellor, evita os paus.

Unha clase política que non é quen de atopar unha solución dialogada a un conflito político non é quen de chamarse tal. Carné por puntos para os nosos representantes. E que non veñan outros que fagan bos a estes.....

E apúntome ao das fronteiras verticais de Silvia e ao da esquerda tricornio de Mauricio.

Vivo nun País, Galiza, que probablemente ten moitos máis argumentos históricos, políticos e económicos para pensar en ser independente. De quen? Quen realmente usurpa a soberanía dos pobos, do conxunto dos habitantes dun País, usufrutuarios da súa cultura, herdeiros da súa historia, partícipes do seu devir cotián, é un sistema de poder que pon por diante o beneficio de uns poucos sobre o ben colectivo. É evidente que  vivimos nun Estado, incluíndo esta autonosúa, que traballa para ese poder, especialmente pola acción dun espectro político determinado, pero tamén pola inacción dos que aceptan manter o status quo na esperanza de promover un cambio dende dentro. Pero sobre todo porque a sociedade civil non se significa como forza política. Vivimos para sobrevivir, manexando como podemos o medo a perder as migallas que nos van deixando caer. E temos que dicir que chove. Cada un no noso recuncho, na nosa burbulla tecnoilóxica, na pasividade moral, na inacción colectiva. Facendo activismo de sofá. De blogue. Este non é o futuro que quixera para os que veñen tras de min. Poida que no proxecto da Catalunya Lliure estean propoñendo outro. Xa se verá. De momento, volvemos ter exiliados políticos. E volve a exhibir testosterona o nacionalismo español. As hormonas fan medrar moito e rápido aos polos, pero acaban toleándolles o sentido. Pican no primeiro que pillan por diante e non hai quen lles dea posto o bozo.


Así que compre seguir insistindo no mesmo. A evolución político social debera levar ao aumento das soberanías compartidas á par do incremento da capacidade de decisión nos ámbitos máis pequenos. Máis sociedade civil e menos IBEX na guía de viaxe. Entender que as identidades múltiples existen no eido político e que cada un de nós decide, pode decidir, ten capacidade de decisión, sobre cales son as que adopta individual e colectivamente. O camiño para avanzar non é negar o conflito senón enfrontalo e aprender no proceso. A violencia, mesmo a verbal, non é, non pode ser, non debemos permitir que sexa, en ningún caso, unha forma de relación entre os seres humanos. A pasividade política, a negación da condición social do ser humano, convértenos en seres alienables, ignorantes, estúpidos e inútiles para a relación. A sobre-información, a sub-información, o maniqueísmo, a falta de práctica no análise crítico da realidade, adoita ser o mellor camiño para chegar aos fascismos. Non se resolven cuestións complexas cun tuit e non sempre as repostas máis complicadas son as mellores  para iniciar a solución dun problema. O sentido común non existe, é un constructio, un proceso permanente, unha comuñón de ideas que flutúa na medida en que novas formas de entender o que sucede van xurdindo. Pero necesitámolo. Logo temos que estar en disposición permanente de crealo, deixando o medo ao futuro imperfecto a un lado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixate de Nics nen@! Ah!, que es Nicasio. Eu son Heriberto. Cantando.