Vivo sen vivir en min

Escribo, logo existo. Logo, tipo. E se son tipo, logo insisto. Descríbome escribindo sobre o que me peta (na cabeza, nos intestinos, na pel de galiña). Nada orixinal, nada con copirrait. Leva o que che preste. Non facemos envios a contrareembolso. Apertas a todas.

xoves, 14 de setembro de 2017

CIDADÁNS


Resulta sorprendente como é que as administracións públicas relaciónanse coa cidadanía. Obviando a parte que corresponde ao burocrático, que ven sendo proporcional na súa dimensión ao tamaño do aparato funcionarial que soportan, pero sen deixar de pensar que sobra moito papel, moito dato, moita compulsa. Unha boa reforma destes procesos, tesoira en man, sería precisa sen dúbida a todos os niveis, e mesmo alguén podería calcular canto aforraríamos en euros contantes e soantes.

Pero máis que niso, estaba a pensar no que está a suceder coa cuestión do peche dos centros de ensino público. Seica dixo o Conselleiro correspondente que son traslados no peches. Entón, van seguir existindo os edificios, non haberá demolicións, pero os seus habitantes escolares e profesionais serán desafiuzados en calquera caso. Por certo, o argumento é o aforro, tamén. Outra vez. E seguimos sen aforrar nos concertos co ensino privado. Amarradiños ate o 2020. Que mágoa. Que intención tan clara.

Entón, resulta que ademais de erros substanciais na comunicación aos afectados, se hai quen crea o que di o máximo responsable da Consellería, hai un erro importante no momento elixido. Ou non? Eu vou afirmar que non tal. Cando mellor que nese momento, que xa estaba medio País coas maletas das vacacións medio feitas? Que intención tan clara. De ter avisado, con tempo, hai uns meses, para facilitar os procedementos de transición, xa levaríamos outros tantos (meses) repetindo que NON. E o NON, entraría pola orella esquerda do irresponsable e sairía pola orella dereita, xa neoliberalizado en non é rendible, aforrar, é necesario, hai que facelo.... Ou na versión de algún outro adlatere comisario político de “abrir un centro de primaria aquí pode supoñer ter que pechalo noutro sitio”.

Cal pode ser a razón para que a unha administración pública lle resulte tan doado pechar un centro de ensino público e tan difícil de considerar a idea de proxectar abrir un novo? Unha intención moi clara.

A realidade é que o problema vai moito máis aló disto. É comprensible que nun sistema político como o que temos, unha partitocracia entre outras cousas, os partidos que ostentan o poder procuren a defensa dos intereses dos seus grupos de presión correspondentes. A quen lle pode estrañar que nunha sociedade des-ideoloxizada, onde prima o interese particular sobre o colectivo, que busca a practicidade e a recompensa inmediata, sen obxectivos de desenvolverse a un estado superior individual e de grupo, mesmo de especie, e centrada no consumo, subliñadamente no consumo do tempo, a quen lle pode estrañar, digo, que os partidos políticos respondan na mesma medida.

Si, si, parece que estou sumándome aos de “son todos iguais”. Sei que non é así. O repito. Non todos son iguais. Uns, son máis iguais que outros.... Como distinguilos, xa é cuestión para diploma, nalgún caso, pero fundamentalmente eu o fago por dúas cuestións: o contido ideolóxico dos seus programas, propostas e campañas por oposición á afirmación dos medios centralizada nun liderado específico, a incoherencia histórica reflectida nas hemerotecas (na memoria histórica) e as fórmulas de relación escollidas coa cidadanía. E doutra banda por como están organizadas e como son de opacas as súas estruturas internas, dun xeito piramidal con núcleos de poder subsidiarios, caciquís ou clientelares primordialmente, ou ben con transversalidade, con sistemas participativos e decisorios da base aos órganos de dirección con claridade e transparencia nos seus debates internos. E aínda así, non ben sendo doado distinguir.

En calquera caso, o que non sería comprensible ao meu entender, é como nos tratan aos cidadáns particulares e ás organizacións sociais de base en xeral, as administracións públicas. Basicamente como se nós fósemos os seus servidores, cando resulta que é xusto o contrario.

Todas as administracións públicas e todo o seu persoal, designado politicamente ou ocupando un posto de traballo por méritos propios, e todo o aparato de cada administración, TRABALLAN PARA NÓS. É a nós a quen lle deben todo tipo de explicacións. Non ao revés. Son as nosas peticións, indicacións e suxestións as que deben ter prioritariamente en conta, pensando no ben común colectivo, por enriba do que o espectro político de quenda pretenda impoñer.

Partindo desa premisa, por suposto que sería perfecto tomar unha decisión que fora en beneficio da maioría. Claro que asumiríamos un sacrificio necesario para acadar un ben maior. E apuntariámosnos solidariamente a unha resposta individual e colectiva que puidera supoñer unha mellora para quen o precisara. Pero dende unha formulación de subordinación, nin auga.

Que canseira, ter que reclamar a un director, a unha concelleira ou a calquera outra caste de cargo político que explique, informe, argumente, en aberto, sen codificación.

Devén aburrido a esta alturas ter que indicarlle a un cargo de calquera nivel que as cousas non se fan impoñendo unha opinión. Que as decisións, de todo tipo, entre adultos, se teñen que tomar en colaboración e cooperación. E especialmente no eido educativo. Porque é ese o ideario que defendemos (os que o defendemos) e queremos que sexa transmitido ás nosas fillas e aos nosos fillos. Ou é só falar por falar?

Poida que o problema sexa que non temos práctica. Non sabemos como facelo. Mesmo temos resistencia a saír desa zona de comodidade onde un decide e os outros asumen a decisión. Seguimos a ser vós vasallos nun País onde non hai máis que un patético e triste Rei.

E non teño claro que a III República fora a mudar iso.

Quizais a Primeira Galega.

Co Depor, o Celta, o Racing, Lugo, Rápido, Somozas, Coruxo, Ourense, Compostela, Pontevedra, Boiro, Bergantiños,....

1 comentario:

  1. o de que as administracións públicas traballan para nós é como o de facenda somos todos ou que todos somos iguais ante a lei. Sempre hai que por "entre comillas". Algunha vez te preguntaches a conta de que viñeron as escolas concertadas? colexios privados para chupar cartos públicos?. Coa débeda que se perdoa aos bancos, o que se regala a igrexa catódica, o gasto de manter unha monarquía e o que chupan os políticos (pagas nescafé, cartos para gastar sen declarar, doble soldo, etc)non facía falta recortar ni no ensino público ni na sanidade pública. A Francia non lle foi tan mal coa República, o que fai mellor ou peor a un país son os governantes. que se elimine á monarquía non quere dicir que vaia a gañar a esquerda; pero é un gasto menos. A primeira galega xa a temos e tamén a segunda (TVG2). O que si é certo é que cada vez prima mais o interese individual que o colectivo e iso o que ten o bastón de mando o sabe e cada vez iremos perdendo mais e mais dereitos socias.

    ResponderEliminar

Deixate de Nics nen@! Ah!, que es Nicasio. Eu son Heriberto. Cantando.