luns, 17 de xullo de 2017

A SOMBRA DA VERDADE


Todas sabemos moito de como é que as demais deberan facer as cousas.

Este podería ser un axioma de aplicación, nas relacións sociais que mantemos neste mundo do inmediato, da exposición pública dos ámbitos privados, das análises simples a cuestións complexas, das respostas curtas, a xeito de titular de noticia un pouco longo, a preguntas que requiren reflexión, coñecemento detallado e contraste da información.

Hai un dito que indica que unha explicación curta é un atentado á verdade.

“A verdade se non é enteira, convertese en aliada do falso (Javier Sádaba).”

Pero hai quen pon en dúbida que o contrario sexa mellor fundamentándose en que o nivel de coñecemento dun tema non é nunca o mesmo nin ten o mesmo nivel cando existe un emisor e un ou varios receptores. Isto presupón que na comunicación quen transmite modifica a substancia da información, mesmo pola propia subxectividade do seu coñecemento persoal. No sentido contrario o receptor tendera a ser máis proclive a subliñar aquelas cousas que reforcen o que xa pensaba ou/e sobre das que ten máis coñecemento (previo ou de outras fontes).

Ante semellante disxuntiva, e no intento de evitar malas interpretacións, hai quen opta por restrinxir a información compartida. Tanto no sentido da cantidade de datos como da cantidade de medios a través dos que se comunica. E mesmo a obviar informacións circulantes, na consideración de que así non existirán ou perderán valor.

Estas técnicas antigas, na realidade de proliferación de sistemas de comunicación que xa non dependen de organismos ou institucións sometidas a un código determinado, xa non funcionan.

Todo acaba estando, dun ou doutro xeito, no taboleiro de notas mundiais, sen control.

Entón entran os estudosos a analizar as situacións creadas nos seus diversos aspectos.

Este é un artigo publicado na revista NATURE, sobre a construción (diríase mellor sobre a de-construción) da memoria, xa que logo, tamén da verdade histórica. Aquí a tradución ao galego de Google.

Hai asemade varios enlaces a outras entradas relativas á cuestión da proba e da verdade científica. Agrádame a idea de formar ao gran público, a todas nós, para dotarnos de ferramentas e capacidades coas que poder analizar a información e distinguir as partes consistentes - polo tanto, con trazos de certeza - e desbotar as que non o son. Con máis importancia aínda para quen está en períodos de formación, que ven sendo quen máis pode padecer as consecuencias da des-información, a manipulación e o control. Se aceptamos a premisa dun artigo publicado hai pouco sobre a infantilización da sociedade - a occidental, entendo, e non non estrito sentido xeográfico - habería que estender esas posibles consecuencias ao conxunto maioritario da cidadanía.

Pero hai cousas que non precisan - non deberan precisar - formación específica?Vou propoñer un exemplo: “non fagas na rede o que non farías na vida real”. Unha premisa fermosa. Pero nada máis que iso. Poida que un bo desexo, unha boa intención, pero non di nada nin medianamente concreto. Porque se roubas na vida real, pan ou fondos reservados, entón tamén poderías facelo no mundo dixital. Se usas a violencia nas túas relacións con outros no eido non virtual, tamén o poderías facer na rede. Se és mentirán, terxiversas ou falsificas informacións nun, tamén o poderás facer no outro.

Nun mundo líquido e cambiante, minguante para algúns moitos, crecente para uns poucos, onde deixamos de admitir valores comúns de convivencia, resulta de todo punto complicado pedir comportamentos éticos ao conxunto dos usuarios da rede global. Custanos traballo pedilos, exercelos, reclamalos, mesmo acordalos en pequenos eidos locais, nas comunidades de veciños, nos campos de fútbol de infantil, nas colas dos supermercados, nas entradas aos aparcadoiros dos centros comerciais,.... onde suponse todos compartimos a mesma orixe cultural, que podería ser dalgún xeito a orixe do acordo común de principios e normas, na súa construción histórica.

Cando menos si existe un acordo de normas básicas que xa hai un feixe de anos se estableceu na rede, a Netiqueta. É posible que chegue con isto?

Ningún comentario:

Publicar un comentario