martes, 1 de novembro de 2016

O DEVATER


Estiven vendo o devater onte, perdón, o xoves 27. O de investidura. Si neno, o de Rajoy presentándose a presidente do goberno. Vale xa sei que non é novidade, pero o caso e que me coincidiu ben, metinme na web da 1ª 24h e mentres pasaba o ferro e poñía en orde documentación para outra votación máis próxima en todos os sentidos, pois estiven escoitando e mirando ás veces. Vou dicir algo que vos sorprenderá: estivo chisposo o futuro PdG. Ostras, Padaguan. Como se me enfían as sinapses, mimá. Mesmo tirando de retranca, que por definición, non pode ser máis que galega. Logo houbo quen me comentou que tamén llo pareceu, ate o punto de preguntar polos papeis para darse de alta no partido dos pada-ones. Eu non vou cheghar a tanto. Pero pareceume recoñecer no candidato a algún político histórico español, con máis sabedoría pola experiencia que pola súa condición demoníaca, dos tempos nos que o nivel oratorio era algo máis elevado que o de agora. Xa vos falei noutras ocasións das miñas anteriores reencarnacións. Aqueles tempos nos que as elites que chegaban ao parlamento como representantes da soberanía popular o eran -elites- no sentido non pexorativo da palabra, e contaban cunha formación de nivel superior a dos comúns mortais da rúa, moi vinculada ao coñecemento clásico. Agora tamén hai moitos profesionais de nivel nos parlamentos, empezando polo propio candidato, e non o estou dicindo por mal. Eu non coñezo a moitos rexistradores da propiedade. A ningún, descontando ao pasado-presente-futuro presi. E cónstame que hai enxeñeiros, avogados, economistas, profesores e outros doutores varios. Mesmo algúns con máster. Literatos, xente dos medios, non sei se algún deportista pofesional. Non chegamos aínda á Chichiolina, pero todo se andará. Nos novos grupos políticos tamén, aínda que pensemos que todos son perroflautas dun lado e trepas novosricos do outro. Mesmo unha mascota de mundial, coido que hai tamén. Ou iso me dixo alguén. Rima.

Que será, será. Dou en pensar que é o que reflicte a composición do parlamento, a cámara baixa, non a alta, que é outro conto. Toda chea de ramplas e con aparcadoiro de andadores. Tan alta non será, digo eu. A baixa, é unha cámara de representación electa por nós totalmente, os seres hubanos mortais, e en consecuencia tería probabilidades de ser unha copia a escala do que somos como colectivo social. Un tanto por cento de mulleres, de homes, de ocupados, de desocupados, de laicos, de crentes, de ricos, de menos ricos, de nada ricos, de EXBs, de BUPs, de graos universitarios varios, de autónomos, de empregados, de nacionais ou plurinacionais, de non nacionais,... Seino, seino, estou sendo reducionista e maniqueo. Intento crear unha imaxe con palabras de como poderíamos pintar o cadro da composición parlamentar máis aló da pertenza a partidos políticos. E non é porque pense que todos son iguais, os partidos. Sei con absoluta seguridade que non todos son iguais. Pero tamén que algúns si o son. E estes parece que poden salvar as distancias de matices que os separan e xuntarse para que non lles dean unha chaparreta dende Bruxelas. Logo xa sabedes como sería a cousa, igual que na casa, cando me rifa o boss(ta) no traballo vou descargar na casa coa neveira, o compañeiro, as crianças e o mando da tele. Transferencia de danos e socialización das perdas. En calquera caso, un conglomerado de xente interesante. 350 coido que son, non si? Cabezas pensantes incluídas. Palmeiros incluídos. Líderes incluídos. Pois son os que escollemos para representarnos. Por algo será. E, porque será, será?

Poida que non teñamos outra caste política, e non o estou dicindo en morado, porque non a necesitamos. Esta é a que nos vai ben e nos corresponde como sociedade. Eu coñezo a bastantes persoas que poñería ao mando dun ministerio. Pola súa capacidade, coñecemento, compromiso e sobre todo pola súa calidade humana, dende o punto de vista moral. Non estou dicindo que lles daría carta branca para facer o que quixeran, non. Como alguén nos contou nun marabilloso vídeo, a democracia non se basea na confianza, senón na desconfianza. Pero estas persoas, habitualmente nin se aproximan á política como ferramenta de relación e construción social, nin queren saber nada dela. Fundamentalmente porque saben que colectivamente non apreciamos a quen se mete nesas lides, e mesmo damos por sentado que se o fan será porque algo queren ou pensan pillar. E si, habelos hainos, sobre todo cando se chega a un proceso de profesionalización política onde só uns poucos poden facer carreira dende estruturas burocráticas partidistas, pero non son todos. Eu diría que non son a maioría. Neste caso, a maioría absoluta non está no lado escuro da forza. Podería ser un problema se fora ao contrario, claro que si. Pero é un problema sendo poucos cando como sociedade non o condenamos con votos. Nin cando aceptamos ese modelo de comportamento para outro tipo de relacións sociais. Claro que é necesaria unha lei de financiamento de partidos, onde todas podamos saber quen lle da cartos a este e a aquel para presentarse como candidato ou partido. Pero tamén para que os candidatos non teñan que preocuparse de como van seguir pagando as súas facturas particulares mentres estean traballando para nós. E se seguimos optando por un sistema de partidos xerárquicos e liderados, pois para que teñan liquidez para desenvolver a súa actividade. Logo, negro sobre branco para todo  o mundo. Isto supoñería que definitivamente, poderíase abrir o espectro de poboación compoñente dun parlamento representativo. Empezar a traballar na recuperación da idea de que todos temos responsabilidade no que nos sucede colectivamente. E poida que nun futuro relativo puideramos empezar a practicar o turnismo na representación, de xeito que en algún momento da nosa vida, todas pasásemos pola asunción da responsabilidade de participar como representantes dos demais no exercicio do goberno colectivo.

Un futuro que non se albisca próximo. Hai dous factores fundamentais que actúan contra desa posible realización. Un é a resistencia dos grupos privilexiados a perder os seus privilexios, claro que si, non podería ser humanamente doutro xeito, sobre todo atendendo ao segundo factor: un modelo educativo social que pon en valor o interese e necesidade individual por riba do colectivo, a primacía da economía e o utilitarismo sobre a solidariedade e a busca da sabedoría, a repetición acrítica de pautas de comportamento fronte a resposta imaxinativa en rebeldía permanente, a negación de principios e valores de dereito colectivos e a afirmación de deberes de cumprimento unilateral, a trivialización da comunicación entre persoas, que nega a construción de persoas libres e autónomas, con criterios propios construídos en base a información contrastada, a deificación dos procedementos de asimilación de conciencias nunha globalización monolítica do pensamento.

E un factor coñece e sabe que o control do outro e fundamental. Os colectivos que reteñen o privilexio de decidir sobre a vida dos demais, poder que tomaron, lembremos, porque todas o permitimos, moven os fíos necesarios para que as pautas nas que se críen as novas xeracións volvan a estados de control permanente. En todos os medios de comunicación que controlan, mesmo nas redes virtuais, provocando, cando non lexislando directamente, as condicións para que as familias non podan ser partícipes activos fundamentais dos procesos educativos, matando a tribo, e por descontado promovendo a desestruturación dos sistemas públicos de formación, instrución e educación, na procura de convertelos en estamentos de beneficencia social para os  menos favorecidos, derrubando así a función igualadora social do ensino, aquela grande conquista social. En paralelo afianzando as estruturas onde as elites futuras poidan seguir desenvolvéndose como tal.

Seica sempre volvo ao mesmo. Como non? Despois de escoitar como un candidato á presidencia do goberno dende o estrado do parlamento estatal lanza unha comunicación que cando menos sería cualificable de manipulación da verdade sendo benévolos, mentira podre sendo Rufianes, sobre o acordo para a eliminación do valor académico das probas de revalida, e ningún dos 349 restantes sinala tal feito como unha moto mal vendida, pois volvo a seguir preguntándome, canto é que nos importa a Educación realmente?

O problema non son os políticos, non son as institucións, non son os partidos. Somos nós. Porque non nos recoñecemos como a parte dun todo, non nos recoñecemos como produtos da historia, non nos recoñecemos como seres limitados no auto-coñecemento, non nos recoñecemos como capaces de calquera cousa, humana e inhumana, nin temos consciencia de cales son as influencias internas e externas que toman poder en nós para as decisións que tomamos na vida. Limitámonos a vivir os tempos, que xa é curro dabondo, o digo dende a miña propia experiencia vital, apremados pola urxencia do cotián sen prestarlle atención, suficiente atención as máis das veces ao que realmente é importante. Por non saber, poida que nin saibamos cal é esa condición de importancia, ate que algo sucede e temos que mirar ao abismo.


Sei que non son tempos de revolución nin de guillotinas no eido social. Pero poida que teña que chegar o momento de facelas de cada un para si mesmo. E logo subilo ao twitter. Apañado estou.


Ningún comentario:

Publicar un comentario