Vivo sen vivir en min

Escribo, logo existo. Logo, tipo. E se son tipo, logo insisto. Descríbome escribindo sobre o que me peta (na cabeza, nos intestinos, na pel de galiña). Nada orixinal, nada con copirrait. Leva o que che preste. Non facemos envios a contrareembolso. Apertas a todas.

xoves, 13 de outubro de 2016

O PACTO DOS LOBOS


Estes días din en pensar na situación política que estamos a vivir. Padecer, podería ser un verbo a empregar no parágrafo. So que transmite directamente unha visión de doenza. E dalgún xeito define unha relación cos feitos nun só sentido. O de quen sofre sen ser responsable do seu sufrimento. Sen ser causante. Ou sen ter parte da propia doenza. Imaxino que as voltas neuronais prodúcense en parte pola presenza temporal de reiterados procesos electorais. Escribo, comezo a escribir, a carón do maniquimáquina, na mañanciña do 25S. Aínda non fun blotar nin sei quen vai levar os gatos a auga na próxima noite. Pero mesmo se houbera unha revolta de siglas, e as tendencias votunas dos últimos tempos mudaran un chisco, a miña impresión sociolóxica afeccionada non había mudar, moito máis aló de recoñecer o efecto das modas políticas. Das modas efémeras dos novos pulsos colectivos expandidos polas redes virtuais transmitidas aos eidos políticos. Unha transmisión que tivo a súa mellor expresión primeira no cambio contra das previsións de resultados nas primeiras eleccións que gañou Zape e perdeu Azipi.

O meu bloto, a todo isto, xa está decidido, como diría o outro, polas circunstancias. No meu caso van máis aló da pobrura laboral e económica á que estou sometido, nesta inmediatez, e defínese na historia e na cultura que comparto e que me construíu en parte. Tamén na realidade colectiva que percibo, na proximidade social e ideolóxica e lonxe dos medios de masas e de negocio. Se cadra todas as que imos votar e as que non van, saben con exactitude o porque do seu voto. Poida que o saiban aproximadamente, máis ou menos. Quizais non teñan nin cura idea das verdadeiras razóns polas que finalmente escollen un, outro ou ningún voto. (Va que ás veces dúas consoantes cambian ben o contexto?)

Se cadra, poderíanse definir tres grandes grupos de voto neses parámetros. Como poderíamos clasificarnos? Cal sería o xeito, se tiveramos interese, en poder incluírnos nun grupo ou noutro? Nos mesmas, digo. Autoclasificarnos por facer unha reflexión atemporal no sentido político votuno. Ser quen de explicar con claridade e concisión a nosa decisión, podería ser un parámetro interesante para definir o grado de consecuencia votuna que nos facilitara sumarnos a un grupo ou outro? Mesmo poderíase establecer unha escala de 0 a 9 e con decimais. E facer unha proba estandarizada, avaliada por sociólogos independentes. Entón seríamos quen de illar a variable “saber que votamos” da variable “saber explicar o que votamos”, evitando a contaminación da mostra.

Porque, e poida que o compartades ou non, hai moito experto en dar explicacións que non teñen ningún fondo. E que non teñen nada dentro. Políticos Ikea. Politikeos. E hai a quen lle presta, Ikea. Mesmo aprecian o uso de nomes de produtos escritos en lingua vernácula sueca, tipo Alsvik.

Ás veces coinciden estas xentes filopolitikeos coas que non entenden nin aceptan a denominación de produtos feitos en Galiza, na lingua propia do País. Non molaría? Camiseta Cogomelo. Nas trescentas mil tendas de Zara polo mundo adiante. Pantalón chinés Venchosei. Vestido de festa Rapariga. Citröen Chandrexa. Indradron Maloserá. Perfil aluminio Quechova. Fragata F365 Amador.

Volvendo á política, estrito senso. Tamén hai a quen non só lle presta senón que precisan políticos asín. Outra xente prefire o modelo moNONsílabo. Ou o plasmático. Ou o plastilínico, sendo en cores cítricos mellor, claro. Aquí no País, coido que trunfa o político papá, agora con máis razón aínda. Este tipo de papi cativador, controlador, intrigante e persuasivo, dos que queren estar en todo e non deixa facer nada se non anda el polo medio, que reparte pagas e prebendas aos palmeiros e descoñece coma fillos a quen non lle ri as gracias, que sabe usar e usa a chantaxe emocional, especialmente á do medo natural ao descoñecido, para conseguir os seus obxectivos. Non os de todas. Os seus. E claro, sempre hai danos colaterais traducidos en beneficios para uns poucos. Adoita ser dos que sempre quedan ben e case que nunca fai nada bo para todo o mundo nin en concreto para quen realmente o precisa. E se desaparece por un tempo, seguro que volve a encarnarse noutro. En tempos chamábanlles caciques, coido. O caso é, que nace, medra e reprodúcese en chan fértil.

No meu escaso entender, e outro síndrome máis do funcionamento da política aquí e agora. Un dos varios que me levan a pensar nun risco de suicido social. Máis, como é que se desenvolve un terreo estercado para tales perversións político-sexuais? (Baltardadas aparte). Teño a sensación que non ven de onte.

Vivimos nunha sociedade definida polo utilitarismo. Polo consumo. Debilitada pola instantaneidade. As presas das empresas por medrar e acumular, aplicadas aos seus produtores de riqueza -algúns os chaman obreiros ou empregados- no seu funcionamento interno, acaban facendo osmose nas vidas persoais e no resto do tecido miniempresarial. As pequenas empresas -subsidiarias directas ou non- reproducen esquemas de deshumanización laboral. Os individuos adoptan como súas as premisas e prácticas do seu tempo laboral. Facer máis, facelo mellor, facelo máis rápido. Triunfan as apps de planificación do tempo de lecer. Nada escapa á sistematización. A reflexión sobre as cousas da vida, a análise polo miúdo do que sucede, o contraste da información recibida, a interiorización de conceptos e valores primordiais, a colectivización do pensamento individual, desaparecen. O consumo opíparo de opinións vacuas e ideas sen substancia vai matando as neuronas sociais. E cando non, a sinapse fica sustituida por máis canles de fibra óptica.

Ese novo suicidio social do que sinto que estamos preto, non se produciría a pequena esquela, aceptádeme o xogo de palabras. Estaría deseñado e definido intencionadamente para ser un evento global e perdurable. Os sucesos anteriores, máis localizados no espazo e no tempo, trouxéronos horror e decenios de penitencia cando nos miramos no espello da Historia. En Europa, en Asia, en África, na América Latina as peores lembranzas da capacidade que temos de facer mal cando nos esquecemos da condición colectiva de humanos, teñen exemplos que non é preciso nomear.

A combinación dese esquecemento de ser parte de un colectivo co da diferenciación individual e de grupo, recoñecida como a capacidade autónoma de decidir por un mesmo, de ser soberanos no ámbito que consideremos oportuno, partindo de información veraz e contrastada publicamente, condúcenos ao individualismo e á demagoxia pola negación do razoamento compartido.

Cando unha parte importante da poboación non entende a política como a canle de participación necesaria para a estruturación social, e só a identifican como un lugar non común onde uns poucos sitúanse para conseguir beneficios para si mesmos e os seus, non están facendo outra cousa que expresar a súa propia opinión e definir a súa postura vital. En consecuencia, esa parte da poboación, asiste como espectador granhermanista as aventuras e desventuras de políticos profesionais e partidos establecidos. Ou ben apoiarán a quen entendan que fará o mesmo que farían eles, agardando que a cousa non empeore, ou poder pillar un anaco das migallas repartidas periodicamente, ou que lle xestionen axeitadamente as súas necesidades dependentes da decisión política. Abstención e voto útil. Non importa a ideoloxía. Igual poden ser azuis aquí e agora como vermellos noutro sitio, ou noutra ocasión. Tampouco a ética ten valor, mentres non se sacudan os principios fundamentais do movemento: España, mercado, festa. Gastronómica, en clave de este País. Haberá quen maldiga a este sector da poboación. Eu prefiro entender que actúan en consonancia co que buscan e valoran. Son resultadistas. E tenderán sempre a apostar polo cabalo gañador. Non lles gusta experimentar riscos co que non coñecen no eido colectivo. No persoal, e cousa de cada un e mesmo seica hai quen entra nas sombras grises. Mesmo quen se declara de esquerdas nas enquisas.

E poida que ese mesmo sector da poboación, ou unha outra parte na que se incluirían maiormente, non perciba nin faga seu o sufrimento xeral ao que nos vimos sometidos outra grande cantidade de xente por causa da propia crise económica, pero sobre todo non o entenda como o abandono do pacto social do benestar que fixeron os sucesivos gobernos da dereitona española, traducido en miseria económica para moitas familias, en precariedade laboral e económica para tantas máis, e que hai quen deu en chamar recortes. Que volvera a ser ben vista a caridade, mesmo considerada necesaria contra da percepción de ter todas por defecto acceso aos mesmos recursos básicos para vivir con dignidade, debera facernos entender que non só padecemos unha crise da economía. Tamén do pensamento racional e analítico colectivo, que non é quen de ver isto como a rotura do contrato social entre clases. Caridade que se prodigou na aparición cogomelista de asociacións e oenegues varias para solventar dende unha formulación mal entendida da solidariedade as carencias que os mecanismos reguladores do Estado deberan atender e que as propias institucións converteron en leis compensatorias para os máis desfavorecidos, estigmatizando e excluíndo. Todas entramos nese xogo, por unhas ou outras razóns, doamos e participamos nos actos organizados de doazón. O xustificamos con toda a razón e sensibilidade pola urxencia das necesidades de algúns colectivos. Colleitamos e repartimos peixes, pero non ensinamos a pescar, non sinalamos a quen malgasta o peixe, non condenamos a quen usa o peixe como arma de sometemento. Esquecemos pararnos a pensar nas causas reais da exclusión económica. E nos causantes. E identificalos. E darlles unha patada no cu ou mandalos a sachar patacas nas hortas comunitarias das cadeas por unha tempada. Cando menos non andarían montando fundacións de golfos e manipuladores. Nin ocupando poltronas empresariais enchebandunllos.

Moita limpa habería que facer. Voto por unha lei de rozamento de fincas de privilexios. Obrigatoria e con inspección popular. Por que os lobis, visibles ou non, traballan para conservar e incrementar os privilexios que detentan. E empregan todas as ferramentas que están ao seu alcance, que non son poucas, co obxectivo fundamental de conseguir que o resto da poboación acepte como seus e se comprometa na defensa dos intereses dese pequeno grupo. Alienación. Da que nin nos decatamos as máis das veces.

Tanto é así, que poida que unha boa parte do colectivo de poboación que votan utilmente ou non votan utilmente, asumen tamén como súa unha ideoloxía que afirman é a única para conseguir un País mellor. E escollen tres ou catro ideais centrais dentro da programación -  en algún caso, cabezas XXL, vinte ou trinta- e as repiten unha e outra vez coma un mantra. Só a iniciativa privada crea riqueza, a constitución e sagrada ora pro nobis, os parados non traballan porque non queren, temos que cumprir co que nos mandan de arriba (versión España, versión Europa), non se pode tolerar a discriminación do español na educación, os sindicatos son organizacións para que uns poucos tiren proveito, hai que protexer as empresas españolas no exterior, hai que financiar as empresas privadas con cartos públicos se é necesario, xa está ben de meterse coa S.M. Igrexa, va que non hai collóns a facelo co Islam,.....

Normal. Cando todo un aparato organizado de comunicación de masas, curiosamente financiado con actividade ou cartos públicos, repite unha e outra vez as mesmas premisas, tampouco resulta tan extrana a asimilación. Cando o colectivo receptor non ten nin tempo, nin capacidades, nin ferramentas, nin medios para poder analizar, verificar e contrastar os fundamentos de tales aseveracións, acaba asumindo que é posuidora da verdade.

Claro que non é este o único colectivo que se asenta na crenza unánime propia de ser posuidores da verdade. En xeral todo o sector de poboación que vota con asiduidade por opcións da chamada esquerda sociolóxica, esta nesas. E en cada patio da esquerda está a única verdade. Xa que logo os outros patios non poden tela. Esta conceptualización de superioridade moral sobre as outras opcións, próximas ou contrarias, sempre acabou facéndolle máis mal que ben ás forzas da esquerda tradicional democrática. As dereitas  en xeral e as esquerdas máis radicais cando foron constitutivas de poder, souberon case sempre manter pretas as filas e silenciar, cando non facer desaparecer, ás disidencias. Pero a cousa é que parece que agora, as novas esquerdas, modernas e sempre ao día, tamén están caendo na mesma percepción limitante. Case que ofrecéndose como salvadores da patria esquerdosa, repartindo maxisterio e doutrina a destro e sinistro.

Somos moitos os que formamos parte dese gran colectivo denominado esquerda, igual que de calquera outro, de distintos estratos sociais e idades. Algúns son votantes históricos dunha alternativa social herdeira ou continuadora das teorías marxistas. Mesmo podemos ser votantes por herdanza familiar, recollendo a memoria histórica dos que antes que nós intentaron con ilusión cambiar as condicións de vida da maioría da poboación para mellor. Pero tamén respondemos maioritariamente aos mecanismos de manipulación do poder. Do poder económico, do político e do mediático. Nun momento no que o capitalismo hexemónico traballa arreo para impor os seus ditados a toda a poboación mundial, na intención de eliminar a resistencia dos estados e as unións de estados para facer desaparecer as barreiras que limitan a súa feroz e insaciable fame de acumulación, a esquerda vella non atopa respostas alternativas que darlle aos seus seguidores e a esquerda nova busca responder construíndo ao paso unha estrutura ideolóxica por oposición a. Todo o que se albiscaba como revolución do coñecemento coa apertura e desenvolvemento das redes universais de comunicación converteuse grazas á inoperancia dos sistemas educativos e das organizacións sociais de base nun marasmo de confusión e exceso de información, do que tiran proveito esencialmente os que queren igualar por abaixo. Todas as propostas liberais novas van no camiño de suprimir calquera traba ao comercio internacional, sempre que haxa unha ganancia empresarial. Pero non a conseguir en paralelo elevar en todo o mundo as condicións laborais dos traballadores e empregados, ate o nivel europeo, por poñer un exemplo. As esquerdas locais, mentres tanto, seguen os seus camiños particulares, agardando a solución máxica de todos os problemas dende a seguridade dos seus fundamentos teóricos. E repiten, lemas e slogans pararrevolucionarios. Máis mantras de consumo.


Xa pasaron uns dias do 25S. Vexo no DOGA ao goberno en funcións facendo o que prometeu, traballar dende o luns seguinte. Mesmo dándolle padiante a leis de participación cidadá e control das administracións públicas. Miro a unha parte importante das esquerdas tradicionais suicidarse organicamente. Dóeme. Polos militantes, non polos dirixentes. Penso que non imos gozar de novas eleccións nun par de anos, senón botei mal as contas, e imos ter tempo todas para darlle unhas voltas ao que está a acontecer. Tempo cronolóxico. O panorama pinta un outono político quente nas loitas polo poder, nos interiores dos palacios partidarios e nos espazos comúns da representación popular. Eu teño a sensación de que nada vai mudar. Porque os cambios non dependen da intención positiva duns poucos. Cando menos os duradeiros. Existen múltiples teorías sobre o liderado e o comportamento das elites. Segue habendo moita xente que fía en líderes a consecución de obxectivos colectivos e moitos outros que consideran que son as elites ben formadas e moralmente equilibradas as que nos sacarán do marasmo social. Non hai tal. Alonxados de opcións revolucionarias, historicamente alonxados, a única posibilidade de mudar algo con xeito no eido colectivo pasa por cambiar os procedementos de relación co poder, asumindo a responsabilidade individual na toma de decisións colectiva, revisando a conceptualización dos valores que queremos compartir, definindo novos parámetros sociais do funcionamento da economía, establecendo compromisos para a distribución equitativa dos bens e servizos, entendendo a idea de riqueza como algo que ten que ser necesariamente de todas e fundamentalmente dándolle unha volta completa ao sistema educativo para que deixe de producir títulos e se adique a colaborar na construción de persoas. Todos a educar. Moito curro do noso señor, ao que non creo que a maior parte da poboación este disposta. Porque non teñen necesidade. E os intereses van por outros derroteiros. Aínda temos os pes secos e quentiños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixate de Nics nen@! Ah!, que es Nicasio. Eu son Heriberto. Cantando.