mércores, 22 de xuño de 2016

REENCARNACIÓN

Municipal Fish Market - Lily Spandorf
https://museum.gwu.edu/spandorf
Tanto debate e tanta osX, e tanto indeciso que aínda non sabe que facer coa súa vida votuna, votante, ou como sexa que haxa que dicilo.

O de votuna non vai por rimar con Fuenteovejuna, ese pobo de ficción que tantos discursos ten inspirado. O de verdade, Fuente Obejuna, en Córdoba, cuxo xentilicio é de pregunta de Saber e Gañar, non aparece nos noticiarios habitualmente.

Votante si que rima con militante, pero tamén con diletante. E con grazie tante en italiano. De nada.

Posto a escoller, eu non sei que escollería, case que preferiría o primeiro que o segundo. Non por nada. As democracias estas representativas estilo occidental, fundaméntanse niso. Nos votos. Nos votantes. Non é que guste máis das orgánicas, como as que tiñamos antes de J. So que están pensadas así, vota e xastá. Cando che toque. E para o que che toque. Logo xa facemos nós, os elixidos. E desfacemos.

Pois iso, tírame máis o da sociedade civil activa, estruturada, comprometida e participativa. Militante. Non intermediada nas decisións. Non infestada de intereses alleos. Non sometida a constantes  e continuos intentos de manipulación. 

Na miña anterior reencarnación, aló polo fin do XIX, sendo votante selecto indeciso entre Cánovas e Sagasta, pensaba en estar nunha sociedade que fora quen de manifestar ás súas opinións abertamente, responder ás convocatorias transmitidas de boca en boca, e acudir maioritariamente ás convocatorias públicas descritas nos bandos cravados en postes e paredes. Non era consciente de que o meu mundo urbano e cultural, non era nin por asomo a referencia maioritaria na España que me tocara vivir.

E imaxinaba, lendo algúns dos textos que dificilmente chegaban da Europa xa industrializada e en efervescencia de remuda ideolóxica, como co pasar do tempo, mudarían as condicións nas que poderíamos escoller. 

Soñaba. Como chegaremos a dispor de medios e sistemas colectivos de comunicación e de decisión instantáneos. E todo o mundo apartará unha parte do seu tempo vital para poder analizar individual e colectivamente as propostas dos políticos para facer isto ou aquilo case que en tempo real. E tomaremos decisións colectivas, tendo acceso sen restricións a toda a información necesaria. Como haberá tanta, as organizacións sociais de base serán as encargadas fidedignas de separar a palla do gran para os distintos sectores de interese, facilitando a toma de decisións. Haberá bibliotecas inmensas por todas partes, non son quen de imaxinar con que formato de soporte, onde calquera poderá coñecer en profundidade sobre o  que considere necesario, e constituiranse nelas, ou arredor delas, espazos de aprendizaxe social estandarizados, onde persoas de todas as idades, coordinadas e guiadas por expertos na ciencia de medrar, compartirán as súas experiencias vitais e construiranse xuntos. E a xente acudirá a estes recintos tamén nos tempos de lecer, e terán nomes que recollan o sentir común das xeracións ou que inspiren a continuar recreando as tradicións, e organizaran nelas festas e celebracións, foliadas e muiñadas, concertos e recitais de poesía e danza, e xurdirán, espontaneamente, cando un grupo de persoas con coñecementos ou intereses afíns se atopen. Outros colectivos, ou os mesmos, ou unha mestura deles, preferirán nun momento determinado compartir ás súas habilidades físicas para xogar, divertirse, formarse e afianzar a súa saúde física e mental, mentres outros os observan e gozan da beleza intrínseca da maquina do corpo humano en acción. E pensarán, eu tamén podo facelo, e se unirán á celebración.

As rúas serán sempre espazos de expresión artística e creadora, de todo tipo, e calquera persoa poderá atopar onde e como divulgar o que xurda da súa imaxinación e do seu sentir, cantando, pintando, tecendo, escribindo, forxando, esculpindo,... e compartirán con todas as demais as súas creacións. Nada do que fagamos será de balde e ninguén recibirá un beneficio extraordinario por facer o que lle gusta. A universalización do coñecemento levará irremediablemente á socialización dos bens de produción e á solidarización dos produtos de consumo. A produción do traballo estará dirixida e organizada baixo a premisa de facer a vida mellor para todas as persoas. Todo o mundo en todo o mundo terá cubertas as necesidades básicas vitais para poder subsistir con dignidade, e xa dependerá de cada un traballar individual e colectivamente para algo máis. O obxectivo da vida xa non será ter máis que os demais para marcar unha diferencia de clase, senón ser máis como individuos construíndo identidades únicas e contribuír á creación permanente de identidades colectivas. O recoñecemento de quen somos será a sabedoría coa que poderemos recoñecer, abraiarnos e admirar o que son os demais. A manifestación deste saber expresarase no respecto á diversidade e na defensa da igualdade de oportunidades. O modelo de vida xa non será o de acumular capitais e bens, senón o de medrar como seres humanos de a un e de a millóns.

Xa non miraremos o mundo que nos deu a vida e a evolución, como o noso patio de recreo, senón como o espazo vital onde comezamos a existir como especie para seguir estendendo a vida. E decatarémonos de que non somos reis senón colaboradores da Natureza. Que non temos poder nin mandato para domeala, senón para entendela e colaborar con ela nas súas funcións, ou cando menos non entorpecela. Que todas as especies que nos acompañan neste camiño de vida evolutiva son aliadas, non inimigas, compañeiras de viaxe, non escravas dos nosos designios.

E entón volveremos mirar as estrelas e aínda non será tarde para agardar que alguén máis no Universo comparta a nosa visión. E continuaremos a busca. E iremos alí para levar o noso saber e para seguir aprendendo.

Pero sabía que estaba fantasiando. Tiña que volver a liberais e conservadores, agora ti, agora eu. E decidir, decidir por outros. Intentar manter funcionando un País e unha monarquía na que a maior parte dos seus habitantes non saben nin entenden para que sirve a política, non coñecen os mecanismos de control do poder, nin teñen conciencia de que o único xeito de cambiar a súa existencia indigna é actuar colectivamente, permanentemente.

Imaxinaba que tería que pasar cando menos outro século enteiro para que as miñas ilusións se fixeran realidade. E entón o século XXI si sería o século das luces en todo o planeta. E aquí estou agora, na quinta reencarnación (moita guerra mundial, pouca paciencia conducindo e moito anuncio de Marlboro polo medio). Xusto onde quería estar.


Pois, mecagho na reencarnación!

Ningún comentario:

Publicar un comentario