domingo, 17 de xaneiro de 2016

AGASALLO DE REIS


Cacho pedazo de polémica, a de ter que volver ás clases o 7, xusto despois do 6. Matemáticas básicas. De Ciencias Sociais sería o de falar de Santa Bárbara, da fabricante de armas non, autoparvo. Da que nos lembramos cando trona. O estado explosivo no que algúns puxéronse con esta circunstancia, debera ser para a de Física e Química. A cantidade de apelativos, e a súa variedade, sobre a decisión tomada ao respecto, evidentemente, cousa da Lingua e a Literatura. Para o quiz da cuestion, digo eu que será, sería, para tratar na extinta Educación para a Cidadanía. Ou na dos valores.

Quen decide esas cousas? En base a que criterios? Cando se decide? Como se comunica a decisión ás partes infectadas? Como pode un ser humano nai vs pai comentar a “mala” idea, reclamar unha solución ofrecendo unha alternativa, esixir unha rectificación dun erro constatado por compartición democrática maioritaria das partes?

Aínda que poida que antes de preguntar tanto, habería que sopesar. Será tan malo reenghanchar de boas a primeiras despois de Reis? Para as nosas crianças digo. King’s Day erguéronse antes de que poñan as beirarrúas posiblemente, para sacármonos do letargo camero dos adultos, a berros por compartir con nós a súa ledicia infantil ou nalgún caso a triste decepción incomprensible. E nosoutros poida que si, pera elas, maiormente non van pillar cama ate a noite. Logo xa ían afeitas para o día de cole erguerse. E o 7 nas paradas dos autobuses, nos recreos, nas saídas, cal foi o tema de conversa fresquiña do pincho, oigha! Poida que nas clases tamén lle tirarán proveito nesta rexeneración do impulso da ilusión educativa que parece estar aparecendo por todas partes nas aulas do ensino público. Nos privados, imaxino que falarían máis das subas na bolsa das empresas xogueteiras emprendedoras, en perfecto inglés académico, claro. Coñas aparte. Pois en todos haberá nais, pais e mestres que pensen que non foi tanto problema e quen pensara que si. E como comentario, pois tamén está ben. Será por darlle á húmida! Sempre e cando, para a próxima o teñamos en conta, en referencia a todas esas preguntas sobre a decisión anteriormente indicadas.

Non sei, poida que nun modelo educativo encadrado nun plan demográfico xeral, onde prime a imaxinación, o espírito crítico, o respecto, a participación, a construción permanente do sentido común,... os calendarios escolares nunca serían un tema de debate nin de polémica, porque a educación en xeral e as institucións educativas dentro do modelo social serían un dos eixos de planificación fundamentais de toda a actividade colectiva, e non estarían en función de, senón que serían quen dirixiría a organización do resto da actividade cidadá, coa primacía recoñecida por todas. Todo xiraría en torno a contribuír colectivamente á construción das personalidades individuais e sociais dos nosos herdeiros vitais. As empresas, os autobuses, os programas de TV, os horarios dos bancos, os impostos sobre a renda, as eleccións a presidenta da República, as portas automáticas e mesmo os amenceres e anoiteceres anticipados, estarían en función do que sería mellor para contribuír a educar. E non ao revés. Pero como non é iso o que queremos, pois que poñan outros os días de entrar e saír. Eles saberán. Eu xa teño dabondo en que ocuparme.

Agora, xa esta ben de alta porcentaxe de sorna. Quen decide é a Consellería. Existe un órgano consultivo, o Consello Escolar de Galicia, regulado por lei, e do que forman parte, entre outras, representantes de sindicatos do ensino e das confederacións de Asociacións de nais e pais. E unha mesa sectorial de educación non universitaria, coa que tamén se consulta.... Os criterios, pois calquera pode imaxinar que axustar a cantidade de días lectivos establecidos por lei cada curso coas datas de cada ano, como coincidan, respectando por costume ou tradición as festas recoñecidas asociándoas a períodos vacacionais. Esta decisión tómase aló polos meses de maio/xuño e adoita publicarse no DOGA en xullo ou agosto. A comunicación é a publicación da orde correspondente no propio DOGA, que logo, dependendo dos centros e das Anpas, pode ser transmitido dun ou doutro xeito ás familias (ás que non len o DOGA habitualmente....). A última (pregunta) é ben máis de resposta múltiple. Facer, pódense facer moitas suxestións, comentarios e peticións, con máis ou menos grado de esixencia. A cousa é que, normalmente, carta na mesa, presa. As rectificacións no DOGA, sonche máis ben raras, quitando os erros de redacción. E os que toman a decisión non saben (non poden, ou non queren, pode ser tamén) recoñecer un erro. Non son coma nós, o resto dos seres humanos cidadáns que si podemos facelo e o facemos sen problema ninghún cada 6 (2x3)(perségueme, a sorna, digo).


Estando por terras Cíes, lin no xornal do barrio, que as Anpas Galegas falaban de organizar o calendario escolar doutro xeito. Menos vacas no verán e máis repartidas. Logo topei cun artigo máis detallado no xornal doutro barrio. Entón decidinme a beber na fonte directamente  Pois volvo ao da centralidade do feito educativo nunha sociedade (avanzada?). Poderíamos poñer TODO en función do obxectivo común de conseguir un mundo centrado nas nenas e nos nenos? E de paso, poderíamos intentar volver a ser todas, de cando en vez, as nenas e nenos que fomos. Lembrades aquelas noites e aquelas mañas de Reis?

Ningún comentario:

Publicar un comentario