Vivo sen vivir en min

Escribo, logo existo. Logo, tipo. E se son tipo, logo insisto. Descríbome escribindo sobre o que me peta (na cabeza, nos intestinos, na pel de galiña). Nada orixinal, nada con copirrait. Leva o que che preste. Non facemos envios a contrareembolso. Apertas a todas.

xoves, 8 de outubro de 2015

VELOCIDADE

Una bajada de entrenos con mi buen amigo Manuel LustresFundo fundo pa!

Posted by Daniel Ruiz Gutierrez on Martes, 15 de Setembro de 2015
Un ser humano anda con normalidade a 5 quilómetros cada hora (km/h), uns 1’40 metros cada segundo (m/s) redondeando. Un atleta adestrado pode correr a unha media de 40 km/h, equivalente a 11’20 m/s nunha proba de 100 metros lisos. Pero os estudios suxiren que non moito máis aló, nas condicións fisiolóxicas actuais da raza humana. O máximo estaría en 69 km/h, 19’17 m/s. Máis aló as pernas non aguantarían e racharían.

Podemos ir nunha bicicleta con tranquilidade, a uns 25 km/h, 6’95 m/s, pero temos visto a máis dun profesional das competicións en ruta baixar un porto de montaña chegando os 100 km/h, 27’78 m/s, nos velocímetros das motos acompañantes. E hai quen chega a máis, como Fred Rompelberg, que ten a marca rexistrada de velocidade nun destes aparellos en 268’831 km/h, 74’67 m/s.

A partir de aquí, grazas á tecnoloxía, empezamos a falar de números maiores. En calquera tipo de superficie, no aire ou mesmo no espazo, onde a resistencia e practicamente nula. No século no que eu nacín chegamos a superar a do son no aire, 1234 km/h, 343 m/s, en condicións estándar (temperatura, humidade, nivel do mar). Unha velocidade que precisa un medio físico para existir. Non como a outra velocidade científica famosa que é tan importante na vida: a da luz (onda-corpúsculo) 1.080.000.000 km/h, máis coñecida como trescentos mil quilómetros por segundo, 300.000.000 m/s. En realidade non chega aos trescentos, pero quen non redondea xa nesas cifras. 

A esa velocidade lumínica, non me imaxino como sería un impacto súbito. Pero vouno intentar. Se Usain se atopara de súpeto cunha parede sólida de granito o impacto produciría unha enerxía total de uns 5.895 Joules. Esta cantidade de enerxía, automaticamente transmitida, quentaría case seis litros de auga ate os 15ºC. Ou daría para facer ferver (100ºC) uns 0,14 l de auga. A Enerxía Cinética e o resultado de multiplicar a masa do corpo en movemento polo cadrado da velocidade e dividilo por dous. Ec=1/2mV2. Joule= Kg(m/s)2. O salto numérico dáse por elevar ao cadrado. Cando as cantidades de m/s son pequenas, pouco se nota. 2x2=4, 3x3=9,... pero cando medran a cousa dispárase 1.000x1000=1.000.000. 

Se pasamos de pensar en seres humanos a seres humanos con máquinas, imos subindo na escala. Eu xa deixei de pensar no pequeno cando vai probar trucos no bowl coa BMX, porque non podía deixar de facer cálculos mentais sobre a cantidade de enerxía que podería chegar a aplicarse na súa estrutura ósea en caso de repentino fallo no experimento. Pero ás veces, vou calculando mentres conduzo no vehículo a motor que me toca. No meu fordsche, por exemplo, 1.000 kg de masa incluíndome a min, a unha velocidade de circulación non excesiva de 72 km/h. Parar de repente contra a parede dunha casa deshabitada calquera, xeraría 200.000 Joules. Faría ferver 34 litros de auga, de repente! Pero se vou sen cinto, xa sabedes, os 200.000 Joules repartiríanse entre o que absorbera o vehículo, o limpaparabrisas que atravesaría eu e empezando pola miña face o resto da masa corporal que podería pasar directamente a mellor vida. Nun aparello con velocidade sónica, imaxino a pulverización literal. En velocidades luz, entra a mecánica cuántica, e poida que simplemente atravesaramos a parede por iso de que o espazo prégase, pero optaría por non probar. Mandemos primeiro un non tripulado....

Hai pouco lin nun artigo que o meu século (neste vou estar de prestado, imaxino) podería definirse como o o século da velocidade, como razón de ser. E indubidable que ten un atractivo especial, porque provoca en nós emocións difíciles de equiparar, asociadas á produción de sustancias que estimulan o cerebro e o resto do organismo vital que somos. A sensación de risco, que non percibimos nunha existencia do común, e que por algunha razón resúltanos necesaria (imprescindible?). Hai quen se pregunta, porque ir máis lonxe, máis rápido, máis arriba. Que necesidade temos de colgarnos dunha parede de pedra abrupta intentando chegar ao cumio? Para que un ser humano como Fred pode querer ir nun aparello tan simple a esa velocidade? Hai tamén o factor de superación, persoal, ate onde son capaz de chegar. E colectiva. A historia avanza con esa premisa, a ciencia tamén. Ir máis aló. Podo entender a excitación individual dun Ramón y Cajal (si, é un so) na noite despois de dar coa explicación das conexións neuronais. E mesmo a colectiva do proxecto Manhattan, incluso sabendo cal era a finalidade. Como se sentiría Castelao despois de recompilar Cousas? Cal sería o estado de embriaguez creativa de Picasso mentres plasmaba no Guernika a horror dunha guerra experimental? Puiden entender como é que se sentiu un colectivo científico nun experimento colosal grazas ao documental sobre o CERES europeo no momento da confirmación práctica do seu funcionamento. E seguro que máis dun destes seres humanos conseguiron estimulación en diversos sentidos e facetas da súa vida de xeitos ben diversos. Mesmo como espectadores podemos facelo, non si?

Pero aquí, como en tantas outras cousas, entra en xogo a análise do risco aceptable para conseguir un resultado determinado. No individual e no colectivo. E estou por asegurar que non sempre acertamos na escolla, pero tamén coido que ten que ser así.

Sobre o que si teño dúbidas é sobre a relación de finalidade. Explícome. Será que en ocasións confundimos o medio co fin? Coido que hai tempo que a explosión demográfica, a diversificación económica e a globalización da información estalle pedindo ao ser humano un paso adiante. Poida que un salto evolutivo. E poida que fora das leis marcadas pola natureza. Tamén no colectivo, como entidade social, e poida que fora das leis da historia. E isto pide unha resposta do pensamento a que non alcanzamos a chegar, e como a urxencia parece comezar a ser manifesta, chegamos a crer que ir máis rápido nos fará chegar antes. Parece evidente? Se a nova velocidade do século XXI, a do mundo dixital, supón como algúns din unha posibilidade de modificación das rutas neuronais, poida que ese salto supranatura se produza, pero mentres siga sendo Scifi, a resposta está no camiño, no proceso, e ten que ter os seus tempos. Teremos que volver camiñar. Un estudo do 2010 realizado cun lote de xente, da como resultado que a lonxevidade das persoas está en relación directa á velocidade coa que camiñan. Con máis correlación cantos máis anos teñamos.

E teremos que ir pensando, algúns, que este século xa non nos pertence. En menos de tres aniños, o 21 alcanzará a maioría de idade, e os seus nativos, os tuentiones, terán que comezar a dicir como é que queren arranxar o seu patio vital, pensando no que lles deixamos e no que lles queda por diante. E botarlles unha man se o precisan. E acompañalos na andaina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixate de Nics nen@! Ah!, que es Nicasio. Eu son Heriberto. Cantando.