venres, 16 de outubro de 2015

PABLO


As veces, algúns, pensan que os profesionais do ensino acoden aos centros nos seus horarios a cubrir as horas que lles corresponden sen máis. E que as nosas fillas e os nosos fillos, ocupan o seu tempo nesas mesmas institucións en trivialidades sen interese vital algún, mentres nos liberan para poder atender as nosas responsabilidades laborais. Pero resulta que, salvo en algúns casos, todo o que alí se fai ten unha orientación pedagóxica e unha aplicación didáctica exercida por eses profesionais formados ao efecto, e que gozan e sofren coa súa actividade.

 “Os estudantes son seres humanos que senten comechóns, esbirran, teñen dificultades ao vestirse ou senten desacougo. O resultado da existencia destes problemas é que emiten como resposta unha serie de movementos cos cales axústanse ás condicións internas, e asemade, ás variables ambientais que atinxen ao seu acougo. Citaremos coma exemplo a Pablo, alumno de terceiro de primaria, a quen puidemos observar desenvolvendo a seguinte secuencia de movementos mentres atendía á lectura dun conto por parte do seu profesor. O rapaz levou o dedo á boca, mordeu as unllas, sacou o dedo da boca, xuntou as mans, cambiou a postura na cadeira, mirou fixamente ás súas mans, mirou pola fiestra, ergueu a súa man esquerda ate a súa boca, mordeu as unllas de novo, observou a clase, deixou caer as mans xuntándoas logo, ergueu a súa man para usala como sostén, apoiou a súa cabeza nesa man, baixou o brazo, cruzou os brazos, a continuación estendeunos, ergueu un brazo para apoiar a cabeza nel, apoio a súa cabeza na man, baixou o brazo, moveu os pes, levantou o brazo, pasou a man secándose a boca, meteu o dedo na boca, volveu morder as unllas, moveu outra vez os pes, sentouse de lado na cadeira e colleu un bolígrafo na man. Durante este tempo, parecía que estaba pensando no conto que escoitaba, o cal probablemente fora certo. Se lle houberamos pedido a posteriori que describira os seus movementos, atoparía grandes dificultades para facelo. Houbéralle resultado moito máis doado lembrar o conto que os seus propios movementos de axuste persoal.”

Quen, no seu san xuízo, dedicaría o seu tempo a fixarse en como é que un neno se remexe no seu asento nunha aula dun colexio? Para que? Por que?

Este é un extracto (e tradución, claro) dun libro de Dorothy Grant Hennings, da colección Ciencias de la Educación, Editorial Anaya, publicado aló polo 78 na España. “El dominio de la comunicación educativa”. Volvín a retomar a súa lectura estes días atrás, sen un motivo específico. Pero asiña lembrei cal fora a razón da primeira lectura, pouco despois desa data de publicación. E entendín que a memoria recorrente me levara de novo a el. Esa memoria que non é consciente ás máis das veces e que responde, actívase, con resortes específicos. Agora o son, consciente, da dificultade para transmitir, difundir, comunicar, un concepto de educación nun entorno non formado, interesado, participativo. Sobre todo cando estas cuestión puntualizadas forman parte do mesmo concepto.

As Ciencias da Educación, non teñen só aplicación para os profesionais, senón para calquera que participe nun proceso educativo. O seu coñecemento, en graos específicos, debera estar incluído en calquera plan demográfico que se deseñara dende o ámbito público. Se entendemos, aceptamos e asumimos, compartimos, que todos somos educadores. Unha sociedade avanzada, que queira ser quen de evolucionar como colectivo, aprender de si mesma dende o recoñecemento dos seus valores, patrimonio, fundamentos históricos, que estea interesada en deseñar por si mesma o seu desenvolvemento, ten que ter como primeiro interese atender á Educación. Mentres siga a ocupar, como neste último barómetro do CIS, o posto sete nas preocupacións colectivas, pois todo seguirá máis ou menos igual, unha e outra vez, con matices de temporada, modelo ikeístico.

URÓBOROS

Ningún comentario:

Publicar un comentario