venres, 18 de setembro de 2015

A CASA COMÚN

Na miña casa mando eu. Seica é o que dixo Neus, a do 5ºC, antes de proclamar na reunión no portal a intención da súa familia de declararse Piso Independente a todos os efectos. E os dos resto dos pisos, que lles pareceu? Os inquilinos, que están de prestado, de paso polo edificio segundo din, pois que no é cousa deles. Salvo o do 3ºB, que leva xa 15 anos apoquinando o alugueiro e non entende nin se formula para que se pode querer a independencia total. Está no edificio, cumpre coas normas, participa nas cotas e nas derramas na parte que lle di o propietario, pero non se sinte un máis. Fala de que era moito máis doado antes, cando cada un vivía no seu alpendre, cedido polo amo e baixo o seu mandato único, e todos eramos máis libres (?). Entre os propietarios puros, quitando os do saínte con miradoiro, onde todos somos ben recibidos, sempre tan amables eles e con ese acento tan agarimoso, e os dos áticos, que teñen unha visión máis etnograficamente elevada e un foro especial por aquilo do ph do tellado, o resto divídese en dous grupos principais: os que din que onde carallo di nos Estatutos do edificio que unha das vivendas poida ter nin tan sequera a opción para pedir a autorización para desvincularse da comunidade e os que din que teñen todo o dereito a decidir o que queren facer e que mesmo está recoñecido por leis superiores aos Estatutos da comunidade.

No patio non se fala doutra cousa. Que porque se quererán marchar, se sempre se lles deu o que pediron, mesmo houbo iniciativas para axudar á familia cando os dous proxenitores quedaron sen curro. E a verdade é que así foi. Era raro o día no que alguén non lles subía unha bolsa do super con cousas de comer e de hixiene. E anda que non se remexeron armarios para pasarlles roupa e calzado aos pequenos cando o precisaron. Sen ningún chamamento especial. Sempre foron de aquí, que todos lembremos, sempre contribuíron co que lles correspondía, e as veces mesmo con máis. Pere lle ten atopado ocupación laboral a máis de un no edificio e sen sobres de por medio. E sempre fixeron cousas das que toda a comunidade nos sentíamos orgullosos. Mesmo falaban especialmente ben deles, citando tamén a todo o resto, nos outros edificios da contorna. Os rapaces do 1ºA din que viron na internete que había xente que os poñía de exemplo como familia en edificios de outros continentes, perdón, concellos. Lembrades cando coa importantísima participación dos seus fillos maiores, gañamos o concurso mundial de chapas? E as festas que fan! Eu aínda non esquecín aquela do 92. Anda que non estivo ben montada! Pero todo mudou cando lles empezaron a ir mal as cousas con isto da punta crise. E como se deixaran de percibir que non eran os únicos que o estaban a pasar mal no edificio, e que xuntos poderíamos saír mellor e antes da desfeita na que nos meteron. Eu coido que sobre todo, deixaron de ter a sensación de que tiñan un recoñecemento especial por parte de todos, como unha familia avanzada, un exemplo a seguir, orgullosos de ser como eran, distintos en tantas cousas e tan parecidos en outras, e que tiñan capacidade para tomar as súa propias decisións, mesmo a risco de que aos demais non nos convenceran, ou de que puideran equivocarse. Agora, con tanto cruce de desinformacións, tanto ruxe ruxe, tantos intereses ocultos, xa non imos saber se é realmente o que quere a familia enteira (ou a maioría que pode decidir) ou simplemente non aturan que non confiemos en eles para tomar unha decisión como familia responsable, e tiran para o monte. Non sei, non estou na súa pel como para poder sabelo, pero, e se foramos nós?

Ningún comentario:

Publicar un comentario