luns, 16 de novembro de 2015

LOITO


Nunca estiven en París, a capital da República Francesa. Mesmo teño algunha dificultade para situala xeograficamente con certa seguridade, aínda que si teño circulado polo territorio do que ostenta o título en varias ocasións. E por todas partes aparecía algunha indicación de por onde se podía chegar a ela. Non sei cal pode ser a categoría social dos parisienses, se é que existe tal falando en términos tópicos. En xeral, as persoas francesas que coñezo distínguese pola súa calidade humana. E en xeral, das persoas francesas coas que tiven relación cruzando o seu país dun lado a outro, podería aseverar que se distinguen pola súa amabilidade social. Desde pola maña cos croissants ate as noites de Bordeos. Pero isto non ven ao caso. Mesmo se non foran amables, mesmo se non tiveran calidade humana, mesmo se non foran franceses ou francesas, nunca pensaría en desexarlles ningún mal. Menos aínda en facerllo intencionadamente. Como a ningún outro habitante do planeta. Pensaría entón que ninguén pode ter unha razón, un argumento, unha causa coa que auto-xustificar quitarlle a vida a outro ser humano. E ás veces esquezo que marabilla somos como especie. Tanto como para ser quen de chegar a pensar e sentir que a vida ten menos valor que unha palabra, unha crenza, unha idea, mentres ao mesmo tempo sentimos e pensamos na necesidade de curala, conservala, reproducila, espallala.

E entón sucede algo, que me libra do esquecemento. En paralelo, mentres aperto os dentes con esa sensación de incredulidade mirando un rapaz arrastrando un amigo pola rúa mentres deixa un regueiro de sangue, e alguén o gravou para a posteridade, e o fútbol sigue, e hai xente afogando cruzando o mar que foi o centro da civilización, que mentira, e estouran as bombas en algún sitio, bombas que alguén fabricou, explosivos que alguén comprou, e a xente pecha a porta da casa, e un pais enteiro se pecha en si mesmo. E as nais, os pais, as irmáns, os amigos de algún dos miles de mortos no mundo hoxe, choran, porque non somos quen de sentirnos e pensarnos como as nais, os pais, as irmáns, os amigos dalgún dos que maña seguirán morrendo.

Un minuto de silencio é pouco, para as mortes do venres 13 na cidade da luz. Tres días de loito non son dabondo. Porque atacar París, dende unha orixe como a que parece ter a acción terrorista que caeu sobre os seus habitantes, ten moitas lecturas, máis das que nin nos imaxinamos seguramente, e terá moitas consecuencias, para as que non precisamos ter demasiada imaxinación. Unha delas xa vai ser inmediata: medo. Poida que non recoñecido, poida que non manifestado, pero coñecéndonos un pouquiño, levarémolo dentro como sociedade, cando menos no mundo occidental. Medo individual, que asiña se traduce nunha resposta emocional case instintiva, na que a empatía e a razón deixan de traballar xuntas para deixar paso á negación activa da diferencia, a rabia, o odio. Medo colectivo, traducido en “Arribas!”, himnos e desfiles, expedicións punitivas, máis bombas, máis mortos, posta de largo da seguridade e esquecemento das Liberdades. Tamén da Igualdade. Tamén da Fraternidade.


Se algo inspirou politicamente o mundo moderno non foi outra cousa que a Revolución Francesa. Logo viñeron outras. Pero semella que nin aquela nin as súas subsidiarias acabaron o traballo que pretendían como paradigmas da humanización mundial por enriba de calquera outra cuestión. E agora, volveremos á nosa vida cotián. Quen teña a sorte de seguir viva. Quen non teña que chorar a ninguén que lles mataran. Entre elas, seguro, hai persoas que son quen de chorar de dor e pena polos mortos descoñecidos e incluso quen chore de rabia e pena mesmo polos asasinos sen nome. As bagoas non son as mesmas, pero comparten unha idea: a violencia xera violencia. Defender esta premisa humanista, témome moito que seguira custando sangue, cada día, en moitos recunchos deste planeta que habitamos de prestado. De que xeito rachar esa dinámica, poida que sexa un dos retos a resolver para a Humanidade neste principio de século, se queremos chegar ao seguinte. E non vai ser doado. Por onde empezamos?
http://elpais.com/elpais/2015/11/13/vinetas/1447432768_224989.html

venres, 23 de outubro de 2015

SEÑOR QUILO


Pedazo preocupación que me quitei de enriba. Despois de anos de investigación, e grazas a Planck, e a que as dúbidas sobre a medición da súa constante están xa en torno ás 12 partes por cada mil millóns, aínda que París quede devastado subterraneamente por un cataclismo de escala cómica, perdón, cósmica, o quilo non desaparecera. Porque agora vai ser virtual. Ou mellor, matemático.

"O quilogramo é a única unidade do Sistema Internacional (SI) que aínda basea a súa definición nun obxecto físico. Aínda que os experimentos que poderían definir en termos de constantes fundamentais descríbense na década dos 70, foi neste último ano que equipos científicos traballaron con métodos completamente diferentes para a súa definición e obtiveron resultados o suficientemente precisos e co suficiente acordo, como para derrocar á definición física”.

Isto que xa pasará hai anos co metro, a unidade de medida digo, que pasou a definirse como a distancia recorrida pola luz no baleiro nunha minusculísima fracción de segundo, para o 2018 sucederalle con toda probabilidade tamén ao señor quilo.


E con iso, rematarán definitivamente os tempos sólidos, e estaremos irremediablemente navegando nos líquidos, como é que lle gusta a Bauman definilos. Sen medo. Con isto non vai pasar como co do euro. Non vai suceder que de súpeto un quilo de patacas pasen a ser 600 gramos.

mércores, 21 de outubro de 2015

VINTEDE

Nu

As coincidencias son importantes. Des que coincidiu que acadei a maioría de idade co feito de que un sistema de democracia representativa se instaurou na España, non deixei de votar nunhas eleccións nunca, con unha excepción circunstancial por causas sobrevidas, tamén por coincidencia. Agora a coincidencia do 20D obrigarame con toda probabilidade a emitir por primeira vez na miña vida o voto por correo. Postal, digo. Non entendo moi ben como é que podo ir selar a papeleta do paro co dedo dixital redundante a distancia, a calquera distancia, e non temos aínda un sistema seguro para poder votar, mesmo allende los mares, por medios electrónicos.

Isto dos calendarios electorais, éche un pouco así. Poida que estivera ben, para a próxima lexislatura, poñer en liña todas as administracións públicas que teñen a obriga de padecer o trastorno de ser sometidos a eleccións periódicas e deixarse de tanta ponte política na xestión. Pero somos o País de Países das pontes. A de Cádiz incluída, claro.

Pero o caso é que non sei como vou poder construír unha decisión de voto con tanto tempo de anticipación. Sinto como se me roubaran a mellor parte da campaña electoral, que incrementa o seu nivel segundo a data da celebración vaise aproximando. Debe ser ese outro costume español de deixalo todo para o final. Vou votar e vou botar a faltar eses debates transcendentes, ideolóxicos, centrados en cuestións importantes, con grandes oradores, ben formados intelectualmente, dese amplo grupo de políticos profesionais co que nos fomos dotando nestes anos de democracia.

Por poñer uns poucos exemplos, sabendo que son temas substancialmente decisorios para escoller aos nosos futuros representantes vou citar só algúns dos que sei que non vou poder recoller todas as opinións dos candidatos e das candidatas para facerme unha idea cabal do que nos agarda para the next four years.

1. Debe ser emitido o fútbol en aberto, cando menos a primeira división e as competicións internacionais, en horarios de prime time, primando aos equipos que teñen máis aficionados declarados? Lei de Nacionalización das emisións deportivas de masas (LANAEDEMA). Beneficios fiscais para os equipos profesionais de fútbol. Exención de multas de tráfico para xogadores de primeiro nivel. Construción de aeroportos en cidades con equipos en primeira e segunda división nacional. Inclusión da materia de admiración ao deportista de elite nos niveis correspondentes de educación primaria.

2. Cales debería ser os criterios de selección da indumentaria da raíña electa polo seu rei nos actos públicos de representación? Creación da comisión consultiva de expertos profesionais escollidos entre ex deputadas/os e senadoras/es. Presuposto restrinxido ás necesidades definidas polos gustos decididos pola súa M. Control da toma e reprodución de imaxes: Lei de aprobación supeditada para a publicación (LASPP). Apertura de contas sen fondos nas principais cadeas de roupa: Primark, Outlet Zara, ChinoAntonio,... Inclusión da materia de estilismo alleo, crítica de marcas e análise de tecidos básicos no ensino primario.

3. Implantación da obrigatoriedade de ter un móbil máis intelixente cada ano. Máis intelixente que quen? Modelos de comunicación colectiva de masas de pizza. Bonificacións horarias para os usuarios de redes sociais no traballo. Aumento de puntos no carné por uso indiscriminado de tecnoloxía durante a condución. Descontos na piscina, nos supermercados, nas librarías, museos, concertos, igrexas parroquiais, residencias de anciáns, aparcadoiros hospitalarios,.... polo uso de aplicacións avanzadas. Materia de dominio avanzado de medios tecnolóxicos móbiles nas aulas. Lei de Gratuidade Solidaria de Smartfons (LGSS)(NokiaSS)(MotoSS).....

4. E suficiente o horario de apertura dos grandes centros comerciais no Estado Español? Hai suficientes centros comerciais por habitante? Obxectivo: converterse en primeira potencia europea no ranking de metro cadrado de centro comercial por habitante e na cantidade de horas de apertura por habitante. Lei de liberación de horarios, para facilitar a apertura destas instalacións 24 hs ao día, 7 días á semana. Construción de espazos de pernoctare unisex asociados aos centros comerciais, para facilitar a necesaria reposición de persoal cada 12 horas. Liberalización da lei de solo e montes para a construción de novos centros. Financiamento FODER para o desgaxe de pequenos comercios illados, a fondo perdido, cun período de carencia de sentido. Prioridade das obras de infraestruturas de accesos aos recintos comerciais (ou xa o fixemos?). Inclusión da materia de programación e gamificación de visitas a CCs no ensino primario e secundario. 

5. Deberamos unificar os diversos sistemas de loterías -públicos e privados- nun só? Inclusión de cota de participación obrigatoria nas nóminas dos traballadores e perceptores de pensións públicas de calquera tipo. Sorteo puro, público, dirixido e múltiple, cada hora, vinculado ao número da seguridade social ou DNI. Retención de renta obrigatoria sobre o importe total a descontar das cotas de participación. Pago aprazado en cómodas mensualidades. Normativa para o incremento de participación individual por criterios de saúde, necesidade ou gusto. Comunicación pública dos afortunados. Cesión da xestión do xogo a entidades privadas. Materia de teoría básica de xogos, técnicas e trucos básicos, a partir de Educación Infantil, nos niveis de ensino obrigatorio.

6. Facemos suficientes grandes obras por parroquia? Apertura de prazo de presentación de propostas a través do departamento de participación cidadá. Parametrización do impacto visual en campaña da obra construída. Baremación por nu mérito de votos. Distribución territorial inversamente proporcional á cantidade de poboación afectada. Estudo de impacto no ambiente da relación entre os veciños beneficiados pola expropiación e os non beneficiados. Recuperación e integración de sendas de paseillo. Acceso restrinxido a cans e vacas leiteiras. Comisión de estudo para a incorporación no ensino secundario da materia de construcións megalíticas na historia do celtismo (e do deportivismo, claro).

7. Cal debera ser a tipoloxía do gobernante máximo? Pelo curto, coleta, traxe, gabán, barba, calvo, moreno, piqué, aplausos, pitos, estoume perdendo, ollos azuis, uñas pintadas, saia, sombreiro, moño, cociñeiro, nadador, contracorrente, artista, cantante, bo cantante, calculador ou calculadora, ordenado ou ordenador, alto, máis alto, alto aí, quen vai, vai ti saber? Creación da comisión de estudo científico para a definición do cálculo de probabilidades de acertar ou equivocar na elección por sorteo dunha presidenta de calquera tipo, en función duns parámetros estruturalmente definidos. Proposta de Gran Irmán de candidatos á presidencia do goberno. 24 hs en aberto. E como é o sétimo, deixemos descansar aos estudantes.


Seica me deixo algúns outros temas importantes tamén. Nun espazo tan corto, non caben todos. E a reflexión á que me vou ver obrigado neste corto tempo de elección entre tanta proposta interesante, precisa da máxima concentración. Dáme a min que este sorteo do Nadal anticipado en dous días, non vai ter un só afortunado. Máis ben ten pinta que vai estar repartido.... Estamos confesados? Porque o que non acabo de ter claro é se vai ser bo para uns poucos ou para uns poucos máis recentemente chegados. Que sexa bo para todos, aparte dun bo desexo das datas nas que se celebraran os comicios, de que dependerá? De quen dependerá?

venres, 16 de outubro de 2015

PABLO


As veces, algúns, pensan que os profesionais do ensino acoden aos centros nos seus horarios a cubrir as horas que lles corresponden sen máis. E que as nosas fillas e os nosos fillos, ocupan o seu tempo nesas mesmas institucións en trivialidades sen interese vital algún, mentres nos liberan para poder atender as nosas responsabilidades laborais. Pero resulta que, salvo en algúns casos, todo o que alí se fai ten unha orientación pedagóxica e unha aplicación didáctica exercida por eses profesionais formados ao efecto, e que gozan e sofren coa súa actividade.

 “Os estudantes son seres humanos que senten comechóns, esbirran, teñen dificultades ao vestirse ou senten desacougo. O resultado da existencia destes problemas é que emiten como resposta unha serie de movementos cos cales axústanse ás condicións internas, e asemade, ás variables ambientais que atinxen ao seu acougo. Citaremos coma exemplo a Pablo, alumno de terceiro de primaria, a quen puidemos observar desenvolvendo a seguinte secuencia de movementos mentres atendía á lectura dun conto por parte do seu profesor. O rapaz levou o dedo á boca, mordeu as unllas, sacou o dedo da boca, xuntou as mans, cambiou a postura na cadeira, mirou fixamente ás súas mans, mirou pola fiestra, ergueu a súa man esquerda ate a súa boca, mordeu as unllas de novo, observou a clase, deixou caer as mans xuntándoas logo, ergueu a súa man para usala como sostén, apoiou a súa cabeza nesa man, baixou o brazo, cruzou os brazos, a continuación estendeunos, ergueu un brazo para apoiar a cabeza nel, apoio a súa cabeza na man, baixou o brazo, moveu os pes, levantou o brazo, pasou a man secándose a boca, meteu o dedo na boca, volveu morder as unllas, moveu outra vez os pes, sentouse de lado na cadeira e colleu un bolígrafo na man. Durante este tempo, parecía que estaba pensando no conto que escoitaba, o cal probablemente fora certo. Se lle houberamos pedido a posteriori que describira os seus movementos, atoparía grandes dificultades para facelo. Houbéralle resultado moito máis doado lembrar o conto que os seus propios movementos de axuste persoal.”

Quen, no seu san xuízo, dedicaría o seu tempo a fixarse en como é que un neno se remexe no seu asento nunha aula dun colexio? Para que? Por que?

Este é un extracto (e tradución, claro) dun libro de Dorothy Grant Hennings, da colección Ciencias de la Educación, Editorial Anaya, publicado aló polo 78 na España. “El dominio de la comunicación educativa”. Volvín a retomar a súa lectura estes días atrás, sen un motivo específico. Pero asiña lembrei cal fora a razón da primeira lectura, pouco despois desa data de publicación. E entendín que a memoria recorrente me levara de novo a el. Esa memoria que non é consciente ás máis das veces e que responde, actívase, con resortes específicos. Agora o son, consciente, da dificultade para transmitir, difundir, comunicar, un concepto de educación nun entorno non formado, interesado, participativo. Sobre todo cando estas cuestión puntualizadas forman parte do mesmo concepto.

As Ciencias da Educación, non teñen só aplicación para os profesionais, senón para calquera que participe nun proceso educativo. O seu coñecemento, en graos específicos, debera estar incluído en calquera plan demográfico que se deseñara dende o ámbito público. Se entendemos, aceptamos e asumimos, compartimos, que todos somos educadores. Unha sociedade avanzada, que queira ser quen de evolucionar como colectivo, aprender de si mesma dende o recoñecemento dos seus valores, patrimonio, fundamentos históricos, que estea interesada en deseñar por si mesma o seu desenvolvemento, ten que ter como primeiro interese atender á Educación. Mentres siga a ocupar, como neste último barómetro do CIS, o posto sete nas preocupacións colectivas, pois todo seguirá máis ou menos igual, unha e outra vez, con matices de temporada, modelo ikeístico.

URÓBOROS

xoves, 8 de outubro de 2015

VELOCIDADE

Una bajada de entrenos con mi buen amigo Manuel LustresFundo fundo pa!

Posted by Daniel Ruiz Gutierrez on Martes, 15 de Setembro de 2015
Un ser humano anda con normalidade a 5 quilómetros cada hora (km/h), uns 1’40 metros cada segundo (m/s) redondeando. Un atleta adestrado pode correr a unha media de 40 km/h, equivalente a 11’20 m/s nunha proba de 100 metros lisos. Pero os estudios suxiren que non moito máis aló, nas condicións fisiolóxicas actuais da raza humana. O máximo estaría en 69 km/h, 19’17 m/s. Máis aló as pernas non aguantarían e racharían.

Podemos ir nunha bicicleta con tranquilidade, a uns 25 km/h, 6’95 m/s, pero temos visto a máis dun profesional das competicións en ruta baixar un porto de montaña chegando os 100 km/h, 27’78 m/s, nos velocímetros das motos acompañantes. E hai quen chega a máis, como Fred Rompelberg, que ten a marca rexistrada de velocidade nun destes aparellos en 268’831 km/h, 74’67 m/s.

A partir de aquí, grazas á tecnoloxía, empezamos a falar de números maiores. En calquera tipo de superficie, no aire ou mesmo no espazo, onde a resistencia e practicamente nula. No século no que eu nacín chegamos a superar a do son no aire, 1234 km/h, 343 m/s, en condicións estándar (temperatura, humidade, nivel do mar). Unha velocidade que precisa un medio físico para existir. Non como a outra velocidade científica famosa que é tan importante na vida: a da luz (onda-corpúsculo) 1.080.000.000 km/h, máis coñecida como trescentos mil quilómetros por segundo, 300.000.000 m/s. En realidade non chega aos trescentos, pero quen non redondea xa nesas cifras. 

A esa velocidade lumínica, non me imaxino como sería un impacto súbito. Pero vouno intentar. Se Usain se atopara de súpeto cunha parede sólida de granito o impacto produciría unha enerxía total de uns 5.895 Joules. Esta cantidade de enerxía, automaticamente transmitida, quentaría case seis litros de auga ate os 15ºC. Ou daría para facer ferver (100ºC) uns 0,14 l de auga. A Enerxía Cinética e o resultado de multiplicar a masa do corpo en movemento polo cadrado da velocidade e dividilo por dous. Ec=1/2mV2. Joule= Kg(m/s)2. O salto numérico dáse por elevar ao cadrado. Cando as cantidades de m/s son pequenas, pouco se nota. 2x2=4, 3x3=9,... pero cando medran a cousa dispárase 1.000x1000=1.000.000. 

Se pasamos de pensar en seres humanos a seres humanos con máquinas, imos subindo na escala. Eu xa deixei de pensar no pequeno cando vai probar trucos no bowl coa BMX, porque non podía deixar de facer cálculos mentais sobre a cantidade de enerxía que podería chegar a aplicarse na súa estrutura ósea en caso de repentino fallo no experimento. Pero ás veces, vou calculando mentres conduzo no vehículo a motor que me toca. No meu fordsche, por exemplo, 1.000 kg de masa incluíndome a min, a unha velocidade de circulación non excesiva de 72 km/h. Parar de repente contra a parede dunha casa deshabitada calquera, xeraría 200.000 Joules. Faría ferver 34 litros de auga, de repente! Pero se vou sen cinto, xa sabedes, os 200.000 Joules repartiríanse entre o que absorbera o vehículo, o limpaparabrisas que atravesaría eu e empezando pola miña face o resto da masa corporal que podería pasar directamente a mellor vida. Nun aparello con velocidade sónica, imaxino a pulverización literal. En velocidades luz, entra a mecánica cuántica, e poida que simplemente atravesaramos a parede por iso de que o espazo prégase, pero optaría por non probar. Mandemos primeiro un non tripulado....

Hai pouco lin nun artigo que o meu século (neste vou estar de prestado, imaxino) podería definirse como o o século da velocidade, como razón de ser. E indubidable que ten un atractivo especial, porque provoca en nós emocións difíciles de equiparar, asociadas á produción de sustancias que estimulan o cerebro e o resto do organismo vital que somos. A sensación de risco, que non percibimos nunha existencia do común, e que por algunha razón resúltanos necesaria (imprescindible?). Hai quen se pregunta, porque ir máis lonxe, máis rápido, máis arriba. Que necesidade temos de colgarnos dunha parede de pedra abrupta intentando chegar ao cumio? Para que un ser humano como Fred pode querer ir nun aparello tan simple a esa velocidade? Hai tamén o factor de superación, persoal, ate onde son capaz de chegar. E colectiva. A historia avanza con esa premisa, a ciencia tamén. Ir máis aló. Podo entender a excitación individual dun Ramón y Cajal (si, é un so) na noite despois de dar coa explicación das conexións neuronais. E mesmo a colectiva do proxecto Manhattan, incluso sabendo cal era a finalidade. Como se sentiría Castelao despois de recompilar Cousas? Cal sería o estado de embriaguez creativa de Picasso mentres plasmaba no Guernika a horror dunha guerra experimental? Puiden entender como é que se sentiu un colectivo científico nun experimento colosal grazas ao documental sobre o CERES europeo no momento da confirmación práctica do seu funcionamento. E seguro que máis dun destes seres humanos conseguiron estimulación en diversos sentidos e facetas da súa vida de xeitos ben diversos. Mesmo como espectadores podemos facelo, non si?

Pero aquí, como en tantas outras cousas, entra en xogo a análise do risco aceptable para conseguir un resultado determinado. No individual e no colectivo. E estou por asegurar que non sempre acertamos na escolla, pero tamén coido que ten que ser así.

Sobre o que si teño dúbidas é sobre a relación de finalidade. Explícome. Será que en ocasións confundimos o medio co fin? Coido que hai tempo que a explosión demográfica, a diversificación económica e a globalización da información estalle pedindo ao ser humano un paso adiante. Poida que un salto evolutivo. E poida que fora das leis marcadas pola natureza. Tamén no colectivo, como entidade social, e poida que fora das leis da historia. E isto pide unha resposta do pensamento a que non alcanzamos a chegar, e como a urxencia parece comezar a ser manifesta, chegamos a crer que ir máis rápido nos fará chegar antes. Parece evidente? Se a nova velocidade do século XXI, a do mundo dixital, supón como algúns din unha posibilidade de modificación das rutas neuronais, poida que ese salto supranatura se produza, pero mentres siga sendo Scifi, a resposta está no camiño, no proceso, e ten que ter os seus tempos. Teremos que volver camiñar. Un estudo do 2010 realizado cun lote de xente, da como resultado que a lonxevidade das persoas está en relación directa á velocidade coa que camiñan. Con máis correlación cantos máis anos teñamos.

E teremos que ir pensando, algúns, que este século xa non nos pertence. En menos de tres aniños, o 21 alcanzará a maioría de idade, e os seus nativos, os tuentiones, terán que comezar a dicir como é que queren arranxar o seu patio vital, pensando no que lles deixamos e no que lles queda por diante. E botarlles unha man se o precisan. E acompañalos na andaina.

venres, 18 de setembro de 2015

A CASA COMÚN

Na miña casa mando eu. Seica é o que dixo Neus, a do 5ºC, antes de proclamar na reunión no portal a intención da súa familia de declararse Piso Independente a todos os efectos. E os dos resto dos pisos, que lles pareceu? Os inquilinos, que están de prestado, de paso polo edificio segundo din, pois que no é cousa deles. Salvo o do 3ºB, que leva xa 15 anos apoquinando o alugueiro e non entende nin se formula para que se pode querer a independencia total. Está no edificio, cumpre coas normas, participa nas cotas e nas derramas na parte que lle di o propietario, pero non se sinte un máis. Fala de que era moito máis doado antes, cando cada un vivía no seu alpendre, cedido polo amo e baixo o seu mandato único, e todos eramos máis libres (?). Entre os propietarios puros, quitando os do saínte con miradoiro, onde todos somos ben recibidos, sempre tan amables eles e con ese acento tan agarimoso, e os dos áticos, que teñen unha visión máis etnograficamente elevada e un foro especial por aquilo do ph do tellado, o resto divídese en dous grupos principais: os que din que onde carallo di nos Estatutos do edificio que unha das vivendas poida ter nin tan sequera a opción para pedir a autorización para desvincularse da comunidade e os que din que teñen todo o dereito a decidir o que queren facer e que mesmo está recoñecido por leis superiores aos Estatutos da comunidade.

No patio non se fala doutra cousa. Que porque se quererán marchar, se sempre se lles deu o que pediron, mesmo houbo iniciativas para axudar á familia cando os dous proxenitores quedaron sen curro. E a verdade é que así foi. Era raro o día no que alguén non lles subía unha bolsa do super con cousas de comer e de hixiene. E anda que non se remexeron armarios para pasarlles roupa e calzado aos pequenos cando o precisaron. Sen ningún chamamento especial. Sempre foron de aquí, que todos lembremos, sempre contribuíron co que lles correspondía, e as veces mesmo con máis. Pere lle ten atopado ocupación laboral a máis de un no edificio e sen sobres de por medio. E sempre fixeron cousas das que toda a comunidade nos sentíamos orgullosos. Mesmo falaban especialmente ben deles, citando tamén a todo o resto, nos outros edificios da contorna. Os rapaces do 1ºA din que viron na internete que había xente que os poñía de exemplo como familia en edificios de outros continentes, perdón, concellos. Lembrades cando coa importantísima participación dos seus fillos maiores, gañamos o concurso mundial de chapas? E as festas que fan! Eu aínda non esquecín aquela do 92. Anda que non estivo ben montada! Pero todo mudou cando lles empezaron a ir mal as cousas con isto da punta crise. E como se deixaran de percibir que non eran os únicos que o estaban a pasar mal no edificio, e que xuntos poderíamos saír mellor e antes da desfeita na que nos meteron. Eu coido que sobre todo, deixaron de ter a sensación de que tiñan un recoñecemento especial por parte de todos, como unha familia avanzada, un exemplo a seguir, orgullosos de ser como eran, distintos en tantas cousas e tan parecidos en outras, e que tiñan capacidade para tomar as súa propias decisións, mesmo a risco de que aos demais non nos convenceran, ou de que puideran equivocarse. Agora, con tanto cruce de desinformacións, tanto ruxe ruxe, tantos intereses ocultos, xa non imos saber se é realmente o que quere a familia enteira (ou a maioría que pode decidir) ou simplemente non aturan que non confiemos en eles para tomar unha decisión como familia responsable, e tiran para o monte. Non sei, non estou na súa pel como para poder sabelo, pero, e se foramos nós?

mércores, 16 de setembro de 2015

COME E CALA


Necesito axuda para localizar unha información. A principios de agosto mirei esta entrada nun xornal

http://www.mujerhoy.com/ser-madre/educar/ninos-comer-obligar-verdura-903708082015.html

E dende entón, a ratos, estou tentando dar cos estudos citados (entendo que son distintos) da Universidade de California publicado en Appetite e o de Brian Wansink no International Journal of Obesity.

O primeiro, claro foi dirixirme á publicación en cuestión, a través do contacto indicado na súa web, pero non obtiven resposta. Volvín intentalo a outro enderezo, por se está perdido, e poida que teña máis sorte. Pero se alguén que lea isto (directamente ou por compartición) pode facer unha indicación, xa sería un puntazo. Do primeiro, estiven esculcando na web http://www.journals.elsevier.com/appetite/  e non dou localizado cal pode ser. No segundo coido que si din coa cita de referencia http://goo.gl/oS7wyu pero o acceso libre á información entendo que so se podería facer dende algún organismo autorizado. Por exemplo, unha universidade. Tamén os busquei na mula, pero non hai tal.

En calquera caso, unha revista para apuntarse na biblioteca:

Appetite. É unha revista investigadora internacional que se especializarse en cultural, social, psicolóxico, influencias sensoriais e fisiolóxicas na selección e intake de comidas e bebidas. Cobre normal e desordenado comendo e bebendo e estudos de benvidas de ambos os dous humano e non-comportamento animal humano cara a comida. Appetite Publica informes investigadores, revisións e comentarios. Os asuntos especiais temáticos aparecen regularmente. De cando en vez a revista leva abstracts desde reunións profesionais.

As áreas investigadoras cubriron incluír:

? Psicolóxico, social, influencias sensoriais e culturais en appetite 
? Cognitivo e do comportamento neuroscience de appetite
? Clínico e pre-estudos clínicos de desordenado appetite
? Nutritional Influencias en appetite
? Consumidor e actitudes alimentarias comportamento 
? Psicoloxía e ethnography de costumes dietéticos

Por certo, traducido coa nova ferramenta do portal da lingua, antes só para funcionarios, agora aberta a todo o mundo mundial. http://tradutorgaio.xunta.gal/TradutorPublico/traducir/index (necesita mellorar?)

E que dicir sobre o outro. Pois non sei, unha publicación internacional especializada na obesidade. E polo que puiden entender, facendo claras alusións á formación en hábitos de consumo alimenticios saudables dende a infancia. Como é que chega a ser a obesidade (e a infantil especificamente) un problema de saúde no mundo occidental?


Para abrir un tema novo. Calquera axuda será ben recibida. E unha invitación aberta a participar no comentario da información compartida.

martes, 15 de setembro de 2015

A ESCOLA NUDISTA

Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Ou a realidade supera a ficción (e viceversa). O que prefirades.

Unha amiga bolseira que anda no pais dos volcáns, fíxome chegar un artigo na publicación danesa BERLINGSKE (Islandia foi territorio danés ate 1918*) e facilitoume a primeira tradución ao inglés (grazas Sabela!), da que me tomei a liberdade nacionalista de pasalo ao galego. Non só en Finlandia cocen fabes ben no eido da educación. Tamén en Islandia.


(Os comentarios con asterisco son meus*)

[“Jytte Sorensen, Gunvar Paulsen”. Ritzau Agency.

Hai uns anos, un grupo de familias da localidade de Borgarnes http://www.west.is/en/west-iceland-regions/borgarnes (na parte que eles denominan Oeste*) decidiu promover unha iniciativa para financiar e organizar unha escola infantil nudista, para nenas e nenos de 3 a 6 anos. As primeiras reaccións dentro da Comunidade Educativa no seu conxunto, dende as instancias oficiais políticas do Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura http://eng.menntamalaraduneyti.is/ ate a Agrupación de Familias de Escolas Públicas (en Islandia case o 95% da escolarización é pública, non hai concertación como aquí e moi poucas iniciativas privadas*) cando a noticia saltou aos medios de comunicación foron dende o asombro ate o absoluto rexeitamento. Un dos membros do órgano directivo da AFEP, hoxe desaparecido da vida pública, comentou nun xornal de tirada nacional: ‘Nenas e nenos espidos aprendendo matemáticas? Como van a atender as explicacións da mestra se están mirando uns para os outros? Ou para a propia mestra, que tamén vai estar espida! Ate onde imos chegar?’.

Efectivamente, a proposta, despois dos primeiros pasos, xa definiu que non tiña ningún sentido que os menores asistiran sen roupa ás clases e os profesionais educativos non. Tamén o persoal de mantemento e limpeza, e o sanitario. Coa excepción dos traballos requiridos no exterior da instalación, en xeral, e especificamente para o persoal de mantemento e o de xardinaría. Cando comezaron a lanzar a proposta de emprego, non lles sorprendeu que houbera ate un 2.000% de solicitudes para algunha praza. E ao mesmo tempo fóronse sumando novas familias ao proxecto. Mesmo nalgún caso, trasladaron a súa residencia a Borgarnes para poder incluír aos seus fillos nesta escola.

Sigríour Jonsdóttir, nai de dous nenos de 3 e 5 anos e unha nena de 9, ensínanos o que comentou no Facebook da organización: `Nos viviamos a 250 km de aquí. Cando soubemos da idea, puxémonos en contacto inmediatamente co grupo que comezou a desenvolvela para interesármonos pola proposta. Despois de falalo na familia en profundidade, fomos a coñecer o pobo e cando se tomou a decisión de ampliar o proxecto ás idades do seguinte ciclo, de 6 a 15, xa non o dubidamos. As empresas onde traballabamos ambos déronnos todo tipo de facilidades para o cambio e en tres meses eramos xa borgarneses. Toda a vida andando espidos pola casa, non podiamos desaproveitar esta ocasión!’

Ese entusiasmo que transmite Sigríour, compartido co seu home e a prole que nos acompañan na parte da entrevista que fixemos na súa casa (xa en Borgarnes) practicando o seu ideario naturista, se reproduciu en todas partes do País. Esta foi unha das razóns que levou á organización a ampliar  aos seguintes ciclos o proxecto, que agora mesmo, inclúe xa todo o período da educación obrigatoria (en Islandia, o sistema educativo obrigatorio comeza con grunnskóli ou educación básica dos 6 ate os 15 anos,  dividido en: barnaskóli de 6 a 13 y gaggó dos 14 ate os 16*), e que dunha pequena construción pensada para albergar 25 menores como máximo, pasara a aceptar 415 entre todos os niveis, máis un cadro de persoal de 67 persoas adultas.

A edificación foi outra das cuestións que se someteron a estudo con rigorosidade dende o colectivo. Con dúas premisas fundamentais, ofrecer un espazo amplo, distanciado e separado das vías públicas de tránsito, e por unha xestión enerxética a custe cero, aproveitando o uso da enerxía xeotérmica propia do país, incluso para a xeración de electricidade. O estudo ao que se lle encargou o deseño da edificación, Arkitektar, recibiu o premio a edificabilidade sostible do Instituto Oficial de Arquitectura e Enxeñería de Islandia, dotado con 150.000 coroas (uns 1.050 euros ao cambio*). As dúas arquitectas socias principais do estudo, decidiron doar o premio para o financiamento da iniciativa e asemade integráronse no colectivo, aínda que ningunha delas tiña aínda descendencia.

A máis grande dificultade que tiveron que afrontar ás familias implicadas, foi conseguir a autorización legal para o inicio da actividade, que estivo moi vinculada á adaptación dos contidos curriculares de determinadas materias á condición específica de non levar roupa no interior das instalacións. Nas areas de Educación Física, Educación Vial e Educación Artística (en concreto nos contidos de arte dramático). Foi o equipo de pedagogos e o resto de profesionais educativos quen conseguiu definir os parámetros nos que se ían desenvolver os distintos eidos do ensino, recollendo xa que logo a inspiración naturista coa que se formulou a iniciativa.

A directora do centro, Hildur Atladóttir, nai pertencente ao colectivo e mestra de profesión, no acto de inauguración do centro, no inicio do curso 13-14, fixo a seguinte aseveración: ‘Estamos convencidas, as familias que aquí nos integramos e os profesionais que nos acompañan, que as primeiras xeracións de novas e novas que saian deste centro, comezarán a mudar o rumbo da sociedade na que nos integramos, dende a perspectiva experimentada de non ter nada que esconderlle aos demais. E iso será revolucionario en todos os aspectos da súa vida’

Na visita que se nos autorizou a facer ás instalacións, xa en funcionamento, puidemos comprobar que ninguén nos prestaba especial atención, pese a ir vestidas e calzadas, e puidemos verificar o funcionamento normalizado, como en calquera outra escola non naturista. Unha das nenas máis pequenas, dirixiuse a nós sinalando co seu dedo anular e comentando: ‘que babecas, non tendes calor?. Que bonito o chapeu (sinalando a cabeza da miña compañeira)’. Pero, temos que dicir que si hai un espazo onde todo o mundo usa unha prenda de roupa. A sección de cociña e o comedor, onde tanto o persoal como as menores usuarias colocan un peto que cubre toda a parte frontal, como prevención para salpicaduras de sustancias en altas temperaturas especialmente.

Finalizamos a visita acompañando no xantar á primeira quenda de menores, e alí foi onde a directora nos invitou a apuntármonos a ambas á lista de agarda para matricular aos nosos fillos no centro, que xa ten un período de espera de dous anos. Está claro o éxito da iniciativa.

Borgarnes, 16/xuño/2015.]



http://www.b.dk/familie-og-boern/foerende-familiekspert-saadan-bliver-i-en-lykkelig-familie