domingo, 12 de febreiro de 2012

PUNTA CRINSE

A quen carallo lle importa a crise?

Por eliminación, aos bancos e os seus directivos parece que non. Uns seguen recibindo cartos públicos a eito para sanearse, que para quen non o teña claro, non é por sanitarios novos nos servizos dos empregados, e os outros continúan a gozar de pingües emolumentos, incluso post morten bancaria. Este debe ser un deses casos dos que as cúpulas empresariais falan de vincular os salarios á produtividade...

Os grandes empresarios, e os seus imperios, tampouco pinta que ten padecendo moito. Igual si que comezaron a comprar no Lidl unha vez ao mes, chica, en troques dir a ECI, pero polo demais podemos ler un día si e outro tamén, como os seus beneficios ou medran ou pasan de 5 a 4, miles de millóns de euros, claro.

Dos políticos ao uso, individual e colectivamente, nesas interesantes agrupacións pechadas que chaman partidos, dos que se descoñece na maioría dos casos de onde é que lles veñen os cartos, non hai moito que dicir. Non van tirar pedras contra o seu propio tellado de negocio. A cousa está montada para que sempre poida haber algún no candeeiro e xa lles tocará aos outros. Non será porque non hai a onde presentarse: congreso, senado, autonomías, concellos,... e onde meter a patiña despois, deputacións, organismos xestores, entidades paralelas, caixas,... hai non, caixas non, que xa se encargaron de fodelas ben. E como alí onde entran, deciden sobre o que necesitan cobrar, pois conto feito.

Falando de contos: a Igrexa si que o nota. É está moi preocupada. Deus mediante.

A xudicatura, anda noutra cousa. Ver a quen quito de onde, dáme un culpable douche un veredicto. E tiro porque me toca. E a cousa é seguir aparentando que a verdade está por riba da lei. E facendo o contrario, claro. - Igual podíamos actuar de oficio para achar quen é como fundiu os cartos que todos compartimos co Estado. Imos elevar unha instancia por triplicado, e contrastar co tribunal constitucional a posibilidade de facer algo. E todo sen deixar de mirármonos o embigo.- Tatatachán!

O exército ta fora, en misións humanitarias, así que nada. Aínda que aló polo trinta e seis tamén andaba por fora. Vaites!, non creo...Totalotan, aquí ou aló algún xojete halles de quedar.

Logo están os funcionarios. E a verdade teño dúbidas. Eu me poño no sitio (quen che dera...) e digo que un ser humano, coñecémonos, va que si, que pensa que ten algo per se, de por vida, unha relación de parella, verbi gracia, deixase levar, en vez de lunares empeza a mirar verrugas (Grande Gila!), esquece as datas sinaladas, os detalles, comeza a mirar outras alternativas, e a ocuparse noutras cousas. Imaxino que cun posto de traballo pasará tres cuartos do mesmo. Salvo por actitudes persoais vitais ou cando atopas un caso de vocación pura, unha persoa que é consciente de que para perder o seu posto ten que facer algo de pena capital, lle vai acabar dando todo igual, e aplicando a lei do mínimo esforzo. E aínda recoñecendo que ao corpo (esa é outra) funcionarial en xeral, lles están apertando economicamente as caravillas os que deberían autoapretarseocinto, non podo sentir máis que como unha excepcional avantaxe fronte a esta crise a súa condición laboral.

Pois logo, se non me esquezo de nada, só quedamos as asalariadas, as pemes e as autónomas. E igual as amas de casa, e todo o resto de traballadoras da economía somerxida, as xubiladas, as paradas, as dependentes,...
E o malo é que como somos unha minoría escasa e silenciosa, non imos poder facer res de res para resmediar a situación. Écho que hai.

Pd. Isto taba cristo antes da superangresiva reforma laboral e dos sutiles intenetos de diversos gobernos autonómicos de poñer a andar aos seus funcionarios. E antes da laminación de Garzón. E do levantamento grego. E da onda de frío. E da crise do Barça.  Igual agora semos menos minoría menos silenciosa.
Menos mal que nos queda Portugal.

sábado, 14 de xaneiro de 2012

UN MAL DATO

Un mal dato. Dis que é un mal dato. Que haxa xa mais de cinco millóns de parados rexistrados é un mal dato. Isto incluirá á ex-presidenta da caixa do mediterráneo que aínda non hai moito tivo que recorrer a apuntarse nas listas do INEM. Supoño que non incluirán aos moitos outros ex-directivos cesados, dimitidos ou laminados de compañías e bancocaixas diversas, que levan para a casa nas Seicheles un lote de cartos de todos.

Pero quen pode dicir semellante parvada. Supoño que alguén que non ten máis preocupación que manter o seu status socio económico en base a unha posición de privilexio obtida pola súa pertencía a unha clase económica, social ou política determinada.

Porque unha de nos, que andamos mirando o último céntimo para cadrar as contas familiares, que non temos a posibilidade de emitir débeda pública para cubrir os nosos gastos, que se precisamos adiantar algunha inversión imos tela que pagar con sangue aos mesmos emisores que piden e reciben cartos públicos para sanear as súas contas, os mesmos que lles dan logo aos bos xestores que meteron ás entidades nos sarillos nos que andan, unha indemnización multicentimomillonaria, que para gozar de dereitos sociais historicamente pelexados e conseguidos, temos que saír a rúa ou endebedármonos máis aínda, que dependemos case que exclusivamente do noso capital forza de traballo, non creo que dixeramos tal parvada.

Diríamos, aparte de improperios irrepetibeis en zonas onde pode haber roupa tendida, que é unha vergoña. Que é unha vergoña a indecencia coa que nos queren vender a imposibilidade de crear postos de traballo (non de ofrecer curritos baixo man) por un defecto estrutural. Escoitaredes que se repite por aquí e por alá, que a economía ten que medrar por riba do 2,5 % para que na España se empece a crear traballo. Que significa isto exactamente?. Que mentres as poucas empresas que venden no exterior non consigan superar coas súas exportacións ese nivel de crecemento, non imos saír da movida.
Porque está claro que se cada vez hai menos xente con ingresos regulares, o consumo interior, as vendas das empresas dentro, non van subir, máis ben baixarán. Igual estaba ben darlle a volta á cousa. Ou mellor aínda, sumar unha con outra. Fomentar a exportación e o consumo interno. Porque falaban do medo á deflación, e non sei ti, pero eu non vexo que os prezos baixen. Polo menos no que todos necesitamos. Seica agora é un moi bo momento para mercar artigos de luxo. E parece ser que hai pingues beneficios nese nicho de mercado.

A cousa entón non consiste en baixar salarios, reducir servizos, promover o copago, subir impostos xeneralistas, eliminar prestacións, etc. Máis ben está en manter o funcionamento xeral dos servizos sociais públicos, evitar a fraude fiscal, denunciar á economía somerxida – que todos coñecemos e toleramos-, equiparar os salarios aos niveis de prezos (un euro non son 100 pesetas), ofrecer calidade en todo o que se faga, para dentro e para fora, revisar as políticas fiscais, as vinculadas á renda para que paguen realmente máis os que máis gañan, e as vinculadas ao patrimonio, para que as grandes empresas e fortunas, non os autónomos e as pequenas empresas, se poñan ao dia na devolución das plusvalías do traballo, en facer unha xestión doméstica do gasto público, en esixir comportamentos ético sociais a todos os empresarios, en loitar contra o absentismo laboral, especialmente no eido funcionarial, en suprimir duplicidades de administracións e burocracias, en poñer o capital xerado polos aforradores en mans públicas, e sobre todo en non quedarse mirando na barreira ata que todo acabe enGreciado.

Seguro que lembrades aquel dito de Martin Niemoeller:

Cando os nazis viñeron a buscar os comunistas,
gardei silencio,
porque eu non era comunista,
Cando encarceraron os socialdemócratas,
gardei silencio,
porque eu non era socialdemócrata
Cando viñeron a buscar os sindicalistas,
non protestei,
porque eu non era sindicalista,
Cando viñeron a buscar os xudeus,
non protestei,
porque eu non era xudeu,
Cando finalmente viñeron a buscarme ao meu,
non había ninguén máis que puidese protestar.



Nós, a que c. agardamos? Cando acabemos co petiño, a quen lle imos pedir axuda. A quen lle imos esixir responsabilidades. Que é un mestre armeiro, por certo?.

Falando de mestres. A poesía e a educación teñen dous puntos coincidentes. A creación e a irreverencia. Sen elas son simples letras e bastas copias. Follas cheas de borróns e fábricas de recipientes baleiros. Quizais é que estamos mal educados, e non é un xogo de palabras....


(Publicado  orixinalmente o 14/01/12)