Vivo sen vivir en min

Escribo, logo existo. Logo, tipo. E se son tipo, logo insisto. Descríbome escribindo sobre o que me peta (na cabeza, nos intestinos, na pel de galiña). Nada orixinal, nada con copirrait. Leva o que che preste. Non facemos envios a contrareembolso. Apertas a todas.

luns, 26 de decembro de 2011

NADA DE NADAL

Vai un tempo que deixei de crer nos reis magos. Non sei se foi de repente ou sucedeu daquela maneira que acabas decatándote das cousas polo camiño. De Santa xa nin falemos, que chegou por aquí cando xa era eu o que escondía os xoguetes enriba dos armarios ata que chegaba o seu momento. O Nadal no seu conxunto deixou de ter un contido especial para min dende hai un lote de anos, e cada un que pasa vai a menos.

Sen ter en consideración razóns estritamente persoais que posiblemente influíron neste desleixo do espírito do Nadal, non deixo de ver en toda esta temporada un paradigma do que esta a acontecer na sociedade no seu conxunto.

Antropoloxicamente as celebracións que a imperial cultura cristián recolleu das diversas tribos asimiladas -a resistencia nunca é inútil- e transformou en cultos ás súas divindades, están vinculadas aos cambios estacionais, que tiñan nas sociedades mais primitivas valor en si mesmos en relación coa agricultura e os ciclos reprodutores dos animais.

Pero cando os sectores primarios foron devastadoramente relevados na súa primacía porcentual sendo substituídos pola industria e o comercio, cando os seres humanos abandonaron o seu vínculo coa natureza da que formaban parte, e pasaron a ser produtores de mercancías para outros e consumidores de mercancías de outros, ademais de deixar algo atrás no individual, no colectivo perderon a sensación de pertenza que os vinculaba como unha grande familia uns aos outros.
Era preciso ofrecer alternativas a este baleiro para as cada vez meirandes masas de unidades produtivo-consumidoras que aliviaran a tensión que producía a frustración da separación das orixes naturais. E que podía ser mellor que unha celebración que xuntara a idea do irmandade colectiva e o incremento no consumo. Coido que mais ou menos así debeu ser como naceu o período de maior incremento de transaccións comerciais de todo o ano.

Supoño que os cristiáns revelaranse en armas en calquera momento contra esta pornografización da súa festa mais relevante, tal e como fan con outras cousas "súas" vb. o matrimonio, a educación, o dereito á vida, etc. Todos os demais imos seguir na mesma. Facendo funcionar a máquina da economía inconscientemente, na busca de facer desaparecer a ansiedade existencial, sen parármonos a reflexionar un chisco no sen senso de toda esta lea.

Só cando individualmente un suceso fora do común nos leva a detérmonos obrigatoriamente, circunstancialmente temos unha oportunidade de mirar mais aló da satisfacción inmediata. E ben por nos mesmos ou coa axuda de outros comezamos a albiscar a punta do iceberg da paranoia social na que vivimos, a pouco que somos quen de aceptar o sumamente manexable e moldeable que é un ser humano.

Pero salvo por estoupidos, por definición grandes luminarias pouco duradeiras, colectivamente non hai una iniciativa coa forza e o ámbito suficiente para acometer un verdadeiro cambio, unha evolución social, que poña realmente ao ser humano por riba de calquera outra cousa e que volva a poñer en valor a vinculación deste co seu planeta orixinario. 

Se é certo que existe un número cada vez máis grande de persoas que comparten este pensamento de evolución, porque non se constitúe nunha alternativa política? Porque, a non ser que tomemos a opción Amish, e teñamos a sorte de vivir nun estado permisivo, o plan xeral mundial vai moi lonxe desa idea. Mais ben tenta afondar no illamento individual cando non no enfrontamento persoal, no incremento exponencial do consumo sen pararse a valorar o seu sentido, e na laminación da diferencia evolutiva a prol dun mercado único global de carne de canon. Imos librando das guerras, por que agora hai que pagalas, e os beneficios xa non son tan onerosos. Se nos cargamos ao inimigo a quen lle imos vender as armas?.

Nos faladoiros non mediáticos, nas barras ou nas portas dos bares, nos parques, nas colas para pagar nos hipers e supers, mesmo en algún que outro blogue, o persoal fala e fala de que isto non ten xeito, pero máis ben parece que pasou a ser como falar do tempo. Eu coido que hai que falar menos e estar máis dispostos a tomar o poder, máis ben a retomalo, porque NÓS somos o pobo, e en NÓS está o poder.
Seremos quen de poñer as cousas no seu sitio? Temos que escoller ou deixarnos levar. Habitantes vivos do planeta ou asteroides en órbita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixate de Nics nen@! Ah!, que es Nicasio. Eu son Heriberto. Cantando.